Vista preliminar da
Vista preliminar da programación na que poderá consultar todos os apartados da programación.
1. Introdución (Elaborado)
Nas interaccións sociais de cada día, debemos escoitar, falar, participar, debater, decidir, comprender, defender e, en última instancia, convencer a alguén de algo. Polo tanto, ser un comunicador ou comunicadora competente pode marcar unha diferenza substancial tanto nas relacións persoais como no éxito da carreira académica e profesional. Trátase dunha habilidade social básica e de presenza central, constante e manifesta na nosa vida cotiá.
Por outra banda, falar en público é hoxe unha actividade que adopta formas e usa canles moi variadas: as redes sociais, as reunións de traballo, a actividade académica, os medios de comunicación, as xuntanzas políticas, os discursos comerciais, os colectivos culturais, as congregacións informais, etc. Tal diversidade e amplitude de situacións fan que as tradicionais disciplinas da oratoria e a súa inseparable retórica acaden no noso tempo unha proxección práctica particularmente tanxible.
No contexto normativo actual, a materia de Oratoria está chamada a ocupar nos últimos cursos da ESO un posto central no progreso curricular do alumnado. As oito competencias que definen a aprendizaxe permanente e os obxectivos curriculares asociados no seu caso adquiren aquí unha presencia concreta, explícita e concluínte, debido á natureza transversal da propia actividade oratoria.
Así, a materia de Oratoria preséntase en 3º de ESO como un soporte amplo e sólido para o desenvolvemento integral do alumnado nun momento moi preciso da súa formación. Expoñer ideas e debater opinións son trazos de madurez individual que poderán ser desenvolvidos nos seguintes niveis educativos e que se proxectarán nunha vida colectiva tamén máis rica e ampla, como se espera dunha sociedade democraticamente avanzada.
4.1. Concrecións metodolóxicas (Elaborado)
A intervención educativa en Oratoria debe desenvolver de xeito gradual e progresivo as aprendizaxes que faciliten ao alumnado a consecución dos obxectivos da materia, así como unha axeitada adquisición das competencias clave. Este enfoque metodolóxico require partir, polo tanto, do nivel competencial previo do alumnado para acadar unha aprendizaxe significativa, eficaz, funcional e aplicable á realidade máis próxima dos e das estudantes. Trátase, pois, de deseñar unha metodoloxía activa, baseada fundamentalmente na dimensión investigadora do alumnado e na toma de decisións responsables, asentadas no pensamento crítico e reflexivo, a través da elaboración de actividades que precisen dun proceso de descubrimento e análise progresivamente autónomos, así como do razoamento e resolución lóxica de problemas. De aí a importancia de empregar métodos diferenciados para dar acollida e resposta aos diferentes ritmos de aprendizaxe do alumnado, favorecendo e fomentando a capacidade de aprender por si mesmo. Atenderase, polo tanto, á diversidade a través de propostas individualizadas en función das necesidades detectadas: dinámicas de reforzo educativo dentro e fóra da aula ordinaria, actividades específicas para abordar as destrezas nas que se observen maiores dificultades (expresión oral e escrita, comunicación, resolución de problemas, razoamento lóxico...).
Para que esta metodoloxía acade a efectividade desexada, é imprescindible outorgarlle un carácter interdisciplinar, relacionando a materia de Oratoria con outras disciplinas do currículo, traballando de maneira conxunta as competencias clave e dotando o alumnado da capacidade lingüística que lle permita amosar, relacionar e extrapolar de forma coherente, cohesionada e adecuada os coñecementos adquiridos noutras materias. A colaboración transversal cos distintos departamentos dos centros, co Equipo de Dinamización da Lingua Galega e coa Biblioteca Escolar constituirá un apoio importante para mellorar a asimilación de capacidades e coñecementos sobre a comunicación. Todos eles, de xeito coordinado, deberán contribuír a mellorar os procesos de produción e recepción oral, escrita e multimodal, así como a alfabetización informacional. As accións concretas favorecen a creación e organización de proxectos colaborativos e significativos para o alumnado. Neste sentido, o deseño de tarefas cooperativas basearase en contextos auténticos e recoñecibles que teñan en conta as vivencias particulares do alumnado, potenciando que cada estudante, dentro do grupo, dispoña dos tempos e espazos necesarios para o recoñecemento da súa valía persoal e da súa capacidade para contribuír a desenvolver a actividade, reforzando así a autoestima, a autonomía, a reflexión e a responsabilidade. Polo tanto, plantexarase o traballo na aula a partir das seguintes concrecións metodolóxicas:
1) Deseño de actividades a partir de textos extraídos do ámbito persoal, social e académico do alumnado. Estas tarefas, diversificadas e organizadas por niveis de dificultade, permitirán o traballo competencial e favorecerán o desenvolvemento do pensamento crítico e creativo.
2) Distribución flexible dos espazos, sempre que sexa posible, propiciando o traballo colaborativo a través de distintos tipos de agrupamentos. Así, o gran grupo é axeitado para a posta en común e corrección de tarefas, a identificación dos coñecementos previos do alumnado á hora de iniciar unha nova unidade didáctica, a revisión e síntese final, os debates, a realización de exposicións orais ou multimedia ou o visionado de recursos audiovisuais. Os pequenos grupos son idóneos para o desenvolvemento de proxectos de investigación. Pola súa parte, o traballo por parellas enriquece as exposicións orais e as actividades de creación propia. Finalmente, as actividades individuais son aplicables ás probas escritas, ás actividades de reforzo ou á lectura interior.
3) Utilización de recursos para mellorar a oralidade a través de actividades contextualizadas en situacións reais e próximas ao alumnado, mediante o emprego de audios, vídeos e recreación de conversas veraces que poidan producirse na contorna do alumnado. Proporase, así, unha ampla variedade de situacións comunicativas espontáneas e planificadas e de contextos formais e informais, co fin de abordar desde un punto de vista eminentemente práctico os distintos rexistros, elementos e principios da comunicación.
4) Creación de textos escritos pertencentes aos ámbitos persoal, social e académico, seguindo as distintas fases da construción textual: a planificación das ideas a través dun borrador, determinando o propósito comunicativo e o destinatario; a redacción; a revisión e a edición final, incidindo na corrección formal (puntuación, ortografía, estruturas gramaticais, ampliación de vocabulario e presentación).
5) Creación de textos con intención persuasiva a partir de modelos dados ou de discursos non literarios (reportaxes, crónicas, columnas, artigos de opinión...).
6) Emprego de dicionarios impresos e dixitais, propiciando o seu uso como unha forma de ampliar o caudal léxico do alumnado e resolver as súas dúbidas lingüísticas.
7) Manexo dos recursos propios das Tecnoloxías da Información e a Comunicación para a procura de datos, a realización de traballos multimedia, a consulta da prensa dixital e a creación de espazos virtuais con material didáctico integrado.
8) Utilización dos fondos, servizos e recursos da Biblioteca escolar como espazo creativo de aprendizaxe e construción de novos coñecementos a través da consulta de libros, dicionarios, xornais, materiais audiovisuais, potenciando tamén a lectura autónoma, fundamentada no enriquecemento cultural e a interrelación entre as distintas áreas do saber.
5.1. Procedemento para a avaliación inicial (Elaborado)
A efectos de proceder á avaliación inicial das competencias do alumnado na materia, na primeira semana do curso realizarase unha actividade oral (exposición de tres minutos sobre un tema escollido polo alumno ou alumna entre os propostos pola docente), que será valorada segundo táboa de indicadores.
5.3. Procedemento de seguimento, recuperación e avaliación das materias pendentes (Elaborado)
A materia pendente queda recuperada no seguinte suposto:
- Avaliación positiva en dúas actividades prácticas sobre o currículo da materia, a realizar nos meses de decembro e abril. A cualificación, en tal caso, será 5.
En caso de non recuperarse a materia pendente pola vía indicada, ou en caso de querer aspirar a unha nota maior de 5, deberá superarse una proba final sobre o currículo da materia. A nota final será a desta proba, con aplicación do redondeo -sempre a partir de 0,6-. A data desta proba será fixada pola xefatura de estudos.
5.4. Procedemento para acreditar os coñecementos necesarios en determinadas materias (Elaborado)
6. Medidas de atención á diversidade (Elaborado)
As aulas reflicten a diversidade da sociedade na que vivimos. O recoñecemento da diversidade do alumnado constitúe un principio fundamental que debe rexer toda acción educativa. Unha das finalidades da educación é asegurar a igualdade de oportunidades de todos os alumnos e alumnas poñendo os medios para evitar o fracaso escolar e o risco de abandono do sistema educativo.
A atención á diversidade enténdese como o conxunto de actuacións educativas dirixidas a dar resposta ás diferentes capacidades, motivacións e intereses, ritmos e estilos de aprendizaxe e situacións persoais do alumnado. Estas medidas oriéntanse a alcanzar os obxectivos e as competencias establecidas para a educación secundaria obrigatoria e réxense polos principios de equidade, calidade e igualdade de oportunidades, non discriminación, integración, accesibilidade e cooperación da comunidade educativa.
As medidas de atención á diversidade deben atender ao principio de inclusión educativa. Isto supón recoñecer a lexitimidade das diferenzas de todas os individuos, asumíndoas como un valor que enriquece o contexto educativo. Este principio establece que todos o alumnado, sexa cal sexa a súa condición persoal, pode aprender que a súa contorna educativa ofrece condicións necesarias de acceso e outorga experiencias de aprendizaxe significativas para todos e todas.
Neste sentido, faise preciso establecer medidas, metodoloxías e compoñentes que permitan ao profesorado abordar con garantías a diversidade das súas aulas. O plan de atención concretarase nos seguintes elementos:
- Combinación de metodoloxías e fíos condutores das unidades didácticas, vinculados ao desenvolvemento emocional do alumnado e á súa integración no grupo. Uso de métodos diferenciados que teñan en conta os diferentes ritmos de aprendizaxe do alumnado e favorezan a capacidade de aprender por si mesmo.
- Diversidade de agrupamentos e tarefas propostos, articulación de itinerarios diferenciados e combinación de linguaxes e soportes orientados a satisfacer as esixencias de aprendizaxe de cada alumno ou alumna e a permitir o seu desenvolvemento individual.
- Realización de proxectos significativos para o alumnado. O deseño de tarefas e proxectos de traballo debe basearse en contextos auténticos e recoñecibles para resultar significativos. Alén diso, o traballo colaborativo en proxectos debe potenciar que cada adolescente teña os seus tempos e os seus espazos de protagonismo e o recoñecemento da súa valía persoal e da súa capacidade de contribuír a desenvolver a actividade, reforzando así a autoestima, a autonomía, a reflexión e a responsabilidade.
- O traballo cooperativo, coa proposta de tarefas de comprensión e produción oral nas que o alumnado debe regular a súa conduta, a súa expresión e a súa capacidade para relacionarse cos demais. A través do diálogo e da interacción entre o alumnado, contribuirase a desenvolver a capacidade de participar activamente nun equipo, a reflexión sobre as propias ideas, o respecto crítico a outros puntos de vista, o recoñecemento dos propios valores e limitacións, a adaptación ás necesidades colectivas, a asunción de responsabilidades e o respecto ás normas acordadas.
- A resolución de problemas e conflitos en colaboración e a toma de decisións baseadas en xuízos morais, co fin de contribuír á adquisición das competencias necesarias para seguir os procesos de pensamento, utilizar o razoamento e analizar criticamente os problemas sociais.
8.2. Procedemento de seguimento, avaliación e propostas de mellora (Elaborado)
A programación didáctica da materia de Oratoria estará á disposición da comunidade educativa do centro e, ademais, a comezos de curso, proporcionarase ao alumnado un extracto da mesma cos seus puntos esenciais: obxectivos, criterios, instrumentos e procedementos de avaliación, materiais didácticos e sistema de recuperación.
A programación didáctica será obxecto de seguimento e avaliación a través da aplicacións PROENS e poderá sufrir as modificacións precisas para adaptarse ás necesidades educativas do alumnado, en beneficio da correcta evolución do proceso de ensino-aprendizaxe e da consecución dos obxectivos establecidos. As ditas modificacións, debidamente xustificadas, figurarán tamén nas actas das reunións de departamento e na memoria final da materia.
A avaliación da programación realizarase a través dos seguintes indicadores de logro:
- A programación didáctica elaborouse de maneira coordinada coa colaboración de todo o profesorado do departamento.
- A programación didáctica especifica e completa as decisións adoptadas na concreción curricular fixada no Proxecto Educativo de Centro.
- Os criterios de avaliación establecidos valoran con efectividade a consecución dos obxectivos propostos.
- Os procedementos e instrumentos de avaliación axústanse aos criterios de avaliación indicados.
- As actividades desenvoltas adáptanse á metodoloxía didáctica programada.
- A programación didáctica contempla e manexa con eficacia os recursos e materiais necesarios para favorecer a adquisición dos contidos e obxectivos.
- A programación didáctica organiza axeitadamente os espazos e tempos destinados á realización das actividades previstas.
- A programación didáctica inclúe actividades de reforzo, ampliación e recuperación adecuados ao perfil, características e necesidades do alumnado.
- A programación didáctica é revisada ao longo do curso e inclúense nela as modificacións pactadas e realizadas.
- A programación didáctica adáptase ao contexto escolar do centro educativo.
Así mesmo, realizarase o seguimento de cada unidade didáctica a través da aplicación PROENS, estipulando e modificando, de ser o caso, a data de inicio e final do desenvolvemento de cada unha delas, o número de sesións dedicadas ao seu desenvolvemento, así como o grao de cumprimento dos obxectivos indicados.
As propostas de mellora da programación didáctica derivarán da análise da efectividade da mesma e dos resultados académicos obtidos nas distintas avaliacións e examinados nas reunións de departamento celebradas ao longo do curso, cuxo contido quedará reflectido nas actas correspondentes. Ademais, na memoria final, contemplaranse as propostas de mellora, vinculadas especialmente á adaptación da metodoloxía, materiais e recursos empregados para favorecer a consecución dos obxectivos establecidos.