Vista preliminar da
Vista preliminar da programación na que poderá consultar todos os apartados da programación.
1. Introdución (Elaborado)
O currículo da Educación Secundaria Obrigatoria pretende garantir unha formación adecuada e integral, que se centre no desenvolvemento das competencias e que sexa equilibrada, porque incorpora na súa xusta medida compoñentes formativos asociados á comunicación, á formación artística, ás humanidades, ás ciencias, á tecnoloxía e á actividade física. Unha das finalidades da Educación Secundaria Obrigatoria consiste en lograr que as alumnas e os alumnos adquiran os elementos básicos da cultura, especialmente nos seus aspectos humanístico e artístico, científico-tecnolóxico e motor.
O eixe do currículo da materia de Lingua Castelá e Literatura constitúeno as competencias relacionadas coa interacción oral, escrita e audiovisual adecuadas nos distintos ámbitos e contextos e en función de diferentes propósitos comunicativos, así como co fomento do hábito lector, da interpretación de textos literarios e non literarios (académicos, sociais e propios da vida cotiá) e da apropiación dun patrimonio cultural. A reflexión explícita sobre o funcionamento da lingua proporciona a ferramenta necesaria para desenvolver a conciencia lingüística e mellorar os procesos de expresión, comprensión e recepción crítica de textos de diferentes ámbitos.
Os obxectivos da materia de Lingua Castelá e Literatura na Educación Secundaria Obrigatoria supoñen unha progresión con respecto aos acadados na Educación Primaria, dos que haberá que partir nesta nova etapa, para pasar dun acompañamento guiado a outro progresivamente autónomo. Esta evolución supón, alén diso, unha maior diversidade e complexidade das prácticas discursivas. Agora a atención céntrase no uso da lingua nos ámbitos educativo e social, sublíñase o papel das convencións literarias e do contexto histórico na comprensión dos textos literarios e outórgaselle un papel máis relevante á reflexión sobre o funcionamento da lingua e os seus usos.
Na Educación Secundaria Obrigatoria, a materia de Lingua Castelá e Literatura ten como obxectivo o desenvolvemento da competencia comunicativa do alumnado nas súas vertentes pragmática, lingüística, sociolingüística e literaria. Debe achegar as ferramentas e os coñecementos que articulan os procesos de comprensión e expresión oral e escrita para desenvolverse con éxito en calquera situación comunicativa. O enfoque comunicativo centrado no uso funcional da linguaxe reside na aprendizaxe das destrezas discursivas en diversos ámbitos: o das relacións persoais, o académico, o social e o dos medios de comunicación, cuxo dominio require procedementos e coñecementos explícitos, tanto dos elementos formais, como das normas sociolingüísticas que presiden os intercambios.
A reflexión literaria a través da lectura, a comprensión e interpretación de textos significativos da literatura española e da literatura xuvenil favorece o coñecemento das posibilidades expresivas da lingua, desenvolve a capacidade crítica e creativa dos/as estudantes, dálles acceso ao coñecemento doutras épocas e culturas, e enfróntaos a situacións que enriquecen a súa experiencia do mundo e favorecen o coñecemento de si mesmos.
O primeiro dos obxectivos da materia oriéntase cara o recoñecemento da diversidade lingüística e dialectal da nosa contorna, de España e do mundo, co propósito de favorecer actitudes de aprecio á devandita diversidade, de combater prexuízos e estereotipos lingüísticos e de estimular a reflexión interlingüística. Un segundo grupo de obxectivos refírese á produción, comprensión e interacción oral e escrita, incorporando as formas de comunicación mediadas pola tecnoloxía e atendendo aos diferentes ámbitos de comunicación: persoal, educativo, social e profesional. Así, os obxectivos segundo e terceiro relaciónanse coa comunicación oral; o cuarto, coa comprensión lectora e o quinto, coa expresión escrita. A aprendizaxe da lectura estivo durante séculos vinculada de maneira case exclusiva coa lectura literaria, aínda que hai décadas que os enfoques comunicativos subliñan a necesidade de ensinar a ler todo tipo de textos, con diferentes propósitos de lectura. Por outra banda, saber ler hoxe implica tamén navegar e buscar na Rede, seleccionar a información fiable, elaborala e integrala en esquemas propios coa finalidade de transformala en coñecemento. En resposta a iso, o obxectivo sexto pon o foco na alfabetización mediática e informacional, mentres que o sétimo e o oitavo se reservan para a lectura literaria, tanto autónoma coma guiada, na aula. O obxectivo noveno atende á reflexión sobre a lingua e os seus usos, en canto que o décimo, relativo á ética da comunicación, é transversal a todas eles.
Os criterios de avaliación e os contidos organízanse en cinco bloques. O primeiro, «As linguas e os seus falantes», correspóndese de maneira directa co obxectivo de apreciar a diversidade lingüística do mundo a partir do recoñecemento das linguas do alumnado e da realidade plurilingüe e pluricultural de España para favorecer a reflexión interlingüística e valorar a diversidade como fonte de riqueza cultural. O segundo e o terceiro, relativos á comunicación, integran os contidos implicados na comunicación oral e escrita e na alfabetización informacional, audiovisual e mediática, vertebrados arredor da realización de tarefas de produción, revisión e edición de textos propios, xunto coa recepción, interpretación e análise crítica de textos alleos. O cuarto bloque, «Educación literaria», recolle as experiencias e os contidos necesarios para consolidar o hábito lector, conformar unha identidade lectora progresivamente autónoma, desenvolver habilidades de interpretación de textos literarios impresos e dixitais e coñecer algunhas obras relevantes da literatura española e universal, estimulando á vez a escritura creativa con intención literaria e aproximándose a prácticas culturais emerxentes. O quinto bloque, «Reflexión sobre a lingua», propón a construción guiada de conclusións sobre o sistema lingüístico, usando para iso a metalinguaxe específica e integrando os niveis morfosintáctico, semántico e pragmático no estudo das formas lingüísticas.
Os cinco bloques de contido establecidos para esta etapa aparecen concretados nesta proposta didáctica para 1º de ESO nas seguintes unidades didácticas:
- A Torre de Babel: unidade na que analizaremos as linguas do mundo como unha fonte de riqueza, partindo da diversidade lingüística de España e do propio centro.
- Comunicando: centrada no estudo do proceso comunicativo e a incidencia dos seus elementos na interpretación das mensaxes orais e escritas.
- Tu risa me hace libre: esta unidade abordará o concepto e a función da literatura como un fenómeno artístico e cultural, vinculado a outras manifestacións mediante o emprego común de temas, estruturas ou códigos de comunicación.
- O misterio das palabras: esta unidade trata de analizar e coñecer mellor o noso sistema de comunicación e de apreciar o que moitos escritores souberon facer con el.
- Cóntame un conto: unidade centrada na narración oral do conto nas súas diversas modalidades, tradicional e literaria.
- Viviendo una realidad capturada por las palabras: esta unidade está dedicada ao estudo das principais características dos xéneros narrativo, lírico e dramático.
- Escribir a natureza: Este proxecto céntrase na descrición da natureza máis próxima: paisaxes, fauna e flora da comarca.
- Atrapados na rede: Nesta unidade, abordaremos a xestión adecuada da información a través da análise crítica das mensaxes aparecidas nos medios de comunicación.
- Hay arroyos poetas y voces interiores: Nesta unidade, analizaremos algúns dos tópicos máis relevantes da literatura española.
Intentamos vertebrar a programación didáctica e o traballo na aula arredor dun conxunto de situacións de aprendizaxe contextualizadas, significativas e relevantes para que, ao termo de cada curso, consiga traballar de maneira proporcionada todos os contidos incluídos no currículo.
4.1. Concrecións metodolóxicas (Elaborado)
A intervención educativa en Lingua Castelá e Literatura debe desenvolver de xeito gradual e progresivo as aprendizaxes que faciliten ao alumnado a consecución dos obxectivos da materia e da etapa, así como unha axeitada adquisición das competencias clave. Este enfoque metodolóxico require partir, polo tanto, do nivel competencial previo do alumnado para acadar unha aprendizaxe significativa, eficaz, funcional e aplicable á realidade máis próxima dos/as estudantes. Trátase, pois, de deseñar unha metodoloxía activa, baseada fundamentalmente na dimensión investigadora do alumnado e na toma de decisións responsables, asentadas no pensamento crítico e reflexivo, a través da elaboración de actividades que precisen dun proceso de descubrimento e análise progresivamente autónomos, así como do razoamento e resolución lóxica de problemas. De aí a importancia de empregar métodos diferenciados para dar acollida e resposta aos diferentes ritmos de aprendizaxe do alumnado, favorecendo e fomentando a capacidade de aprender por si mesmos. Atenderase, polo tanto, á diversidade a través de propostas individualizadas en función das necesidades detectadas: aplicación de adaptacións curriculares significativas, dinámicas de reforzo educativo dentro e fóra da aula ordinaria, agrupamentos flexibles, actividades específicas para abordar as destrezas nas que se observen maiores dificultades (comprensión e expresión oral e escrita, comunicación, reflexión lingüística, educación literaria, resolución de problemas, razoamento lóxico, desenvolvemento do pensamento abstracto...).
Para que esta metodoloxía acade a efectividade desexada, é imprescindible outorgarlle un carácter interdisciplinar, relacionando a materia de Lingua Castelá e Literatura con outras disciplinas do currículo, traballando de maneira conxunta as competencias clave e dotando ao alumnado da capacidade lingüística que lle permita amosar, relacionar e extrapolar de forma coherente, cohesionada e adecuada os coñecementos adquiridos noutras materias. A colaboración transversal cos departamentos lingüísticos dos centros, co Equipo de Dinamización da Lingua Galega e coa Biblioteca Escolar constituirá un apoio importante para mellorar a asimilación de capacidades e coñecementos sobre a comunicación. Todos eles, de xeito coordinado, deberán contribuír a mellorar os procesos de produción e recepción oral, escrita e multimodal, así como a alfabetización informacional. As accións concretas favorecen a creación e organización de proxectos colaborativos e significativos para o alumnado. Neste sentido, o deseño de tarefas cooperativas basearase en contextos auténticos e recoñecibles que teñan en conta as vivencias particulares do alumnado, potenciando que cada estudante, dentro do grupo, dispoña dos tempos e espazos necesarios para o recoñecemento da súa valía persoal e da súa capacidade para contribuír a desenvolver a actividade, reforzando así a autoestima, a autonomía, a reflexión e a responsabilidade.
Estes principios metodolóxicos han de aplicarse arredor de contidos concretos, polo que convén definir o seu campo de actuación en conexión coas actividades máis relevantes da materia de Lingua Castelá e Literatura, relacionadas cos seus bloques de contido: As linguas e os seus falantes, Comunicación, Educación literaria e Reflexión sobre a lingua. Polo tanto, plantexarase o traballo na aula a partir das seguintes concrecións metodolóxicas:
1) Deseño de actividades a partir de textos extraídos do ámbito persoal, social e académico do alumnado. Estas tarefas, diversificadas e organizadas por niveis de dificultade, permitirán o traballo competencial e favorecerán o desenvolvemento do pensamento crítico e creativo.
2) Distribución flexible dos espazos, sempre que sexa posible, propiciando o traballo colaborativo a través de distintos tipos de agrupamentos. Así, o gran grupo é axeitado para a posta en común e corrección de tarefas, a identificación dos coñecementos previos do alumnado á hora de iniciar unha nova unidade didáctica, a revisión e síntese final, os debates, a realización de exposicións orais ou multimedia ou o visionado de recursos audiovisuais. Os pequenos grupos son idóneos para o desenvolvemento de proxectos de investigación. Pola súa parte, o traballo por parellas enriquece as exposicións orais e as actividades de creación literaria. Finalmente, as actividades individuais son aplicables ás probas escritas, ás actividades de reforzo ou á lectura interior.
3) Emprego de estratexias para a comprensión e a recomendación lectora:
-Lectura compartida de textos propios do ámbito persoal, social e académico para procurar a interacción entre iguais, posto que todo o alumnado participará na lectura en voz alta dos fragmentos escollidos, a escoita activa, a comprensión oral e a explicación e argumentación arredor da interpretación dos mesmos.
-Lectura de textos adscritos aos distintos xéneros discursivos para captar a información esencial, realizar as inferencias necesarias para a súa correcta comprensión, recoñecer a idea principal e as secundarias, identificar a súa estrutura e interpretar os fragmentos propostos tendo en conta as súas características formais e temáticas.
-Lectura dixital (e-book, blogues, foros, wikis, textos procedentes das redes sociais), para o desenvolvemento dunha competencia lectora parcialmente diferente á empregada na comprensión e análise dos textos impresos. No caso dos xéneros dixitais, é necesaria a correcta observación e interpretación do hipertexto para asimilar completamente a multiplicidade de significados do fragmento base.
-Lectura comprensiva e expresiva de textos pertencentes aos distintos xéneros literarios (lectura compartida, recitado de poemas, dramatización de textos dialogados), arredor de temas próximos á realidade e aos gustos do alumnado, acompañados de estratexias de comprensión lectora, como a aclaración dos propósitos de lectura, a activación dos coñecementos previos dos estudantes, a atención aos contidos principais do texto e a formulación de predicións de lectura.
-Realización dun obradoiro de lectura e escritura creativa na aula para o desenvolvemento de actividades que vinculen as obras lidas con certos aspectos de actualidade, outros textos e manifestacións artísticas e culturais. A partir da lectura das obras seleccionadas, deseñaranse catálogos ou menús literarios, produtos multimedia nas que se condensen as reflexións e conclusións de lectura e coloquios literarios.
-Composición de recomendacións ou recensións das obras de lectura traballadas a través de exposicións orais, booktrailers e outras aplicacións multimedia de carácter compilatorio.
4) Utilización de recursos para mellorar a oralidade a través de actividades contextualizadas en situacións reais e próximas ao alumnado, mediante o emprego de audios, vídeos e recreación de conversas veraces que poidan producirse na contorna dos estudantes. Proporase, así, unha ampla variedade de situacións comunicativas espontáneas e planificadas e de contextos formais e informais, co fin de abordar desde un punto de vista eminentemente práctico os distintos rexistros, elementos e principios da comunicación.
5) Creación de textos escritos con diversas finalidades (narrar, describir, informar, expoñer, argumentar...), pertencentes aos ámbitos persoal, social e académico, seguindo as distintas fases da construción textual: a planificación das ideas a través dun borrador, determinando o propósito comunicativo e o destinatario; a redacción; a revisión e a edición final, incidindo na corrección formal (puntuación, ortografía, estruturas gramaticais, ampliación de vocabulario e presentación).
6) Elaboración de resumos, esquemas, sínteses e mapas conceptuais a partir de textos orais e escritos para fomentar no alumnado a conciencia da propia comprensión textual.
7) Exercitación de comentarios e actividades de comprensión de textos escritos e multimodais literarios e non literarios a través de tarefas secuenciadas e guiadas referidas á forma e ao contido dos fragmentos propostos.
8) Creación de textos con intención literaria a partir de modelos dados ou de discursos non literarios (noticias, reportaxes, crónicas, textos instrutivos...).
9) Emprego de dicionarios impresos e dixitais, propiciando o seu uso como unha forma de ampliar o caudal léxico do alumnado e resolver as súas dúbidas lingüísticas e morfosintácticas. Realizaranse, ademais, actividades para a composición e deseño de glosarios temáticos.
10) Manexo dos recursos propios das Tecnoloxías da Información e a Comunicación para a procura de datos, a realización de traballos multimedia, a consulta da prensa dixital e a creación de espazos virtuais con material didáctico integrado.
11) Utilización dos fondos, servizos e recursos da Biblioteca escolar como espazo creativo de aprendizaxe e construción de novos coñecementos a través da consulta de libros, dicionarios, xornais, materiais audiovisuais, potenciando tamén a lectura autónoma para a creación dunha identidade lectora sólida e definida, fundamentada no enriquecemento cultural e a interrelación entre as distintas áreas do saber.
5.1. Procedemento para a avaliación inicial (Elaborado)
Na primeira semana de clase, haberá unha proba escrita que recabará datos para a avaliación inicial. A proba constará de dúas partes: comentario de texto e cuestionario tipo test. O comentario de texto avalía especificamente a capacidade de comprensión e expresión escrita, e o test recolle os contidos curriculares básicos da materia a nivel de 6º de Primaria.
5.3. Procedemento de seguimento, recuperación e avaliación das materias pendentes (Elaborado)
Non procede neste curso.
5.4. Procedemento para acreditar os coñecementos necesarios en determinadas materias (Elaborado)
6. Medidas de atención á diversidade (Elaborado)
As aulas reflicten a diversidade da sociedade na que vivimos. O recoñecemento da diversidade do alumnado constitúe un principio fundamental que debe rexer toda acción educativa. Unha das finalidades da educación é asegurar a igualdade de oportunidades de todos os alumnos e alumnas poñendo os medios para evitar o fracaso escolar e o risco de abandono do sistema educativo.
A atención á diversidade enténdese como o conxunto de actuacións educativas dirixidas a dar resposta ás diferentes capacidades, motivacións e intereses, ritmos e estilos de aprendizaxe e situacións persoais do alumnado. Estas medidas oriéntanse a acadar os obxectivos e as competencias establecidas para a ESO e réxense polos principios de equidade, calidade e igualdade de oportunidades, non discriminación, integración, accesibilidade e cooperación da comunidade educativa.
As medidas de atención á diversidade deben atender ao principio de inclusión educativa. Isto supón recoñecer a lexitimidade das diferenzas de todas os individuos, asumíndoas como un valor que enriquece o contexto educativo. Este principio establece que todos os/as estudantes, sexa cal sexa a súa condición persoal, dispoñan na súa contorna educativa das condicións necesarias de acceso a unha formación integral e outorgue experiencias de aprendizaxe significativas para todos e todas.
Neste sentido, faise preciso establecer medidas, metodoloxías e compoñentes que permitan ao profesorado abordar con garantías a diversidade nas súas aulas. O plan de atención concretarase nos seguintes elementos:
- Combinación de metodoloxías e fíos condutores das unidades didácticas, vinculados ao desenvolvemento emocional do alumnado e á súa integración no grupo. Uso de métodos diferenciados que teñan en conta os diferentes ritmos de aprendizaxe do alumnado e favorezan a capacidade de aprender por si mesmos.
- Diversidade de agrupamentos e tarefas propostos, articulación de itinerarios diferenciados e combinación de linguaxes e soportes orientados a satisfacer as esixencias de aprendizaxe de cada alumno ou alumna e a permitir o seu desenvolvemento individual.
- Deseño de programas específicos de reforzo e ampliación destinados a mellorar as posibilidades de alcanzar os obxectivos da etapa.
- Realización de proxectos significativos para o alumnado. O deseño de tarefas e proxectos de traballo deben basearse en contextos auténticos e recoñecibles para resultar significativos e deben ter en conta as vivencias particulares do alumnado (como, por exemplo, os oficios locais, as materias primas e a toponimia). Alén diso, o traballo colaborativo en proxectos debe potenciar que cada adolescente teña os seus tempos e os seus espazos de protagonismo e o recoñecemento da súa valía persoal e da súa capacidade de contribuír a desenvolver a actividade, reforzando así a autoestima, a autonomía, a reflexión e a responsabilidade.
- O traballo cooperativo, coa proposta de tarefas nas que o alumnado debe regular a súa conduta, a súa expresión e a súa capacidade para relacionarse cos demais. A través do diálogo e da interacción entre o alumnado, contribuirase a desenvolver a capacidade de participar activamente nun equipo, a reflexión sobre as propias ideas, o respecto crítico a outros puntos de vista, o recoñecemento dos propios valores e limitacións, a adaptación ás necesidades colectivas, a asunción de responsabilidades e o respecto ás normas acordadas.
- A resolución de problemas e conflitos en colaboración e a toma de decisións baseadas en xuízos morais, co fin de contribuír á adquisición das competencias necesarias para seguir os procesos de pensamento, utilizar o razoamento e analizar criticamente os problemas sociais e históricos.
- A gradación da aprendizaxe. O desenvolvemento das capacidades e dos contidos deberá facerse dun xeito gradual e progresivo, de maneira que se vaian adquirindo habilidades máis complexas que propicien a aprendizaxe individual e autónoma. A gradación entre cursos non se establece principalmente mediante a distribución diferenciada de contidos, senón en función da diferente complexidade dos textos, das habilidades de comprensión ou expresión requiridas, da metalinguaxe necesaria para a reflexión sobre os usos ou do grao de autonomía do alumnado.
8.2. Procedemento de seguimento, avaliación e propostas de mellora (Elaborado)
A programación didáctica da materia de Lingua Castelá e Literatura estará á disposición da comunidade educativa do centro e, ademais, a comezos de curso, proporcionarase ao alumnado un extracto da mesma cos seus puntos esenciais: obxectivos, criterios, instrumentos e procedementos de avaliación, materiais didácticos e sistema de recuperación.
A programación didáctica será obxecto de seguimento e avaliación a través da aplicación PROENS e poderá sufrir as modificacións precisas para adaptarse ás necesidades educativas do alumnado, en beneficio da correcta evolución do proceso de ensino-aprendizaxe e da consecución dos obxectivos establecidos. Ditas modificacións, debidamente xustificadas, figurarán tamén nas actas das reunións de departamento e na memoria final da materia.
A avaliación da programación realizarase a través dos seguintes indicadores de logro:
-A programación didáctica elaborouse de maneira coordinada coa colaboración de todos os integrantes do departamento.
-A programación didáctica especifica e completa as decisións adoptadas na concreción curricular fixada no Proxecto Educativo de Centro.
-Os criterios de avaliación establecidos valoran con efectividade a consecución dos obxectivos propostos.
-Os procedementos e instrumentos de avaliación axústanse aos criterios de avaliación indicados.
-As actividades desenvoltas adáptanse á metodoloxía didáctica programada.
-A programación didáctica contempla e manexa con eficacia os recursos e materiais necesarios para favorecer a adquisición dos contidos e obxectivos.
-A programación didáctica organiza axeitadamente os espazos e tempos destinados á realización das actividades previstas.
-A programación didáctica inclúe actividades de reforzo, ampliación e recuperación adecuados ao perfil, características e necesidades do alumnado.
-A programación didáctica é revisada ao longo do curso e inclúense nela as modificacións pactadas e realizadas.
-A programación didáctica adáptase ao contexto escolar do centro educativo.
Así mesmo, realizarase o seguimento de cada unidade didáctica a través da aplicación PROENS, estipulando e modificando, de ser o caso, a data de inicio e final da explicación de cada unha delas, o número de sesións dedicadas ao seu desenvolvemento, especificando as previstas ao comezo e as realizadas finalmente, así como o grao de cumprimento dos obxectivos indicados.
As propostas de mellora da programación didáctica derivarán da análise da efectividade da mesma e dos resultados académicos obtidos nas distintas avaliacións e examinados nas reunións de departamento celebradas ao longo do curso, cuxo contido quedará reflectido nas actas correspondentes. Ademais, na memoria final, contemplaranse as propostas de mellora, vinculadas especialmente á adaptación da metodoloxía, materiais e recursos empregados para favorecer a consecución dos obxectivos establecidos.