Vista preliminar da
Vista preliminar da programación na que poderá consultar todos os apartados da programación.
1. Introdución (Elaborado)
A materia de Latín de 4.º de ESO comprende distintos bloques de contidos de igual importancia, mais non poden recibir nin unha mesma asignación horaria, nin un mesmo peso á hora de avaliar a materia, porque a súa dificultade non é a mesma. Ademais hai que ter en conta que a materia de Latín de 4.º de ESO debe ser considerada como o primeiro ano de lingua latina para o alumnado que opte polo Itinerario de Humanidades no bacharelato, polo que os contidos lingüisticos deben ter un peso na cualificación e unha carga horaria superior. Pero tamén hai alumnos que non van elixir a materia en Bac ou, simplemente, non van cursar Bacharelato. Así pois, optouse por abordar uns contidos gramaticais reducidos para potenciar a aprendizaxe non reflexiva da gramática básica e a dunha grande cantidade de vocabulario tamén básico, no que se inclúen fórmulas comunicativas orais e escritas. O alumnado, ao remate do curso, coñecerá en profundidade a categoría gramatical que lle resulta máis estraña, o caso, mais non todos os modelos flexivos do nome. Na morfoloxía verbal non irá máis alá dos tempos simples e da voz activa, se ben se pode introducir marxinalmente a voz pasiva para explicar formulas ou expresións idiomáticas. Déixanse para outros cursos, pois, as formas non persoais do verbo, coa excepción de infinitivo de presente activo e un primeiro achegamento ás construcións de infinito con acusativo. Tamén estarían fóra dos obxectivos deste ano a gradación do adxectivo, dedicándose, en cambio, moito tempo ao uso correcto das preposicións, conectores básicos (os de coordinación en xeral e, dentro da subordinación, quia, cum e dum con indicativo) e os adverbios (aquí incluída a súa formación). Con este deseño da programación o que se pretende conseguir é que o alumnado, ao cabo do curso, teña un coñecemento ben consolidado polo uso dunha morfoloxía básica do latín e, ademais, un coñecemento importante de vocabulario e das construcións sintácticas básicas máis frecuentes. Isto será, para o alumnado que continúe polo Itinerario de Humanidades, a base sobre a que proseguir o seu estudo e coñecemento da lingua latina.
Esta programación priorizará os contidos de natureza lingüística, que representarán o 80 % do peso na cualificación final, fronte aos contidos de tipo históricos, social, cultural, etc., que representarán o 20 %, porque é unha materia de lingua, por máis que os contidos histórico-culturais sexan importantes para entender os textos e a literatura.
Organízanse todos os contidos en torno a 3 unidades didácticas: unha para os contidos de léxico, evolución e pervivencia, outra para os textos e a súa interpretación, que inclúe gramática e, finalmente, os contidos de historia e cultura. As tres unidades son transversais. A unidade 1 ten un peso do 30%, a unidade 2, o 50% e a unidade 3, 20%.
A unidade 3 será avaliada con probas escritas e táboas de ponderación, calquera dos criterios de avaliación que contén. As demais unidades serán avaliadas con probas escritas.
4.1. Concrecións metodolóxicas (Elaborado)
A UD1 debe fornecer o alumnado cunha visión diacrónica do latín. É de fundamental importancia nesta unidade que o alumnado comprenda perfectamente a relación das dúas linguas habituais na nosa comunidade, galego e castelán, co latín, a través dos conceptos de étimo, palabra patrimonial, palabra culta, semiculta e latinismo (estudaranse aqueles de uso máis común). Para isto realizaranse numerosos exercicios onde o alumnado teña que distinguir os tipos de palabras previamente mencionados. Un exercicio vai ser a identificación destes tipos de palabras en textos de traballo seleccionados na UD2. Finalmente é preciso que o alumnado, tamén a través da práctica, desenvolva estratexias de reconstrución de palabras latinas a través dos seus resultados románicos en linguas como o castelán, o galego e o francés, lingua da que ao ser a que se imparte no centro como segunda lingua estranxeira, a maior parte do alumnado ten algún coñecemento.
Tamén se estudarán os cambios na pronuncia que de letras e grupos de letras se produce durante a latinidade. Tamén se explicarán elementos de formación de palabras, especialmente prefixos, que o alumnado utiliza diariamente na súa lingua e que están tomados directamente do latín. A partir de exercicios nos que o alumnado identifique prefixos en palabras de uso frecuente, pode chegar a deducir o valor do prefixo e a entender a causa da súa presenza en palabras nas que a simple vista non se aprecia o seu valor. Tamén, co mesmo sistema de exercicio, aprenderá o alumnado o valor etimolóxico de certas raíces presentes en moitas palabras das linguas de referencia.
A UD2 servirá de repaso, consolidación e reorganización de conceptos teóricos que o alumnado debe traer xa doutras materias. Aínda que o método de ensino de latín que se recomenda para 4.º de ESO incide na aprendizaxe activa e intuitiva da lingua, o alumnado en 4.º de ESO ten que dominar unha serie de conceptos teóricos morfo-sintácticos que deben ser repasados, unificados e consolidados: tipos de palabras, concepto de categoría gramatical, categorías gramaticais propias de cada tipo de palabras, diferenciación entre morfoloxía e sintaxe, funcións básicas das palabras, o concepto de oración composta, a diferencia entre coordinación e subordinación, tipos básicos de coordinación e subordinación. A isto hai que sumar, como novidade, o concepto de caso e declinación, que será introducido dun modo simple para que, posteriormente, cando comece a usar e aprender a lingua latina, entenda por que dentro dunha mesma categoría gramatical perfectamente coñecida, como o número, unha mesma palabra en singular, por exemplo, presenta varias formas distintas (discipulus, discipulum, etc.). Termarase aquí do único resto vivo de declinación que subsiste en galego e castelán, o sistema pronominal, para facer entender que iso tan estraño a primeira vista é un recurso que o alumnado utiliza de modo natural nas súas linguas de repertorio. Tamén suporá o inicio do contacto do alumnado coa lingua latina dun modo real e funcional. Dende o principìo de curso sincronizarase teoría e práctica para que o alumnado dende o inicio do curso empece a utilizar expresións en latín relacionadas, fundamentalmente, coa vida escolar. Aquí empregarase a metodoloxía AIM (Accelerative Integrated Method), que vincula a aprendizaxe de secuencias e expresións a situacións e, sobre todo, determinada xestualidade. A profesora introducirá progresivamente preguntas, respostas, ordes... Tamén se incorporará unha selecta de textos de dificultade progresiva, que o alumnado terá que ler e comprender. A lectura de textos de dificultade progresiva debe ir acompañada de exercicios orais e escritos de comprensión e expresión. En todo caso, farase unha sistematización da gramática e vocabulario explicado en cada sesión.
Neste eido da lingua latina parece relevante comentar que o horizonte de contidos gramaticais que se utilizou como referencia foi o seguinte: ao final do curso o alumnado debería coñecer e manexar con certa soltura: 1) a flexión nominal en todos os seus casos de substantivos e adxectivos da 1.ª e 2.ª declinación; 2) os pronomes persoais así como is ea id e o interrogativo quis/qui quae quid/quod; 3) a flexión verbal no modo indicativo nos tempos de presente, imperfecto, pretérito perfecto e pretérito pluscuamperfecto e o imperativo de presente dos verbos das catro conxugacións, e máis os verbos sum, eo e fero; 4) o maior número posible de preposicións, adverbios e conectores de uso frecuente.
A terceira unidade está centrada en aspectos de historia, cultura, tradición, arte e historia da lingua. O que se pretende é que o alumnado consolide contidos que en teoría e na súa meirande parte xa coñece polo seu tratamento noutras materias, mais que agora cómpre refrescar e, sobre todo, relacionar.
Nesta unidade empregarase unha metodoloxía mixta na que se mesture a explicación da/o profesora/- cos traballos e/ou actividades dirixidas. A elaboración de esquemas básicos de temporalización da historia de Roma ou das clases sociais, préstanse especialmente para que o alumnado utilice aplicacións ofimáticas que lle permitan presentar esquemas ou liñas de tempo en formato electrónico. A comparación e reflexión sobre as diferenzas entre o mundo antigo e o moderno pode favorecer traballos de reflexión escritos ou ben o debate guiado pola/o profesora. Respecto aos contidos de literatura farase unha breve presentación dos xéneros literarios do mundo antigo e proporá unha selección de fragmentos para que o alumnado poida ler e, despois, esta lectura dea lugar ben a traballos de reflexión ou a debates que teñan como eixo argumental a comparación entre os xéneros literarios modernos e os clásicos. Tamén se farán comentarios simples de textos, nos que se aproveite todo o coñecemento adquirido polo alumnado en materias como Lingua Castelá ou Lingua Galega. Máis cá lectura de textos afastados dos gustos do alumnado, como a épica ou a historiografía, apostarase por textos de teatro, poesía intimista non recargada de referencias mitolóxicas (por exemplo Catulo nos seus poemas breves) e cartas curtas de natureza filosófica (por exemplo Séneca ou Plinio o Novo), que traten temas como as contradicións do amor, o paso do tempo, etc., que poden conectar co alumnado desta idade.
5.1. Procedemento para a avaliación inicial (Elaborado)
Latín de 4º de ESO non é continuidade de ningunha outra materia. Hai que ter en conta, porén, que o alumnado ou, cando menos, parte del, pode ter cursado Cultura Clásica en 3.º de ESO. Así pois, a avaliación inicial debe ter como obxectivos:
1.º Detectar e/ou confirmar que alumnado cursou en 3.º ESO Cultura Clásica.
2.º Detectar e/ou confirmar que alumnado está a cursar en 4.º de ESO Cultura Clásica.
3.º Detectar e/ou confirmar a presenza de alumnado con NEAE (esta información será contrastada posteriormente co Departamento de Orientación).
4.º Coñecer cales son as motivacións que levaron ao alumnado a escoller a materia de Latín.
5.º Coñecer cal é o grao de conectividade a internet fóra do centro.
6.º Saber cal é o grao de coñecemento do alumnado sobre a civilización e cultura romana.
Para alcanzar estes obxectivos a/o docente debe elaborar un test ou proba que o alumnado debería completar nunha das primeiras sesións. En función do número de alumnado, partes deste test ou proba poden ser substituídas por un diálogo informal na aula, do que a información máis salientable debe ser recollida por escrito. Os datos e información obtida nesta avaliación inicial deben servir para modificar ou adaptar a programación ás circunstancias concretas do grupo.
5.3. Procedemento de seguimento, recuperación e avaliación das materias pendentes (Elaborado)
5.4. Procedemento para acreditar os coñecementos necesarios en determinadas materias (Elaborado)
6. Medidas de atención á diversidade (Elaborado)
Medidas de atención á diversidade ordinarias.
En función dos trazos definitorios do alumnado e da dinámica de aula, as medidas de atención ordinarias á diversidade, entre outras, poden ser:
- Colocación selectiva do alumnado dentro da aula.
- Agrupación específica do alumnado dentro da aula.
- Asignación diferenciada de tarefas entre o alumnado.
Medidas de atención á diversidade extraordinarias.
En función dos trazos definitorios do alumnado e da dinámica de aula, as medidas de atención extraordinarias á diversidade máis frecuentes poden ser:
- Elaboración dunha adaptación curricular individualizada.
- Reforzo educativo mediante a adaptación de exames, actividades ou tempos en función das necesidades do alumnado.
No momento de elaborar esta programación ningún alumno repite o curso actual. De matricularse algún ao longo do curso nesa circunstancia, será obxecto dun plan específico personalizado no que, a partir dunha valoración das súas necesidades específicas de apoio educativo, hanse especificar, de ser o caso, unhas medidas concretas de actuación e o seu seguimento.
A atención á diversidade estará en todo caso coordinada co resto do equipo educativo e, en particular, co Departamento de Orientación.
8.2. Procedemento de seguimento, avaliación e propostas de mellora (Elaborado)
1. Procedemento de seguimento.
Ao remate de cada trimestre hase proceder a consignar no apartado de seguimento da programación da aplicación PROENS os datos que esta requira (data de inicio e final, sesións previstas e sesións realizadas, grao de cumprimento, propostas xerais de mellora e outras observacións). Ademais, unha vez ao mes, na acta da reunión de departamento, hase facer, cando menos, unha breve referencia ao seguimento da programación.
2. Procedemento de avaliación.
Para avaliar a programación a final de curso hanse ter en conta os seguintes parámetros:
a. Resultados académicos do grupo.
b. Eficacia das medidas de atención á diversidade adoptadas.
c. Grao de cumprimento da programación e, no seu caso, causas dos incumprimentos.
A valoración do grao de cumprimento destes indicadores debe dar lugar a unha serie de propostas de modificacións e mellora para o curso vindeiro, que se deben reflectir na memoria de final de departamento e máis na programación do seguinte curso.