Vista preliminar da
Vista preliminar da programación na que poderá consultar todos os apartados da programación.
1. Introdución (Elaborado)
A presente programación didáctica ten como referencia o currículo que establece o Decreto 156/2022 do 15 de setembro do 22. Consecuentemente, as unidades didácticas que a desenvolven procuran deseñar situacións de aprendizaxe con valor competencial.
Cómpre destacar de inicio que esta programación, en todos os seus aspectos, pero particularmente no referente a contidos mínimos impartidos e esixidos, a temporalizacións e a alternativas de avaliación e cálculo de cualificacións, pode sufrir modificacións dependendo en cada caso das circunstancias xerais e mesmo particulares de cada momento e de cada alumno/a ou grupo de alumnado.
Como características e recursos relevantes para a nosa programación destacamos:
- Moi ampla diversidade social, cultural e lingüística do alumnado (ata 23 nacionalidades diferentes)
- Descenso moi pronunciado no uso do galego na xeración do noso alumnado
-Profesorado dinámico que participa en diversos proxectos e grupos de traballo.
-Equipo directivo colaborador e facilitador do desenvolvemento de proxectos e actividades.
-Plan Xeral de Atención á Diversidade realizado e aprobado.
-Equipo de Biblioteca e Equipo de Dinamización da Lingua Galega moi activos.
-ANPA activa e participativa
CONTEXTUALIZACIÓN: A OPTATIVA DE PORTUGUÉS NO CENTRO
No curso 2019-2020 comezamos co ensino do portugués no IES do Milladoiro. Formáronse daquela grupos de 1º ESO (1 grupo), 2º ESO (2 grupos), 3º ESO (1 grupo) e 1º Bach. (1 grupo). Os dous cursos seguintes foi aumentando o alumnado e agora temos aulas en todos os niveis, tendo máis de un grupo nos tres primeiros cursos da ESO.
Neste ano lectivo a organización dos grupos é a seguinte:
1º ESO: 3 grupos (64 alumnos/as)
2º ESO: 2 grupos (56 alumnos/as)
3º ESO: 2 grupos (37 alumnos/as)
4º ESO: 1 grupo (22 alumnos/as)
1º Bac: 1 grupo (8 alumnos/as)
2º Bac: 2 grupos (10 alumnos/as)
A competencia comunicativa de boa parte do alumnado que se anotou á materia é bastante alta de partida, tanto no aspecto lingüístico, sociolingüístico como pragmático, non tanto intercultural. No centro hai alumnado que naceu aquí e que comparte un ámbito sociolingüístico moi similar; algún outro descendente de familia portuguesa ou brasileira que ten esta como lingua materna, polo que ten competencias na comprensión e expresión oral moi altas pero baixas a nivel escrito. Por último está o alumnado non nacido en Galicia que, maioritariamente, procede de países hispanofalantes e que, na maioría dos casos, ten serias dificultades coa lingua galega, polo que o achegamento ao portugués é realmente o dunha lingua estranxeira.
Para os primeiros, o nivel alto na competencia lingüística débese á enorme proximidade entre galego e portugués, en case todos os apartados que entran dentro dela: ortográfica, gramatical, lexical, semántica e fonolóxica. Está claro que deben salvar diferenzas no ámbito fonolóxico e tamén gramatical e lexical, pero nada teñen que ver coas dificultades que poden presentar alumnos e alumnas que poden acceder ao portugués desde unha lingua non románica, ou mesmo sendo románica que sexa diferente do galego.
O alumnado galego, e con competencia suficiente en LGL, que escolle a materia de 2ª lingua estranxeira, portugués, case trae incorporados os coñecementos que se piden nun nivel elemental segundo o MCERL. É capaz de comprender expresións familiares e cotiás, así como enunciados moi simples desde o primeiro día e cunhas pequenas indicacións xa se presentan e comunican de modo simple.
COLABORACIÓNS
Como esta materia pertence ao departamento de LGL, establécese unha colaboración constante co profesorado que imparte esta materia, así como co EDLG e a biblioteca.
Solicitouse desde hai varios cursos profesorado de apoio, ben do Instituto Camões, ben do grupo de auxiliares de conversa, pero comunicóusenos que non había dispoñibilidade. Quedamos á espera de que se nos ofreza calquera tipo de colaboración este curso.
Para finalizar queremos deixar constancia de que o alumnado do noso centro é de nivel socioeconómico e cultural moi diverso. Temos alumnado que estivo en Portugal nunha ou máis ocasións, mentres que outro nunca tivo a oportunidade de entrar en contacto co país luso. Hai alumnado que vén de Brasil pero tampouco estivo nunca en Portugal e normalmente ten unha situación socioeconómica baixa. Polo tanto tentaremos organizar saídas ao país veciño que sexan asequibles para toda a rapazada.
4.1. Concrecións metodolóxicas (Elaborado)
O achegamento a unha segunda lingua estranxeira como é o portugués para o alumnado galego require unhas concrecións metodolóxicas moi específicas e que se deben ir adaptando a cada grupo-aula. Esta materia, aínda que é a primeira vez que a cursan, e tendo en conta as características do alumnado que se explicaron arriba, presenta unha dificultade moito menor -para unha boa parte do alumnado- do que pode presentar outra lingua estranxeira. O portugués é unha lingua que comparte a maioría das estruturas sintácticas, o sistema gramatical e un campo lexical enorme co galego. Hai pequenas diferenzas nestes campos e algo máis grandes no ámbito fonético, que cómpre superar.
Aplicarase o principio básico para o organización e tratamento de contidos baseado en que o que se aprende depende fundamentalmente do xa aprendido (coñecementos previos), e ademais quen aprende constrúe o significado do aprendido a partir da propia experiencia. Empregaremos moito a indución para que exploren analoxías, semellanzas e diferenzas co galego pero tamén con outras linguas románicas próximas.
Nas diferentes unidades didácticas intégranse contidos dos diferentes bloques e polo tanto, en cada unha delas vanse aplicar diferentes metodoloxías e, aínda que terán máis peso -como dixemos- as máis indagatorias e dedutivas para que o alumnado acade coñecementos, xunto con aquelas máis activas e participativas en actividades de produción tanto oral como escrita, tamén poderá haber exposicións e explicacións máis tradicionais e necesarias para facer comprender determinados contidos.
O profesorado vai buscar sempre actuar como guía e mediador para facilitar a construción da aprendizaxe das competencias comunicativas e sempre se tenderá a
- Fomentar a participación e reflexión sobre o proceso de aprendizaxe, este ano especialmente individual máis ca grupal.
- Comprobar a aprendizaxe noutros contextos diferentes aos utilizados na aula.
- Relacionar os saberes aprendidos nas diferentes materias.
- Aprender a aprender buscando por si mesmos a información necesaria en pequenos traballos de investigación.
Como esta materia ten relación directa coa de Lingua Galega e Literatura e consideramos que ten que servir tamén como apoio para ela, cómpre reforzar desde a lingua estranxeira, pero irmá, a propia. Rapaces e rapazas para os que a lingua galega queda relegada a unha práctica ritual forzada nas aulas, case exclusivamente de galego, poderán ampliar o seu dominio lingüístico a través das horas desta materia. Así, tanto cuestións fonéticas, lexicais ou morfosintácticas que son coincidentes van tentar explicarse baixo o paraugas dun tratamento integrado das linguas, sinalando tamén sempre aquilo que é diferente e que pode ser un falso amigo entre o galego e o portugués.
Tentarase tamén crear unha liña metodolóxica común entre o profesorado da materia de Portugués e o resto dos membros do departamento de Lingua Galega ao longo de toda a etapa. E xa ideal sería reactivar o TIL e avanzarmos todos os departamentos de linguas no tratamento integrado das mesmas.
Á hora de facer concrecións metodolóxicas de base, incidimos en:
- A gramática da lingua non será en ningún momento un obxectivo en si mesma, senón que estará ao servizo, en calquera caso, da aprendizaxe por competencias.
- Uso de recursos didácticos diversos e fontes de información variadas, coa intención de chegar ás preferencias, gustos e habilidades dun maior número de alumnado, e de ofrecer unha visión o máis ampla posible das culturas que vehicula a lingua portuguesa. Teremos en conta
o Emprego de vídeos de temáticas diferentes e acaídas ás unidades didácticas empregadas.
o Uso da música como un camiño básico na aprendizaxe
o Emprego de imaxes para a expresión oral e escrita
- Estadía física e virtual no mundo lusófono. Tentaremos achegar o alumnado durante un día a algunha cidade do norte, pero tamén faremos viaxes virtuais que nos permiten os medios tecnolóxicos actuais.
Espazos e tempos
Vanse alternar os espazos durante as catro horas de clase. Moverémonos entre a sala de aula, a sala de informática e algunha vez a biblioteca. Na sala de aula faranse as clases máis expositivas, as de comprensión de textos, de exposicións e interaccións orais (debates...), as dedicadas a traballo en grupo para desenvolvemento de proxectos e as que teñan como base unha proxección audiovisual común.
Na aula de informática faranse os exercicios interactivos tanto gramaticais como de comprensión escrita, traballo de comprensión oral individualizado (completar..), e visionado de vídeos con teoría para tomar apuntamentos, etc.
A biblioteca usarase para traballos concretos dentro dos proxectos que se van desenvolver, e, sobre todo, para realizar parte de unidades que requiran o uso de libros que están alí.
En cada trimestre, nas unidades que se desenvolven, vanse alternar segundo necesidades e segundo o avance do currículo o permita.
LIÑAS METODOLÓXICAS QUE INCIDEN NO PROCESO DE ENSINO E APRENDIZAXE:
-Uso de distintos métodos que teñan en conta os diferentes ritmos de aprendizaxe do alumnado, favorezan a capacidade de aprender por si mesmos e que o capaciten para o futuro.
-Metodoloxía de proxectos para unha adquisición eficaz das competencias. Deseño de proxectos significativos para o alumnado, baseados en contextos recoñecibles, que teñan en conta, se for posible, as súas vivencias particulares e o reforzo do seu compromiso co desenvolvemento sostible, a defensa dos dereitos humanos e a convivencia igualitaria, inclusiva, pacífica e democrática.
-Traballo cooperativo, coa proposta de tarefas nas que o alumnado debe regular a súa conduta e a súa capacidade para se relacionar cos demais, estimulando o respecto crítico a otros puntos de vista, o recoñecemento dos propios valores e limitacións, a adaptación ás necesidades colectivas, a asunción de responsabilidades e o respecto ás normas acordadas.
-Atención á diversidade, con atención individualizada dentro das posibilidades do grupo, na prevención das dificultades de aprendizaxe, con tarefas de ampliación para aquel alumado que precise afondar máis nos contidos.
-Uso de estratexias para traballar transversalmente a comprensión lectora, a expresión oral e escrita, a comunicación audiovisual, a competencia dixital, o fomento da creatividade, do espírito científico e do emprendemento. A adquisición destas destrezas pode acadarse a través da lectura de distintos tipos de textos, da súa comprensión e da reflexión arredor deles.
-Desenvolvemento gradual e progresivo dos obxectivos e dos contidos de maneira que, alén de incrementar a dificultade dos procesos e situacións comunicativas, tamén se vaian adquirindo habilidades máis complexas que propicien a aprendizaxe individual e autónoma.
-Potenciación da reflexión interlingüística, centrada especialmente na lingua galega e portuguesa. Buscamos a intercomunicación nos dous idiomas con actividades que favorezan a adquisición doutras habilidades que, como a mediación, poden resultar moi útiles na futura traxectoria profesional da mocidade galega. Con este fin, os centros educativos, a través do profesorado de Lingua Galega, o equipo de dinamización da lingua galega, a biblioteca ou outros departamentos, así como a través de programas internacionais, poderán promover actuacións que, de xeito presencial ou virtual, propicien os intercambios lingüísticos entre o alumnado galego e lusófono (encontros, concursos, festivais...).
-Traballo interdisciplinar e a coordinación con outros departamentos e equipos do centro, especialmente co equipo de dinamización da lingua galega e o equipo de biblioteca como mellor vía para promover actuacións tanto de xeito presencial como virtual: saídas didácticas, exposicións, espectáculos...
5.1. Procedemento para a avaliación inicial (Elaborado)
- Adicarase á avaliación inicial as tres (3) primeiras sesións do curso.
- Proporase unha rúbrica de autoavaliación, que se reutilizará ao longo do curso, podendo constatar os progresos realizados.
- Pendurarase na aula virtual un formulario de presentación a encher telemáticamente.
- Levaranse a cabo actividades -individuais e grupais- que permitan avaliar o grao de adquisición das cinco destrezas: comprensión e expresión, tanto oral como escrita, e mediación.
5.3. Procedemento de seguimento, recuperación e avaliación das materias pendentes (Elaborado)
Para a recuperación da materia pendente, os C.A. que se avaliarán son os que se sinalan para cada nivel e materia como “fundamentais”. En canto á metodoloxía de traballo e aos instrumentos de avaliación, procurarase un seguimento o máis detallado e individualizado posible de cada alumno/a. Os criterios de avaliación serán os especificados no apartado correspondente de cada materia. O alumnado que teña pendente Lingua Estranxeira Portugués e non estea matriculado da materia no curso seguinte, recibirá periodicamente diversos materiais para ir traballando ao longo do curso. Estes traballos serán devoltos á profesora responsábel e, a través deles, comprobarase o progreso. Os devanditos materiais consistirán en exercicios de reforzo, de ampliación, en realización de fichas de léxico e outras tarefas como descricións e redaccións. Estas actividades valoraranse sempre tendo en conta o interese, o progreso e esforzo persoal, e a entrega dos traballos cumprindo o prazo. Ademais de todo isto, realizará tres probas nas datas que se estabelezan. Estas probas serán orais e escritas. O alumnado coa materia pendente e matriculado no nivel seguinte será avaliado simultaneamente nos dous niveis, dado o carácter progresivo da adquisición das linguas. Por iso, o traballo e os avances que o alumnado realice no curso no que está matriculado serán o método de avaliación. Cando unha persoa non acade o 5/10 de media das tres avaliacións deberá presentarse a unha proba oral e escrita final de toda a materia impartida. A valoración desta proba é sobre 10 puntos. En calquera caso, sempre terá dereito a presentarse a esta proba.
5.4. Procedemento para acreditar os coñecementos necesarios en determinadas materias (Elaborado)
6. Medidas de atención á diversidade (Elaborado)
As medidas de atención á diversidade enténdese como o conxunto de actuacións educativas dirixidas a dar resposta ás diferentes capacidades, motivacións e intereses, ritmos e estilos de aprendizaxe e situacións persoais do alumnado. Estas medidas oriéntanse a alcanzar os obxectivos e as competencias establecidas para a ESO e réxense polos principios de equidade, calidade e igualdade de oportunidades, non discriminación, integración, accesibilidade e cooperación da comunidade educativa.
Segundo o artigo 49 da Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, pola que se modifica a Lei orgánica 2/2006, de 3 de maio, de educación, as administracións educativas asegurarán os recursos necesarios para que os alumnos e alumnas que requiran unha atención educativa diferente á ordinaria, por presentar necesidades educativas especiais, por atraso madurativo, por trastornos do desenvolvemento da linguaxe e a comunicación, por trastornos de atención ou de aprendizaxe, por descoñecemento grave da lingua de aprendizaxe, por atoparse en situación de vulnerabilidade socioeducativa, polas súas altas capacidades intelectuais, por terse incorporado tarde ao sistema educativo ou por condicións persoais ou de historia escolar, poidan acadar o máximo desenvolvemento posible das súas capacidades persoais e, en todo caso, os obxectivos establecidos con carácter xeral para todo o alumnado».
No relativo ao alumnado que se incorpora neste ano á materia de Segunda Lingua estranxeira-portugués, ben por ter estado exento nos dous anos anteriores, ben por chegar novo ao centro, ben por outras circunstancias, vánselle propoñer unhas unidades didácticas específicas para que consiga achegarse á materia e poder coller o ritmo da mesma durante todo o curso.
A partir da avaliación inicial do alumnado, proporanse as correspondentes actuacións de seguimento e atención ao alumnado, tanto as medidas ordinarias como extraordinarias. Faranse actividades especificamente deseñadas para cada caso.
Así, en concreto, o plan específico personalizado para o alumnado que permaneza un ano máis no mesmo curso, obrigado polo artigo 52 da Orde do 8 setembro de 2021 de atención á diversidade incluirá os seguintes apartados:
a) Identificación da alumna ou do alumno.
b) Relación das necesidades educativas que motivaron a repetición do curso.
c) Medidas ordinarias aplicadas no curso anterior.
d) Estratexias metodolóxicas que se utilizarán no seu desenvolvemento.
e) Recursos necesarios para o desenvolvemento do plan.
f) Se for o caso, oferta de medidas extraordinarias.
g) Acreditación da información á familia.
En cada sesión de avaliación farase o seguimento do plan específico personalizado e, se for necesario, realizaránselle os axustes que procedan. Ao final do curso, na mesma sesión de avaliación, informarase sobre o seu desenvolvemento e o seu aproveitamento.
Débese ter en conta o establecido no artigo 41 da citada Orde que, de conformidade co artigo 7 do Decreto 229/2011, do 7 de decembro, define as medidas de atención á diversidade como as actuacións, estratexias e/ou programas destinados a proporcionar unha resposta axustada ás necesidades educativas do alumnado.
Estas medidas clasifícanse en ordinarias e extraordinarias e deberán estar recollidas no Plan xeral de atención á diversidade e nas concrecións anuais do dito plan.
Algunhas das medidas concretas que se poderán aplicar, cando corresponda, e segundo o caso ou o diagnóstico específico, son:
-Alumnado con TDAH: aplicación do Protocolo de Consenso sobre TDAH na Infancia e na Adolescencia nos Ámbitos Educativo e Sanitario.
-Alternar actividades teóricas con traballo práctico.
-Antes de empezar unha actividade, explicarase en que consiste de xeito claro e sinxelo, e asegurarase de que a entendeu todo o alumnado.
-Empregar estratexias para captar a atención inicial, como mudanzas de entoación, xesticulación e dramatización.
-Segmentar as actividades longas e limitar o número destas.
-Supervisar frecuentemente a realización, para reforzar positivamente ou para reconducir a execución ou as distraccións.
-Usar reforzos e apoios visuais na instrución oral.
-Combinar actividades máis estimulantes con outras menos motivadoras.
-Propor exercicios variados.
-Pedir a colaboración dun compañeiro ou dunha compañeira para que o axude a comprender e a realizar as tarefas.
-Utilizar reforzos positivos para motivar.
-Fragmentar as actividades.
-Supervisar os exercicios e asegurarse de que entendeu o que ten que facer.
-Non sobrecargar de tarefas para a casa.
-Fixar as datas dos exames con suficiente antelación.
-Utilizar diferentes formas e instrumentos de avaliación.
-Acurtar os exames escritos e formular preguntas breves, pechadas, claras e con vocabulario sinxelo.
-Dar máis tempo para realizar as probas ou os exames escritos.
-Supervisar a súa comprensión e execución durante o tempo no que se desenvolva o exame.
-Pedir que se revisen os traballos e os exames antes de entregalos.
-Supervisar que a/o alumna/o respondeu a todas as cuestións antes de entregar o exame.
Para os alumnos con previsión de lles aplicar unha ACS, que terá que ser autorizada pola inspección educativa, o procedemento para a súa elaboración seguirá o establecido na Orde do 8 de setembro de 2021.
No caso de que ao longo do curso se matriculase algún alumno ou alumna con algunha destas problemáticas: dislexia, discapacidade auditiva, TEA, altas capacidades, Down ou discapacidade intelectual, TDAH, absentismo, atención temperá seguiranse os protocolos establecidos pola Consellería.
8.2. Procedemento de seguimento, avaliación e propostas de mellora (Elaborado)
Ao final de cada avaliación, revisarase a programación didáctica, co obxectivo de comprobar a temporalización e reprogramar en caso de desfase. Fixaranse mecanismos de mellora e recolleranse tamén a partir da avaliación do alumnado e das familias. Mecanismo avaliación e modificación da programación didáctica:
1.- Debuxo das unidades didácticas a partir dos elementos do currículo
2.- Secuencición e temporalización as unidades didácticas e os proxectos
3.- O desenvolvemento da programación respondeu á secuenciación e temporalización?
4 . – Engadiuse algún contido non previsto á progarmación?
5 . – Foi necesario eliminar algún aspecto da programación previsto?
6.- Secuenciáronse os criterios de avaliación para cada unha das unidades didácticas?
7.- Fixouse un grao mínimo de consecución de cada citerio de avaliación para superar a materia?
8.- Asignouse a cada criterio de avaliación o peso correspondente na cualificación ?
9.- Vinculouse cada criterio de avaliación a un/varios instrumentos para a súa avaliación?
10.- Asociouse con cada criterio de avaliación os elementos transversais a desenvolver?
11.- Fixouse a estratexia metodolóxica común para todo o departamento?
1 2 . – Son adecuados os materias didácticos utilizados?
13.- Os materiais de apoio son adecuados, atractivos e de fácil manipulación para o alumnado?
14.- Debuxouse un plan de avaliación inicial fixando as consecuencias da mesma?
15.- Elaboración de mecanismos de avaliación inicial a partir dos criterios de avaliación
16.- Fixouse para un procedementos de acreditación de coñecementos previos?
17 . – Establecéronse pautas xerais para a avaliación contínua?
18.- Establecéronse criterios para a recuperación dos criterios de avaliación non superados?
19 . – Fixáronse criterios para as avaliacións trimestrais?
20 . – Establecéronse criterios para a avaliación final?
21 – Establecéronse criterios para o seguimento de materias pendentes?
22 . – Fixáronse criterios para a avaliación desas materias pendentes?
23.- Elaboráronse os instrumentos de avaliación tendo en conta o valor de cada criterio de avaliación?
24.- Definición de programas de apoio, recuperación, etc. vinculados aos criterios de avaliación
25.- Leváronse a cabo as medidas específicas de atención ao alumnado con NEE?
26.- Informouse ás familias sobre os criterios de superación da materia?
27.- Seguiuse e revisouse a programación ao longo do curso?
28.- Contribuíuse desde a materia ao plan de lectura do centro?
29.- Uso das TIC no desenvolvemento da materia