Vista preliminar da
Vista preliminar da programación na que poderá consultar todos os apartados da programación.
1. Introdución (Elaborado)
A materia proporciónalle ao alumnado coñecementos económicos para entender a sociedade na que vive, trata de espertar o seu interese e promover, tras unha análise crítica, iniciativas dirixidas a actuar sobre a propia realidade. Así mesmo, pon a súa disposición ferramentas que lle permitan tomar decisións tanto individuais como colectivas, con repercusións económicas e financeiras de maneira razoada e responsable.
A formación en economía faise necesaria nun contexto globalizado no cal se están levando a cabo profundas transformacións, aceleradas pola incorporación das novas tecnoloxías a diferentes esferas da nosa vida. A dixitalización está a cambiar non só a estrutura produtiva global e a estrutura económica e financeira, senón tamén a propia sociedade no seu conxunto. Canto mellor entendamos o mundo no que vivimos, máis capaces seremos de tomar decisións que permitan mellorar a nosa vida e a nosa contorna.
Calquera persoa necesita coñecer as regras básicas que explican os acontecementos económicos e a linguaxe específica utilizada por economistas e medios de comunicación para analizar eses feitos. Os indicadores económicos como o PIB, o desemprego, a inflación ou o déficit público están continuamente presentes nos medios de comunicación, e isto xera unha crecente demanda de información e formación na medida que nos afecta para tomar decisións nas que no sentimos implicados. O estudo da economía axuda a percibir e a coñecer o mundo, e posibilita a análise e afondamento nas relacións humanas e proporciona ferramentas para examinar con espírito crítico a realidade social.
Os retos e desafíos que se presentan no mundo actual fan necesaria a interconexión de distintos ámbitos, entre outros, o económico, social, cultural e ambiental. É preciso coñecer e tomar conciencia de como as nosas decisións e formas de vida afectan ao clima, aos recursos dispoñibles, á biodiversidade e á propia sociedade. Esta reflexión está presente en todos os países do mundo e deu como froito o compromiso que supoñen os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) como intento para enfrontarse conxuntamente aos principais desafíos de cara ao futuro.
O currículo, que aborda aprendizaxes significativas, funcionais e de interese para o alumnado, está organizado ao redor da adquisición duns obxectivos que desenvolven diversos aspectos: Tratan de explicar como a escaseza condiciona os comportamentos económicos individuais e colectivos, propoñen analizar a realidade utilizando ferramentas que permitan estudar a economía desde unha perspectiva micro e macroeconómica e, por último, proporciona ferramentas de intervención económica, como as políticas económicas, e expoñen os retos da economía actual para os que hai que buscar novas solucións.
Os criterios de avaliación que se derivan dos mencionados obxectivos, están deseñados para comprobar o grao de consecución dos mesmos por parte de alumnado.
Os criterios de avaliación e o contidos están estruturados en cinco bloques:
1º. O bloque "As decisións económicas" relaciónase co estudo do comportamento económico, individual ou colectivo, das persoas na procura da satisfacción das súas necesidades a partir de recursos escasos e, polo tanto, da toma de decisións económicas a partir da análise da realidade.
2º. O bloque "A realidade económica. Ferramentas para entender o mundo cunha visión microeconómica" vincúlase co coñecemento e uso de ferramentas que permitan que o alumnado entenda a realidade económica desde unha perspectiva microeconómica.
3º. O bloque "A realidade económica. Ferramentas para entender o mundo cunha visión macroeconómica" permítenos profundar no estudo das relacións humanas e a realidade económica desde un punto de vista macroeconómico.
4º. O bloque "As políticas económicas" está ligado aos instrumentos cos que contan os gobernos para dar resposta aos problemas económicos nun marco globalizado.
5º. O bloque "Os retos da economía española nun contexto globalizado" céntrase nos retos da economía actual e en identificar as fortalezas e debilidades da economía española.
O estudo da realidade económica, tendo presente a súa interconexión con outras disciplinas, permitirá ao alumnado adquirir unha cultura económica xeral para tomar decisións fundamentadas e participar dunha forma activa no desenvolvemento dos retos da economía actual.
4.1. Concrecións metodolóxicas (Elaborado)
A metodoloxía proposta é de ensinanza activa, na que a participación do alumno é o elemento esencial, procurando a súa formación integral como cidadán. Prestarase atención especial á consecución da súa motivación. Trata de dar unha resposta competencial, pasando da aprendizaxe memorística a aplicar o coñecemento a situacións diversas e cambiantes, cun enfoque interdisciplinar e favorecendo o traballo colaborativo.
No deseño da práctica de ensino e aprendizaxe desta materia consideranse os Principios e Orientacións pedagóxicas do Decreto polo que se establece a ordenación e o currículo do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia.
A selección de recursos didácticos e situacións de aprendizaxe realizarase atendendo ás condicións persoais e necesidades específicas do alumnado.
Empregaranse múltiples vías (verbal, auditiva, visual...) na presentación de contidos ao tempo que se promoverá que o alumnado exprese o coñecemento empregando diferentes vías.
Empregaranse recursos tecnolóxicos accesibles para todo o alumnado, comprobando que coñecen e son quen de manexar as ferramentas precisas para realizar as actividades propostas.
Exporanse os obxectivos das tarefas propostas, proporcionando guías de traballo. No estudo de casos, aplicaranse procedementos que permitan verificar os pasos seguidos dende a formulación ata o resultado final.
Fomentarase a análise crítica dos contidos, actividades e tarefas propostas.
Proporanse tarefas, actividades de síntese con traballos individuais ou grupais que permitan relacionar coñecementos. Resulta fundamental promocionar a participación nos programas e plans educativos do centro, da Consellería de Educación e de outras institucións que faciliten o desenvolvemento das competencias clave e o tratamento dos elementos transversais.
Deseñaranse e aplicaranse probas e tarefas axustadas ás características do alumnado, actividades de avaliación con diferentes niveis de complexidade, activando diferentes recursos cognitivos.
Avaliación continua nunha ampla variedade de situacións, avaliando tarefas individuais e grupais. Nas tarefas grupais avaliararanse, ademais dos progresos na aprendizaxe, a implicación e aportacións do alumnado participante.
A avaliación, ademais de informar dos erros cometidos e da puntuación acadada, trasladará propostas de mellora. Deseñaranse criterios de avaliación ou rúbricas para autoavaliación ou coavaliación do alumnado.
No caso de ser preciso realizar atención educativa non presencial procederase tal como se expón:
- Desenvolvemento das sesións empregando a videoconferencia como ferramenta.
- Foros Aula Virtual: facilitadores da comunicación colectiva.
- Mensaxería Aula Virtual: facilitadora das comunicacións individuais.
- Entrega de tarefas Aula Virtual: facilitan o envío dos exercicios propostos.
5.1. Procedemento para a avaliación inicial (Elaborado)
A avaliación inicial realizarase durante as primeiras sesións do curso co fin de favorecer o coñecemento personalizado do alumnado e da súa situación educativa.
Formularase como proba escrita co fin de avaliar os coñecementos previos da materia e o nivel competencial do alumnado.
Permitirá axustar o proceso de ensino ás características que presenta o alumnado.
5.3. Procedemento de seguimento, recuperación e avaliación das materias pendentes (Elaborado)
Procedemento destinado a:
- Alumnado que cursa segundo curso e ten pendente a materia de Economía de primeiro.
- Alumnado de cambio de modalidade que deba cursar a materia de primeiro.
O alumnado que se matricule no segundo curso do bacharelato e teña materias pendentes de primeiro curso ou teña que cursalas como pendentes poderá recuperalas durante o curso.
O departamento didáctico proporá na aula virtual un plan de traballo mediante a comunicación co alumnado afectado. Os instrumentos de avaliación a empregar serán resumos ou traballos sobre a materia e/ou Probas Escritas que serán realizadas en dous ou tres parciais dependendo da disponibilidade e acordos co alumnado.
A cualificación de cada avaliación parcial calcularase como media aritmética das producións do alumnado, ponderando un 80% a proba escrita e un 20% as tarefas, de haber os dous tipos de probas
Entenderase que o alumnado supera a materia cando obteña unha cualificación de como mínimo 5.
No caso de non superar as probas parciais o alumnado será convocado a unha proba final que se adecuará ás datas previstas para a PAU e que versará sobre a totalidade dos contidos. Neste caso a cualificación estará composta exclusivamente polo resultado da proba final (PE) proposta.
A aula virtual xoga un papel fundamental na proposta, seguimento, avaliación e recuperación da materia.
O seguimento do alumnado con materias pendentes corresponderá á xefatura de departamento en coordinación, se procede, co profesorado de nivel que imparte docencia ao alumno ou alumna.
5.4. Procedemento para acreditar os coñecementos necesarios en determinadas materias (Elaborado)
6. Medidas de atención á diversidade (Elaborado)
Son medidas de atención á diversidade as actuacións, estratexias e/ou programas destinados a proporcionar unha resposta axustada ás necesidades educativas do alumnado
De ser preciso, desenvolveranse as seguintes medidas de atención á diversidade:
Ordinarias. Aquelas que faciliten a adecuación do currículo, sen alteración siginificativa dos obxectivos, contidos nin criterios de avaliación, ao contexto do centro e ás características do alumnado. Teñen como finalidade dar resposta ás diferenzas en competencia curricular, motivación, intereses, relación social, estratexias, estilos e ritmos de aprendizaxe, e están destinadas a facilitar a consecución dos obxectivos e competencias establecidas nas diferentes ensinanzas.
- Adecuación da xestión da aula ás características do alumnado, procurando a participación, o acceso aos recursos, favorecendo a convivencia e aprendizaxe compartida.
- Adecuación da programación didáctica ao alumnado e circunstancias do seu contorno. Logo de identificadas as barreiras (accesibilidade física, sensorial, cognitiva e emocional) deseñaranse actividades partindo dos principios do deseño universal de aprendizaxe para que as aprendizaxes sexan accesibles.
- Metodoloxías baseadas no traballo colaborativo en grupos heteroxéneos, titoría entre iguais, aprendizaxes por proxectos.
- Adaptación dos tempos, dos instrumentos e dos procedementos de avaliación ás circunstancias do alumnado, tales como, forma de comunicación co alumnado, secuenciación de tarefas, verificación da comprensión das tarefas, dispoñibilidade dos recursos tecnolóxicos, concesión do tempo necesario... Aplicaranse as propostas recollidas nos plans, proxectos, programas, guías e protocolos elaborados pola Consellería.
- Aulas de atención educativa e convivencia. No caso de ser preciso derivar alumnado, o profesorado proporcionará as tarefas que debe realizar, que serán corrixidas e avaliadas.
- Reforzo educativo. Posta en práctica de mecanismos de reforzo tan pronto como se detecten dificultades no progreso do alumnado.
- Programas de enriquecemento curricular para o alumnado que presenta altas capacidades intelectuais.
Extraordinarias. Aquelas dirixidas a dar resposta ás necesidades educativas do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo que poden requirir modificacións significativas do currículo ordinario e/ou supor cambios esenciais no ámbito organizativo, así como, de ser o caso, nos elementos de acceso ao currículo ou unha modalidade de escolarización. Aplicaranse logo de esgotadas as de carácter ordinario ou por resultaren insuficientes.
O alumnado con necesidade específica de apoio educativo é aquel que require unha atención educativa diferente á ordinaria, por presentar necesidades educativas especiais, por atraso madurativo, por trastornos do desenvolvemento da linguaxe e da comunicación, por trastornos de atención ou de aprendizaxe, por descoñecemento grave da lingua de aprendizaxe, por se atoparen en situación de vulnerabilidade socioeducativa, polas súas altas capacidades intelectuais, por se teren incorporado tarde ao sistema educativo ou por condicións persoais ou de historia escolar.
O alumnado que presenta necesidade educativas especiais é aquel que afronta barreiras que limiten o seu acceso, a súa presenza, a súa participación ou a súa aprendizaxe, derivadas de discapacidade ou de trastornos graves de conduta, da comunicación e da linguaxe, por un período da súa escolarización ou ao longo de toda ela, e que require determinados apoios e atención educativas específicas para a consecución dos obxectivos de aprendizaxe adecuados ao seu desenvolvemento.
-Flexibilización da duración do período de escolarización na etapa de bacharelato. Dirixido a alumnado con altas capacidades intelectuais ou alumnado con necesidades educativas especiais.
-Atención educativa ao alumnado que, por circunstancias diversas, presenta dificultades para unha asistencia continuada ao centro. O docente coordinado polo profesorado titor e co asesoramento da xefatura do departamento de orientación, elaborará unha proposta de actividades educativas empregando medios telemáticos para a entrega, seguimiento e avaliación e adoptará medidas que promovan a súa inclusión.
O docente colaborará co profesorado titor e coa xefatura do departamento de orientación na planificación e desenvolvemento de actuacións destinadas ao axuste dos procesos de ensino e aprendizaxe.
A avaliación inicial permitirá adaptar as ensinanzas ao alumnado e facilitar a debida progresión na súa aprendizaxe.
No proceso de avaliación promoverase o uso de instrumentos de avaliación variados, diversos, flexibles e adaptados ás distintas situacións de aprendizaxe que permitan a valoración obxectiva do alumnado e garantan que as condicións de realización dos procesos asociados á avaliación se adapten ás necesidades do alumnado con necesidade específica de apoio educativo.
8.2. Procedemento de seguimento, avaliación e propostas de mellora (Elaborado)
Ao iniciar o curso revisarase a programación a partir das propostas de mellora recollidas na correspondente memoria do departamento do curso anterior.
A avaliación da presente programación farase a través do seguimento na aplicación Proens ao final de cada unidade didáctica por parte do/a profesor/profesora que imparta a materia e nas reunións mensuais de departamento.
Nas reunión de departamento comprobarase o grao de consecución dos obxectivos programados e as dificultades que se poidan atopar, ademais, poderán introducirse medidas correctoras se estas se estiman oportunas. Todas as posibles propostas de mellora reflectiranse na Memoria Final para introducir as modificacións necesarias na programación do curso seguinte.
As ferramentas a empregar para analizar o grao de cumprimento dos indicadores de logro poden consistir en:
- Diario de aula.
- Rúbrica de autoavaliación para cuantificar o grao de consecución de obxectivos, criterios de avaliación e contidos.
- Estatísticas de resultados.
- Cuestionarios e enquisas ao alumnado.