Vista preliminar da
Vista preliminar da programación na que poderá consultar todos os apartados da programación.
1. Introdución (Elaborado)
A presente programación para 2º da ESO está enmarcada no Decreto 156/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia.
O centro no que se imparte é o IES do Milladoiro, en Ames, A Coruña, limítrofe con Santiago de Compostela. O Milladoiro é un núcleo de poboación en crecemento, e así no novo curso (duodécimo ano de funcionamento), o centro ten unha matrícula de 526 estudantes.
O departamento de inglés consta de catro profesoras.
4.1. Concrecións metodolóxicas (Elaborado)
Á hora de facer esta programación de Lingua Estranxeira Inglés tivemos en conta:
1. Que o fin primordial do proceso de ensino-aprendizaxe dunha lingua estranxeira é a comunicación.
2. Que a aprendizaxe debe ser significativa e por iso é básico crear situacións de comunicación que impliquen conexións cos coñecementos previos do alumnado e coa súa contorna.
3. Que o ensino da lingua implica a exercitación de procesos cognitivos complexos: comprensión e produción. Dado que estes procesos son inseparables da comunicación.
4. Que a aprendizaxe é responsabilidade da persoa que está a aprender, polo tanto o centro do proceso de ensino-aprendizaxe o ocupará o alumnado, sendo o profesorado encargado de coordinar e asesorar neste proceso.
5. Que a aprendizaxe debe ser tamén parte dun proceso de colaboración entre os diferentes integrantes da clase.
6. Que no século XXI non se entende un proceso de ensino-aprendizaxe no que non estean presentes as diferentes tecnoloxías da información e a comunicación.
Consecuentemente o enfoque metodolóxico adoptado será comunicativo, por tarefas, dando prioridade ao proceso frente ao produto. Potenciaremos o traballo en grupo e parellas do alumnado, que ocupará o centro do proceso de ensino-aprendizaxe e será responsable da súa propia aprendizaxe co apoio e supervisión do profesorado. É imprescindible o desenvolvemento da autonomía na aprendizaxe, responsable de tomar decisións que se axusten ás súas preferencias e características propias, e favorecendo o desenvolvemento da súa autoestima e identidade persoal, e fomentando a participación e a reflexión tanto individual como grupal. Cada estudante debe ser consciente do seu rendemento, dos seus logros e das súas carencias, de maneira que as actividades de autoavaliación redunden nunha aprendizaxe máis eficaz. Trabállanse os procesos cognitivos de aprendizaxe: reprodución, conexión e valoración e xuízo crítico (memorizar, entender, aplicar, analizar, sintetizar, avaliar, producir e crear).
A metodoloxÍa de traballo será activa e partirá da interacción docente-alumno/a e do traballo que vaian realizando os estudantes, traballando nunha contorna de uso das tecnoloxías da información e a comunicación. Así mesmo, consideramos que cabería destacar outros aspectos metodolóxicos:
1. O docente debe procurar un continuo "feedback" en relación co proceso educativo, debido ao carácter cíclico da aprendizaxe das linguas.
2. Incrementarase a motivación por medio de actividades relacionadas coa realidade actual.
3. Os principios "útil" e "divertido" son máis positivos se van xuntos.
4. Para favorecer que o alumnado manteña a atención ao longo da clase, débense variar frecuentemente as actividades dentro da aula.
5. Intentar familiarizar ao alumnado coas dificultades mediante a práctica.
6. Utilizar xogos, cancións e demáis material de tipo lúdico que favorezan a aprendizaxe da L.E.
7. Emprego dos libros dixitais na aula, recursos da web e actividades na aula de informática e na biblioteca
8. É necesario ter presente que todos os grupos deben terá máxima coordinación en canto a contidos e metodoloxía para así facilitar a integración do alumnado con outros docentes en cursos posteriores.
5.1. Procedemento para a avaliación inicial (Elaborado)
En tódolos grupos e niveis e ao longo das primeiras semanas de clase, o alumnado realizará un test diagnóstico que facilite ao profesorado unha primeira información que permita detectar fortalezas e debilidades e realizar, en consecuencia, os cambios e adaptacións necesarias na programación de aula. As probas de avaliación inicial partirán dos obxectivos e contidos mínimos que o alumno debeu adquirir ao finalizar o curso anterior. Tomaremos como referencia as que se inclúen nos libros de texto e adaptaremos os aspectos que consideremos oportunos. Estas probas deben posibilitar que o alumando demostre o que sabe, non deben vivilas como un exame a superar e son idóneas para realizar un proceso de co-avaliación.
Aportarán as fortalezas que se identifican no grupo e tamén nos permitirán identificar as necesidades de aprendizaxe individuais do alumnado.
A avaliación inicial consistirá na observación os primeiros días lectivos e na realización dunha proba competencial que servirá para determinar o nivel inicial de cada estudante e que ten como obxectivo planificar e definir o proceso educativo que desenvolveremos. Esta proba deberá incluír os seguintes criterios de avaliación:
1. Apreciación da capacidade de comprensión e de expresión escrita.
2. Valoración da capacidade de compresión e de expresión oral.
3. Valoración do coñecemento da lingua.
5.3. Procedemento de seguimento, recuperación e avaliación das materias pendentes (Elaborado)
Dado o carácter progresivo da materia, o alumnado que entregue feitas todas as tarefas de reforzo dispoñibles na Aula Virtual (adecuadamente e en prazo) e aprobe a 1º e 2ª avaliación do curso actual, aprobará automaticamente a materia dos cursos anteriores. No presente curso 24-25, as tarefas de reforzo deberán ser entregadas por parte do alumnado ao profesorado que imparte a materia no curso no que estea matriculado, os días 29 de novembro, 28 de febreiro e 25 de abril.
Cada profesor/a informará previamente ao alumnado que teña con materia pendente deste material de traballo, que se baseará nos mínimos esixibles para preparar a proba final, no caso de que a teñan que facer.
O alumnado que non supere a materia por esta vía, terá que realizar as probas para alumnado con materias pendentes correspondentes aos cursos non superados. O alumnado recibirá información dos contidos lingüísticos avaliables e aspectos a avaliar. A nota obtida nas devanditas probas suporá o 80% da cualificación. O 20% restante procederá dos devanditos TRABALLOS DE REFORZO (handouts) propostos polo profesorado do departamento e do esforzo e traballo persoal nas clases do curso actual.
5.4. Procedemento para acreditar os coñecementos necesarios en determinadas materias (Elaborado)
6. Medidas de atención á diversidade (Elaborado)
As medidas ordinarias de atención á diversidade responden ás instrucións da orde do 8 de setembro de 2021 que regula a atención á diversidade do alumnado.
En coordinación co profesorado titor e o departamento de Orientación, deseñarase unha avaliación inicial que facilite a detección das necesidades do alumnado. As medidas de atención á diversidade serán as seguintes:
1. Adaptación dos graos de consecución dos criterios de avaliación.
2. Gradación da dificultade das actividades de aprendizaxe.
3. Actividades diversas e variadas adaptadas aos distintos ritmos de aprendizaxe.
4. Materiais e recursos diversificados e inclusivos (DUA) que se adapten ás necesidades individualizadas do alumnado.
5. Actividades de reforzo e consolidación.
6. Aprendizaxe por proxectos.
7. Traballo colaborativo.
8. Procedementos e Instrumentos de avaliación variados e individualizados.
9. Flexibilidade nos tempos de realización de tarefas e probas.
10. Retroalimentación ao alumnado sobre o seu proceso de aprendizaxe.
En 2º ESO hai varios alumnos con diagnóstico TDAH e TEA, e varios alumnos con dificultades de diferentes niveis en cada clase. Para responder a esta situación tomaranse medidas de reforzo e ampliación, e seguiranse os correspondentes protocolos.
Ademáis, cando o progreso dunha alumna/o, non sexa o adecuado, estableceranse novas medidas de reforzo educativo. Estas medidas adoptaranse en calquera momento do curso, tan pronto como se detecten as dificultades, xunto co especial seguimento da situación do alumnado con NEAEs, e estarán dirixidas a garantir a adquisición das aprendizaxes imprescindibles para continuar o proceso educativo.
Para dar resposta á diversidade do alumnado, traballarase máis a individualidade, procurando manter a motivación e reforzo daqueles estudantes que o necesiten, con máis explicacións ou con ampliación de contidos. Respecto ao alumnado con NEAEs, reforzaranse as comunicacións co equipo de orientación para adaptar todas aquelas actividades previstas para eles.
8.2. Procedemento de seguimento, avaliación e propostas de mellora (Elaborado)
A avaliación da programación do departamento é necesaria para a mellora do proceso de ensino-aprendizaxe. Esta avaliación debe ser continua e levarase a cabo ao longo de todo o curso nas reunións de departamento, o que permitirá facer os axustes necesarios para conseguir a mellora dos resultados obtidos.
Nas reunións semanais os membros do departamento analizarán e valorarán o proceso de ensino-aprendizaxe: o ritmo ao que se desenvolve a programación, as posibles causas que dificultan o seu normal desenvolvemento, a consecución ou non dos obxectivos marcados, etc. Ademais, trimestralmente, antes e despois das sesións de avaliación, nas reunións de departamento farase un seguimento detallado da marcha do curso que incluirá todos os aspectos, dende o seguimento da programación e a consecución dos seus obxectivos, ata a disciplina do alumnado, a adecuación dos ítems programados, a adecuada secuenciación dos contidos e os obxectos de aprendizaxe, etc.; é dicir, todos aqueles factores que axuden a que a avaliación da programación sexa satisfactoria. Na reunión do departamento posterior ás sesión de avaliacións analizaranse os resultados obtidos polo alumnado, indagando nas causas que puideron existir cando estes resultados non sexan satisfactorios e reflexionando sobre como melloralos.
O seguimento da pogramación farase a través da aplicación PROENS ao remate de cada unidade didáctica, referenciando cada elemento relevante nas mesmas (temporalización, secuenciación, grao de cumprimento e propostas de mellora).
Nas reunións de final de curso previas á memoria final do departamento analizarase a idoneidade ou non da metodoloxía utilizada, da secuenciación prevista, dos materiais didácticos utilizados, da adecuación dos criterios de avaliación, da contribución á adquisición das competencias clave, etc.