Vista preliminar da
Vista preliminar da programación na que poderá consultar todos os apartados da programación.
1. Introdución (Elaborado)
A presente programación didáctica, elaborada para a materia de Bioloxía e Xeoloxía do 1º curso da ESO, ten como referencia o currículo que establece o Decreto 156/2022, do 15 de setembro do 2022, polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia.
A materia de Bioloxía e Xeoloxía de 1º da ESO, busca fomentar a curiosidade que o alumnado presenta sobre o medio que o rodea, afondar no coñecemento científico da realidade na sociedade na que vive e propiciar unha análise crítica das actitudes que levan a un consumo responsable, un coidado medioambiental e un respecto cara o resto dos seres vivos.
Outro aspecto que foi tido en conta á hora de deseñar a presente programación foi o centro no que se levará a cabo: as características do mesmo, as do seu alumnado e o seu entorno. Esta programación didáctica está pensada para ser levada á práctica no IES do Milladoiro, no concello de Ames, a escasos quilómetros de Santiago de Compostela. O instituto inicia o seu undécimo curso académico con 530 alumnos/as entre os/as que se inclúen vinte nacionalidades diferentes e unha gran diversidade cultural, socioeconómica e socioeducativa.
No contexto de gran diversidade cultural que presenta o alumnado do noso centro preténdese tamén, a través desta materia, fomentar o respecto, a solidariedade, o traballo en equipo e as vocacións científicas. Esta materia pretende tamén achegarse ao coñecemento de como funciona a ciencia a través do método científico, traballar o uso responsable e crítico das tecnoloxías da información e comunicación na busca de fontes fiables de información e fomentar o espírito creativo e emprendedor. Desta forma, a materia de Bioloxía e Xeoloxía contribúe ao desenvolvemento de todas as competencias clave desta etapa educativa.
Temos 4 grupos de 1º da ESO cunha media de 20 alumnos/as por aula. Hai 7 alumnos/as que repiten curso. O alumnado con NEAE ronda os 20 alumnos/as.
4.1. Concrecións metodolóxicas (Elaborado)
A metodoloxía será activa e participativa favorecendo o traballo individual e cooperativo do alumnado e perseguindo o logro das competencias correspondentes. Tendo en conta isto, empregaranse varias estratexias metodolóxicas como as seguintes:
-Exposición dos contidos por parte do profesorado, utilizando diversos soportes visuais e previo coñecemento das ideas previas e dificultades de aprendizaxe do alumnado. A exposición realizarase de forma estruturada, do máis simple ao máis complexo, para facilitar a comprensión e a resolución de problemas.
-Distribución das sesións de aula con tempos para a introdución do tema (valorando os coñecementos previos) ou o repaso se é continuación dunha sesión previa, a explicación e afianzamento de contidos utilizando varias metodoloxía e a resolución de problemas ou exercicios para poñer en práctica ou aplicar de forma significativa os coñecementos adquiridos.
-Exercicios de reforzo e afianzamento de conceptos clave.
-Proxectos ou actividades de investigación (en forma de traballos individuais ou en grupo), nos que o alumnado abordará unha tarefa pasando polas fases planificación, deseño e investigación aplicando as aprendizaxes adquiridas e o uso efectivo dos recursos. Nos traballos en grupo teranse en conta as diferentes dificultades e as aportacións de cada persoa ao grupo, así como as afinidades, para a determinación dos grupos de traballo
-Actividades de autoavaliación para comprobar o grao de aprendizaxe logrado polo alumnado, detectar erros nos coñecementos adquiridos e reforzar a aprendizaxe.
Segundo o tipo de tarefas ou traballos, ou os contidos tratados, poden realizarse agrupamentos de gran grupo (toda a aula), grupos de traballo pequenos ou traballo individual.
O espazo será a aula de referencia do grupo ou espazos concretos para actividades que se realicen fóra do centro.
5.1. Procedemento para a avaliación inicial (Elaborado)
A avaliación inicial pretende detectar as ideas previas e as competencias acadadas en etapas anteriores, así como posibles dificultades ou necesidades educativas especiais non detectadas previamente, para construír as novas apredizaxes e atender á diversidade do alumnado.
Esta avaliación inicial realizarase nas primeiras semanas do curso mediante unha serie de actividades, xogos ou pequenas tarefas nas que poder observar ao alumnado e tomar nota dos coñecementos previos e dificultades do alumnado. Exemplos de probas de avaliación inicial son kahoots sobre os seres vivos ou cuestións sobre o noso planeta, videos ou textos con preguntas para valorar o comprendido, redaccións breves relativas a temas medioambientais, exercicios simples que impliquen cálculos matemáticos ou vocabulario científico...
5.3. Procedemento de seguimento, recuperación e avaliación das materias pendentes (Elaborado)
Os alumnos e alumnas coa materia de Bioloxía e Xeoloxía de 1º curso pendente serán informados a principio de curso das medidas de recuperación e os procedementos e instrumentos de avaliación por entrevista persoal e a través da aula virtual correspondente. Ao longo de todo o curso serán orientados no seu proceso de aprendizaxe sempre que o requiran. As familias serán informadas a través da mensaxería de abalar.
A imposibilidade de facer un seguimento diario de case todo o alumnado, pois en 2º da ESO non se cursa Bioloxía e Xeoloxía, obríganos a traballar na recuperación da materia da seguinte forma:
Traballaranse os contidos a través duns boletíns ou cuestionarios para cada unha das unidades didácticas. Para a resolución destas tarefas o alumnado contará cun libro de texto en préstamos e apuntes, material audiovisual e test de autoavaliación na aula virtual.
Na 1ª avaliación entregaranse os boletíns relativos ás unidades didácticas desta avaliación que se valorarán cunha nota de 0 a 10.
Na 2ª avaliación entregaranse os boletíns relativos ás unidades didácticas da segunda e terceira avaliación que se valorarán cunha nota de 0 a 10.
Na 3ª avaliación e tras realizar a proba escrita, calcularase a nota final da seguinte forma: a nota dos boletíns ponderará como un 30% do peso da nota final, e a proba escrita suporá un 70 % de peso da nota final. Unha vez realizada esta ponderación consideraranse aprobados aqueles alumnos e alumnas que acaden unha nota de 5 ou superior.
O alumnado que non acade unha nota de 5 terá oportunidade de entregar os boletíns de exercicios nun novo prazo de entrega e realizará unha nova proba escrita a finais de xuño. A ponderación será tamén dun 30% para os boletíns e un 70% para a proba escrita. Se a media é de 5 un superior a materia considerarase aprobada.
5.4. Procedemento para acreditar os coñecementos necesarios en determinadas materias (Elaborado)
6. Medidas de atención á diversidade (Elaborado)
Para os alumnos con Necesidades Específicas de Apoio Educativo, como medida ordinaria, serán deseñadas de xeito específico actividades en cada unha das unidades didácticas (enunciados curtos, unir, completar, ordenar, sinalar...), así como probas escritas adaptadas ás súas características específicas. Estas probas, se ben presentarán os mesmos contidos en concordancia cos criterios de avaliación, estarán formuladas de xeito máis directo e compostas por cuestións análogas ás anteriormente comentadas. Todo isto sen prexuízo de que a medida que avance o curso poida detectarse a necesidade deste tipo de actividades individualizadas noutros alumnos/as establecéndose, de ser o caso, os necesarios reforzos educativos.
Por outra banda, tamén están previstas actividades de ampliación para aquel alumnado que presente un maior ritmo de aprendizaxe ou alumnado de altas capacidades. Tratarase de actividades motivadoras, que en todo caso vaian máis aló dos xa afianzados mínimos da materia e que supoñan un maior desafío na busca de información, así como a interrelación dos diferentes contidos.
8.2. Procedemento de seguimento, avaliación e propostas de mellora (Elaborado)
O seguimento de cada unidade da programación realizarase en PROENS. De xeito periódico, analizarase o grao de avance da materia, en relación coa programación, así como diversos cambios propostos para adaptarse ás necesidades educativas da aula. Cada avaliación revisarase o seguimento adecuado da programación didáctica, sobre todo analizando os resultados obtidos polo alumnado na avaliación.
Por outra banda, na memoria fin de curso, reflectiranse os contidos impartidos, cambios propostos para sucesivos cursos ou problemas o poñer en práctica o acordado nela.