Vista preliminar da
Vista preliminar da programación na que poderá consultar todos os apartados da programación.
1. Introdución (Elaborado)
As humanidades e a proposta dunha educación humanista na civilización europea van intrinsecamente ligadas á tradición e á herdanza cultural da Antigüidade clásica. Unha educación humanista sitúa as persoas e a súa dignidade como valores fundamentais, guiándoas na adquisición das competencias que necesitan para participaren de forma efectiva nos procesos democráticos, no diálogo intercultural e na sociedade en xeral. A través da aprendizaxe da lingua, a cultura e a civilización gregas, a materia de Grego permite unha reflexión profunda sobre o presente e sobre o papel que o humanismo pode e debe desempeñar ante os retos e desafíos do século XXI. Esta materia contén, ademais, un valor instrumental para a aprendizaxe de linguas, literatura, relixión, historia, filosofía, política ou ciencia, capacitando o alumnado que a cursa, non sendo unha materia obrigatoria, para ampliar o seu coñecemento sobre estes aspectos, proporcionando un substrato cultural que permite comprender o mundo, os acontecementos e os sentimentos, e que contribúe á educación cívica e cultural do alumnado.
A materia de Grego ten como principal obxectivo o desenvolvemento dunha conciencia crítica e humanista desde a que poder entender e analizar as achegas da civilización helena á identidade europea, a través da lectura e a comprensión de fontes primarias e da adquisición de técnicas de comprensión de textos que lle permitan ao alumnado utilizar estas fontes de acceso á Antigüidade grega como instrumento privilexiado para coñecer, comprender e interpretar os seus aspectos principais. Por iso, a materia vertébrase arredor de tres eixes: a lingua, os textos e a súa comprensión; a aproximación crítica ao mundo grego; e o estudo do patrimonio cultural e o legado da civilización grega.
A comprensión do texto está no centro dos procesos de ensino e aprendizaxe das linguas e culturas clásicas. Para entender criticamente a civilización helena, o alumnado de Grego localiza, identifica, contextualiza e comprende os elementos esenciais dun texto, progresando nos coñecementos de morfoloxía, sintaxe e léxico grego e, de ser o caso, o uso oral e escrito da lingua grega baixo a guía do profesorado. Ademais destes saberes de carácter lingüístico, o uso activo do grego, a comprensión do texto e a súa tradución son procesos clave que permiten activar saberes de carácter non lingüístico. O texto ¿orixinal, adaptado, en edición bilingüe ou traducido, en función da situación¿ é o punto de partida desde o cal o alumnado mobiliza todos os contidos para, partindo da súa contextualización, concluír unha lectura comprensiva directa e eficaz e unha interpretación razoada do seu contido. As técnicas e estratexias implicadas no proceso de comprensión dun texto e/ou a súa tradución contribúen a desenvolver a capacidade de negociación para a resolución de problemas, así como a constancia e o interese por revisar o propio traballo. Permite, ademais, que o alumnado entre en contacto coas posibilidades que este labor ofrece para o seu futuro persoal e profesional nun cando se opte pola utilización de métodos activos, o uso na aula da lingua grega, tanto oral como escrita, permitiralle ao alumnado, por unha banda, consolidar os coñecementos adquiridos e, por outra, poñer en práctica estratexias comunicativas que melloren a súa capacidade de expresión.
Así mesmo, a materia de Grego parte dos textos para favorecer a aproximación crítica ás achegas máis importantes do mundo heleno ao mundo occidental, así como á capacidade da civilización grega para dialogar coas influencias externas, adaptándoas e integrándoas nos seus propios sistemas de pensamento e na súa cultura. Ambos os aspectos resultan especialmente relevantes para adquirir un xuízo crítico e estético nas condicións cambiantes dun presente en constante evolución.
Esta materia prepara o alumnado para comprender criticamente ideas relativas á propia identidade, á vida pública e privada, á relación do individuo co poder e a feitos sociopolíticos e históricos, por medio da comparación entre os modos de vida da antiga Grecia e os actuais, contribuíndo así a desenvolver a súa competencia cidadá.
O estudo do patrimonio cultural, arqueolóxico e artístico grego, material e inmaterial, merece unha atención específica e permite observar e recoñecer na nosa vida cotiá a herdanza directa da civilización helena. A aproximación aos procesos que favorecen a sustentabilidade deste legado ¿preservación, conservación e restauración¿ supón, tamén, unha oportunidade para que o alumnado coñeza as posibilidades profesionais no ámbito dos museos, as bibliotecas ou a xestión cultural e a conservación do patrimonio.
Os obxectivos de Grego foron deseñados a partir dos descritores operativos das competencias clave nesta etapa, especialmente da competencia plurilingüe, a competencia en comunicación lingüística e a competencia cidadá, xa mencionada. A competencia plurilingüe, que ten como referente a Recomendación do Consello da Unión Europea do 22 de maio de 2018 relativa ás competencias clave para a aprendizaxe permanente, sitúa o latín e o grego clásicos como ferramentas para a aprendizaxe e a comprensión de linguas en xeral. O enfoque plurilingüe da materia de Grego en bacharelato implica unha reflexión profunda sobre o funcionamento non só da propia lingua grega, o seu léxico, os seus formantes, as súas peculiaridades e a súa riqueza en matices, senón tamén das linguas de ensino e daquelas que conforman o repertorio lingüístico individual do alumnado, estimulando a reflexión metalingüística e interlingüística e contribuíndo ao reforzo das competencias comunicativas, ao aprecio da diversidade lingüística e á relación entre as linguas desde unha perspectiva inclusiva, democrática e libre de prexuízos.
Estes obxectivos ofrecen, polo tanto, a oportunidade de establecer un diálogo profundo entre presente e pasado desde unha perspectiva crítica e humanista: por un lado, situando o texto, a súa comprensión e/ou a súa tradución e, de ser o caso, a produción lingüística activa, como elementos fundamentais na aprendizaxe das linguas clásicas e como porta de acceso á súa cultura e civilización, activando simultaneamente os contidos de carácter lingüístico e non lingüístico; e por outro lado, desenvolvendo ferramentas que favorezan a reflexión crítica, persoal e colectiva arredor dos textos e do legado material e inmaterial da civilización grega e a súa achega fundamental á cultura, a sociedade, a política e a identidade europeas.
Os criterios de avaliación da materia permiten avaliar o grao de logro dos obxectivos por parte do alumnado, polo que se presentan vinculados a elas. Consonte a súa formulación competencial, exponse enunciando o proceso ou capacidade que o alumnado debe adquirir e o contexto ou modo de aplicación e uso. A nivelación dos criterios de avaliación desenvolveuse tendo en conta a adquisición das competencias de forma progresiva durante os dous cursos. Neste sentido, os procesos de autoavaliación e coavaliación prevén o uso de ferramentas de reflexión sobre a propia aprendizaxe como o portfolio lingüístico, a contorna persoal de aprendizaxe, o diario de lectura ou o traballo de investigación.
Os criterios de avaliación e os contidos distribúense nos dous cursos, permitindo unha gradación e secuenciación flexible segundo os distintos contextos de aprendizaxe, e están organizados en cinco bloques:
- O primeiro bloque, «Comprensión e interpretación dos textos», común o primeiro e segundo curso, céntrase na aprendizaxe da lingua helena como ferramenta para acceder a fragmentos e textos de diversa índole a través da lectura directa e a tradución e comprende, pola súa vez, tres subloques: «Unidades lingüísticas da lingua grega»; «A tradución: técnicas, procesos e ferramentas» e «Destrezas comunicativas do uso da lingua grega». Esta última liña, potenciada polo feito de que o grego conta coa súa versión moderna na cal é doado apoiarse tanto no aspecto léxico como no uso da pronunciación histórica, ten como obxectivo sustentar normativamente o uso, cada día máis estendido, de métodos activos para a aprendizaxe do grego sen limitar, de ningún xeito, o uso da metodoloxía tradicional, deixando a criterio do profesorado a escolla do achegamento que lle pareza en cada caso máis axeitado.
- O segundo bloque, «Grego e plurilingüismo», común o primeiro e segundo curso, pon o acento en como a aprendizaxe da lingua grega, en concreto o estudo e identificación dos étimos gregos, amplía o repertorio léxico do alumnado para que adecúe de maneira máis precisa os termos referidos ás diferentes situacións comunicativas.
- O terceiro bloque, «Legado e patrimonio», común o primeiro e segundo curso, remarca a importancia que ten na sociedade actual o legado da Grecia clásica tanto no ámbito cultural como no social e político.
- O cuarto bloque, «A antiga Grecia», que será tratado no primeiro curso, comprende as estratexias e coñecementos necesarios para o desenvolvemento dun espírito crítico e humanista, fomentando a reflexión sobre as semellanzas e diferenzas entre pasado e presente. O quinto e último bloque, «Legado e patrimonio», recolle os coñecementos, destrezas e actitudes que permiten a aproximación á herdanza material e inmaterial da civilización grega recoñecendo e apreciando o seu valor como fonte de inspiración, como testemuño da historia e como unha das principais raíces da cultura europea.
- O quinto bloque, «A literatura grega nos seus textos», tratado só no segundo curso, integra todos os saberes implicados na comprensión e interpretación de textos literarios gregos, contribuíndo á identificación e descrición de universais formais e temáticos inspirados en modelos literarios clásicos mediante un enfoque intertextual.
4.1. Concrecións metodolóxicas (Elaborado)
A materia de Grego, como a de Latín, ten unha serie de elementos que obrigan a facer un uso amplo e diverso de metodoloxías. Por unha banda, a lingua grega é iso, unha lingua, o que supón o emprego de metodoloxías propias da aprendizaxe de calquera outra lingua que permitan a adquisición de destrezas, como son a expresión oral e escrita e a comprensión oral e escrita, ademais da interacción oral.
A consideración das linguas clásicas como linguas mortas propiciou nos últimos dous séculos a consolidación dunha metodoloxía de aprendizaxe, baseado nun profundo coñecemento gramatical e na utilización constante de glosarios ou dicionarios para poder entender os textos a través da tradución dos textos gregos cara á lingua propia.
Por outra parte, cómpre considerar que o currículo conta tamén cun importante grupo de contidos non lingüísticos relacionados coa xeografía, historia, sociedade, relixión e legado para os cales hai que utilizar unha metodoloxía ben diferente.
METODOLOXÍA PARA AS UNIDADES CON CONTIDOS NON LINGÜÍSTICOS.
Explicación por parte do profesorado e traballo posterior do alumnado mediante a elaboración de exercicios e traballos guiados e que se avalía fundamentalmente a través de táboas de indicadores como rúbricas.
A aula invertida (flipped classroom). Este modo de traballo supón que o alumnado accede á información de modo previo e despois procédese a traballar de modo activo na aula aplicando ese coñecemento previo adquirido. Esta metodoloxía presenta, entre outros, o reto de que tanto profesorado como alumnado debe contar con acceso e suficiente destreza de uso das TIC.
Traballo por proxectos, que require un no que a vinculación da materia a este resulte clara e convincente e unha planificación precisa e realista dos tempos, dos procesos e tarefas así como dos produtos ou resultado final do traballo.
Aprendizaxe cooperativa: cooperar para aprender, aprender a cooperar. Organización do alumnado en parellas (por tratarse de moi pouco alumnado) e traballo mediante estruturas propias da cooperación, que permiten que ambas persoas realicen o mesmo traballo e adquiran o mesmo nivel de competencia.
METODOLOXÍA PARA AS UNIDADES CON CONTIDOS LINGÜÍSTICOS.
O estudo da gramática realizarase mediante exposicións teóricas moi sinxelas, nas que se procurará omitir excepcións e irregularidades; estas indicaranse segundo vaian aparecendo nos textos. As explicacións apoiaranse en exercicios prácticos que conteñan exemplos do tema desenvolvido e recapitulen o anterior. Empregarase, polo tanto, unha metodoloxía de enfoque gramaticalista da aprendizaxe da lingua grega cunha explicación gramatical e sintáctica por parte do persoal docente, para pasar despois á elavoración de exercicios nos que se exemplifican ou reforzan os coñecementos adquiridos.
Traducións, moi útil para asimilar o funcionamento interno da lingua e para a adquisición de vocabulario. Doutra banda, reflicte perfectamente o grao de coñecemento gramatical do alumnado. Os textos deben seleccionarse en función do seu interese cultural e lingüístico, xa sexan adaptacións, xa orixinais de autores gregos.
O vocabulario elixirase a partir dos textos, tendo en conta, sobre todo, a súa frecuencia. O estudo dos helenismos está intimamente ligado á aprendizaxe do vocabulario e, malia que nos contidos non apareza unha sección especificamente dedicada a eles, ao longo do curso faranse exercicios variados de etimoloxía, derivación, composición..., que favorezan o enriquecemento do vocabulario dos alumnos/-as.
Para favorecer o ritmo de adquisición de coñecementos buscarase a aprendizaxe cooperativa: cooperar para aprender, aprender a cooperar. Organización do alumnado en parellas (por tratarse de moi pouco alumnado) e traballo mediante estruturas propias da cooperación, que permiten que ambas persoas realizen o mesmo traballo e adquiran o mesmo nivel de competencia.
Dada a importancia instrumental das novas tecnoloxías da información no mundo actual, daráselle especial importancia o uso de dispositivos informáticos para a resolución de exercicios, búsqueda de información e realización de traballos tanto grupais como individuais. Todo isto co obxectivo de que os alumnos/as aprendan a empregar de xeito responsable e construtivo as novas tecnoloxías da información.
5.1. Procedemento para a avaliación inicial (Elaborado)
Aínda que se trata dunha materia que o alumnado non cursou con anterioridade, hai que considerar o posible alumnado repetidor e os coñecementos previos sobre o mundo grecorromano que poidan ter adquirido en cursos previos noutras materias como Cultura Clásica ou Latín na ESO. Por esta razón e para adecuar as explicacións ao nivel de coñecementos da clase, presentaremos na segunda sesión lectiva unha proba escrita de diagnóstico.
OBXECTIVOS
1. Saber que alumnado cursou Cultura Clásica e/ou Latín de 4.º de ESO
2. Coñecer as motivacións do alumnado para a escolla da materia de Grego I
3. Identificar o alumnado con necesidade específica de apoio educativo (ACNEAE)
4. Valorar o coñecemento que o alumnado ten do mundo e cultura helénica en xeral e da lingua grega en particular
INSTRUMENTOS
1. Cuestionario escrito no que o alumnado debe responder preguntas relacionadas cos catro obxectivos apuntados anteriormente
2. Diálogo informal co alumnado os primeiros días de clase
5.3. Procedemento de seguimento, recuperación e avaliación das materias pendentes (Elaborado)
O principal obxectivo deste procedemento é a recuperación das aprendizaxes non adquiridas e irá dirixido ao alumnado que promocione sen superar a materia.
O departamento programará as actividades e probas que o alumnado debe realizar durante o curso, o seguimento e os criterios de avaliación. O profesorado da materia de Grego II en 2.º de bacharelato será o encargado da facer o seguimento do alumnado que promocione coa materia pendente. De non existir esa posibilidade, porque non se imparta a materia de Grego II, o xefe ou xefa de Departamento decidirá quen se ocupa dese seguimento que se realizará nas sesións de reunión do equipo docente do grupo no que cursa o alumnado.
O alumnado que non se matricule en Grego II en 2º de bacharelato, poderá escoller outra materia e seguir o procedemento que aquí describimos para recuperar Grego I.
Deseñaranse programas de reforzo individualizados para a recuperación das aprendizaxes non adquiridas, proporcionando boletíns de exercicios, cuestionarios na aula virtual, libros de lectura obrigatoria con cuestionarios de seguimento e probas escritas en datas proporcionadas pola xefatura de estudos.
A nota será produto da media aritmética de todas as notas obtidas nas probas propostas durante o curso.
5.4. Procedemento para acreditar os coñecementos necesarios en determinadas materias (Elaborado)
O alumnado que queira cursar a materia de Grego II sen ter cursado a presente materia de Grego I, deberá cursar esta materia como pendente acolléndose ao procedemento de seguimento, recuperación e avaliación das materias pendentes descritos no punto 5.3 e de acordo co descrito no artigo 32 da Resolución de 26 maio do 2022 pola que se ditan instrucións para o desenvolvemento do curso académico 2024-25.
Terá dúas opcións para incorporarse á materia de segundo de bacharelato. A primeira sería acreditar eses coñecementos necesarios nunha proba escrita deseñada a tal efecto polo Departamento didáctico e que se realizaría antes do comezo do curso para poder avaliala e determinar se pode matricularse. Isto suporía que supera a materia de Grego I coa nota obtida na proba escrita. Esta proba constará das seguintes partes:
a) Preguntas tipo test sobre aspectos relacionados coa historia, sociedade, goberno, mitoloxía, legado, no que se avalían os contidos correspondentes ás unidades didácticas de contidos non lingüísticos desta programación. Estas preguntas achegarán o 25 % da puntuación total da proba.
b) Exercicio de lectura en voz alta dun texto en grego clásico. Esta pregunta achegará o 10 % da puntuación total da proba.
c) Exercicio de comprensión de texto. O alumnado lerá un texto e responderá en grego as preguntas de comprensión deste texto. Esta pregunta achegará o 30 % da puntuación total da proba.
d) Exercicio de tradución de texto grego a galego ou castelán. Esta pregunta achegará o 35 % da puntuación total da proba.
A outra opción, dado que esta materia conta con gran parte de contidos progresivos, sería superar a primeira avaliación de Grego II con nota de 5 como mínimo e esa sería a cualificación da materia de Grego I como pendente.
De non superar ningún destes procedementos, o alumnado deberá seguir cursando a materia de Grego I segundo o procedemento do punto 5.3.
6. Medidas de atención á diversidade (Elaborado)
O principal obxectivo destas medidas é o seguimento do alumnado que require unha atención especial en función das súas características, motivacións ou circunstancias educativas e persoais, e o de aquel alumnado que permanece un ano máis no mesmo curso.
Sendo o Grego I unha materia de opción de modalidade que o alumnado escolle de forma voluntaria, xa constitúe unha das vías que establecen resposta á diversidade de intereses e necesidades do alumnado. Con carácter xeral a ensinanza debe ter unha natureza individualizada, que tome en consideración o punto de partida de cada alumno ou alumna, traballando na medida do posible de xeito particular sobre a súa motivación, os seus intereses e as súas capacidades de aprendizaxe. Neste sentido débese prestar atención especial ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo. De xeito ordinario adoptaranse unha serie de medidas encamiñadas a previr ou compensar dificultades leves mediante a adecuación do currículo vixente, sen alterar ningún dos seus elementos prescritivos, co fin de que a diversidade do alumnado acade as capacidades establecidas nos obxectivos. Logo da avaliación inicial e seguindo as indicacións do Departamento de Orientación, adoptaranse medidas como:
- Adecuación da estrutura organizativa do centro (horarios, agrupamentos, espazos) e da organización e xestión da aula ás características do alumnado. Trátase neste punto, por exemplo, da colocación do alumnado na aula (proximidade á persoa docente, agrupación en parellas, etc.)
- Adecuación da programación didáctica ao contorno e ao alumnado. Este punto é básico e debe determinar dende o primeiro momento a programación de todas as materias do centro.
- Adaptación dos tempos e instrumentos ou procedementos de avaliación. Esta medida será unha das máis frecuentes e de fácil aplicación.
- Programas de recuperación. A elaboración dun programa específico para recuperar as avaliacións e tamén a materia no seu conxunto debe ser unha medida a considerar no caso de alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.
- Reunións periódicas do equipo docente convocadas polo profesorado titor. Seguimento de casos e intervención cando a situación o aconselle.
Estas medidas poderanse tomar nos seguintes casos:
- Alumnado con altas capacidades intelectuais.
- Alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.
- Alumnado con integración tardía no sistema educativo.
- Alumnado que permanece máis dun ano no mesmo curso.
En todo caso, a posta en práctica destas medidas ou de calquera outra non relacionada anteriormente deberá facerse baixo a supervisión e en estreita colaboración co Departamento de Orientación e o resto do equipo docente
8.2. Procedemento de seguimento, avaliación e propostas de mellora (Elaborado)
Esta programación constitúese como un instrumento vivo que o docente seguirá como marco de referencia e que permite introducir as correccións e melloras pertinentes, evitando así as improvisacións. Todo iso conseguirase seguindo as directrices desenvolvidas nos puntos e elementos anteriores dunha maneira flexible e adaptándose ás circunstancias concretas do centro e do alumnado.
A programación, nos puntos que se estime, revisarase nas reunións que o Departamento celebra, como mínimo cada mes, especialmente despois de analizar os resultados de cada unha das avaliacións, así como en calquera momento no que os membros do Departamento o consideren oportuno. Calquera cambio que se realice será comunicado aos membros da comunidade educativa que se vexan afectados.
Os elementos que serán revisados de maneira especial serán os seguintes:
- Número de sesións previstas e número de sesións utilizadas en cada UD
- Orde dos contidos explicados
- Actividades realizadas
- Grao de cumprimento da UD
- Obxectivos alcanzados
- Propostas de mellora
Estes cambios e adaptacións serán recollidos nas correspondentes actas de reunión, no apartado de seguimento da propia plataforma Proens e posteriormente na memoria final de curso.
Na derradeira reunión de departamento recolleranse as propostas de mellora de cara a modificar e mellorar a programación da materia no vindeiro curso