Vista preliminar da
Vista preliminar da programación na que poderá consultar todos os apartados da programación.
1. Introdución (Elaborado)
A presente programación desenvolve o currículo da materia 2ª Lingua estranxeira - Francés en 2º ESO no centro educativo 15032807- IES DO MILLADOIRO.
O departamento de Francés ten encomendada a docencia de 2 grupos no presente curso 2024-2025.
Desde o comezo do 2º curso da educación secundaria obrigatoria, preténdese que o alumnado continúe progresando na súa madurez lingüística e social para ampliar as marxes da súa competencia plurilingüe e pluricultural.
A materia Segunda Lingua Estranxeira: Francés impártese en 2º ESO como optativa e conta cunha carga semanal de 2 sesións.
No 2º curso da educación secundaria obrigatoria, o alumnado estivo xa un curso en contacto con polo menos dúas linguas estranxeiras polo que xa estivo en relación, cando menos elementalmente, con culturas e interaccións diferentes ao seu contexto habitual. Neste curso, preténdese que o alumnado continúe progresando na súa madurez lingüística e social para ampliar as marxes da súa competencia plurilingüe e pluricultural.
No actual contexto de globalización, o coñecemento de linguas (en plural) é un requisito imprescindible. Mediante a competencia plurilingüe e pluricultural, o alumnado poderá mobilizar o repertorio plural dos recursos lingüísticos e culturais das linguas que conformen o seu repertorio lingüístico (linguas cooficiais da nosa comunidade, linguas estranxeiras -vivas ou clásicas- e linguas de migración, se é o caso) e así enfrontarse á necesidade de comunicar noutra lingua estranxeira apoiado polos coñecementos e experiencias lingüísticas e culturais adquiridos en todas as linguas coñecidas ou aprendidas.
A ensinanza de linguas estranxeiras é un proceso complexo que implica definir unha apropiada metodoloxía, unha concepción da linguaxe e a aplicación dunha estratexia didáctica que facilite ao alumnado o desenvolvemento das súas habilidades lingüísticas de acordo coas súas necesidades comunicativas. Ademais, a forma de ensinar linguas estranxeiras está relacionada co enfoque lingüístico predominante. Isto significa que existe unha estreita relación entre a teoría lingüística vixente e a metodoloxía aplicada na aula de linguas estranxeiras.
Na aprendizaxe dunha lingua estranxeira, preténdese que o alumnado valore a nivel persoal e académico a riqueza que supón o coñecemento da lingua francesa, lingua falada nos cinco continentes por máis de 200 millóns de persoas no mundo enteiro. Na Unión Europea, ocupa o 2º posto como lingua materna. Trátase da 2ª lingua máis ensinada do mundo.
Esta programación adopta o enfoque comunicativo que o Consello de Europa promove no Marco Común Europeo de Referencia para a aprendizaxe das linguas estranxeiras.
Os criterios de avaliación da materia, na súa formulación competencial, aseguran a consecución dos obxectivos aos que están vinculados. A nivelación dos criterios de avaliación está adecuada á madurez, experiencias de aprendizaxe lingüísticas previas e desenvolvemento psico-evolutivo do alumnado de 2º de educación secundaria obrigatoria.
Esta programación estrutúrase en 6 unidades didácticas cun peso na materia progresivamente ascendente e cun peso específico para cada un dos tres bloques da materia: Comunicación, Plurilingüismo e Interculturalidade (70, 20 e 10 % respectivamente) considerando que cada un dos criterios de avalación se desenvolve progresivamente ao longo de cada unidade didáctica.
A programación está baseada no principio de flexibilidade, inclusión e atención á diversidade. Debe adaptarse ás modificacións necesarias en función das características, necesidades e intereses do alumnado e ter en conta o contexto sociocultural e económico do IES do Milladoiro
Todo isto obriga a ter unha maior flexibilidade á hora de programar, e sobre todo á hora de levar a cabo a práctica da programación, en función da resposta do alumnado, para intentar que poidan lograr unha base sólida, que lles permita comunicarse en francés cun nivel aceptable de autonomía. Neste sentido, é importante motivar e atender persoalmente a todo o alumnado, e intentar que sintan a materia como algo útil, que lles serve para comunicarse, e en moitas ocasións para poñerse ao día nos seus estudos e adquirir máis información á hora de integrarse no seu futuro campo profesional.
A interculturalidade, a transversalidade así como a interdisciplinariedade son constantes ao longo do proceso de ensino-aprendizaxe competencial: historia (datas relevantes, acontecementos históricos), matemáticas (cálculos, problemas), xeografía, estudio do medio, lingua (etimoloxía, préstamos lingüísticos, crucigramas, referencia continua ás linguas propias), música e artes plásticas (cancións, debuxos, collages, cadros representativos da pintura europea), psicoloxía (tests persoais), literatura (cómics, poemas, escritores franceses clásicos e modernos). Isto debe conseguirse mediante o exercicio do diálogo, lecturas, material audiovisual e multimedia, o que lles permitirá asemade reforzar os seus coñecementos noutras materias que estean estudando. As actividades complementarias propostas contribúen a estas finalidades. Tamén se procurará a integración da competencia dixital ao longo do desenvolvemento desta programación.
4.1. Concrecións metodolóxicas (Elaborado)
A metodoloxía aplicada nas clases de segunda lingua estranxeira, guiaranse polos seguintes puntos:
- Activa e participativa, favorecendo tanto o traballo individual do alumnado como o cooperativo, fomentando o traballo autónomo e a autoavaliación, de cara a procurar os progresos.
- Aprendizaxe significativa, de modo que as novas adquisicións do estudante enlacen cos coñecementos previos, tanto do seu repertorio lingüístico como do mundo, para dar lugar a reestruturacións mentais cada vez máis inclusivas, amplas e ricas.
- Aprendizaxe funcional, segundo o cal as actividades de ensino-aprendizaxe parten de situacións reais, académicas e sociais, e retornan a elas en formas diversas de aplicación científica, técnica, social, etcétera.
- Recursos didácticos diversos e fontes de información variadas, coa intención de chegar ás preferencias, gustos e habilidades dun maior número de alumnado, e ofrecer unha visión o máis ampla posible das culturas que vehicula a lingua estranxeira.
- Aprendizaxe lúdica. Na medida do posible as actividades levadas a cabo terán unha compoñente lúdica, de cara a crear un clima de traballo positivo, favorecendo que o alumnado demande máis traballo-xogo e, en consecuencia, a aprendizaxe progrese cun ritmo e profundidade maior.
- Métodos que teñan en conta os diferentes ritmos de aprendizaxe, favorezan a capacidade de aprender por si mesmos e promovan a aprendizaxe en equipo.
- Emprego do francés como lingua vehícular na maior parte dos contextos posibles, tanto nas interaccións orais como nas escritas, favorecendo que o alumnado tamén a empregue para dirixirse ao profesorado, mais tamén aos seus iguais.
- Metodoloxía de proxectos, para unha adquisición eficaz das competencias. Deseñaranse actividades de aprendizaxe integradas que lle permitan ao alumnado avanzar cara aos resultados de aprendizaxe de máis dunha competencia ao mesmo tempo.
- Interdisdiplinariedade. Implementaranse proxectos comúns a varias materias, que contribúan á adquisición de contidos de todas elas e poidan ser avaliados baixo diferentes aspectos, contribuíndo no alumnado á percepción dun ensino máis global e coherente e rentabilizando o seu traballo e esforzo.
- Reflexión sobre o funcionamento da lingua, encamiñándoa a que o alumnado poida utilizar os coñecementos adquiridos sobre o novo sistema lingüístico como instrumento de control e autocorreción das produccións propias e como recurso para comprender mellor as alleas.
- Tratarase o erro como un elemento necesario no proceso de aprendizaxe, evidenciando que calquera falante e aprendiz dunha lingua estranxeira os comete. Levaranse a cabo correccións conxuntas e sistemáticas das produccións realizadas no grupo ou produccións alleas, mostrando que a detección de erros contribúe a evitar os propios. Valorarase positivamente a expresión, mesmo con erros ou recurso a outras linguais, fronte á non expresión (silencio).
- Coa finalidade de promover a comprensión lectora adicarase un tempo á lectura, así como actividades directamente ligadas ao fomento da lectura e á adquisición da competencia lingüística na súa vertente escrita (fotonovelas, banda deseñada, actividades de escritura e lectura en redes sociais, lecturas recomendadas, etc.). Estas actividades, e outras que poidan xurdir, incluiranse no plan lector do centro.
- Disposición da aula en pequenos grupos, o que facilita a interacción visual, a cooperación e promove unha mellor comunicación. Desaparecen por outra banda os lugares privilexiados de "diante-atrás", asimilados con frecuencia ao alumnado con mellor-peor rendemento e/ou actitude na aula.
- Recursos dixitais: Farase un uso puntual da aula virtual, presentando material explicativo, tarefas a realizar, probas, etc. Proporanse proxectos que requiran documentarse ou apoiarse en ferramentas dixitais para a súa exposición, contribuíndo así á adquisición da competencia dixital, entre outras.
- A integración da preparación de probas de certificación (DELF Scolaire) resulta nunha mellora das destrezas lingüísticas e nun incremento da motivación do alumnado .
- A materia contribúe á competencia plurilingüe ofrecendo oportunidades para interactuar en situacións comunicativas e para reflexionar sobre a linguaxe en xeral a través da comparación entre as distintas linguas que se están a aprender (TIL - Tratamento Integrado das Linguas). O recoñecemento e a aprendizaxe progresiva das regras de funcionamento do sistema interno da lingua estranxeira, a partir das linguas que se coñecen, mellorará a adquisición desta competencia.
- De ser o caso, contar coa asignación dunha persoa auxiliar de conversa sería un elemento clave para acercar a realidade cultural e lingüística francófona ao noso alumnado e para facilitar a expresión oral. Achegaría a cultura dos países francófonos, reforzando a compoñente de multiculturalidade.
5.1. Procedemento para a avaliación inicial (Elaborado)
- Adicarase á avaliación inicial as tres (3) primeiras sesións do curso.
- Proporase unha rúbrica de autoavaliación, que se reutilizará ao longo do curso, podendo constatar os progresos realizados.
- Levaranse a cabo actividades -individuais e grupais- que permitan avaliar o grao de adquisición das cinco destrezas: comprensión e expresión, tanto oral como escrita, e mediación.
- Proporase algunha proba, similar ás do DELF escolar, ben dun nivel correspondente ao fixado ao remate do curso anterior (de cara a constatar se o grao de adquisición é o requirido para comezar o curso), ben do nivel correspondente ao perfil de saída do presente curso (de cara a mostrar ao alumnado o camiño que queda por percorrer, salientando aquelas destrezas nas que o nivel é máis alto e, polo tanto, a distancia a salvar menor).
5.3. Procedemento de seguimento, recuperación e avaliación das materias pendentes (Elaborado)
a) O alumnado que promocionou coa materia pendente será convocado a unha primeira xuntanza pola Xefatura do Departamento. Recibirá información do plan de reforzo que se levará a cabo. Este plan ten como referentes os obxectivos da materia e a adquisición das competencias. Nel figurará o procedemento de seguimento, recuperación e avaliación da materia. Esta información estará pendurada na aula virtual. As familias serán advertidas.
De todo este procedemento, así como do seu contido, informarase igualmente ao profesorado titor deste alumnado.
b) O alumnado terá tres oportunidades para superar a materia pendente:
-A través da entrega de boletín de actividades: 16 de xaneiro (UD1-UD2-UD3) e 16 de abril (UD4-UD5-UD6). Coa entrega destes boletíns darase por superada a materia.
-O alumnado que non entregara os boletíns deberá presentarse a unha proba no mes de maio (da UD1 á UD6).
- Para o alumnado que non conseguíu superar a materia en ningunha das condicións anteriores: debera presentarse á convocatoria ordinaria de xuño (da UD1 á UD6).
As datas de realización das probas serán programadas pola Xefatura de Estudos e publicadas na web do centro.
c) O alumnado será convocado mensualmente polo seu profesorado ou pola Xefatura do Departamento (se non cursa a materia no presente curso). Nesas xuntanzas o alumnado presentará o traballo que leva realizado para que o profesorado poida facer un seguimento e reorientalo se fose preciso.
Para superar a materia deberá acadar o cinco (5) sobre dez nunha proba escrita.
5.4. Procedemento para acreditar os coñecementos necesarios en determinadas materias (Elaborado)
6. Medidas de atención á diversidade (Elaborado)
Enténdese atención á diversidade como o conxunto de medidas e accións que teñen como finalidade adecuar a resposta educativa ás diferentes características e necesidades, ritmos e preferencias de aprendizaxe, motivacións, intereses e situacións sociais e culturais de todo o alumnado.
En consonancia coas medidas que a lexislación prevé que o equipo directivo, o profesorado titor e os servizos de orientación deben observar, como profesorado específico da materia de segunda lingua estranxeira cómpre levar a cabo estas outras:
a) A colaboración co profesorado titor e coa xefatura do Departamento de Orientación na planificación e no desenvolvemento de actuacións destinadas ao axuste dos procesos de ensino e de aprendizaxe.
b) A utilización de estratexias metodolóxicas promotoras da inclusión, da solidariedade, do traballo en equipo, do respecto á diferenza e da convivencia de todo o alumnado, informando ao profesorado titor sobre o desenvolvemento persoal, social e educativo do alumnado que atende.
c) A consideración dos principios do deseño universal de aprendizaxe na atención educativa.
d) A participación nas estratexias de coordinación entre o equipo docente, baixo a dirección do profesorado titor.
As medidas de atención á diversidade (MAD) deben ter un carácter preventivo e compensador. A primeira delas será a avaliación inicial, que constitúe un factor preventivo por excelencia na atención á diversidade, especialmente cando se trata de alumnado con necesidade específica de apoio educativo. Esa avaliación ten como principais finalidades adaptar as ensinanzas á alumna ou ao alumno e facilitar a debida progresión na súa aprendizaxe. Os resultados da avaliación inicial servirán como referente para adoptar as decisións de tipo educativo que correspondan.
Segundo o perfil do alumnado, a atención á diversidade concretarase coas seguintes medidas:
a) O alumnado que permaneza un ano máis no mesmo curso.
Porase en marcha un plan específico personalizado co fin de adaptar as condicións curriculares ás necesidades do alumnado, para tratar de superar as dificultades detectadas. Este plan elaborarao o equipo docente, baixo a coordinación do profesorado titor, e desenvolverase ao longo de todo o curso.
O plan específico personalizado incluirá a identificación da alumna ou do alumno, a relación das necesidades educativas que motivaron a repetición do curso, as medidas ordinarias aplicadas no curso anterior, as estratexias metodolóxicas que se utilizarán no seu desenvolvemento, os recursos necesarios para o desenvolvemento do plan e, de ser o caso, a oferta de medidas extraordinarias.
As familias serán informadas deste plan, podendo acreditalo.
En cada sesión de avaliación farase o seguimento do plan específico personalizado e, de ser necesario, realizaránselle os axustes que proceda. Ao final do curso, na mesma sesión de avaliación, informarase sobre o seu desenvolvemento e o seu aproveitamento.
b) O alumnado con necesidade específica de apoio educativo.
Por tratarse dunha segunda lingua estranxeira, é altamente probable que o alumnado cun retraso madurativo, con trastornos do desenvolvemento da linguaxe e da comunicación fose proposto para unha exención nos dous primeiros cursos da ESO. Porén, é probable atopármonos con alumnado con trastornos de atención ou de aprendizaxe (TDAH, TDA, TEA, DEA etc.).
- Adoptarase un traballo en espiral, retomando o contido non adquirido inicialmente nun momento posterior de traballo, favorecendo así que o alumnado con trastornos de atención ou de aprendizaxe acade os obxectivos por abordar os contidos reiteradamente.
- Os materiais, instrumentos de avaliación e tempos de execución adaptaranse: tipo e tamaño das fontes, cores, espaciado, distribución no papel, material audiovisual complementario, etc.
- Sempre que sexa posible, levaranse a cabo actividades con material manipulativo, con soporte audiovisual e dixital.
- Este alumnado situarase estratéxicamente na aula, co fin de poder supervisar facilmente os seus progresos e minimizar as súas fontes de dispersión.
c) O alumnado con necesidades educativas especiais.
Na medida en que este alumnado, que afronta barreiras que limitan o seu acceso, a súa presenza, a súa participación ou a súa aprendizaxe, derivadas de discapacidade ou de trastornos graves de conducta, da comunicación e da linguaxe, escollen cursar esta segunda lingua estranxeira, poranse en marcha apoios e atencións educativas específicas para a consecución dos obxectivos de aprendizaxe establecidos con carácter xeral para todo o alumnado.
- A lexistación prevé que as Administracións educativas doten este alumnado do apoio preciso desde o momento da súa escolarización ou da detección da súa necesidade, polo que, de ser o caso sempre que faciliten , estes recursos poranse á disposición do alumnado.
- Impartiranse as clases de maneira que o alumnado con algunha discapacidade física poida acceder aos materiais, explicacións, tarefas, instrumentos de avaliación de xeito normalizado, sen que a súa discapacidade supoña un impedimento. (Ex.material visual e tarefas escritas para o alumnado con problemas de audición, material manipulativo e sonoro para o alumnado con problemas de visión, naturalmente co apoio da Fundación Once, material adaptado dixitalmente para o alumnado con problemas motrices e dificultades para a escrita, etc.)
- Implicarase o alumnado con necesidades derivadas de trastornos graves da comunicación e da linguaxe nas mesmas tarefas que o resto do grupo aínda que con distintos niveis de apoio e esixencia, favorecendo así a súa integración no grupo.
- Proporase o intercambio de saberes cos iguais mediante traballo cooperativo e organizado.
d) O alumnado en situación de vulnerabilidade socioeducativa e/ou cultural
Cando se presenten desigualdades derivadas de factores sociais e familiares, de violencia de xénero, económicos, culturais, xeográficos, étnicos ou doutra índole, a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e os propios centros docentes deberán asegurar a eliminación das barreiras, evitando a segregación deste alumnado no propio centro docente.
- De ser preciso, proporcionaráselle, nalgúns casos en calidade de préstamo, o material, funxible ou non, que requira para seguir con normalidade o discorrer das clases (ex. libros de texto, material funxible, fotocopias a custe cero, dispositivos e mesmo conexión a Internet).
- De ser preciso, ofrecerásenlle explicacións e material adicional que poidan contribuír a reducir ou facer desaparecer as desigualdades en orixe.
- De ser preciso, xestionarase a participación deste alumnado nas actividades complementarias e extraescolares que o Departamento organice.
- Na medida do posible, porase en valor transversalmente a orixe xeográfica, étnica ou cultural deste alumnado.
- Na medida do posible, evidenciaranse transversalmente os aspectos en común entre este alumnado e o resto do grupo de referencia (ex. idade, lugar de residencia, gustos musicais, etc.), favorecendo a integración e cohesión do grupo.
- Farase un seguimento estreito da asistencia, rendemento, etc. deste alumnado, informando rigurosamente ao profesorado titor.
e) O alumnado con altas capacidades intelectuais.
Este alumnado caracterízase por un potencial elevado nalgunha ou nalgunhas áreas do desempeño humano, en comparación cun grupo de referencia. Adoita ter un alto nivel de creatividade e persistencia nas tarefas de alta complexidade intelectual ligadas ás súas áreas de interes. Cómpre, por tanto, identificalas.
- Adaptaranse as explicacións e os materiais, aportando complexidade e profundidade na medida en que sexan adquiridos.
-Proporanse actividades similares ás do grupo de referencia, aínda que cun grao de complexidade ou extensión superior, atendendo as demandas de carácter máis profundo do alumnado con niveis de partida máis avanzados ou cun interese maior sobre o tema estudado, evitando así a desmotivación.
- Evitaranse as tarefas repetitivas, que adoitan incidir negativamente no nivel de motivación, promovendo as que medren en complexidade e sexan variadas en temática e soporte.
- Na medida do posible, integraranse as áreas de intererese deste alumnado na temática dos materiais e proxectos.
- Proporase o intercambio de saberes cos iguais mediante traballo cooperativo e organizado.
- Proporánselle tarefas de ampliación que apelen á creatividade.
f) O alumnado de incorporación tardía ao sistema educativo.
Este alumnado adoita presentar dificultades para acadar os obxectivos e as competencias que lle corresponderían pola súa idade. Esas dificultades maniféstanse, especialmente, no descoñecemento dalgunha das linguas oficiais de Galicia e/ou no desfasamento curricular.
É moi posible que este alumnado xa fose proposto para unha exención da segunda lingua estranxeira nos primeiros cursos da ESO. De non ser así, pode ser necesario aplicar algunha das MAD relacionadas a continuación:
- Adaptar os materiais e as explicacións, aportando máis das usuais para así paliar as carencias que poidan existir e reducir as distancias co grupo de referencia.
- Sempre que sexa posible, levar a cabo actividades con material manipulativo, con soporte audiovisual e dixital.
- Situar estratéxicamente este alumnado na aula, co fin de poder supervisar facilmente os seus progresos e procurarlle certo apoio dos iguais.
- Adoptar un traballo en espiral, retomando o contido non adquirido inicialmente en momentos posteriores.
8.2. Procedemento de seguimento, avaliación e propostas de mellora (Elaborado)
REUNIÓNS DE DEPARTAMENTO
Cunha periodicidade mensual ou nalgún caso quincenal, o departamento reunirase para, entre outros asuntos, facer o seguimento e as coodinacións oportunas para levar a cabo a aplicación da programación. Levantarase acta e actualizarase no Proens.
AVALIACIÓN
Na memoria de final de curso deixarase constancia dos seguintes puntos:
a) Desvíos entre a programación inicial e a súa aplicación final, facendo propostas de reaxustes.
b) Resultados por trimestre. Analizaranse as hipóteses sobre os motivos dos mellores e peores resultados. De ser relevante, poderanse constrastar co número de sesións adicadas.
c) Resultados das enquisas ou táboas realizadas para avaliar a práctica docente. Analizaranse os aspectos mellor puntuados, buscando extendelos, así como os que obteñan peor puntuación, co fin de mellorar de cara ao seguinte ano académico. De ser relevante, tomaranse acordos sobre metodoloxía, temporalización, recursos, etc.