Vista preliminar da
Vista preliminar da programación na que poderá consultar todos os apartados da programación.
1. Introdución (Elaborado)
O papel heurístico das linguas constitúe un reto para o sistema educativo, pois son instrumento de comunicación e de interacción social, de conservación e transmisión de coñecemento, de participación cidadá na vida social, de investigación, creación, experimentación e descuberta. E as linguas achégannos ao xeito de vida e ás formas de pensamento doutros pobos e dos seus patrimonios culturais.
A lingua apréndese non para falar, ler ou escribir sobre a lingua, senón para falar, ler e escribir sobre emocións, afectos e aventuras, sobre o mundo, como medio das relacións interpersoais e recoñecemento da alteridade, motor do noso pensamento e das nosas reflexións, e porta de acceso ao coñecemento. Neste marco, a formación lingüística no contexto escolar é un instrumento para a equidade, xa que debe facilitar os medios necesarios para comunicar no ámbito educativo e na vida profesional e social, nomeadamente en contextos formais e educativos, ademais de sensibilizar cara a usos creativos e lúdicos das linguas, e achegar ao patrimonio literario e cultural que estas propician.
O Consello de Europa, a través de sucesivos proxectos, está comprometido nunha política lingüística dirixida a protexer e desenvolver a herdanza lingüística e a diversidade cultural de Europa como fonte de enriquecemento mutuo, así como a facilitar a mobilidade persoal dos seus cidadáns e das súas cidadás, e o intercambio de ideas. O Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCER), publicado en 2001, é un documento de particular transcendencia, non só como ferramenta práctica para propiciar a reflexión sobre o ensino das linguas e a transparencia de cursos, programas e titulacións entre os estados e dentro deles, senón tamén polo recoñecemento da competencia plurilingüe e intercultural, que transcende o concepto de multilingüismo, no seu día piar dos enfoques das políticas lingüísticas máis abertas ao recoñecemento da diversidade. Hoxe, o MCER constitúe unha referencia para proxectos e documentos clave do Consello de Europa, como a "Guía para a elaboración e posta en marcha de currículos para unha educación plurilingüe e intercultural" (2010), na que se desenvolve a noción de plurilingüismo como eixe dun enfoque centrado na rede de relacións entre distintas linguas e culturas. Nesta mesma liña, enmárcanse o informe do Foro Intergobernamental Europeo "O dereito dos estudantes á calidade e á equidade en educación. O papel das competencias lingüísticas e interculturais", mantido en Xenebra en novembro 2010, e a Conferencia intergobernamental "Calidade e inclusión en educación: o papel único das linguas", mantida en Estrasburgo en setembro de 2013. En ambos os foros europeos, recoñécese a importancia da competencia lingüística e da circulación de competencias entre as linguas para lograr un maior dominio da linguaxe, clave para a inclusión social e o éxito escolar.
A educación plurilingüe e intercultural considera, con carácter xeral, a aprendizaxe de todas as linguas e culturas e, de maneira específica, os enfoques plurais transversais e integradores no seu ensino e na súa aprendizaxe. A súa finalidade é retirar barreiras artificiais entre as linguas, encerradas tradicionalmente nos sistemas escolares en compartimentos estancos, e promover o uso integral do repertorio lingüístico, discursivo, estratéxico e intercultural que posúe o alumnado e que vai adquirindo ao longo das súas diversas experiencias lingüísticas dentro e fóra do ámbito educativo. Xa que logo, o/a aprendiz plurilingüe realizará transferencias de coñecementos e experiencias lingüísticas adquiridos nunha lingua para abordar tarefas de comunicación, creación e aprendizaxe noutra lingua diferente. Esta capacidade de transferencia non só permite descubrir as regularidades dunha lingua total ou parcialmente descoñecida e relacionalas, desde o punto de vista teórico, coas regularidades observadas noutras linguas que coñece, ou identificar termos emparentados en todas as linguas, senón que, ademais, promove a tolerancia perante palabras descoñecidas, nomeadamente importante nos contextos de comprensión que necesitan a fluidez, como son a lectura extensiva e a comprensión de textos orais sen posibilidade de verificación do entendido. A competencia plurilingüe facilitará, daquela, a inferencia de significados e o desenvolvemento de competencias heurísticas eficaces para identificar os elementos esenciais e secundarios nun texto descoñecido.
Pola súa banda, mediante o diálogo intercultural póñense en xogo dispositivos de relación social esenciais, como son o recoñecemento do outro como lexítimo, o reforzamento da identidade propia no recoñecemento da identidade das demais persoas, a aceptación da diversidade persoal, social e cultural, e o respecto dos dereitos fundamentais.
No contexto escolar, a aprendizaxe das linguas está dirixida ao logro de obxectivos similares, aínda que con diferentes niveis de dominio. Por iso, un estudo integrado de todas as linguas posibilita, por unha banda, que os contidos, os procesos e as estratexias que se traballan nunha lingua sexan igualmente utilizados nas actividades lingüísticas de comprensión e produción nas demais e, por outra, que se poida focalizar, no proceso de ensino e aprendizaxe, nos elementos diferenciadores e en todos aqueles aspectos que teñen incidencia directa na capacidade de comunicarse adecuadamente. Así, o coñecemento morfolóxico ou léxico dunha lingua pode axudar á comprensión noutra lingua; as estratexias de comprensión de lectura desenvolvidas nunha lingua poden ser transferidas para a lectura noutros idiomas; o coñecemento da estrutura dos textos descritivos permitirá producilos en calquera lingua; e o coñecemento das normas que ordenan as relacións entre xeracións, sexos, clases e grupos sociais nunha lingua, informa e sensibiliza sobre a necesidade de coñecer e respectar as normas que rexen a dimensión social do uso da lingua noutra comunidade lingüística.
Por outra banda, o tratamento integrado das linguas debe considerar o punto de partida diferente de cada unha delas. Xa que logo, non se pode esquecer a situación de minorización da lingua galega, que cómpre atender e dinamizar adecuadamente. Con esa finalidade, é preciso favorecer o uso e a aprendizaxe desta lingua de xeito que se impulse a súa normalización e se venzan as dificultades da súa menor presenza e repercusión social, motivadas en moitos casos por prexuízos que é necesario desmontar e superar. O alumnado galego debe rematar a súa escolarización co nivel de usuario competente nas dúas linguas oficiais, galego e castelán, o que implica a utilización adecuada e eficaz das dúas linguas nun amplo repertorio de situacións comunicativas, propias de diferentes ámbitos, cun grao crecente de formalidade e complexidade.
Finalmente, a situación de sociedade multilingüe e plural na que vivimos solicita un enfoque metodolóxico de carácter plurilingüe que potencie o desenvolvemento comunicativo do alumnado nas linguas que adquira ao longo da súa vida, con independencia da diferenza de fins e niveis de dominio con que as utilice, e que os faga conscientes da riqueza que supón ser unha persoa plurilingüe para o desenvolvemento cognitivo e social, e o éxito escolar. Isto implica un tratamento integrado das linguas que o alumnado está a aprender nas aulas. No caso das áreas de Lingua Castelá e Literatura e de Lingua Galega e Literatura, os currículos presentan contidos similares en gran medida, e unha distribución igualmente similar en cada un dos cursos que conforman a educación secundaria obrigatoria e o bacharelato. Evidentemente, cada lingua ten as súas características propias, que requiren un tratamento e un traballo específicos, pero hai determinados aspectos do currículo que, pola afinidade ou similitude que presentan en ambas as áreas, precisan ben seren abordados de maneira parella, ben seren presentados só nunha lingua pero traballados e practicados en cada unha delas, e utilizar a mesma terminoloxía nas dúas linguas para non dificultar innecesariamente o proceso de aprendizaxe do alumnado. Por tanto, o profesorado implicado no proceso de ensino e aprendizaxe de Lingua Castelá e Literatura e de Lingua Galega e Literatura, en cada curso de ambas as etapas, deberá organizar o seu labor nun currículo integrado, que transcenda as linguas nas que un/unha aprendiz sexa capaz de comunicarse. Isto supón recoñecer a existencia dunha competencia global para a comunicación lingüística e implica non só evitar a repetición de contidos nos aspectos comúns á aprendizaxe de calquera lingua, como son as estratexias de lectura ou o proceso de escritura, a tipoloxía textual ou a definición de termos lingüísticos; senón tamén, e especialmente, priorizar a realización de actividades comunicativas de produción e comprensión de textos orais e escritos, pois destas depende o desenvolvemento da competencia xeral en comunicación lingüística.
Ademais, nos centros docentes teñen presenza linguas estranxeiras que tamén se abordan na aula desde un enfoque comunicativo e intercultural, pois o coñecemento dos valores e as crenzas compartidas por grupos sociais doutros países resulta esencial para a comunicación nesta sociedade globalizada. Así, para o tratamento integrado de linguas é preciso que, igual que acontece non caso das dúas linguas cooficiais, haxa unha coordinación entre o profesorado destas e o de linguas estranxeiras, para evitar a repetición de contidos na liña das que se mencionaron para as linguas ambientais, e para unificar a terminoloxía. Non se pode esquecer que o achegamento do alumnado á lingua estranxeira se produce, na maior parte dos casos, partindo das linguas próximas, a materna e ambientais.
Igualmente presentes nas aulas están as linguas clásicas, o latín e o grego, cuxo estudo a nivel fonético, morfosintáctico e léxico proporciona unha sólida base para o perfeccionamento no manexo doutras linguas. Desempeñan, pois, un papel relevante como soporte lingüístico da maioría das linguas e para a comprensión do léxico culto que forma gran parte da terminoloxía científica e técnica actual nas linguas que o alumnado coñece ou estuda; sen esquecer o enriquecemento cultural que lle proporciona o coñecemento dos aspectos que se inclúen na civilización clásica, berce da Europa actual, como son, entre outros, a mitoloxía, a relixión ou as súas creacións literarias e artísticas, que tanta influencia tiveron en épocas posteriores e seguen a ter hoxe en día. Xa que logo, é esencial a incorporación das linguas clásicas ao currículo integrado das linguas, para reforzar a reflexión lingüística do noso alumnado e fortalecer o seu acceso á cultura literaria.
Resulta obvio que, para a posta en práctica destes currículos integrados e o logro dos obxectivos plurilingües e interculturais que se perseguen, o profesorado é un elemento determinante, xa que deberá potenciar unha metodoloxía adecuada para levar a cabo enfoques comunicativos e proxectos plurais e transversais, promover a reflexión metacomunicativa e metalingüística e o contraste entre linguas, ou asegurar accións coordinadas entre os departamentos lingüísticos para decidir, entre outros, desde que lingua abordar o estudo dos xéneros discursivos ou as estratexias e os procesos cognitivos que están na base das actividades lingüísticas. Todo isto coa finalidade de construír en cada centro docente a coherencia pedagóxica no ensino das linguas.
As materias cuxos currículos se desenvolven ao abeiro desta introdución, as linguas, teñen como obxectivo o desenvolvemento da competencia comunicativa do alumnado, entendida en todas as súas vertentes: pragmática, lingüística, sociolingüística e literaria. Así, achegan as ferramentas e os coñecementos necesarios para desenvolverse satisfactoria e eficazmente en calquera situación de comunicación da vida privada, social e profesional. Eses coñecementos, que articulan os procesos de comprensión e expresión oral por unha banda, e de comprensión e expresión escrita por outra, constitúen instrumentos esenciais para a aprendizaxe no ámbito educativo e, posteriormente, ao longo da vida.
A reflexión literaria, presente nun bloque de contidos nas linguas ambientais, o galego e o castelán, e nas linguas clásicas, a través da lectura, mediante a comprensión e interpretación de textos significativos favorece o coñecemento das posibilidades expresivas da lingua, desenvolve a capacidade crítica e creativa dos/das estudantes, dálles acceso á memoria, á creatividade, á imaxinación, á descuberta das outras persoas, ao coñecemento doutras épocas e culturas, e enfróntaos/as a situacións, sentimentos e emocións nunca experimentados, que enriquecen a súa visión do mundo e favorecen o coñecemento deles/as mesmos/as.
En definitiva, estas materias lingüísticas perseguen o obxectivo último de contribuír á formación de cidadáns e cidadás cunha competencia comunicativa que lles permita interactuar satisfactoriamente en todos os ámbitos que forman e van formar parte da súa vida. Isto esixe unha reflexión sobre os mecanismos de usos orais e escritos da súa propia lingua, e das outras linguas que estudan e coñecen, e a capacidade de interpretar e valorar o mundo, de formar as súas opinións, propias, claras e fundamentadas, e de gozar, a través da lectura crítica de obras literarias.
A materia de Latín ten como principal finalidade introducir o alumnado no coñecemento dos aspectos esenciais da lingua e da cultura latinas, facendo fincapé ao mesmo tempo no papel que estas desempeñan no orixe e fundamento das linguas romances e da cultura occidental, o que coñecemos como herdanza clásica.
O estudo do latín como lingua flexiva proporciona mediante a comparación unha sólida base científica para o estudo e o perfeccionamento progresivo no manexo doutras linguas.
O idioma latino, logo de adquiridos uns mínimos coñecementos sobre os seus mecanismos morfosintácticos e o seu léxico, permite entender as linguas romances como resultado dunha evolución e atopar paralelismos entre elas que axuden no seu estudo.
O estudo da orixe e a evolución do latín ás linguas romances proporciónalle ao alumnado os instrumentos necesarios para comprender e analizar os procesos de cambios fonéticos, morfosintácticos e semánticos que deron lugar aos procedementos que rexen hoxe as súas linguas, e axuda a incrementar de xeito notable o seu léxico. A reflexión sobre o léxico coñecido, a adquisición de novas palabras e a comprensión das estruturas da lingua latina interveñen de xeito notable no uso máis eficaz da lingua propia como instrumento de aprendizaxe, comunicación e interpretación da realidade.
O estudo da herdanza clásica, obxecto desta materia, non só está presente na lingua latina, pois abordará tamén os diferentes aspectos que se inclúen no que coñecemos como civilización latina, berce da Europa actual. Ademais da descrición do seu marco xeográfico e do estudo dos principais fitos históricos, haberá lugar tamén para unha análise das súas estruturas sociopolíticas, da súa vida cotiá, e manifestacións culturais como os espectáculos públicos ou as súas creacións literarias e artísticas, a enxeñaría e o urbanismo, a mitoloxía e a relixión.
Partindo desta perspectiva, o estudo da materia organízase en bloques que, con lixeiros matices, se repiten en todos os cursos.
Os devanditos bloques refírense tanto a cuestións lingüísticas como a temas culturais, tendo en conta que ambos os dous aspectos constitúen dúas facetas inseparables e complementarias para o estudo da civilización romana, sen as que non é posible apreciar a importancia do legado latino na súa verdadeira dimensión.
O primeiro destes bloques estuda o latín como orixe das linguas romances e ten un trato lixeiramente diferente para os cursos primeiro de bacharelato e o curso de segundo de bacharelato.
O seguinte bloque, deseñado só para primeiro de bacharelato, aborda os elementos básicos da lingua latina, comezando por percorrer os sistemas de escritura coñecidos, para analizar despois a orixe e a evolución do abecedario latino e a súa pronuncia.
Os dous bloques seguintes tratan aspectos netamente lingüísticos, centrándose desta vez na morfoloxía e na sintaxe, os outros dous niveis de descrición e explicación do sistema, ademais da fonética e a semántica, dúas realidades inseparables que conforman e integran o aspecto gramatical. Preténdese iniciar o alumnado no concepto de flexión, estudando a estrutura interna das palabras e os elementos formais destas que serven para definir a relación que manteñen con outras dentro da oración. A sintaxe tamén se ocupa de estudar as estruturas oracionais latinas e os elementos que definen as súas construcións máis características, introducindo progresivamente niveis de maior complexidade, co propósito fundamental da comprensión e a interpretación dos textos.
No curso de primeiro de bacharelato dedicouse un bloque ao estudo da civilización latina, co fin de identificar non só os feitos máis importantes da súa historia, senón tamén os aspectos propios da súa organización política, social e militar, e da súa identidade cultural, sen esquecer o estudo da vida cotiá, a relixión e a mitoloxía, cuxa influencia resulta decisiva para a configuración do imaxinario occidental. Preténdese tamén iniciar o alumnado no coñecemento dalgunhas das manifestacións artísticas máis significativas da antigüidade romana, entre as que destacan por unha banda as relativas ás artes plásticas e, máis concretamente, a escultura e a arquitectura, e pola outra, as literarias.
O estudo máis en profundidade destas últimas resérvase para o curso de segundo de bacharelato, que conta cun bloque específico para a literatura latina, no que un mellor coñecemento da lingua lle permitirá ao alumnado entrar en contacto directo con algúns fragmentos das obras orixinais, afondando deste xeito na comprensión dos textos literarios clásicos latinos para comprender as claves da sociedade en que viron a luz e valorar a influencia que os autores latinos tiveron ao longo dos séculos.
Se, como dixemos, a lingua e a cultura constitúen dúas realidades inseparables e complementarias para afondar no coñecemento da civilización latina, non existe mellor instrumento para o estudo de ambas que os propios textos, aos que está dedicado outro dos bloques de contidos previstos en todos os cursos. Preténdese deste xeito facer fincapé na necesidade de estudar desde o primeiro momento a lingua no seu contexto real, como mecanismo de expresión intelectual e estética no que se exemplifican os contidos lingüísticos estudados. Para lograr este obxectivo, ademais do labor de tradución, deberase tratar o latín como unha lingua viva coa que traballar tamén a comunicación oral e escrita.
Por último, dedícase un bloque ao estudo do léxico, entendendo que este resulta imprescindible para avanzar no coñecemento de calquera lingua. Dentro deste ámbito préstase especial atención á etimoloxía, non só porque esta serve para pór de manifesto o mantemento das raíces latinas nas linguas modernas, senón ademais porque axuda o alumnado a adquirir unha mellor comprensión da súa propia lingua, axudándolle a precisar o significado de termos coñecidos ou a descubrir o de outros que non utilizara anteriormente, e incorporándoos ao seu vocabulario habitual. Así, dedícase un especial interese á composición e á derivación culta, onde se analizan prefixos, lexemas e sufixos de orixe grega e latina.
Abondando nesta última idea, abórdase o estudo das locucións e as expresións latinas de uso actual, non só para coñecer o seu significado, senón tamén para saber empregalas nun contexto adecuado.
En resumo, Latín II é unha materia troncal de modalidade que ten unha grande importancia para o alumnado que a cursa, xa que ten como base os coñecementos adquiridos en Latín I en 1º de bacharelato.
Por todo o anteriormente exposto, os contidos da materia repártense en 3 Unidades Didácticas (correspondentes con cada unha das avaliacións) incluíndo en cada unha delas contidos de tódolos bloques.
4.1. Concrecións metodolóxicas (Elaborado)
Contidos lingüísticos
Para abordar este eido da materia as liñas de traballo son as seguintes.
En primeiro lugar, comezarase cun repaso da gramática traballada en 1º de bacharelato. Despois, para a explicación dos novos contidos de gramática, abordaranse primeiro os contidos gramaticais que serán traballados mediante textos. gañar en eficiencia, os textos de traballo serán textos adaptados da selecta ou selectas dos autores obxecto de exame na PAU. Así o alumnado vaise familiarizando dende o principio co tema e, especialmente, co vocabulario de máis frecuencia nestes autores. Dado que a utilización desta metodoloxía normalmente precisa de máis tempo no tratamento de cada unha das unidades didácticas, limitaranse os contidos gramaticais a aqueles que aparecen nos textos dos autores de estudo, seguindo así o principio da frecuencia para seleccionar os contidos a tratar.
Contidos de plurilingüismo
Para abordar este eido da materia proponse a seguinte liña de traballo.
Neste bloque agrúpanse tres núcleos de contidos diferenciados e directamente vinculados á proba da PAU, composición de palabras (en particular valor de prefixos de orixe latina), aforismos de orixe latina e toponimia. Para o tratamento de cada un destes apartados proponse a seguinte metodoloxía: A persoa docente procederá a facer unha sesión introdutoria na que explique aqueles aspectos máis salientables da materia concreta, dea as instrucións de estudo e o material para que o alumnado desenvolva o seu traballo (que normalmente estará na aula virtual). Despois darase un prazo de tempo para o que o alumando leve a cabo unha lectura reflexiva do material, para pasar, finalmente, a unha posta en común na que a persoa docente aclarará as dúbidas ou afondará naqueles aspectos que demande o alumnado. Rematada a posta en común, a materia será avaliada nas probas escritas das avaliacións correspondentes.
Contidos de literatura latina
Para abordar este eido da materia recoméndase a seguinte liña de traballo.
A persoa docente procederá a facer unha presentación introdutoria de cada un dos xéneros e autores na aula, con especial referencia ao material de traballo e estudo do alumnado. As persoas discentes deberán desenvolver, de modo guiado (a poder ser a través da aula virtual) e dentro dun prazo determinado de tempo, unha lectura reflexiva do material de estudo. Unha vez lido o material de estudo farase unha posta en común, á que se dedicará unha sesión, para resolver dúbidas e/ou afondar nos xéneros e autores. Unha vez feita a posta en común a materia será avaliada nas probas escritas das avaliacións correspondentes.
Contidos de legado
Para abordar este eido da materia proponse a seguinte liña de traballo.
Os contidos de legado nesta materia están referidos a tres aspectos concretos da herdanza da cultura e civilización romana: a mitoloxía, o dereito e a oratoria. Os criterios de avaliación (CA) do currículo determinan a metodoloxía. Parece oportuno, pois, que para tratar estes contidos a persoa docente elabore uns guións sobre aspectos concretos destes temas, de modo que o alumnado, a partir da consulta de información e bibliografía moi concreta, elabore un pequeno traballo de investigación sobre algún destes temas. Nesta programación proponse que o alumnado reciba estes guións na 1ª avaliación e que poida dispoñer dun prazo amplo para a elaboración do seu traballo que, en todo caso, deberá ser entregado antes de que remate o curso, para que poida ser tido en conta á hora de levar a cabo a avaliación final. Xunto co guión, entregarase unha rúbrica de avaliación para que o alumnado saiba de modo claro como vai ser avaliado. En todo caso, para todo o referente a este traballo estás asignadas catro sesións ao longo de todo o curso.
5.1. Procedemento para a avaliación inicial (Elaborado)
INTRODUCIÓN
Latín de 2º de bacharelato é unha materia de continuidade, razón pola que normalmente o alumnado que a cursa xa é coñecido para o profesorado. Pódense, porén, producir dúas circunstancias que fan especialmente relevante neste curso a avaliación inicial (AI), por unha banda, que se incorpore ao grupo alumnado que cursara Latín I noutro centro, ou ben que non cursara Latín I en 1º de bacharelato por cursar outro itinerario dentro da modalidade.
Ademais do dito anteriormente, para facer unha AI máis efectiva contactarase co departamento de orientación o antes posible, para poder acceder á información que sobre o alumnado en particular poida ter este departamento.
TEMPORALIZACIÓN
A AI hase levar a cabo antes do remate da 4ª semana de curso e, en todo caso, antes das reunións dos equipos educativos para a posta en común dos resultados da mesma.
OBXECTIVOS
1º Identificar e determinar o nivel de coñecemento de todo o alumnado que non cursara no centro o ano anterior a materia de Latín I.
2º Coñecer as motivacións do alumnado para escoller a materia de Latín II. Aínda que isto xa se fixo en 1º, é importante volver preguntar por este aspecto dado que é moi frecuente que se produzan cambios de motivacións e/ou obxectivos que pode ser relevante coñecer.
3º Identificar o alumnado con necesidade específica de apoio educativo (ACNEAE).
4º Identificar o alumnado repetidor.
INSTRUMENTOS
1. Actas e memoria do departamento do curso anterior.
2. Cuestionario escrito no que o alumnado debe responder a preguntas relacionadas cos catro obxectivos apuntados anteriormente.
3. Diálogo informal co alumnado os primeiros días de aula
5.3. Procedemento de seguimento, recuperación e avaliación das materias pendentes (Elaborado)
5.4. Procedemento para acreditar os coñecementos necesarios en determinadas materias (Elaborado)
6. Medidas de atención á diversidade (Elaborado)
En colaboración co Departamento de Orientación atenderase á diversidade do seguinte xeito:
- Establecendo secuencias de contidos que aseguren as aprendizaxes básicas para todos/as os alumnos/as e coñecementos de maior complexidade para algúns/as
- Propoñendo actividades de ensino-aprendizaxe diversificadas e con diferentes niveis de dificultade.
- Establecendo agrupamentos que posibiliten aprendizaxes cooperativas e facilitando traballos en parellas.
- Ofertando diferentes tempos na realización das actividades e tarefas en función dos ritmos de aprendizaxe dos distintos alumnos/as cando sexan actividades individuais.
- Propoñendo actividades abertas onde todos os alumnos/as poidan acadar algunha meta máis ou menos complexa dependendo da súa capacidade.
- Incluíndo actividades de reforzo para aqueles alumnos/as que non seguen o ritmo dos compañeiros.
- Preparando actividades de recuperación para aqueles alumnos/as que non teñan acadado os obxectivos ao finalizar a secuencia.
- Propoñendo actividades de ampliación e/ou profundización para aqueles alumnos/as cun ritmo de aprendizaxe maior ou con maior capacidade de aprendizaxe.
- Aplicando os criterios de avaliación con diferentes esixencias de logro.
- O reforzo educativo ou adaptación do currículo prescrito, que non afecte a aspectos substantivos do mesmo, senón a aspectos que son competencia do profesorado tales como a organización de contidos, a secuencia dos mesmos, a diversidade metodolóxica en canto a tipos e organización, as formas de agrupamento na aula e as relacións de interacción entre uns alumnos/as e outros/as, a diversificación de recursos didácticos, as formas concretas de avaliación, así coma os instrumentos ou técnicas desa mesma avaliación.
A posta en práctica destas medidas ou de calquera outra non relacionada anteriormente farase, a ser posible, en colaboración co Departamento de Orientación e o resto do equipo educativo.
En todo caso, o alumnado repetidor será obxecto dun plan e seguimento específico. Neste plan recolleranse as circunstancias concretas que dificultan o proceso de aprendizaxe da/o alumna/o en cuestión e as medidas srán deseñada tendo en conta ditas circunstancias.
8.2. Procedemento de seguimento, avaliación e propostas de mellora (Elaborado)
Procedemento de seguimento
Ao remate de cada unidade didáctica consignarase no apartado de seguimento da programación da aplicación PROENS os datos que esta requira (data de inicio e final, sesións previstas e sesións realizadas, grao de cumprimento, propostas xerais de mellora e outras observacións).Farase tamén unha breve referencia ao seguimento da programación nas actas do departamento.
Procedemento de avaliación
Para avaliar a programación a final de curso teranse en conta os seguintes parámetros:
- Resultados académicos do grupo
- Eficacia das medidas de atención á diversidade adoptadas
- Grao de cumprimento da programación e, no seu caso, causas dos incumprimentos
A valoración do grao de cumprimento destes indicadores dará lugar ás propostas de modificacións e mellora para o curso vindeiro, que se reflectirán na memoria final do departamento e máis na programación do seguinte curso