Vista preliminar da

Non se atoparon contidos de axuda

a) A adecuación dos obxectivos xerais das etapas ao contexto do centro (Elaborado)


O IES Plurilingüe Fontexería conta con un contexto determinado polos seguintes condicionantes:
A procedencia do alumnado é a seguinte: a parroquia de San Pedro de Muros, de carácter semiurbano, aporta a maior proporción de alumnado, seguida pola parroquia rural de San Xoán de Serres. Outros lugares de procedencia, con carácter minoritario, son as parroquias rurais de Tal e Louro ou o Concello de Carnota (coas parroquias de Lariño, San Mamede e Lira), tamén rurais. Trátase dun entorno de beiramar moi vencellado ás actividades mariñeiras. 

Muros é un Concello con unha renda bruta media de 20.889€, fronte á media galega de 25.330€ (datos de 2019), co que se sitúa un 17,5% por debaixo da media autonómica, considerando ás familias de procedencia do alumnado, polo tanto, de nivel económico medio-baixo. 

O emprego da lingua galega nos fogares é do 42%. Entre pares, o galego é falado con exclusividade polo 14% do alumnado e o 25,3% empregan máis o galego que o castelán. O castelán é falado entre pares con exclusividade polo 22,89% do alumnado e empregado máis que o galego polo 37,35%. Existe, pois, un predominio lingüístico acusado do
castelán tanto nos fogares como entre o propio alumnado. As enquisas a nivel de Centro mostran que esta tendencia se volve máis intensa nos últimos anos.

Un grado de dixitalización medio, como se desprende da ferramenta de Autoavaliación SELFIE. Así, nunha escala de 5 puntos, Profesorado e Alumnado avalían do seguinte xeito:
Liderado: Profesorado: 2.8 e Alumnado: -
Colaboración e redes: Profesorado 2.5 e Alumnado: 2.4
Infraestruturas e equipos: Profesorado: 3.3 e Alumnado: 3.3
Desenvolvemento profesional continuo: Profesorado: 3 e Alumnado: -
Pedagoxía: Apoio e Recursos: Profesorado: 3.9 e Alumnado: 3.5
Pedagoxía: Implementación na aula: Profesorado: 3.4, Alumnado: 2.8
Prácticas de avaliación: Profesorado: 3 e Alumnado: 2.4
Competencias dixitais do alumnado: Profesorado: 3 e Alumnado: 2.7

Estes trazos contextuais teñen incidencia directa nalgúns dos obxectivos xerais da etapa establecidos no artigo 7 do DECRETO 156/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia.
Para contribuír de xeito específico a estes obxectivos o centro adscríbese regularmente a iniciativas coma o Plan Proxecta, dirixida a fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas educativos que fomenten o traballo cooperativo, interdisciplinar e competencial pero que ademais estean comprometidos coa consecución dos
obxectivos de desenvolvemento sostible da Axenda 2030. Así, respecto do obxectivo a) Asumir responsablemente os seus deberes, coñecer e exercer os seus dereitos no respecto ás demais persoas, practicar a tolerancia, a cooperación e a solidariedade entre as persoas e os grupos; exercitarse no diálogo afianzando os dereitos humanos
como valores comúns dunha sociedade plural e prepararse para o exercicio da cidadanía democrática, a praxe do persoal docente debe fomentar os valores de tolerancia, coñecemento e respecto de dereitos, cooperación e solidariedade. Isto conseguirase mediante o fomento transversal de valores como o respecto aos dereitos humanos e
á pluralidade, sendo o Centro un espazo para a libre expresión de ideas, identidades e opinións no marco do respecto mutuo. En canto a programas específicos aos que o centro se adscribe en relación ao obxectivo a), o programa Parlamento Xove, como parte do Plan Proxecta, fomenta o diálogo, a capacidade de convencer argumentalmente e a
escoita, facendo especial énfase no fomento do traballo en equipo, a convivencia e o respecto polas ideas dos demais e o emprego de novas tecnoloxías co que tamén incide no obxectivo e) de xeito significativo.

O desenvolvemento dos hábito de estudo, traballo individual e en equipo aos que referencia o obxectivo b) Desenvolver e consolidar hábitos de disciplina, estudo e traballo individual e en equipo como condición necesaria para unha realización eficaz das tarefas da aprendizaxe e como medio de desenvolvemento persoal, formarán parte esencial da práctica do Centro. Estes hábitos fomentaranse especialmente de xeito transversal, como parte das distintas materias, que valorarán a constancia e a capacidade de traballo como elemento clave no proceso de avaliación a través dos instrumentos que os profesores e profesoras empreguen. Pero, ademais, o fomento destas prácticas será obxecto de atención específica dos titores nas súas sesións de titoría e do Departamento de Orientación, que realizará diagnósticos e proporá medidas de boas prácticas para a consecución deste obxectivo.


En canto ao obxectivo c), que marca Valorar e respectar a diferenza de sexos e a igualdade de dereitos e oportunidades entre eles, o rexeitamento dos estereotipos que supoñan discriminación entre homes e mulleres, e ao d) Fortalecer as súas capacidades afectivas en todos os ámbitos da personalidade e nas súas relacións coas demais
persoas, así como rexeitar a violencia, os prexuízos de calquera tipo e os comportamentos sexistas, e resolver pacificamente os conflitos, o IES Plurilingüe Fontexería traballa desde hai anos de xeito sistemático nun proxecto coeducativo que promove a visibilización das achegas das mulleres á construción da sociedade na actualidade e ao
longo da historia sensibilización de alumando e profesorado sobre o sexismo presente na nosa sociedade. O obxectivo deste proxecto é lograr o compromiso activo de toda a comunidade educativa na loita contra a desigualdade entre homes e mulleres. O proxecto coeducativo concrétase a través da participación en sucesivas convocatorias de distintas modalidades de Plan Proxecta, nomeadamente ¿Donas de Si¿ e ¿Quérote +¿. Articúlase a través de actividades de aula en diversas materias, actividades de titoría, complementarias e extraescolares, así coma en diversas actuacións relacionadas coa organización do centro. Así, o Programa Donas de si visibilizará e empoderará ás mulleres como pezas fundamentais da sociedade galega e servirá de punto de partida para traballar na aula a igualdade e os estereotipos de xénero. O Programa Querote+ desenvolverá no Centro un proxecto relacionado coa educación sexual, para dotar de ferramentas que eduquen na convivencia entre sexos, vencellado ao ámbito sexual, modelos de amor e de parella e uso das tecnoloxías nas relacións.


Con respecto ao obxectivo e), Desenvolver destrezas básicas na utilización das fontes de información para, con sentido crítico, adquirir novos coñecementos. Desenvolver as competencias tecnolóxicas básicas e avanzar nunha reflexión ética sobre o seu funcionamento e a súa utilización, hai que salientar que se desenvolverán actuacións tendentes á supresión das debilidades e á promoción das fortalezas detectadas na ferramenta de diagnóstico SELFIE. Así, o Centro procurará o establecemento dun Currículo TIC que garanta que o alumnado adquira unhas competencias dixitais básicas. Por outra banda, os 4 cursos da ESO están adscritos ao programa E-dixgal con ordenadores persoais para o alumnado e un espazo virtual específico. O Plan dixital do centro, neste sentido, será un documento de referencia para o desenvolvemento da estratexia dixital. Este obxectivo, no aspecto de emprego de fontes con sentido crítico, será de especial énfase transversal e obxecto específico de programas coma o Parlamento Xove.

O obxectivo f) establece Concibir o coñecemento científico como saber integrado que se estrutura en distintas disciplinas, así como coñecer e aplicar os métodos para identificar os problemas nos diversos campos do coñecemento e da experiencia, recaerán moi significativamente no traballo desenvolvido nas aulas, visto o baixo grao de instrución das máis das familias e, consecuentemente, a ausencia nos fogares de fontes axeitadas. É necesario prestar especial atención á dotación da biblioteca e o número de ordenadores do centro, e fomentar o seu uso. Acerca do entorno físico e natural, por razóns xeográficas e laborais de futuro, débese potenciar especialmente o coñecemento e aprecio do patrimonio e medio mariño a fin de potenciar a súa contribución activa para a conservación e mellora do medio, o que se vencella tamén co obxectivo k).

No tocante ao obxectivo g) Desenvolver o espírito emprendedor e a confianza en si mesmos, a participación, o sentido crítico, a iniciativa persoal e a capacidade para aprender a aprender, planificar, tomar decisións e asumir responsabilidades, o Centro promocionarao especialmente, xa que estes elementos son chave nun contexto de difícil empregabilidade e renda media-baixa.


A lingua vense convertendo nos últimos anos nunha crecente preocupación no Centro, especialmente no que respecta ao emprego do galego, que, como se indica ao comezo destas liñas, ven en tendencia decrecente. Así, o obxectivo h) establece Comprender e expresar con corrección, oralmente e por escrito, na lingua galega e na lingua castelá, mensaxes e textos complexos, e iniciarse no coñecemento, na lectura e no estudo da literatura, e o Centro fomentará o emprego do galego para que se garanta un ensino plurilingüe e será de especial consideración nas actividades de Biblioteca e no Proxecto Lector. Con estas medidas tamén se reforza o cumprimento do obxectivo n) Coñecer e valorar a importancia do uso da lingua galega como elemento fundamental para o mantemento da identidade de Galicia, e como medio de relación interpersoal e expresión de riqueza cultural nun contexto plurilingüe, que permite a comunicación con outras linguas, en especial coas pertencentes á comunidade lusófona. 


O plurilingüismo é unha característica xa ben establecida no centro, que conta con diversas materias do Departamento de Debuxo e do Departamento de Tecnoloxía impartidas en Inglés. Ademais, como ven sendo habitual, conta con un auxiliar de conversa para o reforzo da oralidade na Primeira Lingua estranxeira. Así, o Centro contribúe de xeito decidido á consecución do obxectivo i) Comprender e expresarse nunha ou máis linguas estranxeiras de maneira apropiada.

Tamén recaerá moi significativamente na labor desenvolvido no centro todo canto atinxe ao obxectivo j) Coñecer, valorar e respectar os aspectos básicos da cultura e a historia propia e das outras persoas, así como o patrimonio artístico e cultural, coñecer mulleres que realizaron achegas importantes á cultura e sociedade galega ou a outras
culturas do mundo, do obxectivo m) Coñecer e valorar os aspectos básicos do patrimonio lingüístico, cultural, histórico e artístico de Galicia, participar na súa conservación e na súa mellora, e respectar a diversidade lingüística e cultural como dereito dos pobos e das persoas, desenvolvendo actitudes de interese e respecto cara ao exercicio
deste dereito e do obxectivo n) xa mencionado. Neste sentido, a normalización lingüística e o traballo transversal promocionarán o emprego da lingua galega e o achegamento ao patrimonio de Galicia. Así, será un criterio para a elección de actividades complementarias e extraescolares e para a selección dos Plans nos que participa o centro,
como tamén o serán a posta en valor das mulleres egrexias da cultura galega. A oferta de materias optativas tamén terá en conta as carencias do centro neste sentido.

Referente ao obxectivo k) Coñecer o corpo humano e o seu funcionamento, aceptar o propio e o das outras persoas, aprender a coidalo, respectar as diferenzas, afianzar os hábitos do coidado e saúde corporais e incorporar a educación física e a práctica do deporte para favorecer o desenvolvemento persoal e social. Coñecer e valorar a dimensión humana da sexualidade en toda a súa diversidade. Valorar criticamente os hábitos sociais relacionados coa saúde, o consumo, o coidado dos seres vivos e o ambiente, contribuíndo á súa conservación e mellora, temos constatado nunha porcentaxe elevada do alumnado a ausencia de hábitos positivos a prol da saúde, sobre todo no referente a unha alimentación equilibrada e á práctica de exercicio físico. Neste mesmo sentido o centro fará especial fincapé na aceptación da propia imaxe corporal, xa que só un 40% do alumnado di sentirse completamente satisfeito coa mesma e só o 43% fai sempre deporte sen o obxectivo de queimar calorías. Ademais, só o 37,5% declara que no seu entorno nunca se lle da importancia ao aspecto físico. A promocións dos hábitos de vida saúdable e da aceptación do propio corpo serán eixos vertebradores en todas as prácticas do centro e do seu persoal.


Para rematar, o obxectivo l) establece Apreciar a creación artística e comprender a linguaxe das distintas manifestacións artísticas, utilizando diversos medios de expresión e representación. Este obxectivo será obxecto de promoción transversal naquelas materias que traten elementos artísticos, como a literatura, a pintura, a escultura e outras manifestacións. O acceso á biblioteca e o seu catálogo, así como actividades de creación que se recollan nas materias e outras actividades ao longo do curso, incidirán neste aspecto.


b) A contribución á adquisición das competencias clave (Elaborado)


A adquisición das competencias clave, entendidas como desempeños que se consideran imprescindibles para que o alumnado poida progresar con garantías de éxito no seu itinerario formativo e afrontar os principais retos e desafíos globais e locais, será un obxectivo de primeira orde a lograr no marco da actividade do centro. Este contribuirá á súa
consecución do seguinte xeito para lograr o perfil de saída previsto:

Competencia en comunicación lingüística (CCL): nas materias do ámbito lingüístico potenciarase de xeito especial a oralidade, especialmente no que respecta ao emprego do galego, en retroceso no noso centro. Ao mesmo tempo, a biblioteca converterase nun espazo de dinamización da lingua, neste caso, especialmente na escrita. A participación
en programas do Plan Proxecta guiarase tamén pola potenciación desta competencia, como é o caso do Parlamento Xove. Por último, os acordos en canto á terminoloxía entre departamentos facilitarán para o alumnado a adquisición desta competencia.

Competencia plurilingüe (CP): o noso é un centro plurilingüe, que imparte diversas materias da ESO na primeira lingua estranxeira (inglés). Ademais, tentará contar con auxiliar de conversa na mesma lingua e fomentará a participación en programas de inmersión, coma a Spring Week. As materias lingüísticas promocionarán, no marco do
Plan Lector, a lectura de obras na lingua específica.

Competencia matemática e competencia en ciencia, tecnoloxía e enxeñaría (STEM): o fomento do emprego transversal de ferramentas tecnolóxicas, a visibilización das aportacións de grandes figuras da ciencia, da tecnoloxía e da enxeñería e a difusión destes ámbitos mediante actividades complementarias como as celebradas durante a
Semana Cultural contribuirán á adquisición desta competencia. Estimularase tamén a realización de proxectos tecnolóxicos e a achega a profesionais do sector e da investigación universitaria como actividade complementaria.

Competencia dixital (CD): o centro está mergullado nun proceso de dixitalización suxeito ao Plan Dixital que busca, entre outros obxectivos, a posta en práctica de procesos dixitais no ámbito da aula e, especialmente, da avaliación. Así, as liñas traballadas na formación do profesorado están encamiñadas a dotar ao alumnado dun mellor desempeño
e familiaridade coas ferramentas dixitais. O centro deseñará, tamén, un currículo de competencia dixital mínima a acadar polo alumnado, de xeito que se determinen unhas destrezas mínimas que se deben traballar de xeito transversal e coordinado entre diversas materias ao longo da etapa, como son o procesamento de textos, a pescuda
segura na web ou as boas prácticas nas redes sociais.

Competencia persoal, social e de aprender a aprender (CPSAA): dende os principios pedagóxicos e metodolóxicos do centro sublíñase a autonomía persoal e a aprendizaxe iterativa dende o erro, comprendendo este coma unha oportunidade de progreso constante. Isto afecta tamén ao ámbito persoal e social, onde se empregará o reforzo
positivo para fomen9tar a boa relación entre o alumnado e se fomentará a inclusión nos grupos e o clima de aceptación.

Competencia cidadá (CC): as Normas de Organización e Funcionamento do Centro contribúen á creación dun contexto educativo onde o alumnado é consciente dos seus deberes e dereitos, como paso previo e necesario para a inclusión nunha sociedade. Ao mesmo tempo, a participación activa será fomentada naquelas actividades do Centro
que sexa posible, coma a organización da biblioteca, o consenso a hora de fixar os calendarios de exames coa Dirección e as actividades complementarias e extraescolares destinadas á promoción do diálogo e o intercambio de opinións razoadas.

Competencia emprendedora (CE): a promoción da iniciativa persoal estimulará a actuación sobre oportunidades e ideas para xerar valor para os demais. De xeito transversal as materias traballarán a creatividade como forma de achegarse aos problemas, valorando a orixinalidade coma un elemento positivo cando esta sexa fonte de mellora. O
autocoñecemento será tamén un valor destacado polo que se porá especial énfase na retroalimentación no proceso de avaliación, de xeito que o alumnado se torne consciente das súas debilidades e fortalezas para corrixir as primeiras e potenciar as segundas. A planificación e o traballo en equipo será tamén tratado de xeito transversal
pero, ao mesmo tempo e especialmente, nas distintas actividades complementarias e extraescolares, onde a colaboración e a orixinalidade primarán sobre a individualidade e a competitividade entre os membros.

Competencia en conciencia e expresión culturais (CCEC): o centro promocionará o desfrute de diversas manifestacións culturais e artísticas. Isto é tarefa das distintas materias, que recollen ditas manifestacións de acordo ao Currículo. Así, a docencia destacará a importancia de recoñecer as distintas correntes estéticas e o patrimonio
cultural. Ademais, o centro caracterízase por unha vocación histórica de realizar saídas como actividades extraescolares, de xeito que se emprega como criterio a adquisición desta competencia. As saídas permiten coñecer de primeira man o propio patrimonio e o de outros pobos, así como a sensibilización e o enriquecemento persoal que
incide no aprecio polo diferente.


c) Os criterios para desenvolver os principios pedagóxicos e incorporar os elementos transversais (Elaborado)


Os principios pedagóxicos de carácter xeral a seguir serán os seguintes:

Un enfoque preventivo no tocante ás dificultades de aprendizaxe, anticipándose de xeito coordinado aos retos que o alumno enforntará no futuro. Neste sentido, será de especial consideración a coordinación a nivel de departamento, para que exista unha continuidade entre os distintos cursos académicos.

O emprego cando se consideren necesarios polas características do alumnado, mecanismos de reforzo e felxibilización, así como alternativas metodolóxicas ou outras medidas que se consideren necesarias para atender á diversidade do alumnado.

A integración das experiencias de aprendizaxe do alumnado e terá en conta os ritmos e preferencias de aprendizaxe.

A resolución colaborativa de problemas dentro do horario lectivo, reforzando a autoestima, a reflexión e a responsabilidade.

O fomento do hábito e o dominio da lectura.
O tratamento integrado das linguas, con acordos acerca da terminoloxía a empregar e criterios de avaliación
similares nas distintas materias lingüísticas. Evitarase na medida do posible a repetición de elementos comúns á
aprendizaxe de calquera materia lingüística.
As linguas oficiais utilizaranse só como apoio no proceso de aprendizaxe da lingua estranxeira, e neste proceso, daráselle especial énfase á interacción oral.

Os criterios para incorporar elementos transversais son os seguintes:

Seleccionaranse aqueles elementos que incidan nas seguintes cuestións: a comprensión de lectura, a expresión oral e escrita, a comunicación audiovisual, a competencia dixital, o emprendemento social e empresarial, o fomento do espírito crítico e científico, a educación emocional e en valores, a igualdade de xénero e a creatividade traballaranse
en todas as materias.
Do mesmo xeito, promoverase a aprendizaxe da prevención e resolución pacífica de conflitos en todos os ámbitos da vida persoal, familiar e social, así como dos valores que sustentan a liberdade, a xustiza, a igualdade, o pluralismo político, a paz, a democracia, o respecto polos dereitos humanos e o rexeitamento de calquera tipo de violencia, a
pluralidade e o respecto polo Estado de dereito.

Evitaranse os comportamentos, estereotipos e contidos sexistas, así como aqueles que supoñan discriminación por razón da orientación sexual ou da identidade de xénero. Así mesmo, empregarase unha linguaxe libre de prexuízos e estereotipos sexistas e que sexa non sexista, nos termos establecidos legalmente..

Fomentarase que o alumnado participe en actividades que lle permitan afianzar o espírito emprendedor e a iniciativa empresarial a partir de aptitudes como a creatividade, a autonomía, a iniciativa, o traballo en equipo, a confianza nun mesmo e o sentido crítico.


d) Os criterios de carácter xeral sobre a metodoloxía (Elaborado)


Quizás un dos factores máis determinantes do bo funcionamento dun centro de ensinanza sexa unha ratio adecuada nas aulas, así como unha boa distribución do alumnado no grupo clase de referencia. Na organización do curso escolar hase de ter en conta o equilibrio entre número de alumnos e alumnas, o equilibrio dos resultados académicos
en cursos anteriores do alumnado agrupado, tamén tódolos datos que poda aportarnos o departamento de orientación (informes elaborados no curso anterior polo titor/a, polo profesorado de reforzo, PTs) e no caso de 1º ESO a información trasladada dende o centro primaria adscrito e nos outros niveis a información da última sesión avaliación do curso anterior.

Nos cursos de 1º, 2º e 3º da ESO reducirase a ratio con desdobres ou agrupamentos flexibles( dependendo das características do alumnado) en todas aquelas materias nas que sexa posible, como mínimo nas instrumentais e estudarase a posibilidade de apoios de profesorado de materia dentro da aula onde sexa posible.

Xefatura de estudos elaborará un calendario de exames por avaliación para o alumnado da ESO e de Bacharelato, co fin de que non haxa acumulación de exames e entregas de traballos no mesmo día. O mesmo para os exames de pendentes.

Colaboración e coordinación entre o profesorado do mesmo departamento, sobre todo aquel que imparte no mesmo nivel tanto á hora de elaboración das programacións didácticas como na marcha do curso.

Potenciar un bo clima de traballo co alumnado e tamén entre o profesorado. O trato co alumnado ha de ser distendido creando un clima de traballo no que podan participar e sentirse valorados, sempre tendo en conta que do que máis se aprende é dos erros que cometemos no propio proceso de aprendizaxe. Utilizar o reforzo positivo.

Debe facerse un axuste dos contidos, obxectivos e actividades ás necesidades do noso alumnado, sempre atentos a quen temos diante, ás súas carencias e necesidades. Ter en conta os coñecementos previos en cada unidade didáctica, moi importante en cursos nos que o alumnado ten diferentes procedencias.

Favorecer o traballo colaborativo entre alumnado e entre profesorado. Seguir traballando o Proxecto Integral das Linguas e desenvolver un para as ciencias.

Promover o uso da biblioteca, laboratorios, aulas e talleres de tecnoloxía, aula de ciencias, aula de humanidades e tódolos espazos que nos leven a unha educación máis experimental e participativa.

O nivel formativo dos pais determina moitas veces os resultados académicos dos seus fillos, tamén o contexto socioeconómico. Polo que é moi importante ademais do traballo puramente académico un amplo programa de actividades complementarias e extraescolares e a participación en diferentes plans e programas que ofrece a
Consellería.


e) Os criterios de carácter xeral sobre os materiais e recursos didácticos (Elaborado)


O uso de recursos tanto humanos, de espazos ou materiais, a veces veñen dados pola situación e características do centro.

Contamos con diferentes Aulas específicas: de Ciencias, de Humanidades, de Tecnoloxía Industrial, de Música, de Debuxo, Laboratorios de Ciencias, de Física e Química, taller de Tecnoloxía, dúas aulas de Informática, unha de Idiomas. Cada unha destas aulas está dotada de material específico das materias que nela se imparten, un adecuado
uso dos espazos inflúe de xeito positivo na aprendizaxe xa que dinamiza a transmisión de saberes o que permite unha aprendizaxe máis experimental, máis práctica.

A raíz da pandemia e como consecuencia do crecemento dunha ensinanza virtual o centro pasou a formar parte do Programa E-Dixgal, o que supón que todo o alumnado ten un ordenador propio e pode traballar nun entorno virtual e leva novas dinámicas e experiencias.

O uso da biblioteca como lugar habitual para dar clase pode fomentar a lectura e o achegamento do alumnado aos libros, tamén nos momentos de lecer pode ser un lugar de distensión e de xogo.

Saídas e visitas culturais a cidades próximas: museos, casa das Ciencias, Catedral de Santiago, tamén a cidades europeas motivan a aprendizaxe, acercan ao alumnado a un ambiente urbano, fomentan as relacións entre alumnado e profesorado.

Celebración dunha Semana Cultural para aprendizaxes máis dinámicos, para a divulgación de diferentes saberes, a veces moi diferentes aos que se podan aprender nunha aula. O alumnado é o protagonista.


f) Os criterios de oferta educativa, itinerarios e optatividade, de ser o caso (Elaborado)


O noso centro está situado no rural, é un centro pequeno, de dúas liñas, estas características fan que a optatividade do noso alumnado se vexa afectada xa que debemos solicitar tódolos anos a Xefatura Territorial a impartición dalgunha das materias de opción por ter un número de matriculados inferior a 5, e de materias optativas por ter un
número inferior a 10. Temos entón que ter en conta á hora de deseñar os itinerarios do centro con que profesorado definitivo contamos, de xeito que se optimice a optatividade pero sempre en equilibrio coa atención a diversidade.

Engadimos como anexos os impresos de matrícula de tódalas ensinanzas coas que conta o IES.
 


g) Os criterios para o deseño das actividades complementarias (Elaborado)


As actividades complementarias e extraescolares representan unha importante área de aprendizaxe e formación, sexa esta de carácter académico e curricular ou - e especialmente importante- de carácter humano, social e persoal. Desde hai anos as actividades complementarias e extraescolares forman parte dos principios fundamentais de acción
do centro, e así é asumido por toda a comunidade educativa, particularmente polo profesorado, que ocupa un papel fundamental na súa dinamización e dedica un grande esforzo persoal en que todo saia adiante, esforzo que excede na maioría dos casos o horario laboral. Entendemos que as actividades complementarias e extraescolares son, polo
tanto, unha das áreas importantes de acción no centro, que contribúe de forma importante á cohesión de toda a comunidade educativa e que favorece o logro dun bo clima de convivencia, á vez que abre portas ao alumnado mais aló da actividade académica diaria.

OS CRITERIOS PARA O DESEÑO DAS ACTIVIDADES SON: 

- Que todo o alumnado que pase polo centro poida contar coa oportunidade de desfrutar dunha ampla oferta de actividades, que lle permita adquirir unha visión global do mundo, desde os ámbitos máis próximos e familiares como son o coñecemento persoal que cada quen ten de si e o coñecemento da contorna humana e física, ata os niveis máis
universais, como son a historia, a arte, as diferentes culturas, os valores humanos, a ciencia ou os retos aos que se enfronta a humanidade.

- Con esta premisa, as actividades complementarias e extraescolares trataran de ser diversas e integradoras, de xeito que poidan responder ao maior número de sensibilidades existentes entre o alumnado, profesorado e familias, sexa atendendo ás propostas que procedan de calquera dos sectores da comunidade educativa aludidos, ou ben cubrindo
as lagoas que se poidan detectar, atendendo ás manifestacións e problemáticas de maior actualidade que non estean directamente tratadas nas diferentes programacións didácticas dos departamentos.

- As actividades complementarias e extraescolares deberán fundamentarse nos principios de igualdade e non exclusión por razóns de procedencia, cultura, xénero, crenzas, capacidades ou económicas. Atendendo a isto, deberá terse en conta que o acceso ás actividades non se produce sempre en igualdade de condicións, sexa por motivos
económicos, de xénero, sociais, familiares ou outros, polo que a organización das actividades deberá contemplar sempre a necesidade de eliminar na medida do posible os obstáculos que podan xurdir e que impliquen unha diferenza de oportunidades. A discriminación positiva convértese así nun principio de grande importancia coa vista
posta en que todo o noso alumnado conte con condicións e oportunidades homologables, tanto a nivel interno do centro, como a nivel externo, evitando que o facto de vivirmos nunha área afastada das zonas urbanas implique dificultade no acceso a bens culturais, recursos tecnolóxicos ou, en xeral, oportunidades de crecemento persoal e
colectivo. Como é evidente, toda a actividade do centro estará ademais comprometida coa defensa positiva de valores como a igualdade, o respecto ás persoas e ao medio ambiente, a solidariedade, a democracia, a integración e a autonomía persoal.

- A actividade do instituto deberá tratar de dinamizar tanto a vida interna do centro, como a participación externa con entidades, institucións e colectivos, pertencentes ao ámbito educativo ou non. Entre as actividades de dinamización interna, ademais das que teñen un carácter preferentemente didáctico ou formativo, é importante que se deseñe un
programa de actividades permanente que permita crear vínculos entre o alumnado, e deste co profesorado e co centro como tal, fomentando valores de interese social como o respecto, a limpeza, a orden, a corresponsabilidade, a creatividade, a colaboración ou o aprecio polo bo gusto estético. Así, tratarase de levar adiante actividades que
favorezan o logro de espazos de traballo agradables, o cuidado e limpeza das aulas, mobiliario, corredores, patios e instalacións en xeral, involucrando e responsabilizando ao alumnado, na medida do posible, na iniciativa, no deseño, na organización e no desenvolvemento destas actividades.

- As viaxes de carácter extraescolar proporcionan ao alumnado unha experiencia única e necesaria, e contribúe en moitos aspectos á súa formación como persoas e como cidadáns, cubrindo campos que doutro xeito serian dificilmente accesibles, dada a nosa localización periférica e configuración socio-xeográfica rural ou semiurbana.
Entre estas achegas están o fomento da convivencia, a autonomía e a autoorganización, o descubrimento de outras comunidades e culturas, o fomento de bos hábitos de vida e o respecto á diversidade. Trataremos de que todo o alumnado teña a oportunidade de acceder a estas actividades, estabelecendo un calendario diverso e adecuado aos
obxectivos que se perseguen.

- Entre os proxectos e dinamizacións con retorno no alumado, contamos cos plans Proxecta coa intención de fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas educativos que fomenten o traballo cooperativo, interdisciplinar e competencial pero que ademais estean comprometidos coa consecución dos obxectivos de desenvolvemento sostible da Axenda 2030. O programa abarca diversas temáticas vencelladas aos mencionados obxectivos: igualdade e educación afectivosexual, mobilidade sostible, educación patrimonial, hábitos de vida saudables (alimentación e vida activa e deportiva), desenvolvemento sostible e concienciación medioambiental, cidadanía mundial, etc. Para conseguir acadar os obxectivos plantexados, este plan promove a realización de proxectos interdisciplinarios que fomenten o papel activo do alumnado ante os desafíos sociais, económicos e medioambientais da sociedade actual e do futuro e poidan servir de modelo de traballo ou de boa práctica.


h) Os criterios para o deseño dos plans de reforzo ou de recuperación para o alumnado que promocione con materias, ámbitos ou módulos pendentes de cursos anteriores, de ser o caso (Elaborado)


ESO
O alumnado que acade a promoción de curso con materias sen superar deberá seguir un plan de reforzo en cada unha desas materias, destinado á súa recuperación e á súa superación.

Este alumnado deberá superar as avaliacións correspondentes aos devanditos plans, de acordo co disposto pola consellería con competencias en materia de educación. Esta circunstancia será tida en conta para os efectos de promoción e titulación.
O establecido no punto anterior será de aplicación para o alumnado que se incorpore a un programa de diversificación curricular, naquelas materias de cursos anteriores que non superaran e que non estean integradas nalgún dos ámbitos do programa. As materias de cursos anteriores integradas nalgún dos ámbitos consideraranse
superadas se se supera o ámbito correspondente.

PLAN DE REFORZO PARA O ALUMNADO DE EDUCACIÓN SECUNDARIA OBRIGATORIA QUE PASE DE CURSO CON MATERIAS SEN SUPERAR

O alumnado de educación secundaria obrigatoria que se promova de curso con materias sen superar deberá seguir un plan de reforzo en cada unha desas materias, destinado á súa recuperación e á súa superación.

O plan de reforzo será coordinado (a comezos do curso segundo data establecida por xefatura de estudos) polo xefe/a de departamento da materia que a alumna ou o alumno teñan pendente de superar, segundo os acordos que se tomen no correspondente departamento didáctico e co coñecemento do profesorado titor, e terá como referentes
os obxectivos da materia e a contribución á adquisición das competencias. Igualmente, será un plan que se adapte ás particularidades de cada alumna ou alumno destinatarios. O departamento didáctico velará pola realización do plan por parte da alumna ou do alumno.

O plan de reforzo debe incluír, cando menos:
a) Identificación da alumna ou do alumno.
b) Información relevante sobre a materia ou as materias sen superar.
c) Currículo para desenvolver, con especificación dos criterios de avaliación.
d) Estratexias metodolóxicas que se utilizarán no seu desenvolvemento.
e) Recursos necesarios para o seu desenvolvemento.
f) Tarefas para realizar, coa debida temporización.
g) Seguimento e avaliación.
h) Acreditación da información á familia . A persoa que detente a xefatura de departamento entregará o "Recibín" en xefatura segundo calendario establecido

En cada sesión de avaliación farase o seguimento do plan de reforzo e, de ser necesario, realizaránselle os axustes que procedan. Na sesión de avaliación final do curso en que estean escolarizados o alumno ou a alumna, o xefe de departamento da materia pendente decidirán sobre a súa avaliación, nos termos que se establecen na normativa que
regula a avaliación na educación secundaria obrigatoria. En todo caso, para superar a materia pendente, a alumna ou o alumno deberán obter avaliación positiva no plan de reforzo correspondente, o que se terá en conta para os efectos de promoción e/ou titulación.

 

BACHARELATO
Materias pendentes:
O alumnado que acade a promoción ao segundo curso con materias pendentes deberá matricularse delas e cursalas ao longo do curso. Os departamentos didácticos, seguindo o calendario deseñado pola xefatura de estudos, organizarán as consecuentes actividades de seguimento, recuperación e avaliación das materias pendentes tendo en
conta que a avaliación destas materias terá que ser anterior á das materias de segundo curso. Toda esta información será publicada nos taboleiros correspondentes e na páxina web do centro. Para recuperar as materias estableceranse dúas probas, a realizar en novembro e en febreiro para que o alumnado poida centrarse a partir destes meses nas materias propias do curso. O alumnado que non aprobe tras estas probas terá unha proba final no mes de maio. A súa cualificación figurará no boletín de notas de cada avaliación.

O seguimento e a avaliación das materias pendentes será realizado polo profesorado con atribución docente na materia, elixido polo departamento didáctico.
Nas materias de continuidade, será elixido, preferentemente, o profesorado que lle imparta a materia no segundo curso. No resto de materias, será elixido, preferentemente, o profesorado que teña coñecemento do proceso de aprendizaxe e da realidade educativa da alumna ou do alumno por terlle impartido docencia no curso anterior ou por impartirlle docencia no curso actual.

En todo caso quedará recollido nunha acta de departamento o acordo no que se indique que profesor/a se encarga da avaliación de pendentes de todo o alumnado que se encontre nesta situación.


i) Os criterios para o deseño dos plans específicos de reforzo ou personalizados para o alumnado que deba permanecer un ano máis no mesmo curso, de ser o caso (Elaborado)


ESO
O alumnado que non acade a promoción permanecerá un ano máis no mesmo curso. A permanencia no mesmo curso considerarase unha medida de carácter excepcional e tomarase logo de esgotar as medidas ordinarias de reforzo e apoio para superar as dificultades de aprendizaxe da alumna ou do alumno. En todo caso, a permanencia no mesmo
curso planificarase de maneira que as condicións curriculares se adapten ás necesidades do alumnado e estean orientadas á superación das dificultades detectadas, así como ao avance e ao afondamento nas aprendizaxes xa adquiridas. Estas condicións recolleranse nun plan específico personalizado con cantas medidas se consideren adecuadas para este alumnado.

En todo caso, a alumna ou o alumno poderá permanecer no mesmo curso unha soa vez, e dúas veces como máximo ao longo do ensino obrigatorio. De xeito excepcional poderase permanecer un ano máis no cuarto curso, aínda que se esgotase o máximo de permanencia, sempre que o equipo docente considere que esta medida favorece a adquisición
das competencias establecidas para a etapa. Neste caso poderase prolongar un ano o límite de idade a que se refire o artigo 5.1. (Artigo 5.1 do Decreto 156/2022, do 15 de setembro: A educación secundaria obrigatoria ten carácter obrigatorio e gratuíto, e en réxime ordinario cursarase, con carácter xeral, entre os doce e os dezaseis anos de idade,
aínda que as alumnas e os alumnos terán dereito a permanecer na etapa ata os dezaoito anos de idade feitos no ano en que finalice o curso.)

Nos programas de diversificación curricular, as decisións sobre a permanencia neles un ano máis adoptaranse exclusivamente á finalización do segundo ano do programa. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, a escolarización do alumnado de necesidades educativas especiais na etapa de educación secundaria obrigatoria en centros ordinarios poderá prolongarse un ano máis, sempre que iso favoreza a adquisición das competencias clave establecidas e a consecución dos obxectivos xerais da etapa.


PLAN ESPECÍFICO PERSONALIZADO PARA O ALUMNADO DE EDUCACIÓN SECUNDARIA OBRIGATORIA QUE PERMANEZA UN ANO MÁIS NO MESMO CURSO
Cando unha alumna ou un alumno de educación secundaria obrigatoria permaneza un ano máis no mesmo curso debe seguir un plan específico personalizado, que ten como finalidade adaptar as condicións curriculares ás necesidades da alumna ou do alumno, para tratar de superar as dificultades detectadas. Este plan coordinarao o
titor/a coa colaboración do equipo docente,(a comezos do curso, segundo data establecida por xefatura de estudos) contando co apoio da orientadora, e desenvolverase ao longo de todo o curso.

O plan específico personalizado debe incluír, cando menos:
a) Identificación da alumna ou do alumno.
b) Relación das necesidades educativas que motivaron a repetición do curso.
c) Medidas ordinarias aplicadas no curso anterior.
d) Estratexias metodolóxicas que se utilizarán no seu desenvolvemento.
e) Recursos necesarios para o desenvolvemento do plan.
f) De ser o caso, oferta de medidas extraordinarias.
g) Acreditación da información á familia. A persoa titora entregará o ¿recibín¿ en xefatura segundo calendario establecido.
En cada sesión de avaliación farase o seguimento do plan específico personalizado e, de ser necesario, realizaránselle os axustes que procedan. Ao final do curso, na mesma sesión de avaliación, informarase sobre o seu desenvolvemento e o seu aproveitamento.

 

BACHARELATO
Repetición de 1º curso:
As alumnas e os alumnos conseguirán a promoción do primeiro ao segundo curso de bacharelato cando superen todas as materias cursadas ou teñan avaliación negativa en dúas materias como máximo. Para estes efectos, só se computarán as materias en que estea matriculada a alumna ou o alumno.
O alumnado que acade a promoción ao segundo curso con materias pendentes deberá matricularse delas e cursalas ao longo do curso. As alumnas e os alumnos do primeiro curso de bacharelato que non cumpran as condicións de promoción establecidas deberán matricularse de todas as materias e repetir o curso na súa totalidade. Neste caso, non se manterán as cualificacións das materias do devandito curso que a alumna ou o alumno superase previamente.
 

Repetición de 2º curso:
O alumnado que ao termo do segundo curso tivese avaliación negativa nunha ou máis materias poderá:
a) Matricularse delas sen necesidade de cursar de novo as materias superadas. Neste caso poderá solicitarlle á dirección do centro educativo a asistencia ás clases das materias xa superadas de segundo curso, quedando unicamente exento da súa avaliación e debendo cumprir coas mesmas obrigas que o resto do alumnado do grupo.
b) Repetir o curso completo. Neste caso non se manterán as cualificacións das materias do devandito curso que a alumna ou o alumno superase previamente.
 


j) Os criterios xerais para a avaliación, e de ser o caso, a promoción e a titulación (Elaborado)


ESO
Os referentes para a valoración do grao de adquisición das competencias clave e o logro dos obxectivos das materias e dos ámbitos e da etapa na avaliación das materias ou dos ámbitos serán os criterios de avaliación que se recollen no DECRETO 156/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo da educación
secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia.

Os referentes da avaliación no caso do alumnado con adaptación curricular serán os incluídos na devandita adaptación, sen que isto poida impedirlle a promoción ao seguinte curso ou a obtención do título de graduado ou graduada en educación secundaria obrigatoria.

 

No contexto do proceso de avaliación continua, cando o progreso dunha alumna ou dun alumno non sexa o adecuado, estableceranse medidas de reforzo educativo. Estas medidas adoptaranse en calquera momento do curso, tan pronto como se detecten as dificultades, con especial seguimento da situación do alumnado con necesidades
educativas especiais, e estarán dirixidas a garantir a adquisición das aprendizaxes imprescindibles para continuar o proceso educativo.


Na avaliación, promoverase o uso xeneralizado de instrumentos de avaliación variados, diversos e adaptados ás distintas situacións de aprendizaxe, que permitan a valoración obxectiva de todo o alumnado, garantíndose, así mesmo, que as condicións de realización dos procesos asociados á avaliación se adapten ás necesidades do
alumnado con necesidade específica de apoio educativo.

 


SESIÓNS DE AVALIACIÓN
As sesións de avaliación son as reunións que mantén o equipo docente de cada grupo, co obxecto de analizar o proceso de aprendizaxe de cada alumna e alumno, así como de tomar as decisións que adapten a intervención educativa ás características individuais do alumnado e ás do grupo.
O equipo docente do grupo estará constituído polo profesorado responsable da avaliación das materias ou ámbitos en que estea matriculado o alumnado do dito grupo. Neste sentido, terase en conta que as materias ou ámbitos pendentes forman parte da matrícula do alumnado.
Porén, cando o equipo docente teña que tomar decisións respecto dunha alumna ou dun alumno participará unicamente o profesorado responsable da avaliación das materias ou ámbitos en que estea matriculada ou matriculado a alumna ou o alumno. Polo que é necesaria a asistencia do profesorado encargado das materias pendentes na sesión da avaliación final. Cada profesor un voto.

Ao longo do curso realizaranse unha avaliación inicial, como mínimo tres avaliacións parciais e unha avaliación final.

As sesións de avaliación serán coordinadas pola persoa titora do grupo e nelas participará o equipo docente. Analizarase a información sobre as características xerais do grupo e sobre as circunstancias académicas ou persoais, con incidencia educativa, de cantas alumnas e alumnos o compoñan.

O profesorado especialista en pedagoxía terapéutica e en audición e linguaxe asistirá ás sesións de avaliación do alumnado que atende, con voz e sen voto.
Nestas sesións de avaliación, con carácter xeral, contarase co asesoramento da xefatura do departamento de orientación e co apoio do equipo directivo.
En cada sesión, a avaliación de cada materia ou ámbito é competencia do profesorado que o imparta ou, de ser o caso, realice o seguimento e avaliación das materias ou ámbitos pendentes.
As decisións adoptadas polo equipo docente, que se acordarán de forma colexiada, irán referidas á promoción e á titulación, á avaliación das competencias clave e a todo aquilo que incida no proceso educativo de cada alumna ou alumno. De non existir unanimidade no equipo docente, a toma de decisións requirirá o acordo favorable da maioría simple dos seus membros. Cada profesor/a un voto.  O profesorado non poderá absterse. No caso de empate o titor/a terá voto de calidade.

A titora ou o titor levantará a correspondente acta de desenvolvemento de cada unha das sesións de avaliación, na cal se fará constar a asistencia do profesorado, os asuntos tratados e as decisións e os acordos acadados e motivados referidos a cada alumna e a cada alumno, e ao grupo no seu conxunto, especificando aqueles que se refiran á valoración das aprendizaxes das alumnas ou dos alumnos e da práctica docente, e as propostas de mellora. Esta acta será entregada posteriormente na xefatura de estudos.

AVALIACIÓN INICIAL

O equipo docente do grupo realizará unha sesión de avaliación inicial para analizar os datos e a información obtida durante as primeiras sesións lectivas do curso académico,así como outra información relevante de que se dispoña, coa finalidade de adecuar as ensinanzas de cada materia ou ámbito ao alumnado e facilitar a progresión satisfactoria do seu proceso de aprendizaxe. Nesta sesión adoptaranse, de forma coordinada, aquelas medidas de apoio, reforzo e recuperación que se consideren oportunas para cada alumna ou alumno, así como as relativas ao axuste do desenvolvemento do currículo.
Esta avaliación inicial en ningún caso implicará cualificación para o alumnado.

AVALIACIÓNS PARCIAIS

Ao longo do curso realizaranse, cando menos, tres sesións de avaliación parciais para cada grupo. A derradeira destas sesións deberá coincidir coa avaliación final ordinaria e a ela debe acudir tamén o profesorado encargado de avaliar as materias pendentes.
O profesorado, incluído o encargado do seguimento e a avaliación das materias ou ámbitos pendentes, deberá consignar nas actas de avaliación as cualificacións das materias ou ámbitos dos cales sexa responsable.
As datas para a realización destas sesións de avaliación parcial concretaranse procurando unha repartición equilibrada na duración dos períodos.

O alumnado de 1º e 2º de ESO que non curse a materia común de segunda lingua estranxeira (Resolución do 15 de xullo de 2016, DOG 1 de agosto 2016) será valorado de xeito cualitativo, no progreso nas actividades de reforzo que estea desenvolvendo. O titor/a indicará nas observacións do boletín de cualificacións se seguiu con aproveitamento ou non as actividades de reforzo de lingua galega ou castelá e inglés programadas no curso correspondente. Nos documentos de avaliación figurará como exento. Establecerase un calendario de probas finais para as materias con alumnado suspenso nalgunha das avaliacións e para materias con pendentes. A cualificación definitiva das materias farase efectiva na avaliación final de curso.

AVALIACIÓN PARCIAIS DE PENDENTES

Os calendarios de exames de pendentes serán marcados pola Xefatura de Estudos.

Faranse dúas avaliacións parciais, unha trala semana de exames de novembro e outra trala semana de exames de febreiro, nas que o profesorado encargado da avaliación de pendentes consignará as cualificacións en xade , no caso de que o alumnado suspenda ambas partes ou algunha delas pode repetir os exames no mes de abril-maio e tamén terá outra oportunidade nos exames finais fixados nas datas que se determinen na norma que estableza o calendario escolar para cada curso. As cualificacións da 1ª e 2ª avaliación parcial notificaranse aos titores e titoras legais nos boletíns da 1ª e 2ª avaliación, na avaliación final irá a nota final acadada polo alumno/a para esa materia pendente.

AVALIACIÓN FINAL

O equipo docente, coordinado pola titora ou polo titor do grupo, levará a cabo a avaliación final do alumnado, de forma colexiada nunha única sesión, que terá lugar ao finalizar o período lectivo do curso académico.
O profesorado, incluído o encargado do seguimento e a avaliación das materias ou ámbitos pendentes, deberá consignar na acta de avaliación final as cualificacións das materias ou ámbitos de que sexa responsable.
O equipo docente, coordinado pola persoa titora, consignará na acta de avaliación final as cualificacións das competencias clave.

AVALIACIÓN DAS COMPETENCIAS CLAVE

Todas as materias ou ámbitos do currículo deben contribuír, en cada un dos cursos da etapa, ao desenvolvemento por parte do alumnado do adecuado grao de adquisición das competencias clave.

A avaliación do grao de adquisición das competencias clave en cada un dos cursos da etapa debe estar integrada coa avaliación de cada unha das materias ou ámbitos, na medida en que, de conformidade co anexo II e III do Decreto 156/2022, do 15 de setembro, os criterios de avaliación de cada materia ou ámbito, nun determinado curso da etapa, están relacionados univocamente cos obxectivos da devandita materia ou ámbito, e estes están relacionados coas competencias clave a través dos correspondentes descritores operativos recollidos no perfil de saída.

 

CUALIFICACIÓNS

Os resultados da avaliación das materias expresaranse nos termos de insuficiente (IN) para as cualificacións negativas e suficiente (SU), ben (BE), notable (NT) ou sobre-saliente (SB) para as cualificacións positivas. A estes termos achegaráselles, con carácter informativo, unha cualificación numérica, sen empregar decimais, nunha escala de un a dez, coas seguintes correspondencias:
– Insuficiente: 1, 2, 3 ou 4.
– Suficiente: 5.
– Ben: 6.
– Notable: 7 ou 8.
– Sobresaliente: 9 ou 10.
No caso dos ámbitos que integren distintas materias, o resultado da avaliación expresarase mediante unha única cualificación, sen prexuízo dos procedementos que poida establecer o centro para manter informados da súa evolución nas diferentes materias a alumna ou o alumno e as súas nais, os seus pais ou as súas persoas titoras legais.
Co obxecto de garantir a mobilidade do alumnado, cando varias materias fosen cursadas integradas nun ámbito, farase constar no historial académico e no informe persoal por traslado a cualificación obtida en cada materia, que será a mesma que figure no expediente académico para o ámbito correspondente.
Os resultados da avaliación das competencias clave expresaranse nos mesmos termos cualitativos que os resultados de avaliación das materias.

REXISTRO DO GRAO DE CONSECUCIÓN DOS OBXECTIVOS
A persoa titora fará a media de todas as materias cursadas polo/a alumno/a cando este/a as supere na súa totalidade
durante a xunta de avaliación final.
Na aplicación XADE, no apartado ¿Grao de consecución dos obxectivos de etapa,¿ rexistrarase:
Non acadou os obxectivos:
- cando o/a alumno/a non promociona ou non titula.
Acadou os obxectivos suficientemente:
- se promociona ou titula con materias suspensas
- cando sexa PIL, decide a xunta de avaliación por votación
- se promociona con todo aprobado e cunha media de menos de 8.
Acadou os obxectivos de xeito destacado¿:
- se promociona con todo aprobado e unha nota media de 8 ou máis.

 

AVALIACIÓN DE DIAGNÓSTICO
No segundo curso de educación secundaria obrigatoria todos os centros docentes realizarán unha avaliación de diagnóstico das competencias clave adquiridas polo seu alumnado, segundo dispoña a consellería con competencias en materia de educación. Esta avaliación terá carácter informativo, formativo e orientador para os centros docentes,
para o profesorado, para o alumnado e as súas familias ou persoas titoras legais, e para o conxunto da comunidade educativa. Esta avaliación, de carácter censual, terá como marco de referencia o establecido de acordo co artigo 144.1 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio.

CONSELLO ORIENTADOR


Ao finalizar o segundo curso entregaráselles aos pais, ás nais ou ás persoas que teñan a titoría legal de cada alumna ou alumno un consello orientador. Este consello incluirá un informe sobre o grao de logro dos obxectivos e de adquisición das competencias correspondentes, así como unha proposta a pais, nais ou titores ou titoras legais, ou,
de ser o caso, á alumna ou ao alumno, da opción que se considere máis adecuada para continuar a súa formación, que poderá incluír a incorporación a un programa de diversificación curricular ou a un ciclo formativo de grao básico.

Igualmente, ao finalizar a etapa ou, de ser o caso, ao concluír a súa escolarización, todo o alumnado recibirá un consello orientador individualizado que incluirá unha proposta sobre a opción ou as opcións académicas, formativas ou profesionais que se consideran máis convenientes. Este consello orientador terá por obxecto que todo o alumnado
atope unha opción adecuada para o seu futuro formativo.

Ademais de nos casos anteriores, cando o equipo docente estime conveniente propor a pais, nais, titores ou titoras legais, ou á alumna ou ao alumno a súa incorporación a un ciclo formativo de grao básico ou a un programa de diversificación curricular, nalgún outro curso en que resulte de aplicación, a devandita proposta formularase a través
dun consello orientador que se emitirá con esa única finalidade.

Este consello orientador elaborarao o profesorado titor, logo da información recollida na sesión de avaliación final e co asesoramento do departamento de orientación. Levará a sinatura do profesorado titor e da persoa que exerza a xefatura do departamento de orientación, e o visto e prace da dirección do centro docente. O consello orientador
incluirase no expediente da alumna ou do alumno.

PROMOCIÓN

Ao finalizar cada un dos cursos da etapa e como consecuencia do proceso de avaliación, o equipo docente da alumna ou do alumno, na sesión de avaliación final, decidirá sobre a súa promoción. A decisión será adoptada de xeito colexiado, atendendo á consecución dos obxectivos, ao grao de adquisición das competencias establecidas e á
valoración das medidas que favorezan o progreso da alumna ou do alumno, e tendo en conta os criterios de promoción.

Para os efectos do disposto no punto anterior, acadará a promoción dun curso a outro o alumnado que superase as materias ou os ámbitos cursados ou teña avaliación negativa nunha ou dúas materias, considerándose para o cómputo as materias non superadas do propio curso e as de cursos anteriores.

Ademais de nos casos anteriores, o equipo docente poderá decidir a promoción dunha alumna ou dun alumno, sempre que se cumpran tamén todas as condicións seguintes:

a) Que a media aritmética das cualificacións obtidas en todas as materias nas que estea matriculada ou matriculado nese ano académico sexa igual ou superior a cinco.
b) Que a suma dos períodos lectivos semanais das materias ou dos ámbitos (establecidos no anexo IV do DECRETO 156/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo da Educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia) con avaliación negativa non sexa superior a dez. Para estes efectos, non se
considerarán as materias pendentes de cursos anteriores nin as horas de libre disposición.

c) Que o equipo docente considere que a natureza das materias non superadas lle permite seguir con éxito o curso seguinte.
d) Que o equipo docente estime que ten expectativas favorables de recuperación.
e) Que o equipo docente estime que a devandita promoción beneficiará a súa evolución académica.

 Na decisión do equipo docente terase en conta que o alumno/a se presentase ás probas e realizase as actividades necesarias para a súa avaliación.

TITULACIÓN

Ao finalizar o cuarto curso da etapa e como consecuencia do proceso de avaliación, o equipo docente da alumna ou do alumno, na sesión de avaliación final, decidirá sobre a súa titulación. A decisión será adoptada de xeito colexiado, atendendo á adquisición das competencias establecidas e á consecución dos obxectivos da etapa, sen prexuízo do
establecido no artigo 24.1 do Decreto 156/2022, do 15 de setembro (Os referentes da avaliación no caso do alumnado con adaptación curricular serán os incluídos na devandita adaptación, sen que isto poida impedirlle a promoción ao seguinte curso ou a obtención do título de graduado ou graduada en educación secundaria obrigatoria.), e tendo en conta os criterios de titulación.
Para os efectos do disposto no punto anterior, obterá o título de graduado en educación secundaria obrigatoria o alumnado que supere todas as materias ou ámbitos cursados.

Ademais de no caso anterior, o equipo docente poderá decidir a obtención do título por parte dunha alumna ou dun alumno, sempre que se cumpran tamén todas as condicións seguintes:
a) Que a media aritmética das cualificacións obtidas en todas as materias en que estea matriculada ou matriculado nese ano académico sexa igual ou superior a cinco.
b) Que a xuízo do equipo docente a alumna ou o alumno adquirise as competencias clave establecidas no perfil de saída.
c) Que a xuízo do equipo docente a alumna ou o alumno alcanzase os obxectivos da etapa.
Para estes efectos, nos criterios de titulación establecidos polos centros docentes non se poderán fixar número nin tipoloxía de materias non superadas.

Na decisión do equipo docente terase en conta que o alumno/a se presentase ás probas e realizase as actividades necesarias para a súa avaliación.

O título de graduado en educación secundaria obrigatoria será único e expedirase sen cualificación.
As alumnas e os alumnos recibirán, ao concluíren a súa escolarización na educación secundaria obrigatoria, unha certificación oficial na que constará o número de anos cursados e o nivel de adquisición das competencias clave definidas no perfil de saída.

De conformidade co establecido no artigo 25.7 do Real decreto 217/2022, do 29 de marzo, polo que se establece a ordenación e as ensinanzas mínimas da educación secundaria obrigatoria, a superación da totalidade dos ámbitos incluídos nun ciclo formativo de grao básico conducirá á obtención do título de graduada ou graduado en educación
secundaria obrigatoria. 

PROBAS OU ACTIVIDADES PERSONALIZADAS EXTRAORDINARIAS

O alumnado que, logo de finalizado o proceso de avaliación do cuarto curso de educación secundaria obrigatoria, non obteña o título e supere os límites de idade establecidos no artigo 4.2 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, tendo en conta así mesmo a prolongación excepcional da permanencia na etapa que prevé a propia lei no
artigo 28.5, poderao facer nos dous cursos seguintes a través da realización de probas ou actividades personalizadas extraordinarias das materias que non superase, de acordo co currículo establecido e coa organización e instrucións que dispoña a Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional.

Poderá inscribirse para realizar estas probas ou actividades o alumnado que non estea matriculado en ningunha ensinanza ou proba que permita a obtención do título de graduada ou graduado en educación secundaria obrigatoria no curso académico en que solicite a inscrición nas ditas probas ou actividades.
No caso de que estivese matriculado nalgunha ensinanza ou proba que permita a obtención do título de graduada ou graduado en educación secundaria obrigatoria, poderá solicitar a súa inscrición se causou baixa antes de prazo de matrícula das probas ou actividades personalizadas extraordinarias.

A inscrición e a matrícula realizarase no mes de maio de cada curso académico.
As probas ou actividades personalizadas realizaranse no centro educativo onde a alumna ou o alumno estivese matriculado por última vez no cuarto curso do ensino secundario obrigatorio, durante o mes de xuño.
O profesorado que imparte docencia das materias ou os ámbitos en que o alumnado se inscribise para a realización destas probas ou actividades será o encargado do seu deseño e da súa avaliación. Para tales efectos, o profesorado informará, cando menos, dos obxectivos, os criterios de avaliación, os contidos, os instrumentos de avaliación e os criterios de cualificación para cada materia ou ámbito en que a alumna ou o alumno estea inscrito, así como dos criterios de titulación.
Realizarase unha sesión de avaliación nas datas establecidas para a sesión de avaliación final en que participará o profesorado responsable das probas ou actividades e será coordinada pola persoa que exerza a xefatura de estudos ou a persoa en que delegue.

BACHARELATO
 

AVALIACIÓN

A avaliación constituirá unha práctica habitual e permanente do profesorado dirixida a obter e rexistrar datos relevantes que faciliten a toma de decisións encamiñadas á mellora dos procesos de ensino e aprendizaxe do alumnado, tanto no ámbito individual como no colectivo.
A avaliación no bacharelato será continua, formativa e diferenciada segundo as distintas materias:
a) Continua: o profesorado debe ser coñecedor do progreso e das dificultades de aprendizaxe que presenta cada alumna e alumno durante todo o proceso educativo.
b) Formativa: o profesorado debe empregar a información sobre a evolución da aprendizaxe do alumnado para reorientar, axustar e mellorar o proceso de aprendizaxe adaptándoo ás características persoais de cada alumna e alumno.
c) Diferenciada segundo as distintas materias: xa que o profesorado de cada materia decidirá, ao termo do curso, se a alumna ou o alumno logrou os obxectivos da materia.

Os referentes para a valoración do grao de adquisición das competencias clave e o logro dos obxectivos das materias e da etapa na avaliación das materias serán os criterios de avaliación que figuran no anexo II do Decreto 157/2022, do 15 de setembro.
Promoverase o uso xeneralizado de técnicas e instrumentos de avaliación variados, diversos, flexibles e adaptados ás distintas situacións de aprendizaxe, que permitan a valoración obxectiva de todo o alumnado e que garantan, así mesmo, que as condicións de realización dos procesos asociados á avaliación se adapten ás necesidades do alumnado con necesidade específica de apoio educativo.

Se en calquera momento do curso, como consecuencia do proceso de avaliación continua, se detectase que o progreso dunha alumna ou dun alumno non é o axeitado, estableceranse as medidas máis adecuadas dirixidas a garantir a adquisición das aprendizaxes imprescindibles para continuar o seu proceso educativo.

1. Os referentes para a valoración do grao de adquisición das competencias clave e o logro dos obxectivos das materias e da etapa na avaliación serán os criterios de avaliación que se recollen no DECRETO 157/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo do Bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia
2. A avaliación da aprendizaxe do alumnado será continua e diferenciada segundo as distintas materias, terá un carácter formativo e será un instrumento para a mellora tanto dos procesos de ensino como dos procesos de aprendizaxe. Nese sentido, o profesorado avaliará tanto as aprendizaxes do alumnado como os procesos de ensino e
a súa propia práctica docente, para o cal establecerá indicadores de logro nas programacións docentes.
3. O profesorado de cada materia decidirá, ao termo do curso, se a alumna ou o alumno logrou os obxectivos e alcanzou o adecuado grao de adquisición das competencias clave correspondentes.
4. O alumnado que non supere algunha materia, logo da avaliación final do período ordinario, coa finalidade de lle facilitar a súa recuperación, terá dereito a realizar unha proba extraordinaria nas datas que determine a consellería con competencias en materia de educación.
5. Na avaliación promoverase o uso xeneralizado de instrumentos de avaliación variados, diversos, flexibles e adaptados ás distintas situacións de aprendizaxe, que permitan a valoración obxectiva de todo o alumnado e que garantan, así mesmo, que as condicións de realización dos procesos asociados á avaliación se adapten ás
necesidades do alumnado con necesidade específica de apoio educativo.

SESIÓNS DE AVALIACIÓN

1. As sesións de avaliación son as reunións que mantén o equipo docente de cada grupo, co obxecto de analizar o proceso de aprendizaxe de cada alumna e alumno, así como de tomar as decisións que adapten a intervención educativa ás características individuais do alumnado e ás do grupo.
2. Para os efectos desta orde, o equipo docente do grupo estará constituído polo profesorado responsable da avaliación das materias en que estea matriculado o alumnado do dito grupo. Neste sentido, terase en conta que as materias pendentes forman parte da matrícula do alumnado.
Porén, cando o equipo docente teña que tomar decisións respecto dunha alumna ou dun alumno, participará unicamente o profesorado responsable da avaliación das materias en que estea matriculada ou matriculado a alumna ou o alumno.
3. Ao longo do curso realizaranse unha avaliación inicial, como mínimo tres avaliacións parciais, unha avaliación final ordinaria e unha avaliación final extraordinaria.
4. As sesións de avaliación serán coordinadas pola persoa titora do grupo e nelas participará o seu equipo docente. Analizarase a información sobre as características xerais do grupo ou sobre as circunstancias académicas ou persoais, con incidencia educativa, de cantas alumnas e alumnos o compoñan.
Nestas sesións de avaliación, con carácter xeral, contarase co asesoramento da xefatura do departamento de orientación e co apoio do equipo directivo.
5. En cada sesión a avaliación de cada materia é competencia do profesorado que a imparta ou, de ser o caso, realice o seguimento e avaliación das materias pendentes.
6. As decisións adoptadas polo equipo docente irán referidas á promoción, á titulación, e a todo aquilo que incida no proceso educativo de cada alumna ou alumno. De non existir unanimidade no equipo docente, a toma de decisións requirirá o acordo favorable da maioría simple dos seus membros. Cada profesor/a un voto. 
O profesorado non poderá absterse. No caso de empate o titor/a terá voto de calidade.

7. A titora ou o titor redactará a correspondente acta de desenvolvemento de cada unha das sesións de avaliación, na cal se farán constar a asistencia do profesorado, os asuntos tratados e as decisións e os acordos acadados e motivados referidos a cada alumna e a cada alumno, e ao grupo no seu conxunto, especificando aqueles que se refiran á valoración das aprendizaxes das alumnas ou dos alumnos e da práctica docente e as propostas de mellora. Esta acta será entregada en xefatura de estudos.

AVALIACIÓN INICIAL

1. A avaliación inicial realizarase en consonancia co establecido no artigo 12 da Orde do 8 de setembro de 2021 pola que se desenvolve o Decreto 229/2011, do 7 de decembro, polo que se regula a atención á diversidade do alumnado dos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia en que se imparten as ensinanzas establecidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.
2. O equipo docente do grupo realizará unha sesión de avaliación inicial para analizar os datos e a información obtida durante as primeiras sesións lectivas do curso académico, así como outra información relevante de que se dispoña, coa finalidade de adecuar as ensinanzas de cada materia ao alumnado e facilitar a progresión satisfactoria do seu proceso de aprendizaxe. Nesta sesión adoptaranse, de forma coordinada, aquelas medidas de apoio, reforzo e recuperación que se consideren oportunas para cada alumna ou alumno, así como as relativas ao axuste do desenvolvemento do currículo.
Esta avaliación inicial en ningún caso implicará cualificación para o alumnado.

AVALIACIÓNS PARCIAIS

1. Ao longo do curso realizaranse, cando menos, tres sesións de avaliación parciais para cada grupo. A derradeira destas sesións deberá coincidir coa avaliación final ordinaria.
2. O profesorado deberá consignar nas actas de avaliación as cualificacións das materias das que sexa responsable.
3. As datas para a realización destas sesións parciais concretaranse procurando unha repartición equilibrado na duración dos períodos.

AVALIACIÓN PARCIAIS DE PENDENTES

Os calendarios de exames de pendentes serán marcados pola Xefatura de Estudos..

Faranse dúas avaliacións parciais, unha trala semana de exames de novembro e outra trala semana de exames de febreiro, nas que o profesorado encargado da avaliación de pendentes será o encargado de consignar as cualificacións en xade, no caso de que o alumnado suspenda ambas partes ou algunha delas pode repetir os exames no mes de abril-maio e tamén terá outra oportunidade nos exames extraordinarios fixados nas datas que se determinen na norma que estableza o calendario escolar para cada curso. As cualificacións da 1ª e 2ª avaliación parcial notificaranse aos titores e titoras legais nos boletíns da 1ª e 2ª avaliación respectivamenmte, na avaliación ordinaria irá a nota final acadada polo alumno/a para esa materia pendente, e se fora o caso tamén a cualificación no boletín correspondente á avaliación extrordinaria.

A persoa titora recollerá en acta, para cada sesión de avaliación, as decisións e os acordos acadados referidos a cada alumna e alumno, e ao grupo no seu conxunto. Esta acta será entregada en xefatura de estudos. En todas as sesións de avaliación haberá unha persoa do equipo directivo.

AVALIACIÓN FINAL ORDINARIA E EXTRAORDINARIA

1. O equipo docente, coordinado pola titora ou polo titor do grupo, levará a cabo a avaliación final ordinaria do alumnado. Así mesmo, realizará unha avaliación final extraordinaria para o alumnado que logo da avaliación final ordinaria non supere algunha materia.
A avaliación final ordinaria e a avaliación final extraordinaria realizaranse nas datas que se determinen para cada curso escolar.
2. O profesorado, incluído o encargado do seguimento e a avaliación das materias pendentes, deberá consignar nas actas de avaliación final as cualificacións das materias das que sexa responsable e asistir a ambas sesións de avaliación.

 

PERÍODO LECTIVO ENTRE AVALIACIÓN ORDINARIA E EXTRAORDINARIA


No primeiro curso de bacharelato, o período abranguido desde a realización da avaliación final ordinaria ata o remate do período lectivo dedicarase á preparación e á realización das probas extraordinarias, e a actividades de apoio, reforzo, recuperación, ampliación e titoría.
No segundo curso de bacharelato, no período abranguido desde a realización da avaliación final ordinaria ata as datas de celebración das probas extraordinarias, o centro educativo organizará a impartición das clases co fin de preparar o alumnado para a realización da avaliación de acceso á universidade e das probas extraordinarias.

 


CUALIFICACIÓNS

Os resultados da avaliación das materias expresaranse mediante cualificacións numéricas de cero a dez sen decimais, e consideraranse negativas as cualificacións inferiores a cinco. Cando o alumnado non se presente ás probas extraordinarias consignarase «Non presentada/o» (NP).

PROMOCIÓN
1. Ao finalizar o primeiro curso da etapa e como consecuencia do proceso de avaliación, o equipo docente de cada alumna ou alumno adoptará a decisión sobre a súa promoción ao segundo curso.
2. As alumnas e os alumnos acadarán a promoción de primeiro a segundo de bacharelato cando superen as materias cursadas ou teñan avaliación negativa en dúas materias como máximo. Para estes efectos, só se computarán as materias en que estea matriculada a alumna ou o alumno.

O alumnado que acade a promoción ao segundo curso con materias pendentes deberá matricularse delas e cursalas ao longo do curso.
3. As alumnas e os alumnos do primeiro curso de bacharelato que non cumpran as condicións de promoción establecidas deberán matricularse de todas as materias e repetir o curso na súa totalidade. Neste caso, non se manterán as cualificacións das materias do devandito curso que a alumna ou o alumno superase previamente.
4. O alumnado que ao termo do segundo curso tivese avaliación negativa nunha ou máis materias poderá:
a) Matricularse delas sen necesidade de cursar de novo as materias superadas. Neste caso poderá solicitarlle á dirección do centro educativo a asistencia ás clases das materias xa superadas de segundo curso, quedando unicamente exento da súa avaliación e debendo cumprir coas mesmas obrigas que o resto do alumnado do grupo.
b) Repetir o curso completo. Neste caso non se manterán as cualificacións das materias do devandito curso que a alumna ou o alumno superase previamente.

TITULACIÓN
O título de bacharel acredita o logro dos obxectivos establecidos para a etapa e a adquisición das competencias clave correspondentes.
Para obter o título de bacharel cumprirá a avaliación positiva en todas as materias dos dous cursos de bacharelato.
Excepcionalmente, o equipo docente poderá decidir a obtención do título de bacharel por unha alumna ou un alumno que superase todas as materias agás unha, sempre que se cumpran ademais todas as condicións seguintes:
a) Que o equipo docente considere que a alumna ou o alumno alcanzou as competencias clave e os obxectivos vinculados a ese título.
b) Que non se produciu unha inasistencia continuada e non xustificada por parte da alumna ou do alumno na materia.
c) Que a alumna ou o alumno se presentou ás probas e realizou as actividades necesarias para a súa avaliación, incluídas as da convocatoria extraordinaria.
d) Que a media aritmética das cualificacións obtidas en todas as materias da etapa cursadas que como mínimo se requiran para a obtención do título pola modalidade pola que se remata sexa igual ou superior a cinco. Neste caso, para os efectos do cálculo considerarase a nota numérica obtida na materia non superada.
O título de bacharel será único e expedirase con expresión da modalidade cursada e da nota media obtida, que se obterá calculando a media aritmética das cualificacións de todas as materias cursadas, expresada nunha escala de 0 a 10 con dous decimais, redondeada á centésima.
Para os efectos do cálculo da nota media para o alumnado que cambia de modalidade ou de materia en segundo curso, só se terán en conta as cualificacións das materias cursadas que como mínimo se requiran para a obtención do título pola modalidade pola que se remata.

Nas actas de avaliación final ordinaria ou extraordinaria de segundo curso, no expediente académico e no historial académico farase constar ademais unha media normalizada, calculada sen ter en conta a cualificación das ensinanzas de relixión, co fin de garantir o principio de igualdade e a libre concorrencia entre todo o alumnado para os efectos de
acceso a outros estudos, a obtención da mención de matrícula de honra e as convocatorias para a obtención de bolsas e axudas ao estudo.
 


k) Os criterios xerais do outorgamento de matrículas de honra, de ser o caso (Elaborado)


ESO
As alumnas e os alumnos que, logo da avaliación final do cuarto curso, obtivesen unha nota media do cuarto curso igual ou superior a nove puntos poderán recibir a mención de matrícula de honra. A devandita mención poderá concederse, como máximo, a un número de alumnas ou alumnos igual ao enteiro máis próximo ao 5 % do total de alumnado matriculado no centro docente no cuarto curso.
En todo caso, cando no centro docente o total de alumnado matriculado no cuarto curso de educación secundaria obrigatoria sexa inferior a vinte, poderá concederse unha mención de matrícula de honra.
A obtención da mención de matrícula de honra será consignada nos documentos de avaliación da alumna ou do alumno.
No caso de que o número de alumnos/as que cumpra o requisito anterior sexa maior do 5% do total de alumnado de 4º ESO, aplicaranse por orde os seguintes criterios para a concesión das mencións de matrícula de honra ao alumnado:
1. O alumnado coa maior nota media nas materias xerais do bloque de materias troncais comúns a cada opción de 4 ESO, a materia obrigatoria de cada opción e de libre configuración autonómica, Lingua Galega e Literatura.
2. O alumnado con maior nota media en 3º da ESO nas materias comúns e sucesivamente en 2ºESO, 1ºESO.
A aplicación destes criterios farase nunha reunión que se celebrará tralo período de reclamacións a que asistirán os titores de cada grupo de 4º ESO, a xefa de estudos, a secretaria que levantará acta e a directora do centro.

BACHARELATO
Matrícula de honra
O alumnado que, logo da avaliación final ordinaria do segundo curso, obtivese unha nota media do segundo curso
igual ou superior a nove puntos poderá recibir a mención de matrícula de honra (as cualificacións obtidas na
avaliación das ensinanzas de relixión non se computarán na obtención da nota media para os efectos de acceso a
outros estudos, nin para a obtención da mención de matrícula de honra). A devandita mención poderá concederse,
como máximo, a un número de alumnos ou alumnas igual ao enteiro máis próximo ao 5 % do total de alumnado
matriculado no centro docente no segundo curso.
En todo caso, cando no centro docente o total de alumnado matriculado no segundo curso de bacharelato sexa
inferior a vinte, poderá concederse unha distinción de matrícula de honra.
A obtención da mención de matrícula de honra será consignada nos documentos de avaliación da alumna ou do
alumno.
No caso de que o número de alumnos/as que cumpra o requisito anterior sexa maior do 5% do total de alumnado de
2º de bacharelato, aplicaranse por orde os seguintes criterios para a concesión das mencións de matrícula de honra
ao alumnado:
1. O alumnado coa maior nota media no segundo curso de bacharelato.
2. O alumnado coa maior nota media ponderada (segundo o número de horas semanais da materia) no segundo
curso de bacharelato.
3. O alumnado coa maior nota media ponderada no bacharelato.
4. O alumnado coa maior nota media no bacharelato.
5. O alumnado coa maior nota media nas materias comúns no segundo curso de bacharelato (Historia de España,
Lingua Castelá e Literatura II, Lingua Galega e Literatura II e Primeira Lingua Estranxeira II).
6. O alumnado coa maior nota media nas materias comúns con tres horas de bacharelato (Lingua Castelá e Literatura
I, Lingua Galega e Literatura I, Primeira Lingua Estranxeira I, Filosofía, Historia de España, Lingua Castelá e Literatura

II, Lingua Galega e Literatura II, Primeira Lingua Estranxeira II).
7. O alumnado coa maior nota media nas materias xerais do bloque de materias troncais comúns a cada opción de 4
ESO, a materia obrigatoria de cada opción e de libre configuración autonómica, Lingua Galega e Literatura.
8. A aplicación destes criterios farase nunha reunión que será celebrada despois do remate do período de
reclamacións no centro contra as cualificacións finais e a ela asistirán os titores de cada grupo de 2º de bacharelato,
o/a xefe/a de estudos e a directora/director do centro, xunto co/a secretario/a do centro, que levantará unha acta da
reunión.


l) As decisións e criterios xerais para a elaboración e avaliación das programacións didácticas (Elaborado)


1. Os centros docentes desenvolverán o currículo das ensinanzas de educación secundaria obrigatoria mediante a elaboración das correspondentes programacións didácticas para cada unha das materias ou ámbitos seguindo as decisións e criterios xerais establecidas na concreción curricular, e tendo en conta o disposto nos correspondentes regulamentos orgánicos.

2. As programacións didácticas das materias ou dos ámbitos das ensinanzas de educación secundaria obrigatoria incluirán, como mínimo, os seguintes elementos:

a) Introdución.

b) Obxectivos da materia e a súa contribución ao desenvolvemento das competencias clave.

c) Relación de unidades didácticas, entendidas como a parte do currículo da materia que se traballará, coa súa secuenciación e temporización.

d) Metodoloxía.

- Concrecións metodolóxicas.

- Materiais e recursos didácticos.

e) Avaliación.

- Procedemento para a avaliación inicial.

- Criterios de cualificación, con indicación do grao mínimo de consecución para a superación da materia ou do ámbito, e criterios de recuperación.

¿ Procedemento de seguimento, recuperación e avaliación das materias pendentes.

f) Medidas de atención á diversidade.

g) Transversal.

- Concreción dos elementos transversais.

- Actividades complementarias.

h) Práctica docente.

- Procedemento para avaliar o proceso de ensino e a práctica docente cos seus indicadores de logro.

- Procedemento de seguimento, avaliación e propostas de mellora da programación.

3. O equipo docente realizará o seguimento das programacións didácticas de cada materia ou ámbito, con indicación do seu grao de cumprimento e, en caso de desviacións, cunha xustificación razoada.

4. A consellería con competencias en materia de educación promoverá o uso das tecnoloxías da información e da comunicación na elaboración e no seguimento das programacións didácticas.

 

Co fin de garantir o dereito das alumnas e dos alumnos a que a súa dedicación, o seu esforzo e o seu rendemento sexan valorados e recoñecidos conforme criterios de plena obxectividade, o centro fará públicos na páxina web do centro os criterios de avaliación, os instrumentos de avaliación, os criterios de promoción e os criterios de titulación, que, en todo caso, atenderán ás características da avaliación dispostas na lexislación vixente e, en particular, ao carácter continuo, formativo e integrador da avaliación nesta etapa.

 

 


m) Os criterios para a participación do centro en proxectos, plans e programas (Elaborado)


O IES Plurilingüe Fontexería participa cada curso en varias liñas de plans e programas ofertados pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Os criterios a ter en conta para o desenvolvemento dos diferentes programas nos que se intervén desde o centro educativo son os seguintes:

1) As necesidades detectadas no noso centro e contorna e as demandas que presenta o noso alumnado e as súas familias. Partimos dunha análise na que atopamos unha serie de aspectos que queremos abordar a través dos programas nos que participamos. Principalmente, as necesidades están relacionadas co bo uso das tecnoloxías da información e da comunicación, fundamentalmente do manexo e tempo dedicado ás redes sociais e uso do móbil; coa importancia de promover estilos de vida saudables entre o alumnado, esencial para o seu desenvolvemento (educación afectivo-sexual, prevención de consumo de sustancias, etc); e co fomento da educación emocional (regulación e xestión das emocións, imaxe corporal e autoestima e relacións sans e respectuosas).

2) A atención ás características propias da adolescencia. O momento evolutivo no que se atopa o alumnado do IES, a adolescencia, presenta unhas particularidades específicas debido a súa complexidade. Neste senso, queremos propiciar nos alumnos e nas alumnas o

desenvolvemento da súa identidade persoal e a capacidade de adaptación, tanto ás circunstancias propias como ás ambientais; atendendo, así mesmo, ao benestar emocional do alumnado e das súas familias.

3) A consecución dos obxectivos da etapa. A educación secundaria obrigatoria pretende garantir unha formación integral que se centre no desenvolvemento das competencias clave e que sexa equilibrada. Con estes plans traballamos en maior profundidade e de forma

complementaria diferentes obxectivos recollidos no currículo, co fin de acadar plenamente a súa consecución. Algunha das temáticas tratadas son a educación para a saúde, a educación para o respecto e a promoción da igualdade entre homes e mulleres, a aceptación da

diversidade e a inclusión social ou a convivencia e resolución pacífica de conflitos.

4) A dispoñibilidade por parte do profesorado: o claustro do IES caracterízase por ter un alto número de profesorado interino. Isto provoca que cada curso escolar haxa que plantexar a continuidade de certos proxectos en función da voluntariedade e dispoñibilidade do novo

equipo docente.

5) Os recursos materiais e humanos cos que contamos para levalos a cabo de forma adecuada e satisfactoria.


 


n) O procedemento para a revisión, avaliación e modificación da concreción curricular (Elaborado)


Tódolos cursos é necesario unha revisión e posterior modificación destes documentos, debido por un lado, aos continuos cambios da lexislatura e por outro lado vemos que á hora de poñer en marcha unha norma se van detectando necesidades e dificultades que é necesario resolver.

 

Nun primeiro paso dende Dirección revísase e modifícase o documento, despois nunha reunión da Comisión Pedagóxica explícase a proposta. Nesta reunión poden propoñerse cambios e facer diferentes suxestións o mesmo que nas reunións dos Departamentos didácticos que se celebrarán posteriormente para transmitir toda esta información aos seus membros. Definitivamente lévase a un Claustro para tratar os cambios e aprobalos, se procedera.


o) Outros apartados (Elaborado)


Outros apartados
1. Observacións

Modificación debida á nova normaiva:

  • RESOLUCIÓN do 6 de xuño de 2023, da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, pola que se ditan instrucións para o desenvolvemento das ensinanzas de educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria e bacharelato no curso académico 2023/24
  • ORDE do 26 de maio de 2023 pola que se desenvolve o Decreto 156/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo da educación secundaria obrigatoria.
  • ORDE do 26 de maio de 2023 pola que se desenvolve o Decreto 157/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo do bacharelato.

Volver