Vista preliminar da
Vista preliminar da programación na que poderá consultar todos os apartados da programación.
1. Introdución (Elaborado)
[NOTA PREVIA: Esta é unha programación de exemplo que cada profesor ou profesora pode asumir, retocar, engadir ou modificar en cada un dos seus elementos.
No momento de elaborar esta introdución, o profesorado non debería facer un copia e pega de toda a introdución do currículo, que si que pode servir de inspiración. Cómpre ter presente que son documentos diferentes e do que se trata na programación é de concretar ese currículo para un centro, alumnado e labor docente concretos, é dicir, sería o seguinte nivel de concreción.]
Elaborar unha programación implica organizar por anticipado a acción educativa, establecendo unha planificación concreta para un período determinado dentro dos obxectivos fixados polas autoridades educativas. Esta medida contribúe á mellora da calidade do ensino porque reforza a conciencia da finalidade e os obxectivos, promove a participación e a colaboración entre o profesorado, facilita a adaptación a distintos contextos académicos e fai rendibles o esforzo, o tempo e os recursos.
No apartado dos obxectivos, non fixemos modificación ningunha con respecto aos descritores sinalados no currículo por parecernos suficientes e, sobre todo, xa que pode ter influencia no peso relativo da materia na adquisición das competencias clave; aspecto que debería ser acordado na concreción curricular.
Esta programación pretende organizar os contidos dos catro bloques do currículo en unidades didácticas que compatibilicen os de carácter cultural e os lingüísticos. Así, situamos na primeira avaliación as UD referidas á xeografía e historia da lingua, aínda que o apartado de escritura, transcrición e lectura seguirá a traballarse en todo o curso. Repartidas nos tres trimestres estarán as de historia, sociedade, relixión e etimoloxía e, por último, a modo de recompilación, no terceiro trimestre unha UD sobre legado e patrimonio. En canto ao peso das unidades didácticas, cómpre dicir que as de contidos non lingüísticos teñen un peso que equivale aproximadamente ao 25 % da materia, reservándose o 75 % restante para as unidades didácticas lingüísticas. Evidentemente, tanto o peso das distintas unidades didácticas como a súa distribución en trimestres poden ser modificadas facilmente por cada docente.
No apartado metodolóxico explicamos que apostamos por un ensino da lingua grega con un tratamento semellante aos das linguas modernas cos métodos chamados naturais ou activos. Iso non impide que esta mesma programación sexa utilizada por profesorado que prefira usar métodos tradicionais ou gramaticalistas xa que a secuenciación de contidos se adapta perfectamente a eles.
En canto á avaliación, será necesario revisar especialmente os criterios, xa que este é o apartado no que o profesorado pode personalizar máis a súa práctica docente atendendo ao contexto do seu centro e alumnado.
Finalmente, no que atinxe á avaliación da práctica docente, nesta programación proponse o desenvolvemento e utilización de enquisas ao alumnado para medir certos parámetros e o seguimento mediante táboas de valoración. Todo iso coa finalidade de mellorar a programación de cara a seguintes versións, especialmente no que se refire ás sesións dedicadas a cada UD, a distribución por trimestres, os instrumentos de avaliación e mesmo o peso de cada criterio de avaliación.
4.1. Concrecións metodolóxicas (Elaborado)
A materia de Grego, como a de Latín, ten unha serie de elementos que obrigan a facer un uso amplo e diverso de metodoloxías. Por unha banda, a lingua grega é iso, unha lingua, o que supón o emprego de metodoloxías propias da aprendizaxe de calquera outra lingua que permitan a adquisición de destrezas, como son a expresión oral e escrita e a comprensión oral e escrita, ademais da interacción oral.
A consideración das linguas clásicas como linguas mortas propiciou nos últimos dous séculos a consolidación dunha metodoloxía moi particular de aprendizaxe, baseado nun profundo coñecemento gramatical e na utilización constante de glosarios ou dicionarios para poder entender os textos a través da tradución dos textos gregos cara á lingua propia.
Por outra parte, cómpre considerar que o currículo conta tamén cun importante grupo de contidos non lingüísticos relacionados coa xeografía, historia, sociedade, relixión e legado para os cales hai que utilizar unha metodoloxía ben diferente.
METODOLOXÍA PARA AS UNIDADES CON CONTIDOS NON LINGÜÍSTICOS.
1. Explicación por parte do profesorado e traballo posterior do alumnado mediante a elaboración de exercicios e traballos guiados e que se avalía fundamentalmente a través de táboas de indicadores como rúbricas.
2. A aula invertida (flipped classroom). Este modo de traballo supón que o alumnado accede á información de modo previo e despois procédese a traballar de modo activo na aula aplicando ese coñecemento previo adquirido. Esta metodoloxía presenta, entre outros, o reto de que tanto profesorado como alumnado debe contar con acceso e suficiente destreza de uso das TIC.
3. Traballo por proxectos, que require un no que a vinculación da materia a este resulte clara e convincente e unha planificación precisa e realista dos tempos, dos procesos e tarefas así como dos produtos ou resultado final do traballo.
METODOLOXÍA PARA AS UNIDADES CON CONTIDOS LINGÜÍSTICOS.
Nesta proposta de programación distinguimos entre unha aproximación gramaticalista (tamén chamada tradicional) e unha aproximación a partir de métodos activos. Ambos os dous métodos teñen cabida no currículo.
1. Metodoloxía para un enfoque gramaticalista de aprendizaxe de linguas. Este enfoque parte da premisa de que o grego clásico é unha lingua morta, ou cando menos, non falada, e, consecuentemente, as destrezas e coñecementos precisos para o uso da mesma non poden ou non deben ser traballados. En tanto que o obxectivo é a tradución correcta de textos orixinais literarios, priorízase a aprendizaxe profunda e completa da gramática, tanto a morfoloxía como a sintaxe, en detrimento do vocabulario e as construcións idiomáticas, que se deixan para a súa procura no dicionario. Crea, porén, a sensación no alumnado de que a aproximación a un texto dunha lingua clásica supón un traballo de lóxica e aplicación de normas que o asemella moito á resolución de exercicios doutro tipo de materias. En calquera caso, o alumnado que se achega ao latín e ao grego por esta vía asocia esta materia máis como unha materia auxiliar para a lingua castelá ou galega ca coas linguas estranxeiras do seu repertorio.
A metodoloxía habitual nesta aproximación parte da explicación gramatical e sintáctica por parte do persoal docente, para pasar despois á elaboración de exercicios nos que se exemplifica ou reforza os coñecementos adquiridos. Normalmente, para alixeirar a acumulación duns contidos tan áridos inclúense nas unidades didácticas aspectos doutros bloques de contidos que poidan introducir certa variedade.
2. Metodoloxía a partir de métodos activos. Esta perspectiva parte da premisa de que o grego é unha lingua e que, por tanto, o proceso de aprendizaxe da mesma debe ser o máis semellante posible ao proceso de adquisición de calquera outra lingua. O obxectivo final é que o alumnado poida acceder aos textos da literatura grega a través da súa lectura, entendéndoa como o acto automático polo que unha persoa comprende un texto combinando dun modo non consciente ou reflexivo as normas de gramática da lingua e o coñecemento do significado das palabras. Por tanto, neste enfoque os aspectos lingüísticos a traballar veñen determinados pola frecuencia do uso, tanto no que atinxe á gramática como ao vocabulario, e pola procura da intelección non reflexiva, cando menos en principio, do texto.
A metodoloxía propia deste enfoque pasa por unha lectura constante de textos de dificultade graduada, na que o profesorado, mediante preguntas, uso de palabras ou expresións sinónimas, asociación constante de determinadas expresións a unha xestualidade concreta e a realización constante de exercicios de uso da lingua, consegue que progresivamente o alumnado vaia adquirindo o correcto uso das formas dun modo case intuitivo. Isto non implica, porén, que nesta aproximación non haxa explicación gramatical ou aclaracións de natureza sintáctica. O que acontece é que a diferenza do enfoque gramaticalista, neste caso a aprendizaxe de gramática e sintaxe non é máis ca unha ferramenta de apoio a usar puntualmente e sempre despois de experimentar o seu uso nos textos.
Entre as grandes vantaxes deste enfoque pódense destacar basicamente dúas. Por unha banda, o alumnado afaise dende o principio a ler e entender textos longos en grego, desenvolvendo estratexias para deducir o significado de palabras ou expresións en función do contexto. Pola outra, o alumnado desenvolve unha grande capacidade de lectura e pronuncia correcta do grego. Neste punto cómpre facer fincapé no uso da pronunciación histórica sobre a erasmiana, simplemente polas vantaxes que ofrece de cara á comprensión do grego moderno.
Finalmente, cómpre salientar que estes métodos anteriormente mencionados non teñen por que ser necesariamente contrarios, ficando en mans de cada docente decidir o emprego de aspectos dun ou doutro en función das súas preferencias e/ou das características dos grupos.
5.1. Procedemento para a avaliación inicial (Elaborado)
Aínda que se trata dunha materia que o alumnado non cursou con anterioridade, hai que considerar o posible alumnado repetidor e os coñecementos previos sobre o mundo grecorromano que poidan ter adquirido en cursos previos noutras materias como Cultura Clásica ou Latín na ESO. Por esta razón e para adecuar as explicacións ao nivel de coñecementos da clase, presentaremos na segunda sesión lectiva unha proba escrita de diagnóstico.
OBXECTIVOS
1. Saber que alumnado cursou Cultura Clásica e/ou Latín de 4.º de ESO.
2. Coñecer as motivacións do alumnado para a escolla da materia de Grego I.
3. Identificar o alumnado con necesidade específica de apoio educativo (ACNEAE)
4. Valorar o coñecemento que o alumnado ten do mundo e cultura helénica en xeral e da lingua grega en particular.
INSTRUMENTOS
1. Cuestionario escrito no que o alumnado debe responder preguntas relacionadas cos catro obxectivos apuntados anteriormente.
2. Diálogo informal co alumnado os primeiros días de clase.
5.3. Procedemento de seguimento, recuperación e avaliación das materias pendentes (Elaborado)
O principal obxectivo deste procedemento é a recuperación das aprendizaxes non adquiridas e irá dirixido ao alumnado que promocione sen superar a materia.
O departamento programará as actividades e probas que o alumnado debe realizar durante o curso, o seguimento e os criterios de avaliación. O profesorado da materia de Grego II en 2.º de bacharelato será o encargado da facer o seguimento do alumnado que promocione coa materia pendente. De non existir esa posibilidade, porque non se imparta a materia de Grego II, o xefe ou xefa de Departamento decidirá quen se ocupa dese seguimento que se realizará nas sesións de reunión do equipo docente do grupo no que cursa o alumnado.
O alumnado que non se matricule en Grego II en 2.º de bacharelato, poderá escoller outra materia e seguir o procedemento que aquí describimos para recuperar Grego I.
Deseñaranse programas de reforzo individualizados para a recuperación das aprendizaxes non adquiridas, proporcionando boletíns de exercicios, cuestionarios na aula virtual, libros de lectura obrigatoria con cuestionarios de seguimento e probas escritas en datas proporcionadas pola xefatura de estudos.
A nota será produto da media aritmética de todas as notas obtidas nas probas propostas durante o curso.
5.4. Procedemento para acreditar os coñecementos necesarios en determinadas materias (Elaborado)
O alumnado que queira cursar a materia de Grego II sen ter cursado a presente materia de Grego I, deberá cursar esta materia como pendente acolléndose ao procedemento de seguimento, recuperación e avaliación das materias pendentes descritos no punto 5.3 e de acordo co descrito no artigo 32 da Resolución de 26 maio do 2022 pola que se ditan instrucións para o desenvolvemento do curso académico 2022-23.
Terá dúas opcións para incorporarse á materia de segundo de bacharelato. A primeira sería acreditar eses coñecementos necesarios nunha proba escrita deseñada a tal efecto polo Departamento didáctico e que se realizaría antes do comezo do curso para poder avaliala e determinar se pode matricularse. Isto suporía que supera a materia de Grego I coa nota obtida na proba escrita. Esta proba constará das seguintes partes:
a) Preguntas tipo test sobre aspectos relacionados coa historia, sociedade, goberno, mitoloxía, legado, no que se avalían os contidos correspondentes ás unidades didácticas de contidos non lingüísticos desta programación. Estas preguntas achegarán o 25 % da puntuación total da proba.
b) Exercicio de lectura en voz alta dun texto en grego clásico. Esta pregunta achegará o 10 % da puntuación total da proba.
c) Exercicio de comprensión de texto. O alumnado lerá un texto e responderá en grego as preguntas de comprensión deste texto. Esta pregunta achegará o 30 % da puntuación total da proba.
d) Exercicio de tradución de texto grego a galego ou castelán. Esta pregunta achegará o 35 % da puntuación total da proba.
A outra opción, dado que esta materia conta con gran parte de contidos progresivos, sería superar a primeira avaliación de Grego II con nota de 5 como mínimo e esa sería a cualificación da materia de Grego I como pendente.
De non superar ningún destes procedementos, o alumnado deberá seguir cursando a materia de Grego I segundo o procedemento do punto 5.3.
6. Medidas de atención á diversidade (Elaborado)
O principal obxectivo destas medidas é o seguimento do alumnado que require unha atención especial en función das súas características, motivacións ou circunstancias educativas e persoais, e o de aquel alumnado que permanece un ano máis no mesmo curso.
Sendo o Grego I unha materia de opción de modalidade que o alumnado escolle de forma voluntaria, xa constitúe unha das vías que establecen resposta á diversidade de intereses e necesidades do alumnado. Con carácter xeral a ensinanza debe ter unha natureza individualizada, que tome en consideración o punto de partida de cada alumno ou alumna, traballando na medida do posible de xeito particular sobre a súa motivación, os seus intereses e as súas capacidades de aprendizaxe. Neste sentido débese prestar atención especial ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo. De xeito ordinario adoptaranse unha serie de medidas encamiñadas a previr ou compensar dificultades leves mediante a adecuación do currículo vixente, sen alterar ningún dos seus elementos prescritivos, co fin de que a diversidade do alumnado acade as capacidades establecidas nos obxectivos. Logo da avaliación inicial e seguindo as indicacións do Departamento de Orientación, adoptaranse medidas como:
- Adecuación da estrutura organizativa do centro (horarios, agrupamentos, espazos) e da organización e xestión da aula ás características do alumnado. Trátase neste punto, por exemplo, da colocación do alumnado na aula (proximidade á persoa docente, agrupación en parellas, etc.)
- Adecuación da programación didáctica ao contorno e ao alumnado. Este punto é básico e debe determinar dende o primeiro momento a programación de todas as materias do centro.
- Adaptación dos tempos e instrumentos ou procedementos de avaliación. Esta medida será unha das máis frecuentes e de fácil aplicación.
- Programas de recuperación. A elaboración dun programa específico para recuperar as avaliacións e tamén a materia no seu conxunto debe ser unha medida a considerar no caso de alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.
- Reunións periódicas do equipo docente convocadas polo profesorado titor. Seguimento de casos e intervención cando a situación o aconselle.
Estas medidas poderanse tomar nos seguintes casos:
- alumnado con altas capacidades intelectuais.
- alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.
- alumnado con integración tardía no sistema educativo.
- alumnado que permanece máis dun ano no mesmo curso.
En todo caso, a posta en práctica destas medidas ou de calquera outra non relacionada anteriormente deberá facerse baixo a supervisión e en estreita colaboración co Departamento de Orientación e o resto do equipo docente.
8.2. Procedemento de seguimento, avaliación e propostas de mellora (Elaborado)
A nosa programación constitúese como un instrumento vivo que o docente seguirá como marco de referencia e que permite introducir as correccións e melloras pertinentes, evitando así as improvisacións. Todo iso conseguirase seguindo as directrices desenvolvidas nos puntos e elementos anteriores dunha maneira flexible e adaptándose ás circunstancias concretas do centro e do alumnado.
A programación, nos puntos que se estime, revisarase nas reunións que o Departamento celebra, como mínimo cada mes, especialmente despois de analizar os resultados de cada unha das avaliacións, así como en calquera momento no que os membros do Departamento o consideren oportuno. Calquera cambio que se realice será comunicado aos membros da comunidade educativa que se vexan afectados.
Os elementos que serán revisados de maneira especial serán os seguintes:
- Número de sesións previstas e número de sesións utilizadas en cada UD.
- Orde dos contidos explicados.
- Actividades realizadas.
- Grao de cumprimento da UD.
- Obxectivos alcanzados.
- Propostas de mellora.
Estes cambios e adaptacións serán recollidos nas correspondentes actas de reunión, no apartado de seguimento da propia plataforma Proens e posteriormente na memoria final de curso.
Na derradeira reunión de departamento recolleranse as propostas de mellora de cara a modificar e mellorar a programación da materia no vindeiro curso.