Vista preliminar da
Vista preliminar da programación na que poderá consultar todos os apartados da programación.
1. Introdución (Elaborado)
A música, como ben cultural, como linguaxe universal e medio de comunicación non verbal, constitúe un elemento de gran valor na vida das persoas. A súa repercusión supera a propia individualidade artística cara a outros campos do coñecemento, pois xa desde a antigüidade se establecen vínculos con outras manifestacións escénicas, como a danza ou o teatro. Na actualidade, estamos en contacto permanente con ela. Ademais, favorece o desenvolvemento integral do ser humano, intervén na súa formación emocional e intelectual, a través do coñecemento do feito musical como manifestación cultural e histórica, e contribúe ao afianzamento dunha postura aberta, reflexiva e crítica no alumnado.
O desenvolvemento tecnolóxico e a globalización permiten a escoita simultánea de toda a produción musical mundial e abríu novas canles para a interpretación e a creación musical, tanto de músicos profesionais como de calquera persoa interesada en facer música.
Ademáis, a música contribúe activamente no desenvolvemento cognitivo, emocional e psicomotor do alumnado, así como no fomento de valores como o esforzo, a constancia, perseveranza, disciplina, toma de decisións, autonomía, compromiso e espírito emprendedor entre outros; valores que contribúen ao desenvolvemento integral da persoa, ademáis de mellorar a atención, a xestión das emocións e a autoestima, así como a capacidade de comunicación e traballo en grupo adoitando diferentes roles dentro deste.
A materia de Música na educación secundaria obrigatoria fundaméntase e constrúese desde a área de Música e Danza na educación primaria. Agora desenvolveranse as capacidades e as competencias adquiridas nos cursos anteriores e afianzaranse os contidos aprendidos previamente polo alumnado.
Nesta programación para 2º curso de ESO concrétanse uns obxectivos, contidos e criterios de avaliación articulados en tres bloques que integran os coñecementos, destrezas e actitudes que se pretenden alcanzar sempre desde a súa interiorización a través da práctica, para pasar despois a teorización.
Os obxectivos propostos para toda a ESO pretenden desenvolver a identidade e a recepción cultural, contribuír a autoexpresión a través da creación e da interpretación, centrarse na produción artística e estudar, entender e coñecer o patrimonio musical e dancístico da Comunidade Autónoma de Galicia, sempre traballados desde unha aprendizaxe baseada na práctica que lle permita ao alumnado experimentar a música e máis a danza.
Os criterios de avaliación son ferramentas para medir o nivel de adquisición das competencias segundo os seus compoñentes cognitivos, procedimentais e actitudinais.
Os contidos articúlanse en tres bloques:
- "Escoita e percepción", contidos indispensables para desenvolver o concepto de identidade cultural, a través da exposición a diferentes propostas audiovisuais que permitan o achegamento do patrimonio musical e dancístico como fonte de inspiración e coñecemento das posibilidades da arte e como medio de expresión de sentimentos e emocións.
- «Interpretación, improvisación e creación escénica», co que se pretende a aprendizaxe de conceptos clave da linguaxe musical desde o entendemento da aula como un espazo dinámico no que o alumnado se sinta cómodo expresando as súas ideas, tanto a través da utilización meditada do seu corpo e dos instrumentos musicais, como do uso libre de distintas linguaxes. Aprender a música a través da experiencia de ser músico, baseándonos no traballo por proxectos grupais.
- «Contextos e culturas», aproximación aos diferentes xéneros e estilos musicais máis representativos do patrimonio musical. Con isto proponse un achegamento de maneira global e ordenada ás diferentes manifestacións musicais producidas ao longo da historia, tanto por mulleres como por homes, e que ofreza unha visión da importancia da arte como medio de expresión.
Neste 2º curso de ESO, a materia centrarase no traballo, coñecemento e dominio dos principais elementos da linguaxe musical que permitan entender e executar partituras básicas; na escoita, recoñecemento e creación de formas musicais, dancísticas e texturas básicas; asentar os principios técnicos da interpretación instrumental e vocal; comprender e respectar as normas básicas da actuación en público e asistencia a espectáculos musicais e dancísticos; e no coñecemento das tradicións musicias e dancísticas da nosa comunidade así como doutras partes do mundo.
Esta proposta didáctica está pensada para seguir traballando moitos dos contidos non só na unidade na que se presentan por primeira vez, senón para que estes contidos sigan aparecendo nas seguintes unidades e sexan manexados, afianzados e ampliados de forma continua ao longo de todo o curso, xa que a música ao igual que o resto das linguaxes, é unha materia onde os contidos son acumulativos, e imos construindo a sintaxe musical manexando os conceptos previos dos que partimos e construindo sobre estes novas estruturas máis complexas a través do aprendizaxe en espiral.
Queremos recalcar como principal obxectivo desta programación e unidades didácticas, a creación dun público crítico que saiba valorar a calidade das músicas que escoita e os medios de comunicación que escolle para a súa reprodución, e isto articulado a través da experiencia de ser músico ou bailarín, de comprender o oficio, e de saber poñerse no lugar de traballo dos artistas. Soamente a través de experiencia podemos comprender o mundo en sí da música, os contidos, o traballo en equipo, de perseveranza, de autonomía e de compromiso cos demáis, que supón subirse a un escenario a estrenar un proxecto, e a esa experiencia é a que pretendemos chegar co traballo realizado ao longo do curso.
Neste ano académico este Departamento de Música vai estar constituído soamente por un membro. Este profesor será o encargado de impartir docencia nos dous grupos de 2º ESO e nos dous grupos de 3º da ESO. Para completar o seu horario impartirá as materias de Dixitalización en 4º ESO e o módulo de Ciencias aplicadas de FP Básica II.
Entre o alumnado que cursará este ano na ESO hai que indicar que hai varios alumnos-as que xa tocan algún instrumento (vento madeira e metal) por formar parte das Bandas do concello (Merza e Ponteledesma principalmente). Un par de puntos a salientar son que O IES Marco do Camballón de Vila de Cuces é un centro situado no pequeno núcleo urbano dun concello eminentemente rural que non chega aos6.000 habitantes (5.097 a 1 de xaneiro de 2021 segundo os datos do INE). A maioría do alumnado pertence a clases sociais medias e baixas. Con respecto á música, neste concello hai unha gran tradición representada polas súas bandas, en particular pola Banda de Merza e a de Ponteledesma, na cal se forman ou estudan algúns e algunhas estudantes do Instituto.
4.1. Concrecións metodolóxicas (Elaborado)
A metodoloxía didáctica neste etapa será activa e participativa, favorecendo o traballo individual e o cooperativo do alumnado, así como o logro dos obxectivos e das competencias correspondentes. Neste sentido teremos en conta a diversidade do alumnado, atendendo ás necesidades de cada un dos alumnos-as e poñendo en práctica as medidas de reforzo que se precisen para un correcto proceso de aprendizaxe.
Traballaremos todas as competencias clave, fomentando a súa adquisición e o seu desenvolvemento.
Coa finalidade de promover a comprensión de lectura e de uso da información, dedicarase un tempo á lectura na práctica docente. Neste sentido, faranse lecturas de artigos e novas musicais, recollidos na web, sendo as lecturas tanto individuais como grupais.
Promoverase a integración e o uso das tecnoloxías da información e da comunicación na aula, como recurso metodolóxico eficaz para desenvolver as tarefas de ensino e aprendizaxe. Empregaremos neste sentido as posibilidades que nos ofrece a nosa Aula Virtual e a plataforma Moodle, a Gsuite (Classroom), a disponibilidade de portátiles por parte do alumnado (aulas EdixGal) o uso de blogs, de podcasts, de Youtube (creación de contas e de listas de reprodución...), etc.
Procurarase o traballo coordinado con outros departamentos didácticos do centro co obxecto de proporcionar un enfoque multidisciplinar do proceso educativo, programando conxuntamente actividades complementarias e extraescolares, procurando abordar a mesma temática dende as distintas disciplinas (programación por proxectos) e traballando conxuntamente coa biblioteca do centro e cos proxectos que se leven a cabo dende ela.
Empregaranse metodoloxías como: tormenta de ideas -Brainstorm- (moi adecuada como introdución ás unidades didácticas); traballos individuais e/ou en grupo sobre distintos contidos das unidades, coa exposición e presentación oral deses traballos coa axuda das tecnoloxías adecuadas (fomentaranse as habilidades dialécticas do alumnado e, por tanto, a competencia lingüística); explicacións do profesor dende o plano teórico e práctico dos distintos conceptos musicais (ritmo, harmonía, interpretación, creación, etc.); traballo coas novas tecnoloxías da información e da comunicación aplicadas á música (procesamento, almacenamento e transmisión de datos musicais); aplicación de xogos musicais para asentar determinados conceptos da linguaxe musical, valéndonos para elo de programas musicais e dalgunhas páxinas web interesantes (www.musycom.com, www.teoria.com ...); aplicaranse metodoloxías xa recoñecidas no ámbito educativo musical, como o método Bapne, método Kodaly, etc
Daquela, para desenvolver as capacidades que presenta o alumnado de secundaria sempre se terán presentes as seguintes metodoloxías:
* Fomentar a participación, a reflexión, tanto individual como grupal.
* Operar non só sobre o concreto senón tamén sobre conceptos, ideas.
* Fomentar a formulación de hipóteses.
* Buscar, seleccionar e tratar a información.
* Fomentar a confrontación clara e respectuosa
* Insistir na ordenación das ideas, comparación, xerarquización.
* Elaborar percorridos ordenados, lóxicos desde a formulación de hipóteses á comprobación dos resultados.
* Expresar correcta, clara e ordenadamente os resultados.
* Comprobar noutros contextos diferentes aos utilizados para o traballo.
* Relacionar os saberes aprendidos nas distintas materias.
5.1. Procedemento para a avaliación inicial (Elaborado)
A Avaliación inicial neste 2º curso de ESO terá por obxecto averiguar os coñecementos musicais e dancísticos que o alumnado aprendeu e lembra da etapa da educación primaria, xa que no 1º curso de ESO a asignatura de música non está contemplada na comunidade autónoma de Galicia.
Para dita avaliación inicial utilizaremos a primeira unidade onde facemos un repaso dos parámetros do son e como se representan estes na partitura. Moitas destas cuestións de escritura e linguaxe musical son as que se traballan na educación primaria.
Para dita avaliación inicial presentaremos uns cuestionarios sobre linguaxe musical e os parámetros do son, e unha pequena partitura onde o alumnado terá que nomear os símbolos que aparecen nela, así como lela e interpretala coa frauta ou instrumentos de praca.
O profesorado disporá dunha táboa para tomar notas de cada alumna e alumno interpretando a parte instrumental, onde se recollerán items como: a continuidade no pulso, calidade do son, interpretación das figuras musicais, interpretación das notas musicais, interpretación dos matices.
Para comprobar o coñecemento dos signos musicais, na propia partitura que se lles entrega terán que sinalar e nomear os elementos indicados e entregala.
Outras cuestións como as destrezas no movemento e danza, o manexo da tecnoloxía, o coñecemento dos instrumentos ou a voz teranse que ir comprobando ao inicio das sucesivas unidades didácticas ao longo do curso, por iso cada unidade sempre comeza cunha actividade introductoria de coñecementos previos sobre os contidos a tratar.
A avaliación inicial indicará o punto de partida do alumnado para saber se podemos aplicar a programación tal cual, ou facer nas unidades correspondentes as adaptacións adecuadas, e levarase a cabo na primeira ou dúas primeiras sesións do curso dependendo do número de alumnado por aula.
5.3. Procedemento de seguimento, recuperación e avaliación das materias pendentes (Elaborado)
A Orde do 25 de xaneiro de 2022, de avaliación na primaria, ESO e bacharelato, establece que o alumnado que acade a promoción de curso con materias sen superar deberá seguir un plan de reforzo en cada unha desas materias, destinado á súa recuperación e á súa superación.
Para a elaboración e o seguimento do plan de reforzo a que se refire o punto anterior, seguirase o establecido no artigo 51 da Orde do 8 de setembro de 2021, pola que se desenvolve o Decreto 229/2011, do 7 de decembro, polo que se regula a atención á diversidade do alumnado dos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia nos que se imparten as ensinanzas establecidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.
Para dar cumprimento á Orde no relativo a ese Plan de reforzo, o centro, dentro da liña 01 QUÉDA-T, dos contratos-programa INCLÚE, vén desenvolvendo nos últimos anos un proxecto denominado "Plan de atención a pendentes". Este Plan aparece recollido con todos os seus detalles na Programación de 3º ESO.
5.4. Procedemento para acreditar os coñecementos necesarios en determinadas materias (Elaborado)
6. Medidas de atención á diversidade (Elaborado)
Prestaremos especial atención ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, ofrecendo diferentes formas de organización dos espazos e tempos da clase, e metodoloxías variadas que permitan a todo o alumnado seguir as explicacións e actividades propostas.
O obxectivo fundamental é asegurar a normalización, inclusión e non-discriminación deste alumnado coa fin de que poida acceder a unha educación de calidade con igualdade de condicións.
Para garantir un apoio adecuado a este alumnado é fundamental establecer canles de colaboración entre o diverso profesorado que intervén na súa educación, e organizar os recursos persoais e materiais do centro coa fin de desenvolver actividades encamiñadas á inserción e promoción.
Estudiaranse as circunstancias concretas de cada caso, con especial atención ao alumnado con dificultades de aprendizaxe, tendo en conta os diferentes ritmos e estilos de aprendizaxe, establecendo as liñas educativas a seguir e garantindo así os apoios necesarios. Para elo, a función da coordinación entre docentes, alumnado e familias é fundamental a través da titoría.
Poderanse realizar adaptacións curriculares e organizativas ofrecendo entre outros, programas de reforzo ademáis de medidas de apoio personalizado para o alumnado con necesidade específica de apoio educativo, e para aqueles que permanezan un ano máis no mesmo curso, coa fin de permitir a todo o alumnado o desenvolvemento das competencias clave previsto no perfil de saída e a consecución dos obxectivos xerais da educación secundaria obrigatoria, así como alcanzar o máximo desenvolvemento das súas capacidades persoais.
Con todo, para a atención á diversidade do alumnado de educación secundaria obrigatoria estarase ao disposto na lexislación vixente na Comunidade Autónoma de Galicia.
Algunhas posibles ferramentas para organizar a atención á diversidade serían:
1. Organizar ao alumnado en diferentes agrupamentos nas actividades segundo os seus intereses e motivacións.
2. Utilizar materiais variados en ditas actividades: escritos, audiovisuais, etc.
3. Aplicar diversas técnicas e metodoloxías para explicar un mesmo contido.
4. Manter o contacto permanente con este alumnado a través de entrevista persoal e titorías coas familias para saber que parte da asignatura cóstalles máis seguir.
5. Ofrecerlle tempo extra para asimilar as explicacións (por exemplo algún recreo a semana para consultar dúbidas) e para resolver probas específicas.
8.2. Procedemento de seguimento, avaliación e propostas de mellora (Elaborado)
Para o seguimento da programación, avaliación desta e propostas de melloras utilizaremos unha táboa de indicadores considerando os ítems expostos no punto anterior: "avaliación do proceso de ensino e práctica docente" , valorando para cada un deses ítems o grao de consecución e facendo propostas de mellora naqueles puntos que se observen carencias. Así o procedemento de seguimento e avaliación da programación e da práctica docente farase mediante táboas de indicadores, ficha con preguntas a cubrir polo alumnado e entrevista persoal co alumnado.
A partir da análise dos datos extraídos destes procedementos de seguimento, faranse as correspondentes propostas de mellora.
Dito seguimento farase trimestralmente acordando en reunión de departamento os cambios a introducir na programación a través da aplicación proens en cada trimestre e a final de curso de cara ao ano seguinte.