Vista preliminar da
Vista preliminar da programación na que poderá consultar todos os apartados da programación.
1. Introdución (Elaborado)
Esta programación didáctica, está pensada para a materia de Matemáticas I do 1º curso de Bacharelato. Para a súa elaboración tívose como referencia o decreto 157/2022, do 25 de xuño, polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia.
O IES Marco do Camballón está situado no concello Vila de Cruces na provincia de Pontevedra. O centro ofrece ensinanzas de ESO, Bacharelato, Formación Profesional Básica na modalidade de servizos administrativos, Ciclo Medio de soldadura e caldeiraría e Ciclo Medio de atención a persoas en situación de dependencia. A procedencia do alumnado é moi variada, en particular no relativo aos ciclos medios, xa que ao alumnado do Concello hai que engadirlle un gran número de rapaces e rapazas dos concellos circundantes.
En canto ao nivel económico, a zona non presenta grandes desigualdades, cuestión que se transmite ao funcionamento do centro, xa que esta característica actúa como elemento homoxeneizador do alumnado.
O curso 1º Bacharelato está formado por 29 alumnas e alumnos, das cales 11 cursan esta materia. No grupo hai un alumno que repite curso.
4.1. Concrecións metodolóxicas (Elaborado)
A metodoloxía didáctica na etapa do bacharelato terá en conta os seguintes principios metodolóxicos:
1. Teranse en conta os diferentes ritmos de aprendizaxe do alumnado e as súas características individuais e/ou estilos de aprendizaxe, co fin de conseguir que todo o alumnado alcance o máximo desenvolvemento das súas capacidades. Así mesmo, a metodoloxía escollida deberá favorecer a capacidade do alumnado para aprender por si mesmo, para traballar en equipo e promover o traballo en equipo, e para aplicar métodos de investigación apropiados.
2. A metodoloxía que se utilice no bacharelato favorecerá o traballo individual e en grupo, o pensamento autónomo, crítico e rigoroso, o uso de técnicas e hábitos de investigación en distintos campos do saber, a capacidade do alumnado de aprender por si mesmo, así como a transferencia e a aplicación do aprendido.
3. As tecnoloxías da información e da comunicación serán unha ferramenta necesaria para a aprendizaxe en todas as materias, tanto polo seu carácter imprescindible na educación superior como pola súa utilidade e relevancia para a vida cotiá e a inserción laboral.
4. O profesorado da materia de matemáticas, así como o de calquera outra, ha de promover as medidas necesarias para que se traballen as habilidades de comprensión de lectura e de uso da información, a expresión escrita e a capacidade de se expresar correctamente en público. O alumnado de bacharelato debe adquirir, ademais, un manexo adecuado da información en diferentes soportes e procedente de distintas fontes, incluída a biblioteca escolar, en liña co concepto de alfabetizacións múltiples.
Dacordo con estes principios xerais, a liña metodolóxica ten os seguintes elementos comúns:
1. Sempre que se poida, iniciaranse as unidades didácticas cunha avaliación inicial (que non ten que ser unha proba escrita) para axustar a axuda pedagóxica ás características individuais dos alumnos.
2. Aínda que nun primeiro momento sexa o profesor o que faga as preguntas encamiñadas a conseguir definicións ou resolucións, máis adiante serán eles os que dirixirán o proceso. En ningún momento, se a distribución do tempo o permite, se lles proporcionará información que non sexan capaces de construír por si mesmos, ben de xeito individual ou colectivo. Máis non podemos esperar que só a partir das actividades os alumnos descubran e constrúan todo. Moitas veces o grao de complexidade dos contidos fai necesaria a exposición do profesor non só no que se refire á demostración dalgúns contidos, senón tamén na explicación dos procedementos que terán que aprender.
3. Faranse actividades de tipo colectivo, aproveitando estas para actuacións individualizadas sempre que a materia e os problemas propostos sexan os axeitados para tal fin.
4. Facilitarase a aprendizaxe empregando materiais complementarios ao libro de texto como fotocopias, calculadoras, aplicacións informáticas, artigos e vídeos da web, xogos matemáticos... e calquera outro material adecuado ao seu nivel e dispoñible nese intre.
5. Buscarase que na aula haxa sempre un talante democrático, con actitudes de respecto e evitando imposicións, pero pedindo responsabilidades non só en dereitos senón tamén en deberes.
6. En todos os bloques nos que se estrutura o curso, proporanse actividades de reforzo para resolver na casa e que posteriormente se correxirán na aula colectivamente sempre que sexa posible.Facilitaranse actividades de ampliación para os alumnos que as precisen. A corrección destas non terá lugar nas horas lectivas, senón que se realizará en horas de titorías ou de aclaracións de dúbidas que o profesorado indique.
7. En todas as unidades resolveranse problemas de aplicacións e nalgunhas proporanse traballos de investigación, de maneira que o alumnado poida iniciarse na modelización da realidade, desenvolvendo fundamentalmente por esta vía a consecución das distintas competencias clave. Así por exemplo, a competencia social e cívica, ao implicar unha actitude aberta ante diferentes enfoques e solucións; a competencia aprender a aprender, tomando conciencia do proceso desenvolvido, das respostas logradas e das que aínda quedan por resolver; a competencia de conciencia e expresións culturais, na medida en que o proxecto incorpore elementos culturais ou artísticos con base matemática e por suposto, a competencia de comunicación lingüística como medio de comunicación imprescindible en todo o proceso.
8. Procurarase que á hora de corrixir, sexan eles quen o fagan, e que expoñan con naturalidade o procedemento no encerado.
9. Observaranse as notas que tome cada alumno e os exercicios que fai no seu caderno para poder detectar erros ou deficiencias.
10. Valoraranse os esforzos e logros do alumno e propiciarase a reflexión sobre o traballo realizado nun determinado período para que o alumno analice o proceso, destaque acertos e erros e propoña suxestións de modificacións (CAA).
11. As estratexias que se empregarán para acadar os diferentes estándares de aprendizaxe e con iso o logro das competencias serán variadas:
- No caso dos estándares de aprendizaxe transversais a metodoloxía terá diversas naturezas por ir estes implícitos ao desenvolvemento dos estándares concretos: traballo en equipo, actividades individuais de investigación, debates grupais, lecturas propostas, actividades con aplicacións e ferramentas TIC.
- Para acadar os estándares de aprendizaxe concretos as probas escritas complementaranse coas actividades diarias (as enumeradas no parágrafo anterior) que se realizarán individual e colectivamente na aula e na casa así como con diversos traballos de investigación ou proxectos que dependendo da temática tamén poderán ser individuais o en grupo.
12. Adicarase tamén un tempo á lectura que será como mínimo o estipulado polo plan lector do centro.
13. Terase en conta que os alumnos e as alumnas destes bacharelatos requiren unha formación conceptual e procedemental básica para un estudante de Ciencias: unha boa bagaxe de procedementos e técnicas matemáticas, unha sólida estrutura conceptual e unha razoable tendencia a buscar certo rigor no que se sabe, en como se aprende e en como se expresa.
14. Atenderase ás necesidades doutras materias: o papel instrumental das Matemáticas obriga a ter en conta o uso que delas se pode necesitar noutras materias podendo variar a secuenciación inicial se o profesorado afectado o considera convinte para o alumnado.
5.1. Procedemento para a avaliación inicial (Elaborado)
A avaliación inicial lévase a cabo ao comezo do curso e ao comezo de cada unidade. A súa función é coñecer o lugar de partida dos diferentes contidos a tratar no desenvolvemento deste curso e de cada unidade. Esta avaliación inicial poderá realizarse de diversas maneiras a través dunha proba escrita, dunha tarefa desenvolta na aula ou do traballo realizado en unidades previas. Será o punto de partida para o tratamento dos contidos e para prever a necesidade de adaptacións ou a programación de actividades de reforzo ou ampliación, se fose necesario.
5.3. Procedemento de seguimento, recuperación e avaliación das materias pendentes (Elaborado)
Non procede
5.4. Procedemento para acreditar os coñecementos necesarios en determinadas materias (Elaborado)
Non procede.
6. Medidas de atención á diversidade (Elaborado)
Para o alumnado que requira unha atención educativa diferente á ordinaria, por presentar necesidades educativas especiais, por dificultades específicas de aprendizaxe, trastorno por déficit de atención e hiperactividade (TDAH), polas súas altas capacidades intelectuais, por se incorporar tarde ao sistema educativo ou por condicións persoais ou de historia escolar, estableceranse, na medida do posible, de forma coordinada co departamento de orientación e tendo en conta as posibilidades do centro, as medidas curriculares e organizativas necesarias co fin de que poida alcanzar o máximo desenvolvemento das súas capacidades persoais e os obxectivos e competencias establecidas en cada etapa para todo o alumnado.
No caso de alumnado con altas capacidades intelectuais, flexibilizarase a súa escolarización nos termos que determina a normativa vixente. Esta flexibilización poderá incluír tanto a impartición de contidos e a adquisición de competencias propias de cursos superiores como a ampliación de contidos e competencias do curso corrente, así como outras medidas que determine a consellerería con competencias en materia de educación.
Actualmente, no noso centro están vixentes estas medidas de atención á diversidade:
- Medidas organizativas: Refírense á forma na que están estruturados os agrupamentos para acadar a atención á diversidade.
- Permanencia dun ano máis é unha medida extraordinaria que ten o fin de facilitar a consecución das diversas competencias para un determinado curso.
- Programas de PMAR en 2º e 3º de E.S.O. Estes programas teñen a finalidade de que os alumnos acaden, mediante unha metodoloxía e uns contidos adaptados ás súas características e necesidades, u desenvolvemento competencial axeitado nos cursos de 2º e 3º da ESO. Podendo logo cursar 4º da Eso pola vía que esles escollan: (ensinanzas académicas ou aplicadas) e con iso o título de Graduado en Educación Secundaria.
- Formación Profesional Básica, dirixida aos alumnos que non cumpren os requisitos académicos mínimos para incorporarse a algunhas das medidas ou programas anteriores. Esta modalidade formativa permitiralles incorporarse ao mundo laboral, acadar título da ESO, e proseguir cursando ciclos formativos de grao medio.
- Medidas curriculares: Aplicaranse en calquera momento do proceso de ensinaza aprendizaxe como resposta a observacións diarias.
- Elaboración de actividades variadas e con diferente nivel de dificultade.
- Atención aos diferentes ritmos de aprendizaxe.
- Establecemento de agrupamentos que favorezan o traballo en grupo.
- Utilización de distintos recursos e materiais.
- Proposta de actividades de reforzo para o alumnado que non segue o ritmo de aprendizaxe do grupo.
- Proposta de actividades de ampliación para aqueloutros que van diante na súa aprendizaxe.
- Acción titorial.
- Apoios fóra do grupo ordinario para alumnos que o precisen tras realizar a avaliación inicial.
- Adaptacións do currículo ou reforzos educativos para alumnos con especiais dificultades.
- Especial atención ao alumnado con necesidade específica de apoio educativo.
8.2. Procedemento de seguimento, avaliación e propostas de mellora (Elaborado)
O procedemento de revisión e avaliación da programación didáctica será realizada polas persoas docentes implicadas no desenvolvemento da materia deste curso. Analizaranse fundamentalmente adecuación da secuenciación e da temporalización e o logro dos mínimos de consecución establecidos para os diferentes criterios de avaliación.