Estas xornadas están dedicadas a analizar a vida e obra do intelectual Xoán Vicente Viqueira, no ano do centenario do seu falecemento (1924). A través de varias conferencias e mesas redondas vanse abeirar os eidos nos que foron relevantes as achegas de Viqueira: Filosofía, Galeguismo, Pedagoxía, Poesía, Psicoloxía, Tradución...
As exposicións estarán a cargo dun grupo de docentes, investigadores e especialistas relacionados con distintos aspectos da personalidade e contribucións deste autor, ofrecendo unha panorámica dos aspectos específicos, seguidas dun coloquio co público asistente. No remate tamén se presentará un libro sobre Xoán Vicente Viqueira, da autoría do profesor Ramón López Vázquez.
O ciclo é aberto á asistencia libre, mais tamén vai dirixido dun modo especial ó profesorado interesado nesta conmemoración, e esencialmente a quen imparta contidos de Lingua e Literatura Galegas, Filosofía, Pedagoxía, Psicoloxía... en Primaria, na ESO, no Bacharelato ou no ensino universitario. Agárdase que se ofrezan datos, reflexión e diálogo sobre todo o que teña que ver coa figura de Xoán Vicente Viqueira, tamén en relación coas Irmandades da Fala e co movemento galeguista do primeiro terzo do século XX. Para o profesorado haberá un certificado de asistencia de 12 horas (CAFI).
Son un total de seis conferencias e dúas mesas redondas. Nelas trataranse os temas anunciados no Programa destas Xornadas Olladas no Pasado, 2024.
As mesas redondas vanse centrar en dúas temáticas: 1) personalidade, documentación, edicións 2) poesía, traducións.
A monografía que se vai presentar sobre X. V. Viqueira é unha edición centrada en todo o relativo á súa vida, obra e significado.
O conxunto dos relatores participantes aparecen no Programa detallado desta actividade. Esta terceira edición das Xornadas Olladas no Pasado vai ter lugar na tarde do venres, 22 e mais na xornada do sábado, 23 de novembro, segundo o horario indicado no Programa, no salón de actos do Pazo de San Roque (Santiago de Compostela), cun total de 12 horas de actividade.
Programa: