Cultura e Educación e Leroy Merlín colaborarán para impulsar a Formación Profesional e a inserción laboral dos estudantes de ciclos formativos [1]
Xesús Vázquez Abad asinou hoxe un protocolo de colaboración polo que se ofertarán bolsas de formación remuneradas no centro de traballo da empresa en Galicia

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e Juan Bravo Cabello, representante de Leroy Merlín, asinaron hoxe un protocolo de colaboración para impulsar a Formación Profesional galega e a inserción laboral dos seus estudantes. Na sinatura do protocolo estiveron presentes, ademais dos asinantes, o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; e a asistente de Recursos Humanso da compañía, Iria Pazos.
Ao abeiro deste acordo facilítase que as alumnas e alumnos de ciclos formativos realicen o módulo de formación (FCT) en centros de traballo da compañía. Así mesmo, a Consellería e Leroy Merlín abren vías de colaboración para a formación continua de traballadores e profesorado de FP.
Bolsas remuneradas para o alumnado
A colaboración entre ambas as entidades contempla tres suxeitos fundamentais: o alumnado, os docentes e os traballadores da compañía. No primeiro dos casos, Leroy Merlín comprométese a facilitar postos formativos para que o alumnado de FP realice a FCT nos seus centros de traballo.
A maiores, e co obxecto de favorecer a súa inserción no mundo laboral, a compañía convocará 15 bolsas formativas remuneradas dirixidas a estudantes cunha media superior aos 7 puntos- de último curso ou que teñan rematado os ciclos formativos en Instalacións Eléctricas e Automáticas; Madeira, moble e cortiza; Soldadura; ou Comercio e Marketing. Cómpre sinalar que, tras realizar estas bolsas, a empresa ofrecerá aos estudantes a posibilidade de contratación.
O período formativo desenvolverase nas instalacións da empresa en Santiago de Compostela, entre xuño e setembro de 2013, durante o cal se impartirán xornadas semanais para complementar as competencias profesionais adquiridas no seus respectivos centros educativos. Serán os propios profesores os que propoñan ás alumnas e alumnos para que participen neste programa de bolsas, cuxo proceso de selección comezará o vindeiro mes de febreiro.
Trátase dun avance máis cara á implantación, por primeira vez, de medidas adaptadas ao sistema de Formación Profesional en alternancia en Galicia; unha iniciativa na que a Consellería de Cultura e Educación está a traballar a través do diálogo con diferentes empresas.
Actualización dos docentes
Co obxecto de favorecer a actualización do profesorado de ciclos formativos – o que redundará nun beneficio tamén para o alumnado- Leroy Merlín facilitará que os docentes realicen estadías formativas na empresa, así como a súa participación nas accións formativas que se organicen para as traballadoras e traballadores da compañía; e visitas técnicas de profesores e alumnos ás súas instalacións.
Así mesmo, Leroy Merlín comprométese a colaborar nas xornadas e conferencias sobre o sector que a Consellería poida organizar en centros educativos como complemento ao currículo dos ciclos.
Formación continua
Pola súa parte, a Consellería dará soporte e asesoramento aos traballadores da empresa que desexen acollerse ao Plan de recoñecemento da experiencia profesional impulsado por Cultura e Educación. Desta forma, os traballadores poderían obter certificados de profesionalidade ou a acreditación de unidades de competencia de módulos de FP, a través da avaliación das competencias adquiridas durante os seus anos de labor profesional.
Neste mesmo sentido, o departamento educativo da Xunta de Galicia comprométese a colaborar na formación continua destas persoas desenvolvendo unha oferta educativa flexible, e mesmo plans de formación a medida. Así mesmo, os centros educativos orientarán á empresa na organización e desenvolvemento da formación básica necesaria para que as empregadas e empregados de Leroy Merlín que non dispoñen dos requisitos académicos para cursar os ciclos de FP poidan presentarse ás probas de acceso.
O protocolo asinado hoxe enmárcase na aposta estratéxica da Consellería de Cultura e Educación pola FP como porta de entrada ao mundo laboral, en estreita colaboración coas empresas máis significativas do tecido socioprodutivo de Galicia.