Román Rodríguez avanza que a Estratexia de inclusión educativa blindará o modelo de integración e igualdade que sitúa a Galicia á cabeza de España [1]
O conselleiro de Educación reúnese coas entidades de atención á diversidade para analizar e recibir achegas sobre a folla de ruta neste eido que se está ultimando
Pon en valor a fortaleza do sistema galego, o máis inclusivo do Estado, pero asegura que hai que continuar traballando para “actualizar e enriquecer” as distintas accións

A Xunta de Galicia fixa como reto prioritario avanzar nun sistema educativo máis inclusivo a través dunha serie de accións específicas que se plasmarán na Estratexia de inclusión educativa de Galicia, que se está ultimando en diálogo coa comunidade educativa.
Para avanzar nesta folla de ruta que se despregará a partir do próximo curso, o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, reuniuse esta mañá cun amplo abano de entidades de atención á diversidade en Galicia co obxecto de presentarlles o borrador do documento no que está traballando a Xunta, así como para recoller as achegas destes colectivos para enriquecer ao máximo o texto final.
A xuntanza, na que o conselleiro estivo acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, enmárcase nun proceso de “escoita activa” que o seu departamento leva desenvolvendo nos últimos meses. No encontro participaron un total de 25 entidades que representan colectivos moi diversos como de persoas con discapacidade en xeral, discapacidade auditiva, reumatoloxía, persoas down, con autismo, asperger ou TEA entre outros.
Román Rodríguez avanzou que o texto incluirá un amplo abano de accións “abertas e transversais” que abranguen aspectos como a relación dos colectivos de atención á diversidade cos centros, a formación do profesorado ou a Formación Profesional, entre outros. Trátase, segundo o conselleiro, de “renovar e actualizar” accións que xa están en marcha ao tempo que despregar outras novas que se darán a coñecer cando o documento estea totalmente pechado.
Efectos positivos da baixada de rateos
Aínda que o sistema educativo galego se sitúa á cabeza de España como o máis inclusivo e equitativo segundo as estatísticas do Ministerio, o conselleiro subliñou que “non podemos conformarnos” e hai que “seguir avanzando” para lograr pasos neste eido.
Neste senso, referiuse aos efectos positivos do acordo de Mellora educativa con accións pioneiras a nivel estatal “que agora nos están copiando outras comunidades e mesmo o Ministerio” como que os alumnos de necesidades educativas computen por dous ou por tres en función do grao de discapacidade á hora de conformar grupos de clase.