Román Rodríguez coñece en Madrid as posibilidades do centro de formación en tecnoloxía da Fundación ONCE [1]

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, visitou hoxe en Madrid as instalacións de Por Talento Digital, un centro pioneiro da Fundación ONCE dedicado á formación tecnolóxica adaptada para persoas con discapacidade. Este centro, que traballa para mellorar a inclusión e a empregabilidade destas persoas no sector tecnolóxico, ofrece programas de formación en áreas como desenvolvemento web, robótica e intelixencia artificial.
Na visita, na que estivo acompañado pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez, o conselleiro foi recibido polo director xeral da Fundación ONCE, José Luis Martínez, a quen agradeceu o convite por parte da organización para achegarse a coñecer este proxecto. O titular de Educación gabou as posibilidades desta iniciativa e a disposición da Consellería para explorar novas vías de colaboración enfocadas a mellorar a atención educativa ao alumnado con discapacidade para afianzar o liderado de Galicia como Comunidade máis inclusiva do Estado.