Galicia dotarase dunha Lei de educación dixital pioneira para afrontar con seguridade os retos da transformación social e tecnolóxica [1]
O Consello da Xunta dá luz verde ao inicio da tramitación do anteproxecto cuxa elaboración contará con toda a comunidade educativa e expertos na materia
O texto, inédito ata o de agora a nivel estatal e europeo, regulará os dereitos e deberes da nova realidade dixital para blindar o modelo galego de calidade e equidade
Fará fincapé en aspectos como a intelixencia artificial, o benestar dixital, a protección de datos, o dereito á identidade dixital e a accesibilidade universal, entre outros
A iniciativa parte da experiencia da pandemia, cando se identificaron necesidades de regular cuestións sobre o uso de ferramentas dixitais na contorna educativa

Galicia dotarase dunha pioneira Lei de educación dixital que xurde da necesidade de afrontar con seguridade e certezas os novos retos de transformación social que se están producindo neste eido e que atinxen de xeito directo ao sistema educativo. O Consello da Xunta, a proposta da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, deu hoxe luz verde ao inicio da tramitación do anteproxecto de lei, para abrilo ao debate público co fin de recoller as máximas achegas ao respecto.
O texto no que se vai comezar a traballar e que, ata o de agora, é inédito tanto a nivel estatal como europeo, regulará os dereitos e deberes de todos os membros da comunidade educativa -administracións públicas, centros educativos, docentes, alumnos e familias- ante a nova realidade derivada da transformación dixital no ensino.
De feito, para desenvolver este novo marco normativo, vaise inicial o procedemento de Consulta pública previa no Portal de Transparencia da Xunta e, paralelamente, abrirase un proceso de diálogo con todos os colectivos implicados que abranguen os centros educativos, o profesorado, as familias a través das anpas e expertos en tecnoloxía, entre outros.
Trátase de avanzar nunha folla de ruta para que o proceso de transformación dixital avance tendo en conta os plenos dereitos de todos os membros da comunidade educativa. Así pois, o texto recollerá cuestións como a regulación da comunicación dixital entre docentes e alumnos fóra do horario lectivo, o aproveitamento responsable da intelixencia artificial, as condutas contrarias á convivencia no eido dixital ou a gravación de clases.
Evidencias científicas
O principal obxectivo desta normativa é, por tanto, proporcionar as ferramentas necesarias aos alumnos para que saiban manexarse como cidadáns a nivel persoal e profesional ante un mundo cada vez más cambiante. Neste senso, farase especial fincapé en aspectos como o benestar dixital, a privacidade e a protección de datos, o dereito á identidade dixital e á intimidade e a accesibilidade universal.
Precisamente a blindaxe da igualdade e a equidade é un dos principais retos que se perseguen con esta nova lei, que permitirá aproveitar as oportunidades que ofrece a tecnoloxía ao tempo que asegurar un acceso equitativo eliminando a fenda dixital e protexer aos usuarios na contorna dixital.
A Consellería de Educación quere liderar un debate baseado en evidencias científicas e en investigacións co fin de elaborar un texto rigoroso para blindar o sistema educativo galego do segundo cuarto do século XXI como un sistema de calidade, de igualdade e de equidade aproveitando as oportunidades de mellora que brindan as novas realidades como é a intelixencia artificial, entre outros.
Precisamente, a Consellería de Educación vai desenvolver o proxecto EdugalIA, centrado na mellora da gobernanza e no procesamento de datos a través da intelixencia artificial para, entre outras finalidades, incidir na prevención do abandono escolar. Este proxecto -que vén de lograr 9,9M€ no proceso estatal de Compra Pública Innovadora- permitirá a creación do expediente dixital único do alumnado e establecerá un novo modelo no acceso de alumnos e familias á información de interese, cun punto único de contacto e ferramentas informáticas específicas.
Ferramentas dixitais na contorna educativa
O traballo da Consellería para a elaboración desta nova Lei de educación dixital parte da experiencia vivida durante a pandemia, onde se demostrou a capacidade tecnolóxica do sistema educativo como un elemento clave para garantir o acceso a educación en igualdade. Non obstante, tamén foi un momento fundamental para identificar as necesidades de regular cuestións sobre o uso de ferramentas dixitais na contorna educativa e nos procesos de ensino-aprendizaxe.
Así pois, o novo texto lexislativo abranguerá todo o ecosistema STEM nun senso amplo, o que vai moito máis aló do uso de pantallas e dispositivos electrónicos, xa que abordará os principios e habilidades da ciencia e da matemática na resolución de retos que supoñan o despregamento do pensamento computacional.
Entrada en vigor en 2026
Trátase, en definitiva, de garantir que a sociedade galega, a través dun sistema educativo moderno, innovador e seguro, conte coas mellores oportunidades posibles, con garantía dos seus dereitos dixitais, con protección do seu benestar e co referente de calidade e excelencia avalado polos principais informes nacionais e internacionais.
Ao mesmo tempo, esta lei, coa que se cumpre un compromiso electoral do actual Goberno da Xunta, contribuirá a posicionar a Galicia como unha das comunidades máis innovadoras e competitivas no ámbito educativo. A previsión é que, logo de completarse todos os trámites administrativos e achegas dos distintos axentes, a lei entre en vigor en 2026.