A Consellería de Educación asina un convenio coa FEGAMP relativo á limpeza dos centros públicos integrados [1]
Xesús Vázquez Abad asinou hoxe un acordo co presidente da Federación Galega de Municipios polo que se lles transfiren 735.000 euros para a limpeza de recintos educativos
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asinou un convenio co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), José Manuel Rey Varela, relativo aos gastos de limpeza dos centros públicos integrados, tras ser aprobado no Consello da Xunta.
En virtude de dito acordo a Consellería transfire 735.000 euros á FEGAMP que será a responsable de repartilos entre 37 concellos, e os seus respectivos centros escolares, para que as corporacións municipais xestionen o control e paguen os servizos de limpeza dos colexios.
Con este novo acordo a Consellería continúa a demostrar o seu compromiso constante con todos os aspectos relativos ao mundo da educación. Neste caso no relativo ao mantemento dos centros a través da limpeza xestionada polos concellos. Asemade este convenio é una nova mostra de que a Consellería asume os compromisos derivados do pacto local, en momentos nos que a situación económica dos concellos atravesan dificultades.
Desta forma tanto a Xunta como os entes locais dan continuidade ao compromiso que manteñen cos centros educativos galegos, co fin de acadar as mellores condicións para o seu alumnado.
Audio: