A Xunta convoca os Premios Extraordinarios de Bacharelato, que recoñecen os méritos académicos do alumnado do curso 2020/21 [1]
Os aspirantes deben ter unha media igual ou superior a 8,75 puntos, así como quedar entre os 20 primeiros nunha proba específica á que deben presentarse
Os interesados dispoñen de prazo ata o 26 de maio para inscribirse
A Xunta de Galicia vén de convocar os Premios Extraordinarios de Bacharelato correspondentes ao curso 2020/21, un galardón que impulsa cada ano a Consellería de Cultura, Educación e Universidade co obxectivo de recoñecer os méritos académicos dos alumnos desta etapa educativa.
Como se recolle no Diario Oficial de Galicia [2], poderán acadar estes galardóns, dotados cada un deles con 1.000 euros, un total de 20 alumnas e alumnos. O alumnado que obteña o premio extraordinario recibirá, ademais, un diploma acreditativo e a distinción será anotada no seu expediente académico. O obxectivo é recoñecer e valorar publicamente os méritos excepcionais baseados no esforzo e no traballo do alumnado que cursou cun excelente resultado académico estas ensinanzas.
Poderá optar ao premio extraordinario de bacharelato o alumnado que teña rematado estes estudos no curso 2020/21 nun centro docente de Galicia, ben na modalidade presencial ou na modalidade a distancia, e ser proposto para título na convocatoria ordinaria do dito curso; e que obtivese unha nota media igual ou superior a 8,75 puntos.
Ademais, as persoas candidatas deberán realizar unha proba presencial, que terá lugar o día 23 de xuño, e que está estruturada en dúas partes. A primeira delas consistirá nunha análise e comentario crítico dun texto sobre un tema de carácter xeral, histórico, filosófico ou literario, e en responder cuestións de carácter cultural ou lingüístico sobre un texto na Primeira Lingua Estranxeira II cursada polo alumnado como materia xeral do bloque de materias troncais do bacharelato.
A segunda parte consistirá no desenvolvemento de temas, respostas a cuestións ou exercicios prácticos dunha materia xeral do bloque de materias troncais cursada polo alumnado a elixir entre Matemáticas II, Matemáticas Aplicadas ás Ciencias Sociais II, Latín II e Fundamentos da Arte II.
Solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto entre o 27 de abril e o 26 de maio. A presentación será, preferiblemente, por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia [3]. Será imprescindible cubrir previamente os datos na aplicación que se atopa no enderezo https://www.edu.xunta.es/premiosedu [4], desde onde deberá xerarse o formulario normalizado cuberto cos datos correspondentes.
Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.