Móvete connosco na casa [1]
Enviado por portalcafi a Xov, 23/04/2020 - 11:22O sedentarismo é unha pandemia cuxos efectos se incrementan nestes tempos de confinamento.
A actividade física e as técnicas de relaxación poden ser ferramentas útiles para axudar a manter a calma e seguir protexendo a saúde durante o tempo de confinamento.
Por iso é fundamental que, nas idades máis temperás onde se adquiren os hábitos, o noso alumnado continúe con rutinas de traballo físico que incidan sobre os compoñentes da condición física para a saúde (Resistencia Cardio-respiratoria, Forza-resistencia muscular, flexibilidade e composición corporal), combinadas coas habilidades motrices e coordinativas.
Perante esta situación, a Dirección xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, a través dun grupo de especialistas en educación física e das súas familias deseñou unha programación semanal que permite ao alumnado traballar algúns destes aspectos.
Estes vídeos [2] constan dunha serie de actividades físicas cunha duración de 15 minutos aproximadamente, deseñadas para ser desenvoltas na casa, sen apenas material específico e dunha maneira sinxela, divertida e significativa para o alumnado de educación primaria.
Na situación actual, o exercicio físico debe ser un dos maiores aliados para combater a tensión e a frustración dos e das pequenas. A idea é facelo sempre a través do lúdico e o xogo. Que aprendan xogando e xerarlles estímulo.
