A Consellería de Educación convoca probas de acceso a ciclos de FP de grao medio e de grao superior [1]
Deste xeito favorécese que as persoas que non cumpran os requisitos académicos esixidos poidan cursar estas ensinanzas
A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional acaba de convocar probas de acceso aos ciclos formativos de grao medio e de grao superior de formación profesional [2] do sistema educativo para o ano 2020. O obxectivo é permitir cursar estas ensinanzas ás persoas que non posúan as titulacións esixidas para o acceso, isto é, o título de graduado en educación secundaria obrigatoria ou título profesional básico (ou equivalentes) para os ciclos de grao medio; e, no caso dos de grao superior, o título de bacharelato ou título de técnico de formación profesional (ou equivalentes). Deste xeito a Consellería facilita e impulsa que as persoas continúen formándose para acadar unhas mellores condicións para o acceso ao mercado laboral.
En ambos casos as solicitudes presentaranse por vía electrónica a través do formulario normalizado de solicitude, dispoñible na aplicación informática ciclosprobas (https://www.edu.xunta.gal/ciclosprobas/PaxinaInicio.do [3]) accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia [4]. Tamén se poderán presentar na secretaría de calquera centro docente público da Consellería que imparta FP este curso.
Grao medio
Poderán participar na proba de acceso a ciclos de grao medio as persoas que non cumpran os requisitos académicos esixidos para acceder a eles e teñan 17 anos ou os fagan no ano natural de celebración da proba. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto entre os días 2 e 13 de marzo de 2020, ambos os dous incluídos.
O exame constará dunha parte sociolingüística, con probas de Lingua castelá, Lingua galega e Ciencias sociais; dunha parte matemática, con contidos desta materia; e doutra científico-técnica, con probas de Ciencias da natureza e Tecnoloxía. As probas desenvolveranse o día 28 de maio de 2020.
Grao superior
No caso das probas de acceso a ciclos de grao superior, poderán participar as persoas que non cumpran os requisitos académicos esixidos para acceder a eles e teñan 19 anos ou os fagan no ano natural de celebración da proba. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto entre os días 10 e 19 de febreiro de 2020, ambos os dous incluídos.
A proba estará composta por unha parte común, sobre as materias de Lingua galega, Lingua castelá e Matemáticas, e outra específica. Esta segunda parte organizarase con base en tres opcións, A, B e C, en función das familias profesionais e os ciclos formativos aos que posibilita o acceso, das que cada aspirante deberá elixir unha no momento de formalizar a solicitude de inscrición e escoller dúas das tres materias das que desexe que se lle examine.
Na opción A as materias obxecto de exame serán Economía da empresa, Lingua estranxeira (inglés ou francés) e Filosofía; na opción B serán Debuxo técnico, Tecnoloxía industrial e Física; mentres que na C os contidos a avaliar serán das materias Ciencias da Terra e ambientais, Química e Bioloxía. As probas de acceso aos ciclos de grao superior terán lugar o día 23 de abril de 2020.