Román Rodríguez acompaña ao alumnado do CEIP de Seixo en Marín no inicio do curso escolar en infantil e primaria [1]
O conselleiro de Cultura e Educación sinalou que o primeiro día de clase para estas etapas transcorreu con total normalidade nos centros de toda Galicia

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, acompañou esta mañá aos alumnos e alumnas do CEIP de Seixo, en Marín, no seu primeiro día do curso 2016/2017. O período lectivo comeza hoxe para os 152 nenos e nenas cos que conta o centro e para máis de 200.000 escolares de infantil, primaria e educación especial, un inicio de clases que, segundo salientou o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia, está a transcorrer con total normalidade nos centros das 4 provincias galegas.
Durante o seu percorrido polo centro, Román Rodríguez destacou o esforzo realizado por toda a comunidade educativa e polos técnicos ao longo destes meses de verán para mellorar e poñer a punto as instalacións dos centros de cara ao inicio do curso. De feito, e tal e como lembrou o conselleiro, case o 80% das actuacións previstas ao abeiro do Plan de Infraestruturas 2016/2020, do RAM e do Fondo de Superávit xa están finalizadas, e máis do 90% xa foron adxudicadas. Neste sentido, cómpre destacar que unha das accións levadas a cabo nos últimos meses realizouse precisamente no CEIP de Seixo, que se beneficiou dun cambio de ventanais.
Durante a súa visita, Román Rodríguez estivo acompañado polo director xeral de Educación, Manuel Corredoira; o secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén; o director xeral de Centros, José Manuel Pinal; e o xefe territorial na provincia de Pontevedra, César Pérez Ares.
Loita contra o abandono e compromiso coa inclusión
O responsable do departamento educativo do Goberno galego tamén destacou o traballo conxunto para seguir reducindo a taxa de abandono educativo temperán en Galicia, que no segundo trimestre deste ano acadou a porcentaxe máis baixa da súa historia; así como o esforzo compartido para lograr un ensino máis xusto e equitativo.
Román Rodríguez lembrou que os últimos datos do Ministerio sitúan o sistema educativo galego como o máis inclusivo de toda España. Neste contexto, agradeceu o labor dos máis de 3.300 profesionais dedicados á atención á diversidade, que desempeñan un traballo “vital” para continuar avanzando polo vieiro da integración e da igualdade de oportunidades.
Arranque sen incidencias
Respecto do inicio das clases, o conselleiro explicou que non se rexistraron incidencias significativas no que atinxe á xestión da Consellería cos centros. Só 4 centros non iniciaron as clases hoxe, en concreto nos concellos pontevedreses da Lama e Fornelos de Montes, e nos coruñeses de Santiso e Dumbría.
Nos casos do CEIP A Lama e do CEIP Doutor Suárez (Fornelos de Montes) a unidade técnica e inspección acordaron hoxe coas direccións dos respectivos centros trasladar aos alumnos a unha parte diferente do centro educativo mentres non rematan as obras na cuberta para que a actividade lectiva poida continuar con plenas garantías de seguridade. Ademais, a empresa adaptará os seus horarios de traballo para realizar o maior volume posible do mesmo polas tardes e interferir así menos na actividade lectiva.
Nos CEIP Santa Eulalia de Dumbría e CEIP de Arcediago (Santiso) as familias decidiron non enviar os nenos á clase por non considerar axeitados os agrupamentos realizados. Neste sentido cómpre salientar que o número de alumnos agrupados en ambos casos está moi por debaixo do máximo establecido, que é de 18 alumnos para os escolares da mesma etapa educativa, un criterio que xa utilizaba o Goberno Bipartito e que se mantén. Polo tanto, os agrupamentos realizados están plenamente xustificados, axústanse ao devandito acordo e permite garantir a supervivencia do ensino en centros educativos do rural, nos que o número de alumnos foi diminuíndo de forma progresiva.
No referido ás puntuais reivindicacións de comunidades educativas respecto do profesorado, cómpre sinalar que a Consellería xa valorou pertinentemente as súas peticións e axustou a dotación dos centros ao marcado polos catálogos e pola valoración dos equipos de orientación dos centros. En calquera caso, o departamento educativo da Xunta garante a axeitada atención ao alumnado e á súa diversidade co persoal consignado neste momento.
Ademais da actividade lectiva, hoxe comezaron tamén a funcionar os servizos complementarios de comedor escolar para 72.631 usuarios, e de transporte, cos pertinentes cambios nas rutas para axustalos á realidade do alumnado deste curso.
Audio: