A Xunta presenta un plan educativo para concienciar aos máis novos da necesidade de construír unha sociedade máis xusta e igualitaria [1]
O Plan de Igualdade no ámbito educativo consta de 28 obxectivos e 87 medidas nas que ten un especial protagonismo a loita contra a violencia de xénero
O conselleiro de Cultura e Educación subliñou que este Plan contribuirá a avanzar un novo modelo educativo baseado no respecto, na liberdade e na igualdade
Un total de 24 centros escolares impartirán por primeira vez neste curso a material ‘Igualdade de xénero’ en 1º e 2º de ESO
O vicepresidente, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, presentaron hoxe o I Plan de actuacións para a Igualdade nos centros educativos de Galicia 2016-2020, que busca acadar unha sociedade máis xusta e igualitaria a través da formación e a educación dos máis novos.
Rueda explicou que o obxectivo deste Plan non é chegar só aos máis de 380.000 alumno/as que hai en Galicia, senón que se involucren todos os que teñen algo que dicir no mundo educativo, incluído o profesorado, o persoal de administración e servizos e por suposto os pais e nais dos rapaces e rapazas.
O documento consta de 28 obxectivos e 87 medidas e rexese por catro principios fundamentais: introducir a igualdade de xénero como un elemento transversal e sempre presente na actividade educativa; construír unha sociedade igualitaria empregando a educación como medio; buscar o obxectivo violencia cero nas aulas e na sociedade; e educar na integración plena de todas as persoas, por riba da súa opción afectiva ou sexual.
Pola súa banda, Román Rodríguez subliñou que o Plan presentado hoxe reflexa o compromiso do Goberno galego coa igualdade de oportunidades e de xénero, avanzando na construción dun novo modelo educativo baseado no respecto, na liberdade e na igualdade.
Para afondar neste modelo, o responsable educativo da Xunta avoga polo tratamento da igualdade desde unha perspectiva integral e transversal na que se impliquen todas as áreas de goberno. Nesta liña, este primeiro Plan de Igualdade nace cun obxectivo claro, que é o de previr e atallar comportamentos machistas entre os rapaces.
A materia ‘Igualdade de xénero’ en 24 centros
No eido educativo, ademais de incluír a igualdade nos currículos de todas as etapas educativas, este curso que agora vai comezar impartirase por primeira vez unha nova materia de libre configuración autonómica, ‘Igualdade de xénero’, que, polo momento, ofertan 24 centros para os seus alumnos de 1º e 2º de ESO. Ademais, vaise implantar un ciclo formativo de grao superior para incluír a perspectiva de xénero na Formación Profesional e continuarase cos cursos de formación do profesorado, nos que se aumentarán os contidos relacionados coa igualdade no ámbito educativo.
Así mesmo, dentro da Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2015-2020, inclúense ferramentas concretas como os Plans Proxecta de innovación educativa ou o Protocolo educativo para garantir a igualdade, a non discriminación e a liberdade de identidade de xénero.
Para Román Rodríguez, avanzar na construción dunha sociedade na que as persoas sexan consideradas iguais, integrando o respecto á diversidade é un “obxectivo ambicioso” que require da participación e da implicación da Administración e do conxunto da sociedade.