Román Rodríguez presenta o proxecto de ampliación da Escola Oficial de Idiomas de Ourense e sinala o inicio previsto das obras entre os meses de maio e xuño [1]
Nunha visita ás instalacións da EOI, o conselleiro Román Rodríguez explicou que o seu departamento está ultimando o proxecto de execución, co fin de licitar a obra no prazo aproximado de mes e medio
Trátase dunha actuación que suporá un investimento de 580.000 euros e que permitirá a creación de seis novas aulas

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, visitou hoxe as instalacións da Escola Oficial de Idiomas de Ourense, onde anunciou que o seu departamento traballa coa previsión de iniciar as obras de ampliación deste recinto entre os meses de maio e xuño próximos.
Segundo explicou o conselleiro no marco da presentación do proxecto de ampliación, unha vez redactado o documento básico, Educación está ultimando o proxecto de execución co fin de sacar as obras a concurso nun prazo aproximado de mes e medio. Unha vez adxudicado o contrato, a data prevista para iniciar os traballos sitúase entre os meses de maio e xuño e, deste xeito, xa entre setembro e outubro deste mesmo ano estará totalmente rematada a actuación.
Cun orzamento previsto duns 580.000 euros, as obras acometidas permitirán dotar á Escola de seis novas aulas e, segundo especificou o conselleiro, atender así o interese por estes estudos na cidade. O obxectivo desta actuación é, por tanto, dar resposta axeitada á cidadanía que desexe mellorar as súas competencias en linguas estranxeiras e que, no caso da Escola de Ourense, se materializa nunha oferta ampliada coa introdución de novos idiomas como o chinés. A este respecto, Román Rodríguez subliñou a colaboración que mantén a Consellería co Instituto Confucio en prol da mellora de calidade das ensinanzas de chinés. Cómpre salientar tamén o labor desenvolvido por esta EOI tanto nas aulas como na programación que organizan fóra delas, que se ten traducido nos últimos anos mesmo na introdución de novos idiomas como o chinés.
O edificio da Escola é de planta rectangular con aulas aos dous lados dun corredor central. A actuación deseñada consiste na ampliación do testeiro dese edificio, o que permitirá crear dúas novas aulas na planta primeira e outras dúas na planta segunda. Así mesmo, ampliarase tamén a planta baixa para albergar nese espazo de nova creación un novo salón de actos. Mentres, o salón de actos actual dividirase en dúas aulas máis.
Na visita á EOI, Román Rodríguez estivo acompañado pola directora da Escola, Nancy Casielles, polo alcalde, Jesús Vázquez Abad; e a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira.