Román Rodríguez cifra en 18.700 os docentes que recibiron formación do profesorado ao abeiro do plan da Consellería de Cultura e Educación no curso 2014/2015 [1]
O conselleiro salientou o papel clave destes profesionais na calidade e innovación do ensino
O sistema educativo galego é, segundo o informe PISA, o segundo máis equitativo de todo o mundo

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, cifrou esta tarde no Parlamento de Galicia en 18.700 os docentes que no curso 2014/2015 actualizaron e renovaron os seus coñecementos ao abeiro do Plan Anual de Formación do Profesorado impulsado polo departamento que dirixe. Deste xeito, máis da metade do plantel – conformado por máis de 30.000 profesionais- participou neste programa, cursando un total de máis de 58.500 horas de formación. De feito, algúns deles realizaron máis de unha actividades, tal e como denotan os 32.097 certificados emitidos.
O conselleiro quixo salientar na súa intervención na Cámara galega a implicación e o papel clave do profesorado. Así mesmo, agradeceu o seu esforzo e entrega que, a maiores de coas devanditas accións formativas, a Consellería apoia a través de outras liñas de actuación.
Neste sentido lembrou que Galicia continúa a ser unhas das Comunidades cunha menor taxa de interinidade, así como a CCAA española cun menor número de alumnos por profesor, 10’5 segundo os últimos datos publicados polo Ministerio de Cultura, Educación y Deporte. Ademais, o departamento educativo da Xunta de Galicia solicitou ao Goberno central o finalmente conseguido incremento da taxa de reposición docente establecido polo Executivo de Zapatero.
Necesidades cubertas
Román Rodríguez quixo facer fincapé en que o seu departamento respecta o Catálogo de postos de persoal docente fixado en 2007 polo Goberno bipartito, ao tempo que revisa de preto as evolucións demográficas e as características dos centros. Así, explicou que o sistema educativo galego ten as súas necesidades cubertas e atendidas segundo o indicado polos informes da Inspección e dos equipos de orientación.
A este respecto lembrou que non hai arbitrariedade para mover a un docente dun centro a outro, senón unha análise da necesidade real en cada curso, na que inflúen cuestións como a matrícula, a demografía e a xeografía e a dispoñibilidade de profesionais.
Proxectos e investimentos
A maiores da atención á diversidade do alumnado o conselleiro salientou hoxe no Parlamento o importante avance que o sistema educativo galego vive desde 2009, tanto a través da creación de proxectos innovadores – Abalar, Plan Galego de Potenciación das Linguas Estranxeiras, contratos-programa, Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2015-2020…-, como de investimentos en infraestruturas educativas e en servizos complementarios.
Non en balde, o esforzo en infraestruturas entre 2009 e 2014 superou os 73,8 millóns de euros en grandes obras en 31 centros, aos que se suma un investimento de preto de 18,4 millóns en 2015 para ampliación de centros de ensino, equipamento de alto valor tecnolóxico de ciclos de FP e dixitalización de aulas. Ademais mantense a gratuidade do transporte escolar, o que supón un esforzo económico de 120 millóns ao ano.
Calidade e equidade
A combinación das devanditas políticas deu como resultado unha mellora notable do sistema educativo nos últimos anos, que queda demostrado en datos como o descenso da taxa de abandono temperá desde a media do 25,8% do ano 2009 á do 18,5% do 2014, con datos que confirman a tendencia no 2015.
Así mesmo, no Ranking de excelencia educativa 2015 de Profesionales por la Etica - asociación civil e independente que analiza as políticas educativas por comunidades autónomas en España a partir de 50 indicadores e con datos oficiais- Galicia pasou de ocupar o posto 8º en 2007 a ocupar o 6º en excelencia educativa.
Neste mesmo sentido, cómpre lembrar que segundo o informe PISA Galicia ocupa o segundo lugar do mundo en termos de equidade educativa, o que denota que se desenvolven actuación para beneficiar aos sectores sociais máis desfavorecidos no acceso á educación, así como para o alumnado con máis dificultades de aprendizaxe.