A Consellería de Cultura e Educación, ‘GCiencia’ e ‘La Caixa’ fallaron os premios á comunicación e divulgación científica [1]
Catro estudantes do SUG ven recoñecido o seu traballo no certame ‘Contar a ciencia’
Dous alumnos da Universidade de Santiago de Compostela (USC) resultaron gañadores da segunda edición do Premio Universitario 'La Caixa' de Comunicación Científica Contar a Ciencia, convocado co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e de GCiencia. O obxectivo é divulgar a investigación que se fai nas universidades galegas, promover o xornalismo científico e animar ós estudantes universitarios a coñecer a ciencia nos seus campus. O certame conta, ademais, coa colaboración das tres universidades públicas galegas; e vai dirixido a estudantes das facultades de Xornalismo e Comunicación para que, a través de reportaxes escritas ou audiovisuais, ou mediante a combinación de ambas as dúas modalidades, investiguen e conten a ciencia que se fai nos seus campus.
Os traballos premiados foron David Fontán e André Vicente, estudantes de Xornalismo e de Bioloxía, por ‘Algas no agro galego: saber popular e ciencia por un futuro sostible’, un traballo que combina texto, fotografías e materiais audiovisuais. Ademais outorgáronse dous accésits, un para a alumna de Ciencias da Comunicación da USC Andrea OCA, pola reportaxe ‘Cara a cara co monstro: a calor loita coa anorexia’; e o outro para ‘Obxectivo: deter o Alzhéimer’, un traballo audiovisual de Sara Varela e Miguel Grandío, alumnos da Universidade de Vigo (UVigo).
O xurado do premio estivo integrado por representantes das universidades de Santiago, A Coruña e Vigo, do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, da Consellería de Educación, da delegación territorial en Galicia do CSIC, da Real Academia Galega de Ciencias e por un representante de GCiencia e de 'La Caixa'.
Ademais das devanditas reportaxes premiadas, foron finalistas da segunda edición do premio as de Alberto Paz Calo (UVigo), Carlos Rey (USC); Paula Santos Barbeito (UDC); Raquel Pérez (USC); Alejandro Gándara (USC); Sabela González (USC); Pablo Vázquez Varela (UVigo); Alba María Rego (UVigo); Umá de Oliveira (UVigo); Yago Rodríguez (UVigo); Xiana Meda (USC); Ángeles Precedo (USC); e Yago Grela Ojea (USC). Os gañadores do certame recibirán un premio de 400 euros e unha tablet de fabricación galega, da firma 'Primux Tech'; e os dous accésits levarán 100 euros e unha tablet cada un. Os 13 finalistas recibirán un diploma acreditativo.