Vázquez Abad salienta o labor da Fundación Ingada a prol da integración social dos nenos e nenas con trastorno por déficit de atención e hiperactividade [1]
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria participou na Gala Solidaria organizada polo Instituto Galego do TDAH e Trastornos Asociados
O departamento educativo da Xunta colabora con Ingada e a Fundación María José Jove na formación de profesorado neste ámbito e ademais Galicia é a primeira comunidade que conta cun protocolo sobre este trastorno

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, salientou o importante labor que está a realizar a Fundación Ingada a prol da integración social dos nenos e nenas con Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade (TDAH).
Durante a súa participación na Gala Solidaria organizada por esta entidade, Vázquez Abad destacou o enorme potencial de traballo que amosa a Fundación “no que atinxe á organización e coordinación dunha boa atención respecto dun trastorno que incide nas etapas xuvenís da vida, e que pode condicionar o futuro das persoas”. Segundo dixo, en tan só nove meses desde a súa constitución, esta entidade e xa “un referente de integración de vontades” así como un modelo de traballo que demostra que “os potenciais se multiplican cando actúan en prol de metas compartidas”.
Ingada constituíuse o xaneiro pasado co obxectivo de dar asistencia integral a persoas afectas polo TDAH e trastornos asociados en Galicia, que teñen incidencia directa sobre a poboación escolar, desde todas as perspectiva: clínica, educativa, social, familiar e laboral. O conselleiro de Cultura e Educación quixo subliñar precisamente esa “visión aberta e eficaz” para afrontar o TDAH, para o cal é imprescindible contar con profesionais ben formados.
Nesta liña, o conselleiro lembrou que o departamento que dirixe asinou hai uns días un convenio de colaboración coa Fundación Ingada e coa Fundación María José Jove para a formación de profesorado na atención a alumnos con TDAH. Cómpre salientar ademais que Galicia é a primeira comunidade autónoma que conta cun protocolo a nivel autonómico para avanzar na prevención e atención temperá deste tipo de trastorno.
Xesús Vázquez Abad pechou a súa intervención agradecendo a dedicación e o compromiso de todos os profesionais neste campo e animounos a seguir traballando e materializando proxectos de futuro.