A Consellería de Cultura e Educación inicia as obras de ampliación do CEIP Emilia Pardo Bazán, no que investirán preto de 1,7 millóns de euros [1]
A ampliación permitirá dar resposta ás necesidades educativas do barrio coruñés dos Rosales, coa creación de nove aulas, unha sala de usos múltiples, un comedor, unha nova zona de administración e dúas unidades de apoio

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria iniciou esta mañá as obras de ampliación do CEIP Emilia Pardo Bazán, co acto de comprobación de replanteo -a partir do cal se inician os traballos-, ao que asistiron a subdirectora xeral de Construcións e Equipamentos da Consellería, a codirectora da obra, os codirectores de execución, representantes da empresa adxudicataria e os coordinadores de Seguridade e Saúde.
A obra foi adxudicada á UTE Vías y Construcciones S.A. Petrolam A Veiga S.L., por un importe de preto de 1,7 millóns de euros. A ampliación do centro, que ten un prazo de execución de 9 meses, suporá a construción de nove aulas, unha sala de usos múltiples, comedor e unha nova zona de administración e aulas de apoio.
Deste xeito cúmprese co compromiso formalizado diante da comunidade educativa deste centro de dar resposta ás necesidades de escolarización do coruñés barrio dos Rosales.