Xesús Vázquez Abad comproba a evolución das obras de ampliación do CEIP Padre Feijoo que contan cun orzamento de 1,2 millóns de euros [1]
O conselleiro de Cultura e Educación deu conta da situación do centro ourensán que o vindeiro curso contará cun novo módulo de tres liñas de educación infantil, ademais de zonas comúns, comedor, patio de recreo e unha zona cuberta exterior de 150 metros
A obra é mostra da clara aposta da Xunta de Galicia polo ensino público, nun contexto económico especialmente complicado

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe o CEIP Padre Feijoo, onde comprobou a evolución das obras de ampliación que contan cun orzamento de 1,2 millóns de euros. Un investimento que da conta do compromiso da Xunta coas necesidades do ensino público, a pesares da complicada situación económica.
Durante o percorrido polo centro o conselleiro deu conta do avance das obras que comezaron o pasado mes de setembro e que permitiran ao colexio abrir o vindeiro curso nove novas aulas de educación infantil, todas elas con aseos.
Ademais, Vázquez Abad, que estivo acompañado polo director do centro, Javier Fernández Puga; o delegado da Xunta na provincia, Rogelio Martínez; e a xefa territorial da Consellería en Ourense, Mercedes Gallego, comprobou o desenvolvemento da intervención que tamén inclúe a creación dunha sala de usos múltiples; a zona de administración cunha sala de profesores; e zonas de servizos comúns como o comedor, os aseos e un almacén; así como os espazos exteriores cunha zona cuberta de 150 metros cadrados e un patio de recreo de 750 metros cadrados.
Na actualidade o CEIP Padre Feijoo de Allariz é un centro de dúas liñas de Educación Infantil e Primaria. Foi creado cunha dotación para atender a un alumnado correspondente a 6 unidades de Educación Infantil, e 6 unidades de Ensinanza Primaria. O edificio actual xa foi obxecto de modificación, ampliacións e melloras, debido ao incremento de matrícula rexistrado nos últimos cursos.
Investimento no centro
En total, o investimento da Xunta no CEIP Padre Feijoo sitúase en preto de 1,5 millóns de euros, nos que se inclúen as citadas obras de ampliación máis os investimentos realizados nos últimos anos. Ademais, compre sinalar que o centro vén de asinar un contrato-programa na liña de reforzo, orientación e apoio, para o que se lle asignou un docente externo a media xornada ao centro. Así mesmo, o colexio está integrado no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares. Adicionalmente, a Consellería ten feito desde 2009 obras en diferentes espazos do CEIP Padre Feijoo, grazas ao que se realizaron melloras no comedor, nos aseos e vestiarios, nas persianas, nas tubaxes, desaugues, e arquetas interior e nas instalacións eléctrica e de calefaccións; e se construíu un soportal e un areeiro no centro.
Ademais, o compromiso da Consellería con este colexio reflectiuse na dotación ao mesmo de dúas aulas dixitais, así como na súa entrada no curso 2012/2013 no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE).