Quince agrupacións competirán no VII Certame Galego de Bandas de Música que se celebra esta fin de semana en Santiago co apoio da Consellería de Cultura e Educación

O Auditorio de Galicia acollerá nas tardes do sábado e do domingo as tres seccións a concurso no encontro organizado pola Federación Galega de Bandas de Música Populares

Actuarán formacións procedentes de Santiago de Compostela, Moaña, A Coruña, Vilatuxe, Belesar, Cambre, Torroso, Arca, Ribadulla, Vigo, Valga, Vincios, Caldas de Reis, Salcedo e Bandeira

Gallego
 Quince agrupacións competirán no VII Certame Galego de Bandas de Música que se
Quince agrupacións competirán no VII Certame Galego de Bandas de Música que se celebra esta fin de semana en Santiago co apoio da Consellería de Cultura e Educación

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora coa Federación Galega de Bandas de Música Populares no desenvolvemento da sétima edición do Certame Galego de Bandas de Música, que congregará esta fin de semana en Santiago de Compostela un total de 15 agrupacións procedentes doutras tantas localidades galegas.

O apoio de Cultura e Educación a este encontro, que se materializa a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), ten como prioridade o recoñecemento do labor que as bandas de música populares levan a cabo tanto na formación de músicos novos como na creación de afección musical e mesmo na difusión de obras musicais de autoría galega por medio das súas interpretacións.

O Auditorio de Galicia acollerá o sábado 16 e o domingo 17 de novembro as actuacións das bandas participantes neste concurso, agrupadas en tres modalidades de competicións en función do seu número de integrantes: formacións de máis de 71 músicos (sección primeira), de 51 a 70 músicos (sección segunda) e de ata 50 músicos (sección terceira). As 15 bandas seleccionadas foron elixidas por sorteo de entre todas as inscritas para esta convocatoria.

Concurso

Todas elas deberán presentarse ao público coa interpretación dun pasodobre galego, para someterse a continuación á valoración do xurado a través dunha obra proposta pola organización e outra de elección libre. Para esta edición, as tres pezas obrigatorias corresponden ás gañadoras da anterior convocatoria do Concurso Galego de Composición para Banda de Música e Sección Sinfónica, organizado tamén pola Federación: ‘Insomnio’, do novo compositor galego Juan Manuel Eiras Tojo para a sección primeira, ‘Espírito galego’ de Santiago Quinto Serna para a segunda e ‘Arieñium’ de José Ignacio Blesa Lull para a terceira.

A competición dará comezo o sábado ás 16.00 horas coa participación das cinco formacións a concurso dentro da terceira categoría: Banda de Música de Solfa (Santiago de Compostela), Banda de Música Popular de Moaña ‘Airiños do Morrazo’, Banda Sinfónica Adagio Cantabile (A Coruña), Banda de Música de Vilatuxe e Agrupación Musical de Belesar. Esa mesma tarde, a partir das 19.30 horas, será a quenda de competición na sección segunda coa participación da Banda de Música Sementeira de Cambre, a Banda de Música Xuvenil de Torros, Banda de Música de Arca, Banda de Música de Santa Cruz de Ribadulla e Agrupación Musical Atlántida de Matamá (Vigo).

Para a xornada do domingo están previstas as actuacións, a partir das 16.00 horas, da Banda de Música Municipal de Valga, Agrupación Musical de Vincios, Banda de Música Municipal de Caldas de Reis, Banda de Música de Salcedo e Banda de Música Recreativa  e Cultural de Bandeira dentro da sección primeira.

O xurado dará a coñecer o seu veredicto a partir das 21.00 horas, dando paso á entrega dos diplomas ás agrupacións gañadoras. Distribuirase un total de 12.300 euros en premios a través de nove galardóns ás tres primeiras formacións clasificadas en cada categoría, así como doutros tres á interpretación dunha obra de temática galega, coa utilización dos recursos propios de Galicia, para cada unha das seccións. 

Tema: 

A homenaxe a Roberto Vidal Bolaño continúa no Salón Teatro co ciclo audiovisual arredor da súa obra que organiza Cultura e Educación

O Centro Dramático Galego retoma esta semana o programa ‘Vidal Bolaño recuperado’ coa análise de dúas montaxes de carácter histórico: ‘As actas escuras’, o mércores 13, e ‘Xelmírez ou a gloria de Compostela’, o xoves 14

Os profesores Xosé Manuel Fernández Castro e Inma López Silva conducirán as seis sesións que terán lugar en novembro co obxectivo de afondar nos espectáculos escritos e/ou dirixidos polo autor compostelán a partir das gravacións conservadas

As últimas citas desta carteleira, que desenvolveu a súa primeira quenda o pasado mes de febreiro, xirarán arredor dos títulos ‘A burla do galo’, ‘Mar revolto’, ‘Rastros’ e ‘Caprice de dieux’

Gallego
A homenaxe a Roberto Vidal Bolaño continúa no Salón Teatro co ciclo audiovisual
A homenaxe a Roberto Vidal Bolaño continúa no Salón Teatro co ciclo audiovisual arredor da súa obra que organiza Cultura e Educación

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria retoma esta semana o ciclo ‘Vidal Bolaño recuperado: citas audiovisuais’, que nos vindeiros mércores e xoves deste mes, ás 19.00 horas, ofrecerá no Salón Teatro de Santiago as últimas seis proxeccións arredor doutros tantos espectáculos escritos e/ou dirixidos polo dramaturgo compostelán. Esta carteleira enmárcase na programación especial que o Centro Dramático Galego (CDG) está a organizar durante todo este ano en homenaxe ao autor ao que se lle dedicou o Día das Letras Galegas 2013.

A segunda entrega do ciclo insírese, á súa vez, no programa que Cineuropa desenvolve en diferentes salas de Compostela. Volve contar coa participación dos profesores Xosé Manuel Fernández Castro e Inma López Silva para comentar as montaxes de ‘As actas escuras’, ‘Xelmírez ou a gloria de Compostela’, ‘A burla do galo’, ‘Mar revolto’, ‘Rastros’ e ‘Caprice de dieux’ a partir de diferentes fragmentos das gravacións conservadas pola familia do dramaturgo e polo CDG. As sesións tamén están abertas á participación do público, de xeito que se buscará dotalas dun maior dinamismo a través do debate e as achegas dos espectadores.

Primeiras sesións

As citas deste mes, coas que se dá continuidade á serie de seis proxeccións celebrada en febreiro, darán comezo este mércores 13 con ‘As actas escuras’. Fernández Castro, autor do estudo ‘A obra dramática de Roberto Vidal Bolaño’, será o encargado de analizar esta produción, que a compañía institucional galega estreou en 2010 baixo a dirección de Xúlio Lago. Xosé Manuel Olveira “Pico” e Ricardo de Barreiro encabezaron o elenco de 14 recoñecidos actores e actrices que interpretou esta trama arredor dunha suposta investigación sobre a orixe dos restos do Apóstolo pola que o seu autor recibiu o Premio Xacobeo de Textos Teatrais en 1992.

Tamén moi extensa foi a nómina de intérpretes –un total de 25– coa que Vidal Bolaño levou a escena ‘Xelmírez ou a gloria de Compostela’, de Daniel Cortezón, na adaptación que asinou e dirixiu para o Centro Dramático Galego. O vindeiro xoves día 14 Inma López Silva, escritora, crítica teatral e profesora da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, afondará nas principais características desta recreación histórica, estreada en 1999 na Igrexa da Universidade de Santiago de Compostela.

Entrada libre

As citas audiovisuais, de entrada libre ata completar a capacidade do Salón Teatro, continuarán con outros catro textos que no seu día subiron ás táboas da man do Centro Dramático –‘A burla do galo’ (mércores 20) e ‘Mar Revolto’ (xoves 21)– e das dúas compañías fundadas e dirixidas por Vidal Bolaño: Teatro do Aquí (‘Rastros’, mércores 27) e Teatro Antroido (‘Caprice de dieux’, xoves 28).

Con estas seis novas sesións, serán un total de 12 os títulos abordados a través deste ciclo co que a compañía pública –para a que o propio Vidal Bolaño desenvolveu traballos como dramaturgo, director, adaptador, deseñador de iluminación, escenógrafo ou actor nunha decena de espectáculos– ofrece unha plataforma para afondar na divulgación da dramaturxia e o oficio escénico da que é unha das figuras claves na historia do teatro profesional galego.Ofrécese, neste sentido, un amplo percorrido pola traxectoria teatral de Roberto Vidal Bolaño nas súas facetas de autor e director, incidindo ao tempo na vixencia do seu legado. 

Tema: 

O show de MICAtlántica ofrecerá en Santiago unha semana de espectáculos galegos e arxentinos organizada pola Consellería de Cultura e Educación

O Mercado das Industrias Culturais Atlánticas, organizado pola Xunta de Galicia e a Secretaría de Cultura de la Nación Argentina, amosará 11 propostas teatrais e musicais e un ciclo audiovisual de acceso gratuíto para o público

Xoel López, Luar na lubre, Cristian Zárate, Barroso & Peixoto, Marcelo e Hugo Dellamea, Rosa Cedrón, Uxía, Chango Spasiuk, Roi Casal ou Sèrgio Tannus son algúns dos participantes no extenso programa de concertos

O programa paralelo ás sesións profesionais e divulgativas, no que colabora o Concello de Santiago, se abrirá cun concerto da Real Filharmonía de Galicia en homenaxe á música do cinema

Gallego
 O show de MICatlántica ofrecerá en Santiago unha semana de espectáculos galegos
O show de MICatlántica ofrecerá en Santiago unha semana de espectáculos galegos e arxentinos organizada pola Consellería de Cultura e Educación

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria deseñou un intenso programa de montaxes teatrais e concertos e un ciclo de cinema dedicado a Arxentina como espectáculos abertos ao público xeral e paralelos á celebración de MICAtlántica, o Mercado das Industrias Culturais Atlánticas que terá lugar en Santiago entre os días 23 e 26 de novembro.

En colaboración co Concello de Santiago, diferentes escenarios da cidade acollerán estas propostas, nas que participarán tanto artistas galegos como arxentinos. O programa, que será de entrada libre, estenderase máis alá das sesións profesionais e divulgativas de MICAtlántica na Cidade da Cultura de Galicia e prolongarase durante a semana completa, desde o venres 22 ata o venres 29.

MICAtlántica está organizado conxuntamente pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, AGADIC, e a Fundación Cidade da Cultura) e a Secretaría de Cultura de la Nación Argentina co obxectivo de situar a Galicia como punto de encontro para a promoción do negocio cultural entre España, Portugal e Iberoamérica.

O ‘show’ de MICAtlántica

A sección dedicada ao teatro e á música, denominada MICAtlántica Show, inaugurarase o venres 22 ás 20.30 horas no Auditorio de Galicia cun concerto da Real Filharmonía de Galicia, baixo a dirección do compositor arxentino José Luis Castiñeira de Dios e coa participación do grupo de tango evolución Cristian Zárate Sexteto. Con esta cita, dedicada á música no cinema arxentino, celebrarase a benvida aos máis de 300 representantes de institucións e empresas que participarán tanto nas roldas de negocio como nos debates, conferencias e presentacións de proxectos programados en MICAtlántica.

Entre as actividades musicais figuran tamén os concertos de Luar na Lubre, un dos grupos folk máis destacados do panorama internacional; e do galego Xoel López, un dos máis influentes representantes do pop-rock español. Tamén destacan as propostas de fusión galego-arxentina de Lorena Lores, artista de orixe galega criada en Bos Aires, ou a colaboración entre músicos de ambas beiras do Atlántico, como son os casos de Cristian Zárate Sexteto e Barroso & Peixoto, ou Marcelo e Hugo Dellamea, Ariel Sánchez e Davide Salvado Trío.

Tamén ofrecerán un concerto conxunto as galegas Uxía e Rosa Cedrón coa arxentina Micaela Chauque, a galega de orixe cubana Jamila Puro e o brasileiro Sèrgio Tannus, que tras varios anos residindo en Galicia bautizou o seu último disco co título ‘Soy Brasilego’. O programa musical pecharase o venres 29 no Auditorio Novagalicia Banco de Compostela co concerto de dous prestixiosos músicos: o acordeonista arxentino Chango Spasiuk e o arpista galego Roi Casal.

Tamén teatro e cinema

O programa de teatro achegará unha das súas propostas máis destacadas o luns 25 ás 20.00 horas no Auditorio Novagalicia Banco. Trátase da posta en escena da obra ‘Miembro del jurado’, do dramaturgo Roberto Perinelli, interpretada polo Teatro Nacional Cervantes, a compañía pública de artes escénicas máis destacada de Arxentina. Durante a fin de semana ofrecerase unha singular cita co microteatro, da man do dramaturgo, artista visual e actor bonaerense Fernando Rubio, que na obra ‘Todo lo que está a mi lado’ invitará ao público a unha orixinal colaboración como parte da propia montaxe. Para presentar esta peza en Compostela, o autor contará coa colaboración especial das actrices galegas Sara Casasnovas, Belén Constenla, Iria Pinheiro, Erica González, Mariola Verdía, Rosalía Castro e Lúa Testa. Tamén participará en MICAtlántica Show a compañía galega Teatro Galileo, que presentará na Fundación SGAE a obra ‘Desfeitos’, da dramaturga e actriz Febe Chaves.

No tocante ás propostas cinematográficas, o festival Cineuropa, que celebra este ano a súa vixésimo sétima edición, ofrecerá o ciclo MICAtlántica CINE, dedicado a algunhas das máis destacadas propostas de directores arxentinos como Gaspar Shener, Agustín Toscano e Ezequiel Radusk. Neste ciclo destaca a visita a Compostela dos directores Paula de Luque con motivo da proxección da película ‘Juan y Eva’; e Julio Ludueña, que achegará as súas ‘Historias de cronopios y de famas’. Tamén presentarán a película ‘Mercedes Sosa, la voz de Latinoamérica’ o seu director, Rodrigo Vila, e o fillo da emblemática artista arxentina, Fabián Matus. As proxeccións desenvolveranse no Salón Teatro e o Teatro Principal, tamén con entrada libre, previa recollida de convites.

 

Tema: 

A Consellería de Cultura e Educación contribúe coa recuperación do patrimonio musical da Catedral de Tui

O bispado de Tui-Vigo, coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura e da Deputación de Pontevedra, publica un volume con partituras inéditas do mestre de capela Matías García Benayas, a cargo do compositor e musicólogo Joam Trilho

O proxecto tamén inclúe un disco gravado polo coro compostelán Vox Stellae, que foi presentado esta tarde en concerto na igrexa de María Auxiliadora de Vigo

Gallego
Catedral de Tui
Catedral de Tui

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria contribúe á preservación e difusión do patrimonio musical de Galicia coa súa colaboración nun novo proxecto centrado na figura do mestre de capela Matías García Benayas. Trátase da publicación dunha volume con algunhas das partituras máis antigas do arquivo musical da Catedral de Tui, ata o de agora inéditas, e da gravación do disco Defensor alme Hispaniae, que acaban de ver a luz co apoio da Secretaría Xeral de Cultura e da Deputación de Pontevedra.

O responsable da Secretaría Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participou esta tarde no acto de presentación do proxecto, que tivo lugar na igrexa María Auxiliadora de Vigo, e que tamén contou coa participación de Joam Trilho, responsable da edición do volume; de José Luis Martínez, vigairo da Diocese de Tui-Vigo, e de Rafael Antela, párroco de Barcia de Mera.

“O traballo rigoroso de recuperación das partituras, o alento das persoas que levan tempo facendo xestións para que estas anotacións volvan ter son, pero tamén a responsabilidade dos que, durante séculos, se preocuparon pola preservación destas follas musicais, é o que verdadeiramente nos permite hoxe este privilexio de revivir a música do mestre García Benayas”, afirmou Anxo Lorenzo no acto de presentación.

Segundo asegurou, para a Xunta de Galicia é “unha alegría compartida volver darlle vida esta tarde a esta proposta musical”, así como “contribuír a que estean dispoñibles as partituras editadas e a que poidamos escoitalas en concerto”. “Porque promovermos a preservación, a restauración e o aprecio social polo patrimonio histórico, neste caso, polo noso patrimonio musical, é indispensable para a nosa memoria colectiva e para a construción do noso futuro cultural”, engadiu.

Recuperación do patrimonio musical da Catedral de Tui

A publicación do libro e a gravación do disco enmárcase nun proxecto de recuperación do patrimonio musical da Catedral de Tui, iniciado coa obra de Matías García Benayas, mestre de capela que chegou á sede tudense a finais do século XVII. Da súa produción destaca a ‘Misa Defensor alme Hispanie, in festo Sancti Jacobi, a única completa que se conserva. Tamén compuxo outras dúas obras de inspiración xacobea: o himno ‘Defensor alme Hispaniae’ e o tracto ‘Protestis bibere’.

O compositor e musicólogo Joam Trilho é o responsable da edición do primeiro volume da serie ‘Música na catedral de Tui’. O disco preséntase baixo o título de ‘Defensor alme Hispaniae’, gravado polo coro compostelán Vox Stellae, baixo a dirección de Luís Martínez e coa participación do organista Joaquín Barreira.

Ademais do da Igrexa María Auxiliadora de Vigo, tamén están programados outros dous concertos para presentar os materiais, o 22 de novembro, ás 21 horas, na capela de Ánimas de Santiago de Compostela, e o 24 de novembro, na Catedral de Tui, ás 17:30 horas, no marco da clausura do Ano da Fe.

Tema: 

A Xunta ofrece unha nova xornada de formación inicial do Plan Proxecta centrada nos programas Aliménta-T Ben, O Monte Vivo, Montentérate e Salvavidas, destinados a máis de 28.000 escolares galegos

A esta xornada formativa asistiron máis de 200 profesoras e profesores de toda Galicia

Cultura e Educación desenvolve este plan coa colaboración do resto das Consellerías da Xunta de Galicia co obxectivo de fomentar a innovación educativa nos centros e a educación en valores a través de estratexias metodolóxicas activas e cooperativas

Gallego
O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa
O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, na presentación do Plan Proxecta

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en colaboración coas Consellerías de Medio Rural e do Mar e a Consellería de Sanidade, organiza a segunda Xornada de Formación Inicial do Plan Proxecta: Programas Aliménta-T Ben, O Monte Vivo, Montentérate e Salvavidas. O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, presentou esta mañá no CIFP Politécnico de Santiago esta actividade formativa dirixida a máis de 200 profesoras e profesores de toda Galicia.

A xornada ofreceu un bloque común centrado na ‘Elaboración de proxectos interdisciplinarios e cooperativos dentro do Plan Proxecta’ e nas ‘Ferramentas dixitais para o desenvolvemento dos proxectos’. Ademais, contou con dúas seccións centradas tanto nas características específicas e nas dinámicas de cada programa, como en exemplos de boas prácticas realizadas nas aulas. Estas experiencias de proxectos xa realizados servirán como modelos para o desenvolvemento das actividades a levar a cabo en cada centro.

Fomento da innovación educativa nos centros escolares

O Plan Proxecta é unha iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en colaboración co resto de Consellerías da Xunta de Galicia que busca fomentar a innovación educativa nos centros a través de 25 programas que desenvolverán de xeito paralelo ás competencias básicas e á educación en valores a través de estratexias metodolóxicas activas e cooperativas cristalizadas nun proxecto interdisciplinario.

Proxecta parte dos contidos curriculares e céntrase en crear novas dinámicas nas aulas. Dinámicas innovadoras que supoñen a cooperación entre o alumnado, entre o profesorado e, incluso, entre o centro e a súa comunidade educativa e o seu contorno más próximo. Dinámicas que desenvolvan de xeito máis globalizado e transversal as competencias básicas e a educación en valores mediante proxectos motivadores que acaben creando unha rede de colaboración mediante ferramentas como Redeiras, a rede social do profesorado galego.

Trátase dunha idea xurdida da colaboración da Consellería de Cultura e Educación con diferentes organismos da Administración autonómica que facilita a organización a principios de curso dos 25 programas e que permite integralos na Programación Xeral Anual dos centros e nas programacións específicas dos centros participantes. Deste xeito, ao tempo que se crea unha rede de traballo cooperativo, dáselle visibilidade ao traballo innovador realizado nos centros e recoñécese o traballo e o esforzo realizado polo profesorado, os centros e o seu alumnado.

O obxectivo deste tipo de proxectos é que o alumnado sexa quen de adquirir unha actitude proactiva motivada polos valores a desenvolver transversalmente e que supoñan o desenvolvemento da súa capacidade para traballar en equipo, aportando iniciativa persoal e propostas positivas para a sociedade.

Tema: 

Colectivo: 

Sección: 

Cultura e Educación pecha este martes o ciclo Pel de galiña coa actuación de Gregory Porter no Museo Centro Gaiás

A mellor voz do jazz actual actuará a partir das 21:00 horas á fronte dun cuarteto formado polo saxofonista Yosuke Sato, Chip Crawford ao piano, Aaron James ao contrabaixo e Emanuel Harrold á batería

As entradas xa están á venda a partir de 10 euros en www.servinova.com [nova venta] e no Punto On da Cidade da Cultura de Galicia

Gallego
Gregory Porter
Gregory Porter

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria clausura este martes, 12 de novembro, o ciclo Pel de Galiña. Música que emociona cun dos grandes do jazz actual: Gregory Porter. Tras a cancelación da súa actuación, prevista para o 26 de xullo, por mor da traxedia ferroviaria que asolou Santiago de Compostela a noite do 24 de xullo; Gregory Porter subirase ao escenario do Museo Centro Gaiás a partir das 21 horas cunhas composicións cheas de compromiso social cunha mestura perfecta de jazz e soul.

Gregory Porter desembarcará no Gaiás á fronte dun cuarteto formado polo saxofonista Yosuke Sato, Chip Crawford ao piano, Aaron James ao contrabaixo e Emanuel Harrold á batería para ofrecer un estilo e unha visión do mundo propia a través de temas dunha enorme intensidade emocional.

Influenciado por una mestura da sensibilidade de Nat King Cole, a profundidade de Joe Williams e o soul de Donny Hathaway, Porter logra un son persoal que o fai único, cunha voz que se pode acariñar, abrazar ou enfrontar.

Porter iniciou a súa carreira musical en pequenos clubs de San Diego e deuse a coñecer sobre escenarios de Broadway co musical Ain’t Nothing But the Blues para logo facer do mundo o seu fogar musical e lanzar a súa carreira no 2010 con Water, polo que conseguiría unha nominación aos Grammy na categoría de mellor álbum de jazz vogal, e ao que seguiría Be Good no 2012.

Entradas a partir de 10 euros

As entradas xa están á venda no Punto On da Cidade da Cultura de Galicia e os prezos oscilan entre os 10 euros na Zona B e os 12 na Zona A, prezo ao que haberá que sumarlle os gastos de xestión no caso de que se adquiran na web www.servinova.com. As entradas tamén poderán adquirirse o mesmo día do concerto desde as 19:00 horas na billeteira do Museo Centro Gaiás a 12 euros na Zona B e de 15 euros na Zona A.

A Cidade da Cultura tamén pon a disposición do público o pack3, polo que ao mercar dous billetes, o terceiro sae a un euro, é dicir, un total de 21 euros na Zona B e 27 euros na Zona A. Este pack3 só está dispoñible en venda anticipada a través do teléfono de Servinova 902 504 500 e consumible nun único concerto.

Música que emociona

Coa actuación de Gregory Porter, Cultura e Educación ponlle fin ás cinco noites abertas á fusión, aos ritmos suxerentes, ás voces poderosas e cálidas e aos sons únicos. Cinco actuacións que deron corpo ao ciclo Pel de galiña e que arrancou en maio coa grande actuación de Noa xunto ao cuarteto napolitano Solis String Quartet e á que seguiu Silvia Pérez Cruz e Javier Colina Trío, a pianista venezolana Gabriela Montero e Uxía.

Todos eles conformaron un cartel marcado pola diversidade de estilos pero unido por un denominado común: ofrecer música que emociona. Con este ciclo, a consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria continúa afondando na configuración dunha programación para o Gaiás aberta a todos os públicos e ás máis diferentes disciplinas artísticas. Un programa cultural que non sería posible sen as aportacións da Fundación privada Gaiás, que financia as actividades que teñen lugar na Cidade da Cultura.

Tema: 

Cultura e Educación leva a Betanzos o concerto de Pedro Lamas e Xosé Lois Romero dentro do ciclo ‘Monumenta’

A actuación será ás 18,00 horas no Santuario da Angustia, aínda que previamente haberá obradoiros infantís e un paseo sonoro pola vila cos gaiteiros ‘Pepe Temprano e os seus Mariachis’’

Música, obradoiros, teatro de rúa, visitas guiadas e faladoiros permitiranlle á cidadanía achegarse dun xeito lúdico a diferentes bens culturais das catro provincias galegas entre o 9 de novembro e o 8 de decembro

Gallego
 Cultura e Educación leva a Betanzos o concerto de Pedro Lamas e Xosé Lois Romer
Cultura e Educación leva a Betanzos o concerto de Pedro Lamas e Xosé Lois Romero dentro do ciclo ‘Monumenta’

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria organiza mañá varios concertos e obradoiros en Betanzos dentro do ciclo ‘Monumenta: difusión do patrimonio restaurado’. Pedro Lamas e Xosé Lois Romero realizarán a actuación estrela dentro dun programa de actividades que ten como obxectivo poñer en valor e dar a coñecer entre os veciños a restauración executada recentemente pola Consellería no Santuario da Angustia.

Ás actividades comezarán ás 12,00 horas cos obradoiros infantís sobre arquitectura e restauración no Liceo de Betanzos. A continuación, ás 16,30 horas haberá un paseo sonoro coa participación dos gaiteiros ‘Pepe Temprano e os seus Mariachis’’ e Alfredo Erias, historiador e narrador do paseo. A saída será desde a Estación Betanzos-Infesta ata o Santuario.

Para rematar a xornada, ás 18,00 horas, Pedro Lamas e Xosé Lois Romero ofrecerán un concerto na igrexa da Angustia onde tocarán as propostas máis actuais da música galega. Pedro Lamas é saxofonista, gaiteiro, arranxista e compositor. É un músico formado na tradición, con numerosos galardóns neste campo. É fundador de prestixiosos grupos como Lelia Doura ou Luvas Verdes, e colaborador doutros como Uxía Senlle, Guadi Galego, Susana Seivane, Nova Galega de Danza, etc. Xosé Lois Romero foi formado desde neno na música popular galega, exerceu de percusionista en numerosas formacións tradicionais e, desde 1995, é membro do Grupo Tradicional da AGADIC, dependente da Xunta de Galicia, onde realiza traballos de interpretación, investigación, docencia e publicación de material audiovisual sobre patrimonio musical galego. Forma parte, con Guadi Galego e Xabier Díaz, do grupo Acadacanto.

Recuperación do Patrimonio

O Santuario da Angustia, de estilo barroco do século XVIII, está situado na parroquia de San Pedro das Viñas. A Consellería investiu 160.000 euros na restauración e posta en valor deste ben histórico. A actuación, que incluíu a renovación dos revestimentos interiores do templo, contribuíu á conservación deste interesante exemplo do barroco galego, no que se mestura a sobriedade estrutural e un xogo de elementos xeométricos.

Achegar o patrimonio histórico á cidadanía

Para afondar na difusión e posta en valor do patrimonio recuperado, o ciclo ‘Monumenta’ propón un programa de dinamización artística en espazos de interese patrimonial coa participación da cidadanía, para descubrir e promover colectivamente os monumentos nos que se levará a cabo a iniciativa. Concertos, obradoiros, visitas guiadas e faladoiros conforman a programación deste ciclo, que lles permitirán aos participantes apreciar o laborioso traballo de recuperación e de conservación levado a cabo nos bens patrimoniais nos que se celebra o ciclo e coñecer o valor dos monumentos nos que tamén están previstas actuacións de restauración.

O ciclo percorrerá nas próximas semanas as catro provincias galegas. En novembro, ademais de Tui e Betanzos, estará na igrexa de San Miguel de Osmo en Cenlle (día 16), na igrexa de Santa María de Nogueira de Miño en Chantada (día 17), na igrexa do mosteiro de Santa María de Armenteira en Meis (día 23), no mosteiro de San Xusto de Toxos Outos en Lousame (día 30). En decembro, o ciclo desenvolverase na igrexa do mosteiro de San Salvador de Vilanova de Lorenzá (día 1), na igrexa do mosteiro de San Clodio en Leiro (día 24), na igrexa de Santa Cruz de Terroso en Vilardevós (día 7) e na igrexa de San Pedro de Moreiras en Toén (día 8).

A programación de ‘Monumenta’ ofrece actuacións de recoñecidos artistas e de formacións musicais vinculadas cos propios lugares nos que se desenvolve o ciclo. Este apartado musical inclúe, ademais do concertos de Pedro Lamas e Xosé Lois Romero, os de María do Ceo, de Rosa Cedrón, do Grupo 1500, de S@X21, da Rondalla Alfaia de Cenlle, da Coral Polifónica de Chantada e dun cuarteto de corda do Conservatorio de Vigo, en homenaxe a Ángel Barja Iglesias.

Tema: 

Un concerto de Rosa Cedrón abre en Tui o ciclo ‘Monumenta’, co que Cultura e Educación difunde o patrimonio restaurado

A actuación será ás 18:00 horas no claustro da Catedral de Santa María.

Previamente, ás 17:00 horas, o ciclo programa os obradoiros para familias ‘Conservamos e restauramos: pintura, retablos e cubertas’

Música, obradoiros, teatro de rúa, visitas guiadas e faladoiros permitiranlle á cidadanía achegarse dun xeito lúdico a diferentes bens culturais das catro provincias galegas entre o 9 de novembro e o 8 de decembro

Gallego

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pon en marcha mañá o ciclo ‘Monumenta: difusión do patrimonio restaurado’, unha iniciativa que programa actividades culturais en monumentos das catro provincias galegas onde se realizaron recentemente ou está previsto levar a cabo restauracións de interese artístico e arquitectónico.

O concerto inaugural correrá a cargo de Rosa Cedrón, que actuará ás 18:00 horas no claustro da Catedral de Tui. A súa versatilidade, a frescura e a súa expresividade foron as mellores armas para converterse nunha das cantantes galegas de maior proxección. Previamente, ás 17:00 horas, realizaranse os obradoiros para familias ‘Conservamos e restauramos: pintura, retablos e cubertas’, unha actividade lúdica e de aprendizaxe para coñecer como son os procesos de restauración dos bens patrimoniais.

Para poñer en valor e contribuír á conservación e restauración da Catedral de Tui, o edificio máis representativo do patrimonio artístico do concello, a Consellería de Cultura e Educación ten previsto acometer diversas actuacións, nas que investirá preto de 60.000 euros. As intervencións no templo, que se comezou a construír no século XII, están orientadas a eliminar as humidades do templo, a través de obras que se centrarán principalmente na cuberta da torre de San Andrés, así como na cuberta pétrea das ábsides, nas capelas de Santiago e de San Pedro.

Achegar o patrimonio histórico á cidadanía

Para afondar na difusión e posta en valor do patrimonio recuperado, o ciclo ‘Monumenta’ propón un programa de dinamización artística en espazos de interese patrimonial coa participación da cidadanía, para descubrir e promover colectivamente os monumentos nos que se levará a cabo a iniciativa. Concertos, obradoiros, visitas guiadas e faladoiros conforman a programación deste ciclo, que lles permitirán aos participantes apreciar o laborioso traballo de recuperación e de conservación levado a cabo nos bens patrimoniais nos que se celebra o ciclo e coñecer o valor dos monumentos nos que tamén están previstas actuacións de restauración.

O ciclo percorrerá nas próximas semanas as catro provincias galegas. En novembro, ademais de en Tui, estará no santuario da Angustia en Betanzos (día 10), na igrexa de San Miguel de Osmo en Cenlle (día 16), na igrexa de Santa María de Nogueira de Miño en Chantada (día 17), na igrexa do mosteiro de Santa María de Armenteira en Meis (día 23), no mosteiro de San Xusto de Toxos Outos en Lousame (día 30). En decembro, o ciclo desenvolverase na igrexa do mosteiro de San Salvador de Vilanova de Lorenzá (día 1), na igrexa do mosteiro de San Clodio en Leiro (día 24), na igrexa de Santa Cruz de Terroso en Vilardevós (día 7) e na igrexa de San Pedro de Moreiras en Toén (día 8).

A programación de ‘Monumenta’ ofrece actuacións de recoñecidos artistas e de formacións musicais vinculadas cos propios lugares nos que se desenvolve o ciclo. Este apartado musical inclúe, ademais dos concertos de Rosa Cedrón e de Pedro Lamas e Xosé Lois Romero, os de María do Ceo, do Grupo 1500, de S@X21, da Rondalla Alfaia de Cenlle, da Coral Polifónica de Chantada e dun cuarteto de corda do Conservatorio de Vigo, en homenaxe a Ángel Barja Iglesias.

Tema: 

A actividade ‘Rosalía Pequeniña’, do programa ‘FalaRedes’ de Cultura e Educación, chega á súa fin este domingo no concello ourensán de Pontedeva

A iniciativa musical coa que a Secretaría Xeral de Política Lingüística conmemorou o 150º aniversario da publicación de ‘Cantares gallegos’ desde a Rede de Dinamización Lingüística achegoulle a poesía rosaliana cantada por Uxía á cidadanía de 40 localidades de Galicia

‘Acuario’ e ‘As pombas de Carboeiro’ chegan estes días a Cerceda, Ordes, Boiro e Oleiros

Gallego
A actividade ‘Rosalía Pequeniña’, do programa ‘FalaRedes’ de Cultura e Educación
A actividade ‘Rosalía Pequeniña’, do programa ‘FalaRedes’ de Cultura e Educación, chega á súa fin este domingo no concello ourensán de Pontedeva

A iniciativa musical “Rosalía Pequeniña”, coa que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, conmemorou o 150.º aniversario da publicación de “Cantares gallegos” desde a Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia, chega ao seu fin esta fin de semana, con cadansúa sesión nos concellos de Carnota e Pontedeva. Faino logo de percorrer, no marco do programa “FalaRedes 2013”, un total de 40 localidades galegas para achegarlle á cidadanía a lingua galega por medio da poesía rosaliana cantada por Uxía.

Hoxe á tarde,  “Rosalía Pequeniña” chegará a Carnota, onde se poderá gozar no salón de plenos da Casa do Concello ás 18:00 horas. O domingo, o concerto ofrecerá o seu derradeiro pase dentro do programa “FalaRedes 2013” en Pontedeva, na Ludoteca da Veiga, ás 19:00 horas. Como todas as actividades do programa, a entrada é libre e gratuíta ata completar a capacidade das salas.

40 concellos da RDL

A Secretaría Xeral de Política Lingüística programou “Rosalía Pequeniña” en 40 concellos pertencentes á RDL desde o mes de maio. Na actividade, a cantante Uxía, en colaboración cos músicos Sérgio Tannus e Santi Cribeiro, versionou 11 poemas para actualizar a poesía de Rosalía de Castro a ritmo de muiñeira, rock e blues que, por medio da música e da palabra, levou a promoción do uso do idioma propio de Galicia ao terreo dos afectos e dos sentimentos para que os cativos e as cativas gozasen en galego dos versos máis sobranceiros da poetisa do Rexurdimento.

“Rosalía Pequeniña” chega á súa fin, no marco de “FalaRedes 2013” e en colaboración coa Editorial Galaxia, logo de percorrer Pontecesures, Ferrol, Dodro, Mos, Ponteceso, Xunqueira de Espadanedo, Melón, Sobrado, Teo, Val do Dubra, Miño, A Pontenova, Palas de Rei, Betanzos, Xove, Dumbría, Forcarei, A Lama, Marín, Culleredo, Tui, Cuntis, Brión, Fene, A Baña, O Vicedo, Neda, Ponteareas, Toques, Cariño, Mondariz-Balneario, Carballedo, Cangas, Lousame, Baiona, Campo Lameiro, A Pobra do Brollón, Laxe, Carnota e Pontedeva.

‘FalaRedes 2013’

“Acuario” e “As pombas de Carboeiro”, outras dúas actividades incluídas no programa “FalaRedes 2013”, continúan a dinamizar o galego desde a RDL, co obxectivo de asociar a imaxe da lingua galega cos valores positivos da sociedade moderna, así como de reforzar o uso do galego entre galegofalantes e proporcionarlles modelos lingüísticos de referencia aos castelanfalantes.

Palabras desde o fondo do mar

O espectáculo teatral “Acuario” toma como punto de partida o libro homónimo de María Canosa para recrear o fondo dun inmenso acuario cheo de palabras presentado pola propia autora e polo elenco artístico do Teatro dos Ghazafellos (Pepablo Patiño, Montse Piñón e Jorge Casas). A música en directo e os monicreques achegaralles aos pequenos de 5 a 8 anos a riqueza lingüística, biolóxica e gastronómica do litoral galego.

“Acuario” levará esta tarde poesía e teatro en galego, da man da Secretaría Xeral de Política Lingüística, da Axencia Galega das Industrias Culturais-AGADIC e da Deputación da Coruña, a dous concellos da RDL. A primeira das sesións será en Cerceda, cunha función ás 17:00 horas no Auditorio Municipal, mentres que a segunda delas terá lugar ás 19:15 horas, na Biblioteca Municipal de Ordes.

Dinamizando o idioma en colaboración coas bandas de música municipais

As bandas de música municipais das  localidades anfitrioas desta outra proposta de “FalaRedes 2013” coprotagonizan, canda o elenco artístico de Fantoches Baj, a historia dun frade que loita  por convencer o exército napoleónico de que non sacie a súa fame coa poboación de pombas mensaxeiras do mosteiro de Carboeiro. A técnica xaponesa do kamishibai combinada coa dramaturxia de Inacio Vilariño e Benxamín Otero, axúdanlle a descubrir ao público asistente a historia de amor imposible de Cervela (correo de El-Rei Fernando II) e Octavia (a filla máis nova de Lupa de Lobarzán), que dará orixe á estirpe das Pombas de Carboeiro. Poderase gozar mañá, sábado, na Casa da Cultura de Boiro, ás 20:00 horas, e o domingo no Centro Cultural A Fábrica de Oleiros, ás 19:30 horas.

Toda a información e o calendario completo de “FalaRedes 2013” están dispoñibles en www.xunta.es/linguagalega/falaredes_2013 e nas redes sociais.

Tema: 

A rede social do profesorado Redeiras supera os 8.000 usuarios rexistrados

Gallego
A rede social do profesorado Redeiras (https://www.edu.xunta.gal/redeiras) xa conta con máis de 8.000 usuarios rexistrados, continuando así co seu ritmo de crecemento paulatino e posiciónandose como unha das ferramentas en liña máis usadas polos docentes de Galicia: intercambio de experiencias, de coñecementos e como complemento á súa práctica educativa.
 
 

Tema: 

Colectivo: