O novo sistema de xestión dos comedores escolares permite que máis do 78% dos comensais teñan o servizo totalmente gratuíto, superando as previsións da Consellería de Cultura e Educación

Deste xeito o departamento educativo da Xunta de Galicia garante a gratuidade para as familias que máis o necesitan, grazas á colaboración dos usuarios que dispoñen de máis recursos económicos

Desde o curso 06/07 o orzamento da Xunta en comedores incrementouse en máis de 15 millóns de euros, e no 2014 incrementarase un 3,3% máis

Gallego
 O novo sistema de xestión dos comedores escolares permite que máis do 78% dos c
O novo sistema de xestión dos comedores escolares permite que máis do 78% dos comensais teñan o servizo totalmente gratuíto, superando as previsións da Consellería de Cultura e Educación

O novo sistema de xestión dos comedores escolares permite que este curso máis do 78% dos comensais teñan o servizo totalmente de balde, mesmo superando as previsións iniciais da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Así o expresou hoxe o seu secretario xeral técnico, Jesús Oitavén, que na súa intervención na Comisión 4ª do Parlamento debullou os datos dispoñibles cando xa se introduciron na aplicación disposta para tal efecto o 98,94% dos datos.

Segundo expuxo o secretario xeral técnico, cos datos introducidos na aplicación, o 78,11% dos usuarios teñen o comedor escolar de balde, sen pagar nada. Asemade, un 5,48% pagan 1 euro ao mes, é dicir, que o 83,59% dos comensais utilízano totalmente de balde ou pagando tan só un euro. Respecto dos que achegan 2,5 euros por día de uso do comedor, representan o 3,36%; mentres que os que aboan 4,5 euros, de acordo coa súa capacidade económica, son o 11,97%. Oitavén quixo ademais salientar que estes prezos públicos inclúen, ademais do custo do menú, os do persoal implicado na prestación do servizo.

Deste xeito, o departamento educativo da Xunta de Galicia garante a gratuidade para as familias que máis o necesitan, grazas á colaboración dos usuarios que dispoñen de máis recursos económicos, un sistema que o secretario xeral tal, e como explicou o secretario xeral técnico, axustado á legalidade, máis xusto e equitativo e que permite asumir progresivamente e de xeito voluntario aos comedores xestionados polas ANPAS. Oitavén lembrou ademais que o novo modelo de xestión corrixe as deficiencias do decreto de comedores do Bipartito, que establecía un modelo “absolutamente inxusto porque non se baseaba na capacidade económica das familias”.

Altas porcentaxes de gratuidade

Tal e como explicou o representante de Cultura e Educación, as porcentaxes de gratuidade total elévanse nalgunhas comarcas – especialmente nas rurais- ao 90,43% (Baixa Limia), 89,66% (A Paradanta), 87,26% (Ancares), ao 86,60% na comarca de Pontevedra, que inclúe concellos como Cotobade, A Lama ou Pontecaldelas. Tamén sinalou os casos de outras zonas rurais como a comarca do Deza, cunha porcentaxe do 85,94% de usuarios do servizo de balde, da Limia (86,24%) ou de Terra de Caldelas (81,39%).

Neste momento na aplicación informática de comedores aparecen 12 centros no que o 100% dos usuarios son gratuítos, mentres que en 71 centros educativos a porcentaxe de gratuidade movese entre o 90 e o 98,59%, en outros 143 entre o 80 e o 89,20%; e en 116 centros máis as porcentaxes de non pagamento oscilan entre o 70 e o 79,91%. Tan só en 64 os centros se baixa do 70 % de gratuidade segundo os datos dispoñibles. “En resumo, no 55,7 por cento dos centros que teñen comedor escolar os alumnos que son usuarios gratuítos son mais do 80%”, salientou o secretario xeral.

Maior esforzo económico da Xunta

Ademais do novo sistema, o secretario xeral técnico salientou o importantísimo esforzo económico que o departamento educativo da Xunta está a realizar para incrementar o número de prazas nos comedores escolares xestionados pola Administración pública. Neste sentido lembrou que desde o curso 2006/2007 ata o actual o incremento do esforzo orzamentario da Xunta de Galicia relativo ao comedor escolar se incrementou en 15.698.407 euros. “Como saben, pola recente comparecencia dos orzamentos de 2014, o importe que se destinará o próximo ano ascende a 28.766.509 euros, por tanto, cun incremento adicional do 3,3 por cento”, engadiu.

Colectivo: 

Cultura e Educación apoia a décima edición do simposio anual da AGE, centrado no futuro da biblioteca no contorno dixital

Máis de 90 profesionais bibliotecarios, profesores e editores participan nesta xornada promovida pola Asociación Galega de Editores, que foi inaugurada polo secretario xeral de Cultura

Gallego
O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, inaugurou esta xornada para a refle
O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, inaugurou esta xornada para a reflexión sobre os contornos dixitais en relación co servizo bibliotecario

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora coa Asociación Galega de Editores (AGE) na décima edición do simposio O Libro e a Lectura, que este ano se centra no futuro da biblioteca no contorno dixital. O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, inaugurou esta xornada para a reflexión sobre os contornos dixitais en relación co servizo bibliotecario, na que destacou a importancia de promover espazos de encontro nos que os diferentes axentes do sector de libro poidan debater, analizar e definir liñas de futuro compartidas.

Durante a inauguración, que tamén estivo presidida polo presidente da AGE, Manuel Bragado, o secretario xeral referiuse ao contorno dixital como “unha realidade que permite multiplicar as posibilidades da lectura e favorecer o acceso á información e á cultura, pero presenta tamén novas dificultades técnicas, legais e de mercado que non sempre son doadas de conxugar”. “Por iso –engadiu–  atopámonos nun momento editorial que esixe moito de todos os implicados no sector do libro”.

Lectura dixital nas bibliotecas

Nestes momentos, segundo explicou, “existen liñas de políticas públicas encamiñadas a proporcionar ferramentas de lectura dixital nas bibliotecas que, de certo, son aínda de menor envergadura da que desexariamos”. Nese sentido, afirmou que “a incorporación do libro electrónico ao servizo de préstamo ten que ser unha realidade inaprazable e niso estamos a traballar, conxuntamente co Ministerio de Cultura, para que este servizo estea garantido de maneira xeral o máis pronto posible na xestión do préstamo das bibliotecas públicas”.

No caso da Biblioteca de Galicia, “temos unha aposta clara pola dixitalización, cun esforzo moi importante por ir a ritmo nos estándares e estratexias europeas”, asegurou. Esa vertente dixital que é Galiciana cualificouna como “un proxecto esencial, non só para ir creando un corpus de fondos dixitais galegos para poñer a disposición do mundo enteiro, senón como garantía de preservación do patrimonio, que é unha das responsabilidades da Administración pública”.

Anxo Lorenzo tamén recordou que a Xunta de Galicia está a liderar o proxecto ARPAD, unha iniciativa de cooperación transfronteiriza na que tamén participan o CIM Alto Miño de Portugal, a Deputación de Pontevedra e o Concello de Tui, que contempla a creación do Arquivo Dixital de Galicia, que permitirá ofrecer máis de 200 procedementos administrativos electrónicos. Nel integrarase o Arquivo Histórico Documental, que albergará os fondos dixitalizados do patrimonio documental.

Máis de 90 profesionais bibliotecarios, profesores e editores participan nesta xornada que se desenvolve hoxe no auditorio do Consello da Cultura Galega e que inclúe no seu programa dous relatorios, un panel de experiencias de éxito e unha mesa redonda. 

Tema: 

Cultura e Educación ofrecerá en MICAtlántica 53 actividades divulgativas centradas na innovación e nos modelos de negocio das industrias culturais

As seccións FÓRUM e EXPO do Mercado das Industrias Culturais Atlánticas presentan 24 coloquios e mesas redondas, así como 14 presentacións de proxectos e outras 14 charlas e obradoiros para público xeral

Elévase a 350 a cifra de profesionais acreditados a este encontro internacional, que se celebrará en Santiago do 23 ao 26 de novembro combinando entrevistas bilaterais e reunións sectoriais coa exhibición artística e a exposición das producións culturais galegas e arxentinas

Entre os talleres previstos, destacan o titulado ‘Dramaturxia de Emerxencia’, do director arxentino Mauricio Kartún, e o dedicado a ritmo e percusión a cargo de Santiago Vázquez

Gallego
 Cultura e Educación ofrecerá en MICAtlántica 53 actividades divulgativas centra
Cultura e Educación ofrecerá en MICAtlántica 53 actividades divulgativas centradas na innovación e nos modelos de negocio das industrias culturais

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ofrecerá durante a celebración de MICAtlántica —o Mercado das Industrias Culturais Atlánticas que terá lugar en Compostela do 23 ao 26 de novembro— un intenso programa divulgativo cun total de 53 actividades, presentacións, debates, coloquios e obradoiros centrados na innovación e nos modelos de negocio cultural.  

Rematado o prazo de inscrición para profesionais, este evento internacional que organizan a Xunta de Galicia e a Secretaría de Cultura de la Nación Argentina reunirá máis de 350 profesionais para as roldas de intercambio de MICAtlántica LAB entre as empresas arxentinas, portuguesas, galegas e do resto de España que acudirán ao encontro.

Tamén inclúe diferentes propostas dirixidas ao público xeral, que poderá visitar a sección MICAtlántica EXPO, na que se amosará a produción da industria cultural galega e se ofrecerán diversos obradoiros e charlas, así como acudir aos coloquios programados en MICAtlántica FÓRUM.

Oitenta relatores

O espazo MICAtlántica FÓRUM abranguerá 24 sesións nas que participarán uns oitenta relatores. Entre eles, atópanse algúns dos principais produtores e distribuidores de cinema, música e televisión tanto españois como portugueses e arxentinos, así como representantes da industria editorial, do deseño e dos videoxogos de ambas beiras do Atlántico. As institucións estarán presentes a través de órganos de xestión cultural pública e privada de diferentes comunidades españolas, xunto cos seus homólogos latinoamericanos.

MICAtlántica EXPO incluirá, ademais da mostra da produción cultural, un total de 11 obradoiros e charlas impartidos por representantes de todos os sectores que participan en MICAtlántica.

Entre eles, destaca o taller titulado ‘Dramaturxia de Emerxencia’, no que o director arxentino Mauricio Kartún, considerado un mestre do teatro a nivel mundial, achegará as ferramentas básicas para abordar a construción de personaxes, o deseño da estrutura escénica ou a condución da acción. Este obradoiro está dirixido fundamentalmente a actores e directores teatrais, aínda que na súa traxectoria Kartún ten acadado numerosos seguidores noutros eidos transversais como o cinema ou a literatura.

No tocante ao eido musical, destaca pola súa singularidade a proposta de Santiago Vázquez, denominada ‘Taller de ritmo e percusión con señas’. Este compositor, multi-instrumentista, produtor e educador arxentino presentará as liñas mestras do seu pioneiro e código de linguaxe de sinais, que xa están utilizando miles de músicos profesionais e amateurs en diversos países. Mediante esta linguaxe, a percusión convértese nun xogo de equipo integrador e nunha extraordinaria ferramenta non só nos escenarios senón tamén nas aulas, en terapias grupais ou en procesos de integración social.

Xa no apartado dedicado exclusivamente a profesionais acreditados están previstas tamén 14 presentacións de proxectos empresariais ou impulsados por asociacións e institucións galegas e arxentinas.

Toda esta actividade, que terá lugar no Museo Centro Gaiás e no Centro de Innovación Cultural (CINC) da Cidade da Cultura de Galicia, complétase co extenso programa de concertos, representacións teatrais e proxección cinematográficas  que se estenderá ata o 29 de novembro por outros escenarios do centro histórico de Santiago de Compostela. Así, MICAtlántica SHOW contará, entre outros artistas, coas actuacións de Xoel López, Luar na Lubre, Cristian Zárate, Barroso & Peixoto, Marcelo e Hugo Dellamea, Rosa Cedrón, Uxía, Chango Spasiuk, Roi Casal, Sèrgio Tannus ou a compañía do Teatro Nacional Cervantes de Bos Aires.

Tema: 

Cultura e Educación leva a Cenlle (Ourense) o concerto da Rondalla Alfaia dentro do ciclo ‘Monumenta’

A actuación terá lugar o sábado 16 ás 17,30 horas na Igrexa de San Miguel de Osmo. Previamente, ás 16,30 horas haberá un obradoiro para familias sobre restauración

A través de actividades como música, teatro de rúa, visitas guiadas e faladoiros, este ciclo pretende que a cidadanía se achegue dun xeito lúdico a diferentes bens culturais das catro provincias galegas

Gallego
Igrexa de San Miguel de Osmo, en Cenlle (Ourense)
Igrexa de San Miguel de Osmo, en Cenlle (Ourense)

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria organiza este sábado 16 de novembro un concerto da Rondalla Alfaia na Igrexa de San Miguel de Osmo, en Cenlle (Ourense), dentro do ciclo ‘Monumenta: difusión do patrimonio restaurado’. Cultura e Educación investiu máis de 20.000 euros na restauración das pinturas murais da Igrexa de San Miguel de Osmo, e a través da iniciativa ‘Monumenta’ trata de mostrar aos veciños de Cenlle o resultado desta actuación nun ben patrimonial tan relevante.

A xornada comezará ás 16,30 horas cun obradoiro para familias sobre restauración de pinturas e haberá un faladoiro cos veciños e veciñas cos que se recollerán, en conversa informal, as lembranzas vinculadas ao lugar. Desta forma, tratarase de recuperar a memoria e facilitar que os máis novos a coñezan.

A continuación, ás 17,30 horas comezará o concerto da Rondalla Alfaia de Cenlle. O repertorio que interpretará a formación será moi variado, onde interpretarán melodías populares, clásicos intemporais da música e cancións de tuna, mostrando que o grupo non é unha rondalla ao uso, senón unha formación de carácter ecléctico.

A Asociación Cultural Alfaia naceu no ano 2002 froito das inquietudes musicais dun grupo de afeccionados á música. Na actualidade o grupo está formado por doce membros (tres bandurras, catro laúdes e cinco guitarras) dirixidos por Francisco Villalonga Baños, un profesional da música con máis de corenta anos de experiencia na ensinanza dos instrumentos de pulso e púa.

Achegar o patrimonio histórico á cidadanía

Para afondar na difusión e posta en valor do patrimonio recuperado, o ciclo ‘Monumenta’ que organiza a Consellería, propón un programa de dinamización artística en espazos de interese patrimonial coa participación da cidadanía, para descubrir e promover colectivamente os monumentos nos que se levará a cabo a iniciativa. Concertos, obradoiros, visitas guiadas e faladoiros conforman a programación deste ciclo, que lles permitirán aos participantes apreciar o laborioso traballo de recuperación e de conservación levado a cabo nos bens patrimoniais nos que se celebra o ciclo e coñecer o valor dos monumentos nos que tamén están previstas actuacións de restauración.

Deste xeito, na provincia de Ourense, a Consellería de Cultura e Educación, a través do ciclo ‘Monumenta’, organizará diferentes actividades e concertos o 24 de novembro na Igrexa de San Clodio, en Leiro; o 7 de decembro na Igrexa da Santa Cruz de Terroso, en Vilardevós; e o 8 de decembro na Igrexa de San Pedro de Moreiras, en Toén.

Tema: 

A Xunta promove o cooperativismo no eido cultural e destaca o seu potencial para poñer en marcha proxectos neste ámbito

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o director xeral de Traballo e Economía Social, Odilo Martiñá, clausuraron hoxe unha xornada centrada nesta fórmula empresarial

O obxectivo da iniciativa foi explicar aos interesados as liñas de apoio que se prestan desde a Rede Eusumo, así como as medidas de respaldo ao emprendemento cultural que está poñendo en marcha a Fundación Cidade da Cultura de Galicia

Gallego
O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o director xeral de Traballo e Ec
O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o director xeral de Traballo e Ec

O Goberno galego está a promover o modelo cooperativo e as súas posibles aplicacións no sector cultural, co fin de mostrar o seu potencial á hora de desenvolver novos proxectos neste ámbito.

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o director xeral de Traballo e Economía Social, Odilo Martiñá, clausuraron hoxe unha xornada centrada nesta fórmula empresarial, que se desenvolveu na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela.

O formato da iniciativa foi dinámico, e centrouse especialmente en mostrar diversas iniciativas de éxito. Así, as intervencións de carácter explicativo combináronse coa presentación de diversas experiencias. Cabe destacar tamén que a xornada contou coa actuación musical do grupo de cámara do Conservatorio Histórico de Santiago, unha entidade constituída como cooperativa.

Grazas a este evento, os interesados obtiveron información sobre os servizos que presta a rede Eusumo, así como tamén se abordaron as particularidades do modelo cooperativo e a súa adaptación a iniciativas empresariais no ámbito da cultura.

Na xornada tamén se trataron as liñas de apoio ás persoas emprendedoras que está poñendo en marcha a fundación Cidade da Cultura. A iniciativa contou coa participación de representantes das cooperativas Grupos Mus21 (Madrid), Culturactiva (Santiago), O Cable Inglés (Vigo) e o Conservatorio Histórico de Santiago, que explicaron as súas vivencias como cooperativas do sector.

Tema: 

A Consellería de Cultura e Educación publica a lista provisional de admitidos da primeira convocatoria de axudas de máster para desempregados

A listaxe provisional, inclúe aos 63 admitidos e recorda que queda aberto o período de alegacións para outros 81 que teñen que subsanar ou completar a documentación

A convocatoria, que conta cun orzamento de 200.000 euros, destinase a cubrir os gastos de matrículas a titulados universitarios en paro que desexaran cursar estudos de máster oficiais

Gallego
 A Consellería de Cultura e Educación publica a lista provisional de admitidos d
A Consellería de Cultura e Educación publica a lista provisional de admitidos da primeira convocatoria de axudas de máster para desempregados

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de publicar a listaxe provisional da convocatoria de axudas complementarias para desempregados, que cun orzamento de 200.000 euros foi solicitada por 144 persoas.

En total 63 destes licenciados universitarios en paro foron xa admitidos para poder recibir as axudas, consistentes no pago das matrículas de distintos estudos de máster con orientación profesional. Todos eles cumprían con todos os requisitos sinalados; entre os que se atopaba que tiveran rematados os estudos universitarios antes do 1 de xaneiro de 2010, ser residentes en Galicia os tres anos anteriores á convocatoria, e que se atopen desempregados. Os que reúnen estes requisitos poderán custear a matrícula íntegra dalgúns máster incluídos na convocatoria. Os beneficiarios deberán seguir as clases durante o curso académico e como mínimo superar un terzo dos créditos nos que formalicen a matrícula.

O resto de solicitantes que aparecen como non admitidos nesta resolución provisional teñen agora aberto o período de alegacións para completar ou subsanar a documentación en función do que se lles solicita.

Axudas ao estudo

Esta convocatoria da Consellería de Cultura e Educación, que se fixo por primeira vez este curso, e unha das accións desenvolvidas a prol dos estudos como as axudas complementarias para o pagamento da matrícula do alumnado de novo ingreso e de continuidade, posibilitando o apoio económico naqueles casos que non poden acceder ás axudas polo incremento de esixencias académicas da convocatoria do Ministerio de Educación, Cultura y Deporte, malia que cumpran os requisitos económicos establecidos.

Ademais a Consellería convocará un ano máis as axudas complementarias para os estudantes de universidades galegas que estean a realizar o programa Erasmus, e nas que se manterá, como mínimo, o incremento fixado o ano pasado do 30%  no que se elevou o orzamento total a 1.300.000 euros. Unha partida incluída no total que a Consellería destina a axudas para os estudantes universitarios e que supera os tres millóns de euros.

Tema: 

Ensinanza: 

Colectivo: 

Listaxe provisional de admitidos e excluídos das axudas para estudos universitarios conducentes á obtención do título oficial de máster universitario destinadas a titulados universitarios en situación laboral de desemprego para o curso 2013/2014

Gallego

Xuntase a Resolución do 13 de novembro de 2013, da Secretaría Xeral de Universidades pola que se publican as listas provisionais de admitidos/as e excluídos/as da convocatoria de axudas  para estudos universitarios conducentes á obtención do título oficial de máster universitario, destinadas a titulados universitarios en situación laboral de desemprego, para o curso 2013/2014, e se establecen as bases reguladoras.

  • Os interesados disporán dun prazo de reclamación de dez días hábiles contados a partir do seguinte a data desta resolución (desde o día 14 ao 25 de novembro, ambos os dous incluídos) para poder, durante ese prazo, formular reclamacións ou emendar erros e falta de documentación ante a Secretaría Xeral de Universidades, achegando, se é o caso, a documentación necesaria

Tema: 

Ensinanza: 

Colectivo: 

Xesús Vázquez Abad salienta a presenza da figura de Valle-Inclán entre “o grupo máis selecto da creación literaria mundial”

O conselleiro de Cultura e Educación participou hoxe na Cidade da Cultura na presentación do novo número da revista ‘Bradomín’

“Estamos poñendo unha pedra mais no monumento que o escritor se merece”, afirmou o conselleiro

Gallego
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Ab
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, participou na mañá de hoxe na presentación do número 4 da revista ‘Bradomín’

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, participou na mañá de hoxe na presentación do número 4 da revista ‘Bradomín’, editada pola Fundación Valle-Inclán. A publicación, dedicada ao estudo de Ramón María del Valle-Inclán e o seu tempo, foi presentada na sala Eisenman do Centro de Emprendemento Creativo de Galicia,na Cidade da Cultura.

Vázquez Abad destacou que se está “a poñer unha pedra mais no monumento que o escritor se merece. Un monumento a quen nos ensinou a ver o mundo baixo os ollos do artista, creando e fabulando personaxes que perviven cunha forza única no noso imaxinario”. Asemade, subliñou que a revista “contribúe a espallar a palabra dun galego instalado no grupo máis selecto da creación literaria mundial de todos os tempos.” A publicación distribuirase gratuitamente nas bibliotecas das universidades galegas, nos centros públicos de ensino secundario e na rede de Bibliotecas de Galicia. 

O titular de Cultura e Educación estivo acompañado no acto polo presidente da Fundación Valle-Inclán, Xerardo Fernández Albor; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o vicepresidente da Fundación, José Juan Durán; o director da revista, José Antonio Ponte Far; e a coordinadora da edición deste número 4 de ‘Bradomín’, María Eva Ocampo Vigo.

Publicación de referencia internacional

‘Bradomín’ está dedicada a estudios sobre o escritor Ramón del Valle-Inclán, o seu tempo e contexto histórico e literario, consta dun prólogo a cargo do director e de seis artigos de extensión e temática diversa. A edición deste número correu a cargo da doutora en Filoloxía, María Eva Ocampo Vigo.

Na cuarta entrega desta publicación seriada participaron os especialistas Antonio Espejo Trenas, da Universidade de Valencia; Mohamed Khedr, da Universidade de Al-Minia (Exipto); Adolfo Sotelo Vázquez, da Universidade de Barcelona; William Sherzer, do Brooklyn College e do Graduate Center da City University de Nova York; José A. Ponte Far, da UNED; así como a profesora e filóloga Aurora V. Varela Caabeiro. O número inclúe como colofón unha serie de 33 caricaturas de Valle-Inclán do debuxante e humorista gráfico ferrolán, Siro López.

Tema: 

Cultura e Educación dá protagonismo aos responsables de festivais galegos no III FIEC que arranca este venres no Gaiás

Abordarase a revolución dos festivais co xerente da Orquestra Sinfónica de Galicia, o director do Teatro Rosalía de Castro da Coruña, a xornalista María Solar, o director do Festival Sinsal e o do Centro Dramático Galego

A conferencia inaugural correrá a cargo do produtor de Broadway David Binder, ao que seguirán os responsables dos festivais de Edimburgo, Aviñón, Mérida, Budapest e La Mar de Músicas

Gallego
Cultura e Educación dá protagonismo aos responsables de festivais galegos no III
Cultura e Educación dá protagonismo aos responsables de festivais galegos no III FIEC que arranca este venres no Gaiás

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria dará protagonismo aos responsables de festivais e organismos culturais galegos no III Foro Internacional de Espazos para a Cultura (FIEC) que arranca este venres, 15 de novembro, no Gaiás.

Baixo o título A revolución dos festivais artísticos, o III FIEC analizará este venres e sábado na Cidade da Cultura o impacto que están a ter os grandes festivais artísticos no panorama cultural e o fará da man dalgúns dos directores de festivais máis prestixiosos do mundo: Sir Jonathan Mills, director do Festival Internacional de Edimburgo; Hortense Archambault, co-directora do Festival de Aviñón; David Binder, recoñecido produtor de espectáculos de Broadway; Jesús Cimarro, director do Festival Internacional de Teatro de Mérida; Francisco Martín, director de La Mar de Músicas ou María Sheila Cremaschi, directora do Hay Festival de Segovia e Budapest.

Xunto a eles, Cultura e Educación dará voz aos responsables de festivais galegos, programadores e responsables de organismos da nosa comunidade como Andrés Lacasa, xerente da Orquestra Sinfónica de Galicia; Paulo Rodríguez, director do Teatro Rosalía de Castro da Coruña; María Solar Núñez, xornalista da CRTVG; Julio Gómez, director do Festival Sinsal Audio; e Manuel Guede, director do Centro Dramático Galego. 

Os festivais, a debate

Co título de A revolución dos festivais artísticos, o encontro realizarase no marco do Foro Internacional de Espazos para a Cultura (FIEC), que terá lugar no Centro de Innovación Cultural (CINC) do Gaiás. Este cita chega a súa terceira edición, despois de abordar o futuro das infraestruturas culturais no 2011 e a relación delas coas novas tecnoloxías no 2012, e convocar  a profesionais de institucións como o MoMA, a Tate Gallery, o British Museum, o Lincoln Center,  o Smithsonian, o Barbican Centre ou o IRCAM Pompidou,

A través deste foro, dirixido a profesionais e estudantes do ámbito cultural, a Cidade da Cultura busca promover en Galicia un debate ao redor do impacto dos festivais tanto na vida cultural, como a súa capacidade para transformar pequenas vilas en espazos de creación e tamén o seu importante impacto económico.

Apertura co produtor David Binder

Tras un saúdo de benvida a cargo do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; e da directora de Acción Cultural do Gaiás, María Pereira; a conferencia inaugural correrá a cargo de David Binder, catro veces nominado aos premios Tony e produtor de espectáculos en Broadway e eventos especiais con artistas de talla de David Bowie, Jane Fonda, Ewan McGregor,  Arcade Fire, Laurie Anderson, ou Sean “Puffy” Combs.

Co mesmo título do FIEC, A revolución dos festivais artísticos, Binder amosará a nova cara dos festivais nos que se racha a fronteira entre o intérprete e a audiencia, e contribúen ás cidades a expresarse.

O financiamento ante a crise

Tras a apertura de Binder, o FIEC abordará diferentes aspectos que inflúen decisivamente tanto na organización como no éxito dun festival.

Deste xeito, María Sheila Cremaschi, directora do Hay Festival de Segovia e Budapest abordará non só a historia dun fsetival de ideas, que integra o local co internacional. Ademais de desvelar o segredo deste orixinal evento que tivo a súa orixe na pequena localidade galesa de Hay-On-Wye –vila con 1.500 veciños e 41 librerías- e que, debido ao seu contundente e rápido éxito, foi exportado a países como Brasil, Italia, México, Colonia ou España, Cremaschi abordará un tema delicado: o do financiamento.

O Hay Festival de Segovia é organizado por unha fundación privada que cada ano debe buscar patrocinios e socios estratéxicos, públicos e privados, para realizar a súa misión. Fronte a esta realidade, o director do Festival Internacional de Teatro Clásico de Mérida, Jesús Cimarro, apostará pola xestión mixta como o modelo a seguir.

Os decanos dos festivais: Edimburgo e Aviñón

Este III FIEC contará tamén cos responsables dos que se consideran os decanos dos festivais modernos: Edimburgo e Aviñón. Sir Jonathan Mills, director e xefe executivo do Festival Internacional de Edimburgo desde 2006, ofreceralle ao auditorio un percorrido único ao que se considera o “buque insignia de Escocia”. Entre os seus cargos anteriores inclúen o de Director Artístico do Festival Internacional de Artes de Melbourne, ou a organización do Festival Bienal Internacional de Música de Brisbane.

Xunto a Edimburgo, tamén estará representado no Gaiás o outro gran festival internacional de teatro en Europa: o Festival de Aviñón grazas a presenza da súa codirectora Hortense Archambault que, xunto con Vicent Baudrillar, é responsable da proxección internacional que este evento adquiriu durante as súas últimas edicións.

Archambault profundará tamén na esencia deste festival, adentrándose en temas fundamentais como a relación entre a creatividade artística e a amplificación de audiencias, o cuestionamento sobre o popular e o rexistro local dun territorio e a súa apertura ao mundo.

A transformación das cidades

Os festivais inciden directamente sobre o territorio que os acolle. Así o explicará Francisco Martín, director de La Mar de Música, festival que se celebra en Cartaxena e que se ten transformado nos últimos anos nun dos eventos con maior transcendencia internacional do noso territorio, convertendo coa súa programación musical e as súas actividades paralelas a cidade murciana nun foco de diversidade cultural.

Martín amosará un paralelismo entre a evolución do festival e a transformación urbanística da cidade nos últimos vinte anos e, sobre todo, como afecta a actual crise económica ao festival.

As inscricións para o FIEC están aínda abertas en www.cidadedacultura.org. A asistencia terá un custo de 50 euros para público profesional e de 30 para estudantes.

Tema: 

Cultura e Educación apoia a participación de tres grupos de música e seis salas galegas no circuíto ‘Artistas en ruta’ da AIE

Silvia Superstar & Los Fabulosos ofrecerán o vindeiro luns en Xixón o último dos sete concertos galegos desta carteleira cuadrimestral, dentro da que xa actuaron os grupos de folk Quempallou e Riobó

Auriense de Ourense, Karma de Pontevedra, Teatro Cine de Ribadeo, Moon de Santiago e Ensanche e La Fábrica de Chocolate de Vigo son os locais galegos desta programación, organizada a nivel estatal por Artistas, Intérpretes o Ejecutantes

Gallego
Silvia Superstar & Los Fabulosos
Silvia Superstar & Los Fabulosos

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria promove a presenza galega no circuíto de música ‘Artistas en Ruta’ que, organizado a nivel estatal pola AIE (Artistas, Intérpretes o Ejecutantes Sociedad de Gestión), está a desenvolver o último cuadrimestre da súa programación anual coa participación de tres grupos e seis salas de Galicia.

Silvia Superstar & Los Fabulosos ofrecerán o vindeiro luns 18 en Xixón o último dos sete concertos de grupos galegos no marco desta carteleira, dentro da que Quempallou e Riobó compartiron escenario noutras tres actuacións. Así, o surf rock da cantante viguesa e da súa nova banda escoitouse tamén en León, Pontevedra e na feira Deezer Monkey Week celebrada en El Puerto de Santa María, mentres que o folk de Quempallou e Riobó viaxou ata Ponferrada, Cáceres e a localidade segoviana de Cabaña de Polendos.

Pola súa banda, as salas galegas Auriense de Ourense, Karma de Pontevedra, Teatro Cine de Ribadeo, Moon de Santiago de Compostela e Ensanche e La Fábrica de Chocolate de Vigo ofrecen os seus escenarios para acoller grupos e solistas procedentes doutras comunidades autónomas. Forman parte así deste programa de difusión e intercambio musical, que neste mesmo período do ano organiza en Galicia un total de oito concertos a cargo de Albert Freixas e Bongo Botrako (Cataluña), Freedonia (Madrid), Gose (País Vasco) e I Am Dive (Andalucía).

Próximas actuacións

Na recta final da programación, Gose tocará o vindeiro 14 de novembro na Moon de Santiago e o día 15 na Fábrica de Chocolate de Vigo, Freedonia o mesmo día 15 no Teatro Cine de Ribadeo e I Am Dive o día 16 na sala Karma de Pontevedra.

AIEnRUTa-Artistas (‘Artistas en Ruta’) ten como prioridade potenciar a música en directo e achegar os novos talentos ao público a través dun circuíto do que forman parte 60 salas de música ao vivo de toda España. Para a súa organización, AIE conta coa colaboración da Consellería de Cultura e Educación, a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), así como do INAEM (Instituto Nacional de las Artes Escénicas y de la Música) e dos departamentos con competencia na promoción musical dos gobernos de Cataluña, Madrid e País Vasco.

Esta rede, que conta con 15 anos de traxectoria, pretende tamén fomentar o intercambio cultural entre os diferentes artistas das comunidades autónomas, promover todos os estilos que se dan cita dentro da música popular, dar a coñecer os novos valores artísticos no eido da música, axudar á iniciativa privada e ao mercado musical en salas de pequena e mediana capacidade e, en definitiva, consolidar un circuíto localizado temporalmente no inverno que permita apoiar de xeito estable a maior variedade de propostas artísticas.

Tema: