A Xunta de Galicia e o goberno arxentino abren mañá as portas de MICAtlántica no Gaiás a profesionais e público xeral

O conselleiro de Cultura e Educación, Xesús Vázquez Abad, e o secretario de Cultura de la Presidencia de la Nación Argentina, Jorge Coscia, inaugurarán oficialmente o mercado na mañá do domingo día 24

Ademais da primeira quenda de reunións de negocio do espazo Lab e as exhibicións da zona Expo, a primeira xornada de actividade inclúe catro mesas redondas con 17 expertos galegos e arxentinos, dúas conferencias e dúas presentacións de proxectos

A carteleira de espectáculos inclúe mañá o concerto do sexteto arxentino Cristian Zárate xunto ao dúo galego-portugués Barroso & Peixoto e a representación de ‘Todo lo que está a mi lado’, do bonaerense Fernando Rubio

Gallego
Todo lo que está a mi lado’
Todo lo que está a mi lado

MICAtlántica, o primeiro Mercado das Industrias Culturais Atlánticas que organizan en Santiago de Compostela a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Secretaría de Cultura de la Presidencia de la Nación Argentina, inicia mañá sábado a súa actividade profesional na Cidade da Cultura de Galicia. Ademais dos 400 axentes culturais de España, Arxentina e Portugal acreditados, o público tamén pode acceder de xeito gratuíto ás presentacións de proxectos, obradoiros, conferencias, mesas redondas e exposicións que acollerán os espazos Lab, Expo e Fórum.

A inauguración oficial terá lugar na mañá do domingo no transcurso dun acto institucional, durante o que o conselleiro de Cultura e Educación, Xesús Vázquez Abad, e o secretario de Cultura de la Presidencia de la Nación Argentina, Jorge Coscia, percorrerán as zonas Lab e Expo, instaladas no Museo Centro Gaiás e arredor das que xirará a actividade de negocio e expositiva deste evento internacional e multisectorial.

Así, Lab será o núcleo comercial de MICAtlántica, onde ata o vindeiro martes día 26 están previstas máis dun milleiro de reunións de negocio, de acordo coas axendas personalizadas que a organización ten preparadas para cara un dos profesionais inscritos, que representan empresas, institucións, produtores, artistas e pemes dos seis sectores presentes no evento: artes escénicas, audiovisual, música, deseño e artesanía, editorial e videoxogos.

Editorial Galaxia e Ibermúsicas

MICAtlántica Lab será tamén mañá, ás 13.00 h, o escenario para a presentación da estratexia exterior de Galaxia da man do seu director xeral, Víctor Freixanes, quen afondará no lanzamento en Bos Aires de Mar Maior, o selo internacional da editora galega. A continuación (13.45 h), o director nacional de Artes de la Secretaría de Cultura arxentina, José Luis Castiñeira de Dios, explicará a xestación e o funcionamento de Ibermúsicas, programa de fomento das músicas iberoamericanas que ten como obxectivo impulsar a presenza e o coñecemento da diversidade cultural neste ámbito, estimular a formación de novos públicos e ampliar o mercado de traballo.

Actividade ininterrompida

MICAtlántica Expo funciona, pola súa banda, como espazo para amosar ao público a riqueza e as potencialidades das industrias culturais de Galicia e Arxentina a través de exposicións, instalacións artísticas e audiovisuais e mostras en directo de diferentes traballos artesanais de ambos os países. As portas da Expo permanecerán abertas ao público de sábado a martes de 9.30 a 19.00 horas.

Nesta mesma área, mañá terá lugar a primeira das sesións do obradoiro ‘Dramaturxia de emerxencia’, no queo director arxentino Mauricio Kartún, considerado un mestre do teatro a nivel mundial, achegará as ferramentas básicas para abordar a construción de personaxes, o deseño da estrutura escénica ou a condución da acción. Este taller, que se celebra en horario de 10.00 a 13.00 h e do que se ofrecerá unha segunda entrega o domingo, está pensado fundamentalmente para actores e directores teatrais, aínda que na súa traxectoria Kartún ten acadado numerosos seguidores noutros eidos transversais como o cinema ou a literatura.

Conferencias e debates

MICAtlántica propón, ademais, un lugar para a análise, o debate e a reflexión a través do seu programa Fórum, que nas tardes do sábado ao martes desenvolverá un total de 24 mesas redondas, conferencias e debates en dúas salas do Centro de Innovación Cultural (CINC) da Cidade da Cultura. A xornada de mañá inclúe dous relatorios e catro mesas de debate coa participación dun total de 17 especialistas.

Xunto coas intervencións dos arxentinos Francisca D’Agostino, secretaria xeral do Instituto Nacional de Teatro (Fórum 1, 16.00 h), e Sebastián Rodríguez, responsable do Catálogo do Instituto Nacional de Tecnología Industrial (Fórum 2, 16.00 h), o CINC acollerá catro mesas baixo os títulos ‘Teatro en espazos non convencionais’, (Fórum 1, 17.00 h), ‘Situación da industria editorial arxentina e galega: fórmulas de colaboración e edición, distribución e tradución (Fórum 2, 17.00 h), ‘Emprendemento. Modelos de negocio no ámbito dos videoxogos’ (Fórum 1, 18.00 h), e ‘Innovación dixital para a circulación da música: modelos de negocio, comunicación e ferramentas’ (Fórum 2, 18.00 h).

Así mesmo, a carteleira de concertos, espectáculos escénicos e cine, que MICAtlántica comparte tamén co público xeral en diferentes espazos de Santiago de Compostela, ofrecerá mañá sábado dúas citas co teatro e a música.

Interacción directa cos espectadores

A primeira delas é unha singular obra móbil de microteatro, da man do dramaturgo, artista visual e actor bonaerense Fernando Rubio, quen na obra ‘Todo lo que está a mi lado’ convida o público a unha orixinal colaboración como parte da propia montaxe. Para presentar esta peza en Compostela, o autor conta coa colaboración especial das actrices galegas Belén Constenla, Iria Pinheiro, Erica González, Mariola Verdía, Rosalía Castro e Lúa Testa. A montaxe, que xira arredor dunha serie de camas distribuídas en todo o espazo escénico, represéntase na Zona C de Bonaval o sábado e o domingo de 19.30 a 22.00 horas cun pase cada quince minutos. A entrada é libre ata completar a capacidade, que se reduce a oito espectadores por sesión.

Esta primeira xornada de intensa actividade en MICAtlántica, que inclúe tamén a proxección ás 17.45 h no Salón Teatro do filme Juan y Eva (Paula de Luque, 2012) arredor do inicio da historia de amor entre Juan Domingo Perón e Eva Duarte, pecharase ás 20.30 horas cun concerto na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Nesta última actividade do día, o sexteto arxentino de tango fusión que lidera o pianista Cristian Zárate compartirá escenario co dúo Barroso & Peixoto, integrado polo galego Fernando Barroso e o portugués Luis Peixoto, que no seu último disco aposta por afondar na música instrumental de moi diferentes estilos.

Tema: 

A Consellería de Cultura e Educación apoia 35 proxectos editoriais a través das axudas á tradución

A Consellería de Cultura e Educación apoia 35 proxectos editoriais a través das axudas á tradución

O obxectivo principal desta axudas é a difusión da produción intelectual e creativa de Galicia fóra das súas fronteiras e facilitar o acceso da cidadanía galega a textos producidos noutros idiomas

Gallego
portal www.galicianliterature.com
portal www.galicianliterature.com

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria destina 126.098 euros en axudas ao libro galego, que se materializou no apoio a 35 proxectos editoriais. O ‘Diario Oficial de Galicia’ publica hoxe a resolución da liña de axudas bianual que a Secretaría Xeral de Cultura destinada, por unha banda, á tradución de obras en galego para outras linguas e, por outra, a verter á lingua propia de Galicia obras producidas orixinariamente noutros idiomas.

As axudas repartíronse adxudicando, por unha banda, 45.892 euros para proxectos que traducirán obras en galego a outras linguas, como por exemplo ‘Non hai noite tan longa’, ‘Contos por palabras’, ‘Cantares gallegos’ ou ‘En salvaxe Campaña’. Doutra banda, concedéronse 80.206 euros para a tradución de obras en diferentes linguas ao galego, como ‘A divina comedia’, ‘Peter Pan’, ‘O cuarto de invitados’ ou ‘Debuxos no muro’.

Deste xeito, con estas subvencións a Consellería favorece que a cidadanía poida acceder en Galicia e en galego a textos significativos producidos no exterior e, ao mesmo tempo, que se difunda a produción intelectual e creativa de autoras e autores galegos fóra das fronteiras de Galicia. Nos últimos anos, as editoriais galegas veñen facendo unha aposta pola edición en galego de autores foráneos e, moitas delas, mesmo veñen editando os seus títulos en varias linguas contribuíndo á difusión dos autores galegos no mercado internacional.

A tradución como fonte de intercambio cultural

A Consellería de Cultura e Educación destaca a importancia de facilitar a través do galego o acceso aos autores foráneos e de trasladar a outras linguas a literatura galega, como fonte de intercambio e enriquecemento cultural. Con este obxectivo, dentro da colección Galician Classics, editouse este ano o cuarto volume deste proxecto editorial, a primeira tradución completa ao inglés do poemario de Rosalía de Castro ‘Cantares gallegos’.

Nese mesmo idioma, como escaparate internacional da literatura galega a través da Rede, o portal www.galicianliterature.com permite ler en inglés fragmentos de diversas obras de autores galegos e breves sinopses dos seus libros.

Para avanzar nesta difusión da creación literaria galega no mercado anglófono, a Consellería de Cultura e Educación tamén colaborou coas editoriais Galaxia e Xerais na edición da antoloxía da literatura galega en inglés. O proxecto foi iniciado en 2010 coa publicación da obra que comprende o período de 1196 a 1981 e completouse co segundo volume, que inclúe textos de sesenta escritores galegos contemporáneos entre 1981 e 2011.
 

A Consellería de Cultura e Educación participa na campaña Xantar Compostela para a difusión e promoción do galego desde a hostalería

Imprimíronse 100.000 manteis con catro motivos diferentes e destinados a todos os públicos que promoven o idioma e que se distribuirán en establecementos de Santiago de Compostela e comarca.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e Hostelería Compostela impulsan esta iniciativa desde o ano 2010 e este ano van facer unha edición especial coincidindo coa VI edición do Santiago é Tapas.

Gallego
A Consellería de Cultura e Educación participa na campaña Xantar Compostela para
A Consellería de Cultura e Educación participa na campaña Xantar Compostela para a difusión e promoción do galego desde a hostalería

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada no seu secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe na presentación da campaña Xantar Compostela a prol da difusión e promoción do galego a través da hostalería. Esta campaña quere achegar a lingua aos establecementos comerciais e aos seus clientes, asociando o idioma como valor á calidade da nosa gastronomía.

A esta nova edición de Xantar Compostela, desenvolvida en conxunto coa Asociación de Hostelería Compostela, foi presentada hoxe na sede da entidade e nela tamén es tiveron presentes os seus presidentes e o responsable de Comunicación e Márketing, Jesús Sordo e Aser Álvarez, respectivamente.

Os manteis

Un ano máis, Xantar Compostela propón achegarlles aos usuarios e usuarias en xeral a través da hostalería, en concreto a través de 100.000 manteis individuais de papel que se distribuirán en máis de 1.500 establecementos de Santiago de Compostela e comarca. Os manteis estarán decorados con catro deseños distintos co obxectivo de facelos atractivos para todos os públicos. Tal e como sinalou o propio secretario xeral de Política Lingüística “a hostalaría ten unha gran base para comunicar, e esta é unha iniciativa que achega as linguas aos comensais de todas as idades”.

Así, haberá dous deles con motivos infantís, compostos de pasatempos de contido lingüístico, nos que se empregará léxico relacionado coas comidas; outro dos deseños estará destinado ao público internacional, con palabras relativas ao mundo da cociña escritas en diversos idiomas (castelán, inglés, francés e alemán) para darlles a coñecer o idioma aos turistas e achegarlles algunhas palabras e expresións de utilidade. E, por último, haberá outro deseño destinado a un público adulto que terá sopas de letras relativas ao mundo da hostalería.

Promoción da lingua

Esta iniciativa desenvólvese de acordo co Plan xeral de normalización da lingua galega, no que a promoción do idioma no ámbito socioeconómico é un obxectivo prioritario para a Secretaría Xeral de Política Lingüística. Este marco propón promover a oferta positiva de atender o cliente na lingua propia de Galicia en todo tipo de empresas, especialmente aquelas que, coma as da hostalería, manteñen relacións directas cos clientes e clientas.

Tema: 

Colectivo: 

A Consellería de Cultura e Educación conmemora o 40 aniversario da mostra fundacional do novo teatro galego

Xesús Vázquez Abad presentou hoxe as xornadas coas que se pon en valor o papel da Mostra Abrente na consolidación da dramaturxia galega e na nosa lingua propia

Na organización participan tamén a RAG, a Deputación de Ourense, o Concello de Ribadavia, a MIT,a Asociación Cultural Abrente e o Museo Etnolóxico de Ribadavia

Gallego
Xesús Vázquez Abad na presentación das Xornadas Abrente
Xesús Vázquez Abad na presentación das Xornadas Abrente

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presentou esta mañá no Salón Teatro as ‘Xornadas Abrente. 1973-2013’, coas que o seu departamento conmemora o 40 aniversario da celebración da I Mostra Abrente, evento fundamental para a consolidación do novo teatro galego e na nosa lingua propia. Na organización desta celebración participan tamén a Real Academia Galega, a Deputación de Ourense, o Concello de Ribadavia, a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, a Asociación Cultural Abrente e o Museo Etnolóxico de Ribadavia –dependente da Consellería-.

Segundo explicou o conselleiro, as xornadas naceron co obxectivo de recuperar o legado cultural “dunha das iniciativas máis sobranceiras no eido teatral galego e poñer en valor o traballo dunha xeración de dramaturgos grazas aos que hoxe podemos contar con citas tan importantes como a MIT de Ribadavia, nas que o teatro galego e en galego se exhibe orgulloso de si mesmo”. Neste sentido lembrou que a Mostra Abrente “serviu como estímulo para o arranque do que hoxe xa é unha realidade: o teatro galego na nosa lingua propia”.

Xornadas

Para rememorar aqueles tempos, o Centro Comarcal do Ribeiro e a Casa da cultura de Ribadavia acollerán o 13 e 14 de decembro mesas redondas que contarán coa participación de destacados estudosos e persoeiros do mundo da cultura, como o director do centros Dramático Galego, Manuel Guede; Xosé Luis Chao, Manuel Lourenzo – participante naquelas mostras hai 40 anos-, Candido Pazó, Camilo Fernández Valdehorras, Júlio Cardoso, Maribel Outeiriño ou Luís Álvarez Pousa. Así mesmo representarase a obra teatral ‘BailadELAS’, de Roberto Vidal Bolaño, autor ao que se lle dedica este ano o Día das Letras e que foi gañador en 1980 do premio da derradeira Mostra Abrente.

Neste sentido o conselleiro quixo salientar a publicación, no marco destas xornadas, dun volume que recolle os textos premiados entre 1973 e 1980. “Trátase de obras que están sen publicar ou son edicións difíciles de conseguir hoxe en día, e entre as que se encontran textos de tanta relevancia como ‘Bailadela da morte ditosa’, de Vidal Bolaño”, dixo. Tamén no marco deste encontro presentarase a publicación ‘Ricard Salvat e o teatro galego’, que analiza a relación dun dos grandes impulsores do teatro catalán coa dramaturxia galega, desenvolvida tamén desde a propia Mostra Abrente, en prol da que tamén traballou.

Así mesmo Xesús Vázquez sinalou a importancia da estrea de ‘Abrente, unha clave para o teatro galego’, documental de Antonio Simón sobre a historia da mostra e a súa vinculación coa creación do teatro público e privado na nosa terra.

O encontro rematará cunha homenaxe a Xesús Sánchez Orriols, un dos impulsores da Asociación Cultural Abrente e da Mostra, e co descubrimento dunha placa conmemorativa na súa casa en Ribadavia.

No acto de presentación das xornadas participaron tamén o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o alcalde de Ribadavia, Marcos Blanco; o director da MIT, Roberto Pascual;  o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; Xosé Luis Chao, da Asociación Cultural Abrente; e César Fernández Gil, da Deputación de Ourense.

Tema: 

Cultura e Educación leva ‘As pombas de Carboeiro’ e 'Acuario' a sete concellos da Rede de Dinamización Lingüística

Pontedeume, Castro de Rei, Cospeito, Santiago de Compostela, Cotobade, Sober e Lalín acollerán durante esta fin de semana as actividades de ‘FalaRedes 2013’

Ata final de ano, o programa de dinamización lingüística despregará un total de 130 accións gratuítas para promover o galego no tempo de lecer

Gallego
 Cultura e Educación leva ‘As pombas de Carboeiro’ e 'Acuario' a sete concellos
Cultura e Educación leva ‘As pombas de Carboeiro’ e 'Acuario' a sete concellos da Rede de Dinamización Lingüística

As actividades do programa “FalaRedes 2013”, impulsadas pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, continúan co seu itinerario polos concellos adheridos á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia. Pontedeume, Castro de Rei, Cospeito, Santiago de Compostela, Cotobade, Sober e Lalín son as localidades anfitrioas que acollerán durante esta fin de semana  o espectáculo multidisciplinar “As pombas de Carboeiro”e mais o teatro de  “Acuario”.

Con estas actividades, que forman parte da segunda edición do exitoso programa “FalaRedes”, promóvese a creación de espazos de uso en galego no tempo de lecer, para  asociar a imaxe da lingua galega con valores positivos e modernos. Os dous espectáculos pretenden ademais reforzar o uso da lingua galega entre galegofalantes e fornecer de modelos lingüísticos de referencia aos castelanfalantes. Ata final de ano, despregaranse 130 actividades por todos os concellos da RDL no marco do programa “FalaRedes 2013”

‘As pombas de Carboeiro’

O espectáculo  “As pombas de Carboeiro” entra na recta final do seu itinerario coas actuacións deste sábado en Sober, no Centro Sociocultural ás 20:00 horas, e en Lalín, no Auditorio Municipal ás 18:30 horas. Completará en Oleiros a súa xira, logo de promover o uso do galego por 19 concellos da RDL.

Os mozos integrantes das bandas de música de cada concello que acolle “As pombas de Carboeiro” colaboran coa compañía teatral Fantoches Baj para desenvolveren para todos os veciños un espectáculo multidisciplinar que combina o teatro, a música e as lendas narradas cun kamishibai, arte empregada en Xapón como apoio visual aos relatos orais. Con todos estes recursos, descóbrenlles aos asistentes a historia de amor protagonizada por Cervela (correo de El-Rei Fernando II) e Octavia (a filla máis nova de Lupa de Lobarzán). Deste xeito, a música e o teatro convértense nunha vía para implicar a mocidade na dinamización da lingua galega.

‘Acuario’

Durante esta fin de semana, a coñecida comunicadora María Canosa e o elenco artístico do Teatro dos Ghazafellos trasladarán ao fondo dun inmenso “Acuario” a veciñanza de Pontedeume, Castro de Rei, Cospeito, Santiago de Compostela e Cotobade, para darlles a coñecer aos máis pequenos a riqueza lingüística, biolóxica e gastronómica do noso litoral.

Neste espectáculo, a xente miúda da casa irá coñecendo as características dos peixes que habitan no fondo do mar a través dos poemas do libro homónimo de María Canosa, “Acuario”, e dun coidado acompañamento teatral que combina a manipulación de monicreques con moito humor e música en directo.

Hoxe mesmo, “Acuario” ofreceu unha función na Casa da Cultura de  Pontedeume ás 11:00 horas.Mañá,sábado, o espectáculo chegará a Castro de Rei, cunha sesión no Centro Sociocultural de Ribeiras de Lea ás 16:30 horas, e a Cospeito, na Casa da Cultura, ás 19:00 horas. Xa o domingo, a actividade recalará en Santiago de Compostela para ofrecerlle ao público da capital de Galicia unha representación na Sala Mozart do Auditorio de Galicia ás 12:00 horas. Pola tarde,a proposta despedirá a semana dende Cotobade, cunha función ás 17:00 horas. A entrada para todas as actividades de “FalaRedes 2013” é libre e gratuíta ata esgotar a capacidade dos locais da representación.

Toda a información e o calendario completo de “FalaRedes 2013”en www.xunta.es/linguagalega/falaredes_2013.

Tema: 

Departamento: 

Colectivo: 

Cultura e Educación súmase este domingo ao día contra a violencia de xénero tinguindo de lila as Torres Hejduk do Gaiás

As Torres Hejduk permanecerán iluminadas a noite do domingo ao luns, 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero

Gallego
Torres Hejduk do Gaiás
Torres Hejduk do Gaiás

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria súmase á celebración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero tinguindo de lila as Torres Hejduk da Cidade da Cultura. Con este xesto simbólico, o departamento que dirixe Xesús Vázquez quere amosar o seu rexeitamento a unha lacra social que este ano xa se cobrou a vida de máis de 60 mulleres en España e contribuír a sensibilizar a sociedade sobre este problema.

A Fundación Cidade da Cultura de Galicia a través do acordo de patrocinio alcanzado coa empresa eléctrica Iberdrola para a iluminación das Hejduk, tinguirá de lila a torre de cristal. Dotada dunha iluminación LED cunha ampla combinación de cores, a intervención acumula unha potencia de sete quilowatts repartida en varias liñas de alta capacidade.

O deseño da iluminación permite realizar unha gran gama de combinacións cromáticas, que poden verse desde distintos puntos de Santiago de Compostela, e que xa lle permitiu á Cidade da Cultura sumarse a outras convocatorias como a do Día Internacional contra o cancro de mama, cando as Hejduk se tornaron rosas.

As Torres Hejduk da Cidade da Cultura volverán lilas –cor que identifica a loita contra a violencia de xénero- a noite do domingo ao luns, 25 de novembro, xornada na que se conmemora o Día Internacional contra a Violencia de Xénero.

Tema: 

Puntuacións provisionais e relación de excluídos provisional para formar parte de listas para substitucións nas especialidades de Procesos e Produtos de Téxtil, Confección e Pel, Patronaxe e Confección, Servizos de Restauración, Guitarra e Trompa...

Gallego

Xúntase o Anuncio do 12 de novembro de 2013, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, polo que se comunica a publicación das puntuacións provisionais e a relación de excluídos provisionais en varias especialidades, abertas entre outros, polo Anuncio do 30 de setembro de 2013, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos (Diario Oficial de Galicia do 17 de outubro).

Fanse públicas as puntuacións provisionais e a relación de excluídos provisional do baremo para prazas de interinidades e substitucións para impartir docencia nas especialidades de Procesos e Produtos de Téxtil, Confección e Pel (590120) do corpo de profesores de ensino secundario, Patronaxe e Confección (591217) e Servizos de Restauración (591226) do corpo de profesores técnicos de formación profesional, Guitarra (594414) e Trompa (594424) do corpo de profesores de música e artes escénicas e na especialidade de Gravado e Estampación (596614) do corpo de mestres de taller de artes plásticas e deseño.

  • Contra estas puntuacións provisionais e relación de excluídos provisional poderá interpoñerse reclamación no prazo de dez días naturais, a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no DOG, ante o director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Servizo relacionado: 

Colectivo: 

Resolución das axudas de apoio á etapa predoutoral do Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento 2011-2015 (Plan I2C) para o ano 2013

Gallego

Xúntase a Resolución do 13 de novembro de 2013 pola que se adxudican as axudas da Orde do 2 de agosto de 2013 pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas de apoio á etapa predoutoral do Plan galego de investigación, innovación e crecemento 2011-2015 (Plan I2C) para o ano 2013, e se procede á súa convocatoria.

Tema: 

Ensinanza: 

Colectivo: 

Xesús Vázquez Abad participa na inauguración da mostra ‘Kermesse’, de Antón Pulido

O conselleiro de Cultura e Educación asegurou que o pintor ourensán é “un artista consagrado que non se contenta con asentarse no que domina, que vive a creación con intensidade total e con ansia de superación”

‘Kermesse’ estará exposta no Museo de Pontevedra ata o vindeiro 12 de xaneiro

Gallego
Xesús Vázquez Abad participa na inauguración da mostra ‘Kermesse’, de Antón Puli
Xesús Vázquez Abad participa na inauguración da mostra ‘Kermesse’, de Antón Pulido

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, interveu hoxe no acto de inauguración da mostra ‘Kermesse’, de Antón Pulido, que estará exposta ata o vindeiro 12 de xaneiro no Museo de Pontevedra. O conselleiro asegurou que o pintor ourensán é “un artista consagrado que non se contenta con asentarse no que domina, posto que ao longo da súa obra pódese comprobar ese afán que caracteriza aos que viven a creación con intensidade total, con ansia de superación”.

Segundo Vázquez Abad, estas características as plasma na súa mostra ‘Kermesse’, “un traballo que reflicte a tradición lúdica, pero que tamén afonda na filosofía de vida, dun ser humano entrañable, dun mestre do expresionismo que acada a súa madurez e que celebra connosco, como é Antón Pulido, o milagre suxerinte e libertario da súa paleta, pletórica de formas, deslumbrante de cromías”.

Asemade, o titular de Cultura e Educación afirmou que Pulido é “un artista comprometido co seu país e co seu tempo,  así o demostrou participando e vinculándose a diferentes correntes e iniciativas culturais, algunhas tan imprescindibles como a Fundación dos Premios da Crítica”.

Ao acto de inauguración, ademais do conselleiro e o artista Antón Pulido, tamén asistiron o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; e o presidente da Real Academia Galega e autor dos textos do catálogo da exposición, Xesús Alonso Montero.

‘Kermesse’

Esta exposición permítenos coñecer a obra máis recente de Antón Pulido (Bóveda de Amoeiro, Ourense, 1944), un pintor afincado nas Rías Baixas que expón en Galicia tras as súas exhibicións en sitios tan afastados como Beijing, Taiwan ou Corea. ‘Kermesse’ é a palabra que define esta mostra conformada a base de obras inéditas, creadas cunha linguaxe abstracta completamente actual e contemporánea, e coa cor como protagonista, produto dunha evolución de toda unha vida dedicada á pintura.

As kermesses son as representacións do bulicio. Son unha referencia á celebración, unha homenaxe á alegría de vivir. Emocións de felicidade que son traducidas por Antón Pulido en cada unha das composicións rítmicas e coloristas que compoñen esta exposición única.

Tema: 

Xesús Vázquez Abad presenta ‘O cachalote de Sanxenxo. Historia dun varamento” no Museo do Mar de Galicia

O Museo, dependente da Consellería de Cultura e Educación, da a coñecer o esqueleto de dez metros deste animal que apareceu en 2003 na praia de Montalvo, en Sanxenxo

Desde mañá e ata o domingo desenvolvéranse unhas xornadas técnicas e de portas abertas para achegar esta nova peza ao público

Gallego
Xesús Vázquez Abad na inauguración da mostra sobre o cachalote de Sanxenxo
Xesús Vázquez Abad na inauguración da mostra sobre o cachalote de Sanxenxo

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, inaugurou esta tarde a mostra ‘O cachalote de Sanxenxo, historia dun varamento’ no Museo do Mar de Galicia, en Vigo.

No acto tamén estiveron presentes a directora do centro, Marta Lucio, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo e representantes das diversas entidades que colaboraron activamente permitindo que hoxe poida verse este excepcional exemplar marítimo no Museo dependente da Consellería de Cultura e Educación.

Durante o acto o conselleiro agradeceu ao Concello de Sanxenxo “a súa colaboración en prol dun interese xeral”, e á Deputación de Pontevedra “o seu apoio no traslado deste elemento singular e a preparación do díptico que axudará a comprende a historia dunha peza esencial para museo”. “Así mesmo, quero manifestar a nosa satisfacción por este labor integrado de tres administracións, para un obxectivo tan importante como amosar aquí a estrutura ósea dun dos seres vivos máis impresionantes do planeta”, engadiu.

Vázquez Abad tamén agradeceu o traballo da Coordinadora para os Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA), “unha organización entregada a preservar a natureza e que puxo a súa experiencia e o saber das persoas que a integran na consecución deste proxecto tan interesante, que enriquece a calidade museística da nosa Comunidade e que nos permite unirnos un pouco máis ao medio mariño”.

Ademais, o conselleiro destacou que “desde o punto de vista cultural, a estrutura ósea ofrécenos unha conexión directa coa impresionante riqueza das nosas costas, cos prodixios biolóxicos que se encontran a rentes do noso litoral. Desde o punto de vista didáctico, felicitámonos de que a mocidade dos nosos centros educativos poidan coñecer en directo as formas do cachalote, as súas dimensións e o prodixio natural que representa; pero tamén nos comprace que as persoas adultas poidamos, por unha parte, satisfacer a nosa propia curiosidade e afán de saber, e, por outra, que as nais e os pais poidan evolucionar na aprendizaxe coas súas fillas e os seus fillos, de xeito que estes comprendan que o coñecemento ten un sentido durable ao longo de toda a vida”.

Charla informativa

Cómpre sinalar que este venres, sábado e domingo o museo realizará xornadas de portas abertas e que posteriormente esta peza formará parte esencial da próxima exposición permanente relativa ao mundo da navegación e a historia das investigacións mariñas. Ademais mañá haberá unha xornada técnica, a cargo de técnicos da CEMMA, na que a través de dúas charlas falarase sobre estes cetáceos e sobre a historia deste cachalote en concreto desde a súa aparición en Sanxenxo.

Con esta mostra a Consellería achega a todo o público o esqueleto deste animal que apareceu o pasado 3 de marzo de 2003 na praia de Montalvo, en Sanxenxo, de dez metros de largo e que no momento do seu varamento pesaba 20 toneladas. Os restos do animal, unha femia (Physter macrophalus), quedaron baixo a custodia da CEMMA que, a través dun convenio asinado no seu momento coa Consellería de Medio Ambiente, son -os responsables de todos os varamentos producidos nas costas galegas.

A CEMMA foi a responsable de realizar a necropsia e desguace do cetáceo. Un traballo que permitiu descubrir que o animal estaba preñada e tiña un feto de dous meses. Os estudios realizados por CEMMA fan pensar que o animal achegouse tanto á costa, aloxándose do seu hábitat de augas oceánicas, debido a problemas na xestación.

O proceso do esqueleto

O animal que desde hoxe queda exposto no Museo do Mar de Galicia conta con todas as características propias destes cetáceos, que son: ter unha cabeza que supón un terzo da lonxitude total do corpo, alas pectorais pequenas e cuadrangualares, espiráculo dun única orificio e dentadura no maxilofacial inferior. Cun cor gris escuro e unha mancha branca no ventre este animal mergullábase ata os 3.000 metrosde profundidade e pode chegar a cumprir 40 anos.

Cómpre recordar que o CEMMA realizou o separado do esqueleto e posteriormente un proceso de enterramento nun sarcófago con area no que permaneceu durante 33 meses. Posteriormente encargouse da limpeza, desengraxado, consolidación, restauración e montaxe a través cun complexo sistema de soldadura e ensamblado. Este último realizou xa no Centro de Interpretación das Telleiras, en Sanxenxo, onde o esqueleto permaneceu exposto ata o seu traslado ao  seu emplazamento actual: o Museo do Mar de Galicia.

Tema: