A Consellería de Cultura e Educación participa na inauguración do V encontro galego de Escolas Asociadas da UNESCO

En Galicia conforman a rede 14 centros educativos

Este ano conmemórase ademais o sesenta aniversario do Plan que vincula a estas escolas coa Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura

Gallego
 A Consellería de Cultura e Educación participa na inauguración do V encontro ga
A Consellería de Cultura e Educación participa na inauguración do V encontro galego de Escolas Asociadas da UNESCO

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada no seu director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal; participou hoxe na inauguración do V encontro galego de Escolas Asociadas da UNESCO (redPEA) – en Galicia un total de 14 centros- , un acto celebrado no Pazo da Cultura de Pontevedra no ano no que ademais se conmemora o 60 aniversario do plan que vincula a estes centros educativos á Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura.

Durante a súa intervención o director xeral salientou o compromiso dos centros que conforman a rede “por unha educación de calidade inclusiva, igualitaria, comprometida co entorno e con capacidade para transformar a sociedade”. Neste sentido lembrou que os membros galegos da redPEA acumulan un número grande de  recoñecementos autonómicos, estatais e internacionais “e son un exemplo a seguir polo resto das escolas galegas”.

O director xeral sinalou o encontro como un medio ·para que conceptos como mobilidade, formación integral do alumnado, interculturalidade, ou implicación do profesorado, sexan moito máis e se convertan, en estímulos positivos e en realidades de éxito·. Deste xeito felicitou ao alumnado, aos docentes e as familias acompañantes “por tanto empeño e tanta ilusión” no traballo que desenvolven “para coñecer, preservar e legar ás xeración futuras a diversidade natural e cultural do planeta”.

Ata o vindeiro mércores 27, e baixo o lema ’60 anos de Educación en Liberdade’, os asistentes ao encontro – están previstos máis de 150 alumnas e alumnos acompañados dos seus profesores- compartirán actividades educativas e lúdicas, nun contexto para o intercambio de experiencias e proxectos.

A rede galega de Escolas Asociadas da UNESCO está conformada por 14 centros educativos de infantil, primaria, secundaria e mesmo un conservatorio profesional – o da cidade do Lérez-, que no seu día a día traballan en iniciativas en prol do diálogo internacional e intercultural e o ensino de calidade. O obxectivo da rede a nivel mundial é educar aos mais novos en valores para conseguir a paz e o desenvolvemento sostible, tal e como quedou reflectido no foro internacional celebrado no mes de setembro en Corea para conmemorar o 60 aniversario da redPEA. Nado en 1953, o plan conta xa coa implicación de máis de 9.500 institucións educativas de 180 estados de todo o mundo, que comparten proxecto e iniciativas cos que os máis novos, apoiados polos docentes, buscan solucións coas que mellorar o estado dos dereitos humanos, a comprensión entre as diferentes culturas, ou a protección do medio ambiente, entre outros retos de futuro.

Tema: 

Colectivo: 

Relación de centros inscritos na iniciativa "Voluntariado de lectura - A"

Gallego

Achégase relación de centros inscritos na iniciativa "Voluntariado de lectura - A" convocada pola Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos con data 4 de outubro de 2013.

  • Os centros que se relacionan realizarán as actividades previstas e remitirán memoria acreditativa antes do 30 de abril de 2013, segundo o contemplado na resolución de convocatoria.

Ensinanza: 

Xesús Vázquez salienta o compromiso do seu departamento coa recuperación do patrimonio musical na presentación do libro-disco que recupera as partituras do arquivo da Catedral de Tui

O conselleiro lembrou ademais que se investiron preto de 60.000 euros na reparación das cubertas deste templo, uns traballos que xa comezaron

Gallego
 Xesús Vázquez salienta o compromiso do seu departamento coa recuperación do pat
Xesús Vázquez salienta o compromiso do seu departamento coa recuperación do patrimonio musical na presentación do libro-disco que recupera as partituras do arquivo da Catedral de Tui

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, salientou hoxe o compromiso do seu departamento coa recuperación do patrimonio musical galego na presentación do libro-disco que recupera as partituras máis antigas do arquivo da Catedral de Tui, un traballo publicado grazas á colaboración do Bispado de Tui-Vigo, da Deputación de Pontevedra e da Consellería. Cómpre lembrar ademais que neste momento a Consellería está a executar obras de reparación das cubertas da catedral, que supoñen unha achega de preto de 60.000 euros. As actuacións realizaranse, en concreto, sobre as cubertas do presbiterio e capela de San Telmo, as torres, e o Pazo da Contadoría e Sala Capitular gótica.

No transcurso do acto  Xesús Vázquez lembrou que a Consellería está a desenvolver diferentes iniciativas para difundir “o inmenso patrimonio musical do que dispoñemos, achegando á cidadanía os tesouros que conservamos”. Neste sentido recordou iniciativas do departamento que dirixe, tales como o ciclo ‘Espazos sonoros’, de diálogo entre patrimonio e música – desde o fenómeno sonoro na cultura castrexa ata os nosos días-; ou o máis recente ‘Monumenta: difusión do patrimonio restaurado’, que ten como obxectivo divulgar e poñer en valor o patrimonio realizando nestes espazos diferentes actividades culturais, entre elas, os concertos.

O conselleiro quixo agradecer o traballo de conservación realizado polo Bispado para “preservar durante séculos estas xoias da acción do paso do tempo, permitindo agora que se convertan en valiosísimas fontes de investigación para os musicólogos e en deliciosas interpretacións musicais para os nosos oídos”. Así mesmo, felicitou ao coro Voz Stellae e a Joam Trilho “polo excelente labor de interpretación e recuperación das partituras”; e á Deputación de Pontevedra, “polo seu compromiso coa posta en valor do patrimonio cultural, visión e misión plenamente compartida coa Consellería”.

No acto participaron o bispo da Diocese Tui-Vigo, Luis Quinteiro; o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez; o responsable da recuperación das partituras, Joam Trilho; e o párroco de Barcia de Mera, Rafael Antela.

Recuperación do patrimonio musical da Catedral de Tui

‘Música na catedral de Tui’ é o nome do volume no que o compositor e musicólogo Joam Trilho recupera as partituras máis sobranceiras do arquivo da Catedral de Tui, centrándose na figura  de Matías García Benayas, mestre de capela deste templo no século XVIII. ‘Defensor alme Hispaniae’, himno deste mestre, dálle nome ao disco que completa a obra, gravado polo coro compostelán Vox Stellae, baixo a dirección de Luís Martínez e coa participación do organista Joaquín Barreira.

A publicación do libro e a gravación do disco enmárcase nun proxecto de recuperación do patrimonio musical da Catedral de Tui, iniciado coa obra de García Benayas. Da súa produción destaca a ‘Misa Defensor alme Hispanie, in festo Sancti Jacobi’, a única completa que se conserva. Tamén compuxo outras dúas obras de inspiración xacobea: o himno ‘Defensor alme Hispaniae’ e o tracto ‘Protestis bibere’.

O traballo xa foi presentado en senllos concertos na Igrexa María Auxiliadora de Vigo e na capela de Ánimas de Santiago de Compostela.

Tema: 

Xesús Vázquez Abad e Jorge Coscia inauguran no Gaiás o mercado das industrias culturais atlánticas que comparten Galicia e Arxentina

O conselleiro de Cultura e Educación e o secretario de Cultura de la Presidencia de la Nación Argentina incidiron no carácter estratéxico do sector cultural, así como no papel de MICAtlántica á hora de impulsar o intercambio neste ámbito

Percorreron hoxe o espazo Lab, onde teñen lugar as reunións de negocio personalizadas entre os 410 acreditados de España, Arxentina e Portugal, e a zona Expo, que acolle exposicións, instalacións artísticas e obradoiros de acceso libre

O evento, que se celebra ata o venres 29 na Cidade da Cultura e noutros espazos de Santiago, ofrece mañá a representación da aclamada obra de Perinelli 'Miembro del jurado' polo Teatro Nacional Cervantes arxentino e o concerto de Luar na Lubre

Gallego
O conselleiro de Cultura e o secretario de Cultura da Presidencia de Arxentina i
O conselleiro de Cultura e o secretario de Cultura da Presidencia de Arxentina inauguran no Gaiás o Mercado das Industrias Culturais Atlánticas que comparten Galicia e Arxentina

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e o secretario de Cultura de la Presidencia de la Nación Argentina, Jorge Coscia, inauguraron esta mañá a primeira edición de MICAtlántica, o Mercado das Industrias Culturais Atlánticas que se celebra ata o día 29 en Santiago. Durante o acto celebrado no Museo Centro Gaiás, percorreron as diferentes áreas de exhibición e intercambiaron impresións cos participantes na zona Expo, que acolle exposicións, instalacións artísticas e obradoiros de acceso libre, e no espazo Lab, onde teñen lugar as reunións de negocio personalizadas entre 410 entidades culturais de diferentes puntos de Galicia, Arxentina, España e Portugal.

En representación das institucións que comparten a organización en Galicia deste evento internacional, ambos subliñaron o carácter estratéxico das industrias culturais para os seus respectivos países, así como a importancia dos vínculos históricos que comparten Galicia e Arxentina á hora de impulsar o intercambio artístico e comercial neste ámbito.

Neste mesmo sentido, Vázquez Abad comezou a súa intervención incidindo na estreita colaboración entre as administracións galega e arxentina que –continuou– "representan dous pobos unidos por unha historia, unha cultura e uns intereses comúns". Fixo fincapé, así mesmo, no papel que MICAtlántica pode desempeñar á hora de reforzar a potencialidade das industrias culturais na procura dun futuro de progreso, tanto a nivel empresarial como social.

Primeiro balance positivo

Tras facer un primeiro balance positivo da xornada de onte, durante a que se levaron a cabo máis de 300 reunións de traballo e varias ducias de encontros informais na zona Lab para "tratar de tecer alianzas e emprender novos proxectos creativos", o conselleiro animou os participantes a seguir mantendo este alto nivel de actividade. "Agardo que moi cedo poidamos comprobar como MICAtlántica se traduce no nacemento de novas vías de negocio e de internacionalización", afirmou.

Pola súa banda, o secretario de Cultura de la Nación Argentina agradeceu tamén os equipos organizativos galego e arxentino os meses de intenso traballo conxunto, que posibilitou que Galicia sexa a anfitrioa da primeira edición que este mercado das industrias culturais celebra fóra de Arxentina, país onde se vén realizando desde 2011 baixo a marca MICA (Mercado de Industrias Culturales Argentinas).

Vínculos históricos

Descendente de galegos, Jorge Coscia expresou a súa persoal satisfacción por esta colaboración, que nace con vontade de se converter en permanente. “Cando falamos da integración con Galicia estamos simplemente complementando un esforzo iniciado hai máis de 100 anos”, asegurou referíndose á emigración de milleiros de galegos a América durante a que “a alma de Galicia recalou en Bos Aires, Arxentina e noutros moitos puntos de Iberoamérica”. O secretario de Cultura arxentino asegurou que agora é momento de botar man desta “ponte construída con esperanza, estrañamento e morriña” para apostar polo intercambio no ámbito das industrias culturais non só como meros espectadores na procura de entretemento, senón como protagonistas á hora de aproveitar toda a súa potencialidade e capacidade de crecemento económico, xeración de emprego e desenvolvemento sociocultural.

Neste mesmo acto, Vázquez Abad convidou a todos os galegos e galegas a que se acheguen estes días a Santiago para gozar das numerosas actividades (concertos, funcións teatrais, proxeccións de cine, exposicións, obradoiros, mesas redondas, etc.) que ofrece de balde e para o público xeral esta primeira edición de MICAtlántica.

Teatro arxentino de éxito

Neste sentido e tras a representación onte e hoxe de 'Todo lo que está a mi lado' do bonaerense Fernando Rubio, o público ten este luns unha nova oportunidade de se achegar ao teatro arxentino a través da aclamada obra de Roberto Perinelli 'Miembro del jurado'. O emblemático Teatro Nacional Cervantes produce este drama policíaco cargado de suspense que, estreado orixinalmente en 1979 durante a ditadura militar, mantén unha sorprendente actualidade e que chega agora a Galicia precedido do gran éxito de crítica e de público acadado no seu país tras a súa estrea en abril.

Corina Fiorello é a directora desta montaxe, que Silvina Bosco, Ernesto Claudio e Roberto Vallejos porán escena ás 20.00 horas no Auditorio Novagalicia Banco dentro de MICAtlántica Show. A entrada é gratuíta, previa retirada do convite na billeteira do espazo, que abrirá unha hora e media antes do inicio da función.

Folk galego

Pola súa banda, a carteleira musical do programa de mañá estará protagonizada polo folk de Luar na Lubre, unha das bandas galegas de maior proxección internacional, que ofrecerá un concerto ás 21.30 horas na Sala Capitol. En canto ao cinema, este luns ás 18.00 horas proxéctase a coprodución franco-arxentina 'Samurai', do realizador Gaspar Scheuer, como parte do programa que MICAtlántica comparte do festival Cineuropa.

En paralelo, continúa a actividade na Cidade da Cultura que, ademais das roldas de negocio para profesionais, acolle unha ampla variedade de actividades abertas ao público sobre os seis eixes sectoriais que definen MICAtlántica –artes escénicas, audiovisual, música, deseño e artesanía, editorial e videoxogos­– e estruturadas arredor das zonas Lab, Expo e Fórum. Esta última sección está a ter lugar polas tardes no CINC (Centro de Innovación Cultural) a través dun intensa axenda de conferencias e debates a cargo de destacados profesionais de España e Arxentina, como os 18 que configuran as cinco mesas redondas de mañá.

Destacada presenza do audiovisual

Así, dentro deste espazo Fórum, a coñecida directora de cine arxentina Lucrecia Martel e Esther García, de El Deseo –produtora dos filmes de Pedro Almodóvar–, falarán sobre coprodución e cine de autor nunha sesión que moderará a especialista e crítica de cine María Iribarren, coordinadora do apartado Audiovisual no MICA arxentino (Fórum 1, 16.00 h). Este sector centrará tamén a sesión das 17.00 h que contará con Iago Fandiño, director de Clan TV; Andrés Barbá, presidente do Clúster Audiovisual Galego, e Chelo Loureiro, de Abano Producións, para abordar o apoio de Televisión Española á creación de series de animación infantil.

Os festivais de música a ambas beiras do Atlántico centrarán outra das mesas, na que intervirán a cantante Mercedes Ferrer, directora institucional da área de música da SGAE; Luis Mendo, vicepresidente da sociedade Artistas, Intérpretes o Ejecutantes (AIE); Julio Gómez, do Festival Sinsal; Francisco Viéitez, de Galician Connection; Eduardo Sempe, produtor do Festival Rock & Reggae de Arxentina; e Fer Isella, fundador da Plataforma Argentina de Música e coordinador deste sector no MICA. Ademais, no Fórum de mañá falarase tamén de 'Edición académica e universitaria na era dixital' e de 'Emprender en situación de crise' no ámbito do deseño.

Mentres, o Museo Centro Gaiás está a ser o escenario de presentacións de moi diversas iniciativas culturais, que na axenda do luns inclúen a nova asociación Music Managers Forum España (13.00 h), o proxecto multimedia sobre a triloxía 'Dragal' da empresa galega Ficción Producciones (13.30 h), as liñas de traballo con Latinoamérica da compañía de xestión cultural e música Esmerarte (14.00 h) e o Centro de Edición e Deseño da UNNOBA (Universidad Nacional del Noroeste de Buenos Aires) (16.00 h). A zona Expo acollerá, así mesmo, o relatorio 'Me conozco, me gestiono', da deseñadora gráfica arxentina Romina Torres (17.00 h).

O programa completo de MICAtlántica está dispoñible en www.micatlantica.org

Tema: 

Cultura e Educación participa na homenaxe a Paco Lareo en lembranza do seu labor de difusión da cultura de noso

A Consellería rende así tributo a unha figura que ten xa un lugar destacado entre os artistas galegos contemporáneos

Gallego
Paco Lareo
Paco Lareo

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria participou esta tarde na homenaxe póstuma organizada polo Concello de Vila de Cruces a Paco Lareo, ao pouco de cumprirse o cabodano do artista da Solaina de Piloño. Os secretarios xerais de Cultura, Anxo Lorenzo, e de Política Lingüística, Valentín García; asistiron a este acto no que se inaugurou a praza que levará o nome do finado, e que ocupa o solar da antiga casa consistorial da localidade. Entre outras autoridades participaron no acto o alcalde, Jesús Otero Varela; e a presidenta da Fundación Paco Lareo-A Solaina de Piloño, Carmen Lareo.

Durante o acto os secretarios xerais de Cultura e de Política Lingüística puxeron en valor a achega deste persoeiro á cultura galega, que está a quedar recoñecida nas homenaxes que se lle están a ofrecer, entre eles o celebrado hai unhas semanas, ao que asistiu o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad.

Tras a inauguración da praza os asistentes á homenaxe poderán visitar a exposición "A vida de Paco en fotos", que alberga o Auditorio Municipal Xosé Casal. Así mesmo, haberá diferentes actuacións en lembranza do artista, que correrán a cargo dos Gaiteiros de Piloño, a poetisa Rosalía Morlán, Cesáreo Torres, Patricia Méndez, Xirandola de Bandeira, Carballeira de Cercio e do Grupo de Gaitas e Baile ‘Os Coribantes’.

Coa súa participación nestes actos a Consellería de Cultura e educación rende homenaxe a Paco Lareo, creador, impulsor e figura fundamental para a difusión cultural da comarca, cuxo labor lle fai ocupar un lugar destacado entre os artistas galegos contemporáneos.

Tema: 

Cultura e Educación tende pontes entre Galicia e Arxentina a través de MICAtlántica con exposicións, mesas redondas, espectáculos e unha pasarela de moda

Os titulares de Cultura dos gobernos de Galicia e Arxentina, Xesús Vázquez Abad e Jorge Coscia, presidirán mañá no Museo Centro Gaiás o acto inaugural deste primeiro Mercado das Industrias Culturais Atlánticas

A xornada do domingo finalizará ás 20.30 horas no San Francisco Hotel Monumento coa Pasarela MICAtlántica, un espectáculo visual que combina música e danza coa exhibición das últimas creacións de deseñadores e artesáns arxentinos

A zona Expo ofrece exposicións fotográficas sobre o tango e a historia do Teatro Nacional Cervantes, o mural en vivo do prestixioso artista plástico Miguel Rep, ademais de instalacións como na que participan as palilleiras de Camariñas

Gallego
Cultura e Educación tende pontes entre Galicia e Arxentina a través de MICAtlánt
Cultura e Educación tende pontes entre Galicia e Arxentina a través de MICAtlántica con exposicións, mesas redondas, espectáculos e unha pasarela de moda

O Mercado das Industrias Culturais Atlánticas (MICAtlántica), que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Secretaría de Cultura de la Presidencia de la Nación Argentina desenvolven desde hoxe e ata o venres 29 na Cidade da Cultura de Galicia e noutros espazos de Santiago de Compostela, está a tender pontes entre Galicia e Arxentina a través dun intenso programa que inclúe exposicións, instalacións artísticas, mesas redondas, espectáculos e un desfile de moda, entre outras actividades abertas ao público e de acceso gratuíto.

A xornada de mañá dará comezo ás 10.30 horas no Museo Gaiás co acto de inauguración oficial que presidirán o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e o secretario de Cultura de la Presidencia de la Nación Argentina, Jorge Coscia, en representación das institucións que comparten a organización deste importante evento internacional. A edición de Galicia é, ademais, a primeira que este mercado das industrias culturais celebra fóra de Arxentina, país onde se vén realizando desde 2011 baixo a marca MICA (Mercado de Industrias Culturales Argentinas).

Internacionalización

O obxectivo é afianzar e impulsar as relacións profesionais e artísticas entre ambos os países, ampliando o seu radio de acción ao resto de Iberoamérica e da Península Ibérica, de xeito que as numerosas reunións de negocio nas que están a participar os 400 axentes culturais acreditados –entre os que se atopan destacados empresarios e artistas de ambas beiras do Atlántico– se traduzan nunha maior presenza dos produtos culturais galegos en Arxentina e viceversa. Ao longo da xornada de hoxe, o espazo Lab está a ser o escenario de 200 reunións cruzadas concertadas especificamente pola organización.

Ao tempo, MICAtlántica busca trasladar este intercambio cultural ao resto da cidadanía, abrindo a súa programación ao público xeral de xeito gratuíto. Así, xunto coas exposicións, instalacións, mesas redondas, conferencias e presentacións de proxectos que se desenvolverán nas zonas Expo, Lab e Fórum instaladas na Cidade da Cultura, o público galego ten mañá tres novas citas coa cultura arxentina a través da súa moda, o seu teatro e o seu cine.

Pasarela de entrada libre

Pasarela MICAtlántica é o título do espectáculo visual que se celebrará mañá, ás 20.30 horas, no San Francisco Hotel Monumento para exhibir as últimas creacións dun nutrido grupo de deseñadores e artesáns arxentinos. Afastándose dos desfiles de moda habituais, esta montaxe multidisciplinar mestura a música, o teatro e a danza para acompañar a exhibición dos deseños sobre a pasarela que se instalará no Patio de Cristal do antigo convento franciscano. O acceso a este evento é libre ata completar a capacidade dispoñible.

Nesta carteleira do domingo insírense, asemade, a proxección do filme de animación Historias de Cronopio y de Famas, do director Julio Ludueña, que leva á pantalla os famosos contos de Julio Cortázar a través da arte de diferentes debuxantes e pintores arxentinos. Esta cita audiovisual, que MICAtlántica comparte con Cineuropa, dará comezo ás 16.15 horas no Teatro Principal, mentres que a Zona C de Bonaval volve acoller ‘Todo lo que está a mi lado’, obra móbil de microteatro asinada polo dramaturgo, artista visual e actor bonaerense Fernando Rubio.

Coa colaboración especial das actrices galegas Belén Constenla, Iria Pinheiro, Erica González, Mariola Verdía, Rosalía Castro e Lúa Testa, a montaxe xira arredor dunha serie de camas distribuídas en todo o espazo escénico, buscando ao seu través a interacción e a intervención directa do público. As representacións teñen lugar hoxe sábado e mañá domingo de 19.30 a 22.00 horas, cun pase cada quince minutos. A entrada é libre ata completar a capacidade, que se reduce a oito espectadores por sesión.

Exposicións fotográficas

Pola súa banda, o Museo Centro Gaiás mantén abertas as súas portas de 9.30 a 19.00 horas ata o vindeiro martes cunha zona de exhibición arredor dos seis eixes nos que se articula este evento: artes escénicas, audiovisual, música, deseño e artesanía, editorial e videoxogos. No espazo Expo, os visitantes poderán percorrer as exposicións ‘El cuerpo del tango’, na que o recoñecido fotógrafo arxentino Baltasar Graziano captura a esencia do baile arxentino por antonomasia, e ‘Una historia en imágenes’, que recolle fotografías dunha selección dos más destacados espectáculos entre os preto de 2.000 que ten levado a escena o histórico Teatro Nacional Cervantes.

‘Redes atrapando mundos’

Ademais, Arxentina homenaxea a Galicia como anfitrioa deste evento mediante a instalación ‘Redes atrapando mundos’, centrada na produción téxtil artesanal e no deseño contemporáneo, cunha especial atención ao encaixe. Neste espazo e durante a xornada de hoxe, unha quincena de palilleiras de Camariñas e as representantes do Encuentro Textil de San Isidro, do Gran Bos Aires, compartirán traballo para amosar ao vivo a laboriosa e artesanal elaboración das súas producións.

Tamén en directo, o afamado debuxante e artista plástico Miguel Rep, autor das viñetas da contraportada de ‘Página 12’, un dos xornais máis importantes de Arxentina, está a crear un mural de gran formato que irá tomando corpo durante todos os días de celebración do evento.

Ritmo e percusión por sinais

En paralelo a toda esta actividade, MICAtlántica acolle obradoiros específicos, como o que hoxe e mañá ofrece o autor teatral Mauricio Kartún, considerado un mestre a nivel internacional; e ‘Ritmo e percusión con sinais’, que impartirá mañá o educador e músico Santiago Vázquez, fundador do grupo de percusión La Bomba del Tiempo e creador dun código pioneiro para sinais a partir do ritmo e a percusión.

Cóntase, así mesmo, cun activo espazo para a presentación de proxectos culturais de Galicia e Arxentina, así como para a análise, o debate e a reflexión a través de conferencias e mesas redondas.

O programa completo de MICAtlántica está dispoñible en www.micatlantica.org

Tema: 

O conselleiro de Cultura e Educación salienta a importancia do papel dos docentes na alfabetización científica do alumnado, na clausura do XXVI Congreso de ENCIGA

A Asociación de Ensinantes de Ciencia de Galicia reuniu neste encontro a máis de 300 docentes de infantil, primaria, secundaria e universidade de diferentes Comunidades Autónomas e de Portugal

Gallego
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Ab
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, participou na clausura do XXVI Congreso da Asociación de Ensinantes de Ciencias de Galicia (ENCIGA)

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, participou esta mañá na clausura do XXVI Congreso da Asociación de Ensinantes de Ciencia de Galicia (ENCIGA), un encontro no que se reuniron máis de 300 docentes de infantil, primaria, secundaria e universidade de diferentes Comunidades Autónomas, como Galicia, A Rioxa, Valencia, Cantabria, Cataluña; e de Portugal.

Durante a súa intervención o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia salientou a importancia dos docentes na creación “dunha mente científica, como no asentamento das bases de todo coñecemento”. A este respecto lembrou a necesidade dunha alfabetización científica como parte esencial do saber, “de xeito que permita interpretar a realidade, axude a construír opinións e ofreza argumentos para tomar decisións”, que ademais “proporciona ao alumnado unha cultura científica básica coa que entender mellor o mundo no que se desenvolve”.

Xesús Vázquez sinalou así mesmo a importancia de que o profesorado actualice constantemente os seus coñecementos, unha tarefa na que está plenamente implicada a Consellería xa que “nos docentes descansa o futuro formativo das nosas mozas e mozos”. Neste sentido agradeceu o labor de ENCIGA por ter entendido “que un docente precisa estar en continua renovación e formación para poder seguir o ritmo, moitas veces vertixinoso, da nosa sociedade. E, por suposto, por implicarse para cubrir esa necesidade”.

Intercambio de experiencias

Ao longo das 3 xornadas do congreso os asistentes compartiron conferencias, comunicacións, obradoiros e debates arredor da avaliación, as experiencias didácticas interdisciplinares, as actividades de investigación-acción, os materiais curriculares ou os recursos multimedia. O tratamento de contidos transversais, o desenvolvemento curricular e as estratexias metodolóxicas foron tamén obxecto de parte das actividades realizadas no marco do congreso.

O encontro rematou hoxe coa conferencia ‘A física de partículas, un exemplo: o experimento ATLAS no CERN’, impartido por Teresa Fonseca Martín, investigadora do CERN e profesora no Collège Calvin de Genève.

Coa celebración deste congreso anual ENCIGA - que forma parte da Federación Internacional de Asociacións de Ensinanza da Ciencia, ICASE International Council of Associations for Science Education- procura un dobre fin: formativo e de achegamento entre os docentes do eido das ciencias. O obxectivo desta asociación é, de feito, mellorar a calidade no ensino na área de ciencias, a través do impulso e dinamización dos traballos de investigación educativa e intercambio de información entre os asociados, para o que este tipo de encontros é fundamental.

Tema: 

Colectivo: 

Cultura e Educación difunde o valor histórico e artístico do Mosteiro de Armenteira nunha nova cita do ciclo Monumenta

A Consellería investiu máis de 320.000 euros na rehabilitación deste templo

O programa busca dar a coñecer elementos clave do noso patrimonio cultural recentemente restaurados a través da celebración nestes espazos de diferentes actividades culturais

Gallego
 Mosteiro de Armenteira
Mosteiro de Armenteira

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria contribúe á difusión dos valores históricos e artísticos do Mosteiro de Armenteira (en Meis) a través dunha nova cita do ciclo ‘Monumenta: difusión do patrimonio restaurado’, programa de dinamización artística en espazos de interese patrimonial recentemente restaurados ou nos que están previstas actuacións de recuperación.

Despois do investimento de máis de 320.000 euros realizado pola Consellería neste conxunto, o Monumenta programa para esta tarde un obradoiro – sobre as intervencións das fachadas das igrexas- dirixido ás familias con posterior visita guiada ao conxunto arquitectónico de Armenteira. En concreto o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad, está a realizar traballos para a recuperación da fonte do mosteiro, así como obras de limpeza e restauración de fachadas, de substitución e restauración das carpinterías -incluídos vidros de protección interior para o rosetón da fachada- e de reparación do pavimento interior. O programa de melloras inclúe, así mesmo, o soterramento da acometida eléctrica, a construción dunha rampla lateral que facilite o acceso de discapacitados ao interior, así como a drenaxe e pavimento do adro co obxectivo mellorar as súas condicións de conservación.

Tras a actividade dirixida ás familias, e xa coa asistencia da directora xeral do Patrimonio Cultural, María Carmen Martínez Insua; Armenteira acollerá o ‘Noticiario Fol 1932’, un espectáculo que arranca coa proxección do filme histórico recuperado en 2012 por aCentral Folque e o CGAI, que se acompaña de música ao vivo –especialmente composta para a ocasión–do grupo Comisa Bal. A introdución histórica correrá a cargo de Ramom Pinheiro e Martin Pawley, que falarán sobre o cinema e a música nos anos 30 e, en especial, sobre a aparición do Mosteiro neste fita. A continuación a contadora e cantante Charo Pita deleitará aos asistentes cunha sesión de contacontos.

Achegar á cidadanía ao patrimonio recuperado

Ata o vindeiro 8 de decembro Monumenta promove o achegamento da cidadanía ao patrimonio galego recuperado. Concertos, obradoiros, visitas guiadas e faladoiros conforman a programación deste ciclo, que lles permitirán aos participantes apreciar o laborioso traballo de recuperación e de conservación levado a cabo nos bens patrimoniais nos que se celebra o ciclo e coñecer o valor dos monumentos, contando para elo coa participación de artistas e formacións musicais de referencia en Galicia, así como de músicos e entidades locais vinculados cos diferentes lugares nos que se realiza o ciclo. 

Así, ofrécense actuacións de recoñecidos artistas e de formacións musicais vinculadas cos propios lugares nos que se desenvolve o ciclo. Este apartado musical inclúe os concertos de Rosa Cedrón, de Pedro Lamas e Xosé Lois Romero, de María do Ceo, do Grupo 1500, de S@X21, da Rondalla Alfaia de Cenlle, da Coral Polifónica de Chantada e dun cuarteto de corda do Conservatorio de Vigo, en homenaxe a Ángel Barja Iglesias.

O ciclo tamén conta coa participación do xornalista, músico e escritor Xurxo Souto, coa proxección do filme histórico Noticieiro Folk 1932, coa contadora e cantante Charo Pita e cunha performance musical e poética de UgMOV, con Ugia Pedreira e Marina Oural Villapol. O teatro de rúa tamén estará presente cunha recreación histórica a cargo do grupo Os Quinquilláns.

Obradoiros nos que as familias terá oportunidade de coñecer a arquitectura dos monumentos e o proceso de restauración dos bens, faladoiros cos veciños e veciñas do lugar para aprender, compartir e ampliar coñecementos, visitas guiadas e paseos sonoros completan a programación deste ciclo que promove a Consellería co obxectivo de difundir o interese e o aprecio polo patrimonio cultural galego.

O ciclo percorre as catro provincias galegas. Tras as actividades realizadas no claustro da catedral de Santa María en Tui, no santuario da Angustia en Betanzos, na igrexa de San Miguel de Osmo en Cenlle, na igrexa de Santa María de Nogueira de Miño en Chantada e na igrexa do mosteiro de Santa María de Armenteira en Meis; continuará a súa andaina no mosteiro de San Xusto de Toxos Outos en Lousame (día 30). En decembro desenvolverase na igrexa do mosteiro de San Salvador de Vilanova de Lourenzá (día 1), na do mosteiro de San Clodio en Leiro (día 24), na igrexa de Santa Cruz de Terroso en Vilardevós (día 7) e na de San Pedro de Moreiras en Toén (día 8).

Tema: 

A Consellería de Cultura e Educación e o goberno da cidade de porto valoran vías de colaboración para o desenvolvemento de proxectos culturais en 2014

Gallego
A Consellería de Cultura e Educación e o goberno da cidade de porto valoran vías
A Consellería de Cultura e Educación e o goberno da cidade de porto valoran vías de colaboración para o desenvolvemento de proxectos culturais en 2014

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o Goberno da cidade de Porto valoran proxectos de colaboración para levar a cabo diversas iniciativas culturais en 2014. Fixéronno no marco do encontro que mantiveron esta tarde o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o novo responsable de Cultura de de Porto, Paulo Cunha e Silva, que amosaron o seu interese en concretar a realización de inciativas conxuntas que favorezan o intercambio cultural entre Portugal e Galicia, en ámbitos como as artes escéncias, a danza e as artes plásticas.

O representante portugués participará esta tarde na inauguración da exposición '93', co que o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) celebra o seu vixésimo aniversario.

Tema: 

Os centros de ensino galegos expoñen as súas boas prácticas en materia de innovación educativa nunhas xornadas organizadas pola Consellería de Cultura e Educación

Máis de 300 docentes participan neste encontro, que remata este sábado en Santiago

Gallego
 Os centros de ensino galegos expoñen as súas boas prácticas en materia de innov
Os centros de ensino galegos expoñen as súas boas prácticas en materia de innovación educativa nunhas xornadas organizadas pola Consellería de Cultura e Educación

Máis de 300 docentes participan este venres e sábado nas Xornadas de Innovación Educativa organizadas pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e nos que os centros de ensino de Galicia expoñen as súas boas prácticas nesta materia. Non en balde, cómpre lembrar que algún dos centros participantes neste encontro foron avaladas polos premios recibidos a nivel nacional.

O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; representou á Consellería este venres na inauguración das xornadas, que  arrincaron coa conferencia do director do Instituto Nacional de Avaliación Educativa, Ismael Sanz Labrador, ‘Factores que poden contribuír a mellorar a educación’.

Durante a súa intervención o director xeral que subliñou a “importancia de organizar un espazo de encontro que sexa capaz de favorecer a reflexión e o debate en torno á innovación educativa e á mellora da calidade do ensino”. Ademais, engadiu que unha actividade formativa como esta convértese “nun espazo “para e por” os docentes, recoñecendo o seu traballo e dándolle visibilidade a prácticas educativas innovadoras que se están a desenvolver nos centros da nosa Comunidade Autónoma”.

O programa de hoxe pecharase cun panel de expertos no que se debaterá sobre a influencia da autonomía dos centros na mellora da calidade do ensino. Esta liña de actuación, que a Consellería de Cultura e Educación está a impulsar a través de iniciativas como os contratos-programa, os plans de formación en centros ou o Proxecto COMBAS; volverá ser abordada na clausura do encontro o sábado, coa participación de diferentes axentes da comunidade educativa, desde membros da inspeccións ata responsables de centros de formación –do profesorado- e recursos, entre outros.

Prácticas de aula innovadoras

Nesta mesma xornada presentaranse as devanditas boas prácticas de centros educativos, como é o caso do proxecto ‘San Xoán de película: unha escola inclusiva a través do cine’, que lle valeu ao CEIP San Xoán de Filgueira (Ferrol) o premio especial á Acción Maxistral; ou o do musical ‘O Eslavón do IES Plurilingües de Ames’, finalista destes mesmos galardóns outorgados pola Fundación de Axuda contra a Drogadicción (FAD), a Comisión Nacional Española de Cooperación coa la UNESCO e BBVA. ‘Aturuxo Films’, proxecto de creación audiovisual do IES de Cacheiras (Teo) mención nos Premios de Alfabetización do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, será outro dos expostos no encontro.

Así mesmo presentaranse as iniciativas desenvolvidas polo IES Plurilingüe Fontem Albei (A Fonsagrada) no marco do proxecto COMBAS e do Plan Proxecta; e ‘Impruxiño, construción dunha impresora 3D’, traballo do CPI Alcalde Xosé Pichel (Coristanco).

A finalidade destas Xornadas é crear un espazo de encontro que favoreza a reflexión e o debate sobre a innovación educativa, recoñecendo e difundindo experiencias innovadoras que se están a desenvolver nos nosos centros educativos co fin de que sexan un exemplo de boas prácticas, susceptibles de ser experimentadas de forma contextualizada por outros profesores e profesoras.

Tema: 

Colectivo: 

Sección: