A Xunta de Galicia apoia no Gaiás a entrega dos premios ‘O monte é a nosa vida’ de Confemadera que poñen en valor o monte galego desde a perspectiva social, medio ambiental e económica

O acto celebrado na Sala Eisenman Camiño de Santiago da Cidade da Cultura de Galicia contou coa presenza do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e mais a conselleira de Medio Rural e do Mar

Xesús Vázquez Abad salientou a importancia desta iniciativa como “unha valiosa contribución á transmisión do valor dos bosques galegos, do noso monte”

Pola súa banda, Rosa Quintana amosouse convencida de que –co compromiso ambiental dos máis cativos– “seguiremos sendo a Comunidade que máis árbores ten por habitante”

Mar, 18/06/2013 - 13:35
Os conselleiros de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e do Medio Rura
Os conselleiros de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e do Medio Rural e do Mar participaron na entrega de premios O monte é a nosa vida. Axúdanos a coidalo

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e mais a conselleira de Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana presidiron esta mañá na Cidade da Cultura de Galicia a entrega da segunda edición dos premios ‘O monte é a nosa vida, axúdanos a coidalo’ organizados por Confemadera Hábitat Galicia que recoñecen os traballos das alumnas e os alumnos de ESO de todos os centros escolares de Galicia e que poñen en valor o monte galego desde a perspectiva social, medio ambiental e económica. Os conselleiros estiveron acompañados polo presidente de Confemadera Hábitat Galicia, Elier Ojea, así como dos directores e profesores dos colexios asistentes.

O conselleiro, que foi membro do xurado destes premios, salientou a calidade dos “máis dun cento de traballos presentados” e valorou a capacidade dos rapaces para coidar o medio ambiente “a través de iniciativas formativas nos centros galegos”. Vázquez Abad lembroulles aos alumnos e alumnas que os montes “cumpren unha importante función ecolóxica, minorando o cambio climático; están na orixe dun importante sector da economía galega, a produción e transformación da madeira; e cumpren unha función social como espazo de lecer e encontro coa natureza, tan necesario”.

Do mesmo xeito, o responsable de Cultura e Educación felicitou a Confemadera por organizar unha iniciativa que é “unha valiosa contribución á transmisión do valor dos bosques galegos, do noso monte”. Así tamén, o conselleiro recoñeceu o traballo dos docentes “pola súa implicación” xa que “hoxe coma sempre, serán a vosa guía e apoio”, dixo.

Pola súa banda, a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, felicitou a todos os participantes nesta iniciativa e destacou o elevado número de traballos presentados –máis de cen, e con participación de todas as provincias–. Rosa Quintana sinalou que esta alta participación amosa o “coidado e cariño polo medio natural” que manifestan os máis cativos.

A titular de Medio Rural e Mar destacou a vocación forestal de Galicia lembrando que a nosa Comunidade é unha terra “que se apoia moito nos montes para saír adiante. Deles, e con eles, vive unha gran parte da poboación”. Cara o futuro, a conselleira dixo estar convencida de que, con este compromiso, “seguiremos sendo a Comunidade que máis árbores ten por habitante”. Tamén amosou a súa confianza en que “co paso do tempo, cando vos –os nenos e as nenas– teñades  responsabilidades sobre o monte, as cousas seranvos moito máis doadas, os galegos seremos, seredes para entón, moito máis respectuosos co noso medio natural e conseguiremos que, como dicía Álvaro Cunqueiro, haxa mil primaveras máis para Galicia”.

O presidente de Confemadera Hábitat Galicia, Elier Ojea, explicou que esta iniciativa de achegar os estudantes aos montes para que “descubran as súas particularidades e a riqueza que xeran” é a mellor maneira de defender “o patrimonio medioambiental e forestal” de Galicia. “Todo o que nos importa preocupámonos de coidalo e esforzámonos para evitar que calquera agresión o destrúa. Debe ser a sociedade a que se preocupe de defender a riqueza forestal que representa o monte galego”, apuntou Ojea.

O monte é a nosa vida

No acto celebrado na Sala Eisenman Camiño de Santiago entregáronse os premios correspondentes a esta edición, escollidos entre os máis de 100 traballos presentados. Na categoría artística os premios foron para dous institutos de educación secundaria de Vigo. O Colexio Compañía de María de Vigo resultou premiado polo traballo de Gonzalo Álvarez, Rodrigo Gómez, Iago Saavedra e Manuel Domínguez sobre Monteferro (Nigrán). O IES Carlos Casares obtivo o premio por un conto ilustrado no que os alumnos de 1º da ESO (grupo B) explicaron o proceso de recuperación que o instituto realizou durante catro anos no seu recuncho forestal. Na categoría audiovisual, o xurado considerou que o premio fose para o vídeo do Instituto Terra de Ferrol, realizado por alumnos de 5º e 6º  de primaria e as actividades que realizan no bosque que está nas inmediacións do centro, entre as que destaca a súa repoboación. Por último, este ano o concurso creou unha categoría para os Centros de Educación Especial de Galicia, a petición de estes centros. Nesta categoría resultou gañadora a proposta do CEE Infanta Elena de Monforte de Lemos (Lugo) por un traballo sobre as Illas Cíes.

A campaña ‘O monte é a nosa vida, axúdanos a coidalo’ é unha iniciativa de Confemadera Hábitat Galicia, que naceu en 2007, co obxectivo de sensibilizar á sociedade galega da importancia do monte para Galicia desde as perspectivas medioambiental, social e económica. O concurso está dirixido aos estudantes de 1º, 2º, 3º e 4º da ESO de todos os centros escolares de Galicia, tanto de forma individual como en grupo, para que amosen a súa visión do monte galego. No primeiro caso poderán presentarse de forma individual cun debuxo, ou fotografía que teña como temática o monte e que faga referencia á perspectiva medioambiental, social e económica. En relación aos grupos de estudantes que se queiran presentar deberán facelo cun mural, un álbum de fotografías físico ou dixital ou a través dun vídeo.