A Consellería de Cultura e Educación ofrece en Lugo as últimas funcións en Galicia da produción do Centro Dramático Galego Días sen gloria

Fefa Noia dirixe esta versión dunha das obras mestras de Roberto Vidal Bolaño, que se escenifica o xoves 13 no Auditorio Gustavo Freire nun pase para o público xeral e outro para escolares

Manuel Manquiña e Eva Souto interpretan dous antiheroes nesta historia sobre unha viaxe sen retorno, co Camiño de Santiago como fío condutor, que conta tamén coas interpretacións de Borja Fernández, Felisa Segade e Sergio Zearreta

A xira da produción coa que a compañía pública homenaxea o autor protagonista do Días das Letras finalizará o día 21 en Braga tras ter ofrecido un total de 38 representacións en 12 escenarios

Mar, 11/06/2013 - 14:40
A Consellería de Cultura e Educación ofrece en Lugo as últimas funcións en Galic
Carmen Basadre, concelleira de Cultura de Lugo; Manuel Guede Oliva, director do CDG; e Manuel Manquiña, actor protagonista deste espectáculo.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria conclúe en Lugo a xira galega de Días sen gloria, produción do Centro Dramático Galego (CDG) a partir da obra de Roberto Vidal Bolaño, que sube ao escenario do Auditorio Municipal Gustavo Freire o xoves 13 con senllas representacións para público xeral ás 20.30 horas e para escolares en sesión matinal.

Carmen Basadre, concelleira de Cultura de Lugo; Manuel Guede Oliva, director do CDG; e Manuel Manquiña, actor protagonista deste espectáculo, presentaron hoxe as últimas funcións en Galicia desta adaptación dirixida por Fefa Noia, que chega a Lugo en colaboración co Concello. A continuación, a compañía pública porá rumbo a Braga, onde o día 21 concluirá o percorrido da que é a proposta escénica central na programación coa que a Consellería honra a Vidal Bolaño no ano en que se lle dedica o Día das Letras.

Campaña escolar

Ao finalizar esta xira, a compañía institucional terá escenificado Días sen gloria en 12 localidades e ofrecido un total de 38 funcións, das que 15 se insiren na ampla campaña didáctica desenvolvida con motivo da recuperación para as táboas deste texto, considerado polos especialistas como unha das obras mestras do autor compostelán.

Manuel Manquiña, Eva Souto, Borja Fernández, Felisa Segade e Sergio Zearreta interpretan esta nova versión do texto gañador do Premio Rafael Dieste en 1999, que a compañía Teatro do Aquí, fundada e dirixida por Roberto Vidal Bolaño, levou ás táboas hai vinte anos co propio autor no papel protagonista. Trátase, ademais, dunha das pezas que mellor resume o universo bolañano, cos seus personaxes e ambientes marxinais, a épica da derrota como temática recorrente e onde se reflicten, así mesmo, as súas recoñecidas influencias cinematográficas.

Días sen gloriaé a historia de dous antiheroes que comparten unha viaxe sen retorno, ambientada no Camiño de Santiago como territorio no que o paradigma amor-morte se converte en atmosfera inquietante. Ambos os dous compartirán trinta días de viaxe física e emocional, que sobre as táboas se desenvolve a través dunha trintena de escenas concentradas en pouco máis de hora e media de función, con 25 personaxes para cinco actores e 50 espazos nun mesmo escenario.

Manuel Manquiña, un dos actores galegos máis coñecidos, e Eva Souto, unha das novas caras da nosa escena, son El e Ela, dous personaxes anónimos e derrotados que peregrinan a Compostela na procura de cadansúa utopía. Ela é unha prostituta nova e inxenua, que pretende alcanzar o cabaleiro que a enganou ao non lle pagar polos servizos amatorios de dúas semanas. El é un gallofo vello, coñecedor de todos os atallos e ameazas da ruta xacobea, que accede a acompañala a cambio de cartos para acabar enfrontando xuntos un destino que xa na primeira escena se presenta como inevitable.

Espazo sonoro en directo

Sairanlles ao paso cegos, tolos, esmoleiros, prostitutas e predicadores, así como o propio cabaleiro e o seu círculo, todos eles interpretados por Borja Fernández, Felisa Segade e Sergio Zearreta. A experiencia musical destes tres intérpretes –Felisa Segade como integrante de Leilía e Brincadeira e Borja Fernández e Sergio Zearreta tanto en proxectos de teatro musical como á fronte das bandas Soy Un Árbol e Lamatumbá, respectivamente– permítelles asinar tamén o espazo sonoro do espectáculo que, máis alá dun mero acompañamento musical, recrea en directo a tradición popular a partir das cantigas que se recollen no texto e coa incorporación doutras novas.

Este importante reto escénico supón, ademais, o regreso ao teatro galego de Fefa Noia, directora compostelá afincada en Madrid e cunha intensa traxectoria profesional vinculada a Teatro de la Abadía, Centro Dramático Nacional, Compañía Nacional de Teatro Clásico, EscénaTe e á súa compañía Los Lunes, entre outras formacións. Para a súa materialización, contou coa escenografía a base de cordames móbiles ideada por Baltasar Patiño, a iluminación de Pedro Yagüe e o vestiario de Alejandro Andújar, así como coa asistencia na dirección de Roi Vidal, fillo do autor.