Preto de medio milleiro de nenos e nenas ensaian na Cidade da Cultura de Galicia unha homenaxe musical a Rosalía de Castro

O conselleiro de Cultura e Educación asistirá esta tarde ao concerto, promovido polo seu departamento e o Consello da Cultura Galega, no que máis de 450 rapaces unirán as súas voces para cantar os versos da escritora na igrexa de San Domingos de Bonaval

O secretario xeral de Cultura deulles a benvida esta mañá aos alumnos e alumnas dos centros musicais galegos que participan nesta actividade e agradeceulles o seu “traballo e enerxía dedicados á música e á poesía de Galicia”

Ven, 07/06/2013 - 14:35
Anxo Lorenzo acompañou aos nenos participantes no concerto na súa visita á Cidad
Anxo Lorenzo acompañou aos nenos participantes no concerto na súa visita á Cidade da Cultura

Preto de medio milleiro de rapaces e rapazas de entre 8 e 12 anos visitaron esta mañá a Cidade da Cultura de Galicia para ensaiar unha multitudinaria homenaxe musical a Rosalía de Castro, que se materializará nun concerto na igrexa de San Domingos de Bonaval, ás 17:30 horas, no que interpretarán catro pezas baseadas en poemas da escritora. ‘No bico un cantar. Nenos e nenas cantan a Rosalía’ é o título co que se presenta esta actividade que promove o Consello da Cultura Galega coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no marco da celebración do sesquicentenario da publicación de ‘Cantares gallegos’.

En representación da Consellería, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, deulles esta mañá a benvida ao alumnado dos centros musicais que participan nesta homenaxe colectiva a Rosalía de Castro, na que unirán as súas voces para interpretar as obras musicais “Maio longo”, “Rosa de abril”, “Negra sombra” e “En Cornes”. “Esta homenaxe vai ser moi especial para Galicia enteira –díxolles o secretario xeral– polo que vos agradezo o voso traballo e a vosa enerxía dedicada á música e poesía galega”. “Agardo que esta experiencia vos anime a seguir facendo música por moitos anos”, afirmou.

A directora-xerente e a directora de Acción Cultural da Cidade da Cultura, Beatriz González Loroño e María Pereira, respectivamente; o xerente do Consello da Cultura Galega, Marcelino Fernández, e o compositor Juan Durán acompañaron o secretario xeral no acto de benvida aos rapaces e rapazas.