Vázquez Abad participa en Madrid na inauguración da “nova proposta da espiritualidade artística de Luis Gabú” centrada na Catedral e o Camiño de Santiago

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria asistiu á inauguración de ‘Arte e ritual na Catedral de Santiago’, 20 fotografías sobre a Catedral que “son portadoras dunha carga poética que emana da linguaxe da espiritualidade máis profunda”

Vázquez Abad subliñou a categoría de Luis Gabú ao que definiu como “un creador que transcende os límites do noso propio territorio”

A mostra estará aberta ao público ata o vindeiro 1 de setembro no Museo Nacional de Antropoloxía.

Xov, 06/06/2013 - 20:30
Vázquez Abad participa en Madrid na inauguración
Vázquez Abad participa en Madrid na inauguración da “nova proposta da espiritualidade artística de Luis Gabú” centrada na Catedral e o Camiño de Santiago

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria , Xesús Vázquez Abad, participou no serán de hoxe na inauguración da exposición ‘Arte e ritual na Catedral de Santiago’, do fotógrafo coruñés Luis López Gabú. No seu discurso, o conselleiro amosou a súa satisfacción por “atoparnos ante unha nova proposta da espiritualidade artística de Luis Gabú” e por ser o obxectivo da súa cámara “a Catedral e o Camiño de Santiago, que son o emblema da nosa marca Galicia no mundo, sen deixar de ser marca España”. A mostra, composta por 20 fotografías, estará aberta ao público ata o vindeiro 1 de setembro no Museo Nacional de Antropoloxía. A inauguración contou cunha ampla concorrencia, tanto de público xeral así como de xentes pertencentes ao eido cultural e representantes institucionais. Por parte do Ministerio, o conselleiro estivo acompañado polo director de Belas Artes, Jesús Prieto, e polo subdirector xeral de Museos Estatais, Enrique Varela. Asemade tamén asistiron o delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia, Xosé Ramón Ónega; e o concelleiro do Distrito Moncloa-Aravaca, Álvaro Ballarín. 

Na súa intervención, o titular de Cultura gabou a traxectoria de Luis Gabú considerándoo como “un creador que transcende os límites do noso propio territorio”. Segundo o conselleiro, a través desta mostra, Gabú “dá un paso máis no seu percorrido pola arquitectura espiritual das súas imaxes fotográficas, compartindo con nós a mirada e o soño” da Catedral de Santiago. “Poucos gozan do privilexio de saber captala con tanta beleza e emoción, como Luis Gabú”, engadiu.

As 20 instantáneas das que se compón a mostra, “son portadoras dunha carga poética que emana da linguaxe da espiritualidade máis profunda”. Deste xeito amosan “a aprehensión da beleza, que xurde dun planeamento estético entre o certo e o soñado, entre o tanxible e o intanxible, entre o real e o sublime”.

Xesús Vázquez Abad convidou a visitar esta mostra fotográfica de Luis Gabú, así como a todos aqueles que “desde Madrid ou desde calquera parte do mundo queiran visitarnos en Galicia o próximo ano e celebrar con nós os 800 anos da peregrinación de San Francisco de Asís á cidade do Apóstolo”.

Traxectoria de Gabú

Nas súas palabras, o conselleiro repasou a traxectoria e a obra do fotógrafo coruñés. As primeiras etapas de Luis Gabú “transcorren pola amazonia brasileira, Cuba e Colombia”. Tempo despois, “inicia en Guinea Bissau a súa etapa máis africana”. “É aquí onde toma o nome artístico de ‘Gabú’, que é o topónimo dun pequeno pobo de Guinea Bissau”, explicou.

Froito das súas viaxes por Somalia, Malí, Senegal, Mauritania, Arxelia, Marrocos ou Etiopía, nace a exposición ‘Madrasas de África’, promovida en 2009 pola Xunta de Galicia e que tamén estivo exposta ao público no Museo Nacional de Antropoloxía. A través desta colección o espectador achégase ao continente africano dende unha perspectiva diferente e enriquecedora. 

Tras a súa aventura africana, “o fotógrafo coruñés realiza outro proxecto sobre o Vudú en Haití. Froito de esta experiencia é a mostra Vudú, el camino negro de Santiago”. Posteriormente e ademais do seu traballo asiático que o leva por Birmania, Thailandia, Vietnam e Laos -paralelo ás series africanas-, Luis Gabú “expón no Museo das Peregrinacións e na Casa da Parra de Santiago outra serie sobre os cristiáns máis puros de África, os cristiáns coptos de Etiopía”.

Arte e ritual na Catedral de Santiago

A exposición amosa unha selección de vinte fotografías realizadas por Luis Gabú, resultado da experiencia e das investigacións levadas a cabo polo artista sobre o Xacobeo e as peregrinacións a Santiago de Compostela.

O autor afonda no coñecemento do tema do Camiño achegando, grazas a unha especial mirada en torno ás persoas de diferentes nacionalidades e continentes que chegan á catedral compostelá, a súa visión persoal dun feito de arraigada tradición na cultura europea que sobreviviu ao paso dos séculos, destacando entre as súas principais calidades a harmonía e a pacífica convivencia.

A obra fotográfica desta exposición ofrece unha dobre visión da Catedral de Santiago de Compostela: un diálogo visual artístico entre a serenidade e o movemento. A diferenza doutros templos cristiáns no mundo, a Catedral de Santiago presenta ao peregrino dentro dun culto e ritual. O Botafumeiro, elemento purificador, un dos símbolos máis populares da Catedral, ten nestas imaxes un significado especial.

O fotógrafo Luis Gabú prolonga nesta exposición a súa visión antropolóxica da espiritualidade reflectida noutros dos seus traballos fotográficos. Desde o seu punto de vista artístico, o autor mantén a linguaxe doutros proxectos que é a utilización dos contrastes entre luces e sombras, por ser en certo modo estes contrastes os que tratan de explicar, organizar e dar sentido ás diferentes relixións, a vida e a morte, o ben e o mal, a verdade e a mentira.

As imaxes expresan en toda a súa riqueza visual e espiritual unha evidente carga poética que acompaña á realidade das mesmas, foron captadas no transcurso do ano 2010 e reflicten con precisión a intimidade dun mundo real configurado pola presenza dos peregrinos na súa viaxe ou inmersos na relixiosidade envolvente dos rituais no escenario catedralicio.

A traxectoria creativa de Luis Gabú procede dunha forte vocación artística unida ao desexo de investigar outras formas de vida, outras culturas que amosan  orgullosas a diferenza nun mundo globalizado. A través das mesmas o autor comparte en certo modo unha mirada particular cargada de connotacións antropolóxicas coa intención, segundo as súas propias palabras, “de rescatar aqueles costumes dun pasado ás veces intemporal e situalas no contexto actual”.