Cultura e Educación ofrece no Museo do Mar de Galicia a ollada fotográfica de Manuel Sendón e Fran Herbello sobre a paisaxe

Na exposición ‘Mil ríos’, os fotógrafos recuperan a vivencia da expedición a través de imaxes tomadas polas augas do río Verdugo a bordo dunha piragua

A primeira mostra deste proxecto artístico, que se ampliará con novas exposicións arredor doutros ríos, foi inaugurada este serán polo secretario xeral de Cultura

Mér, 05/06/2013 - 20:31
 Cultura e Educación ofrece no Museo do Mar de Galicia a ollada fotográfica de M
Cultura e Educación ofrece no Museo do Mar de Galicia a ollada fotográfica de Manuel Sendón e Fran Herbello sobre a paisaxe

Os fotógrafos Manuel Sendón e Fran Herbello recuperan a vivencia da expedición nunha mostra conformada por imaxes tomadas desde a proa dunha piragua polas augas do río Verdugo e da ría de Vigo, na que achegan a súa ollada sobre o territorio. ‘Mil ríos’ é o título baixo o que se presenta este proxecto artístico, que se pode ver desde hoxe e ata o próximo 6 de setembro no Museo do Mar de Galicia.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participou este serán na inauguración da exposición, que tamén contou coa presenza dos dous artistas e da directora do museo, Marta Lucio. “A auga é para nós un elemento de identidade; non é casual que esteamos hoxe construíndo a nosa axenda cultural nun lugar que é Museo do Mar e que veñamos poñer o foco río arriba, nas augas que envolven a nosa xeografía”, afirmou Anxo Lorenzo.

“Manuel Sendón e Fran Herbello –engadiu– ofrécennos unha ollada distinta e suxestiva coa que nos propoñen achegarnos ao fluír do río desde a ría de Vigo, case coma exploradores do medio”. “Este é o comezo dun trazo que queren continuar por outras correntes de Galicia a través dunha proposta moi estética e moi acaída, para provocar en nós ese reencontro natural e imprescindible co noso medio, para coñecelo, para valoralo, para darnos nos ollos coa idea de arte pura, natural”, dixo.

Recuperar a vivencia da exploración

O eixo central deste proxecto fotográfico que comezou hai dous anos constitúeo a vivencia da exploración como medio para se achegar ao territorio. Durante este tempo, Manuel Sendón e Fran Herbello realizaron coas súas cámaras a bordo dunha piragua expedicións por ríos como o Anllóns, o Ulla ou o Tambre, ademais do Verdugo, protagonista da exposición que se pode visitar no Museo do Mar.

Esta é a primeira mostra deste proxecto, á que está previsto que sigan exposicións que terán outros ríos como base do percorrido fotográfico pola paisaxe galega.