Cultura e Educación achega “Orinoco. Viaxe a un mundo perdido” ao público familiar a través de cine, obradoiros, visitas didácticas e campamentos no Museo Centro Gaiás

O 11 de xuño comeza o ciclo de cine “Clima. Cultura. Cambio” no que se proxectarán curtas e películas centradas na dimensión social do cambio climático

Nenos de 6 a 11 anos poderán pasar toda unha noite no Museo Centro Gaiás no interior do Campamento Tepuy durante os meses de xullo e agosto ou construír unha vivenda indíxena o 7 de setembro nun obradoiro de arquitectura

Cada sábado a partir do 15 de xuño, o Museo Centro Gaiás acollerá visitas familiares coas que coñecer a mostra dunha forma lúdica e didáctica

Mér, 05/06/2013 - 14:30
 Cultura e Educación achega “Orinoco. Viaxe a un mundo perdido” ao público famil
Cultura e Educación achega “Orinoco. Viaxe a un mundo perdido” ao público familiar a través de cine, obradoiros, visitas didácticas e campamentos no Museo Centro Gaiás

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pon en marcha un programa lúdico e didáctico co que achegar a exposición Orinoco. Viaxe a un mundo perdido ao público familiar. Martes de cine ambiental, obradoiros cos que achegarse á vida cotiá das etnias do Amazonas venezolano, visitas familiares con actividades didácticas para os pequenos e noites de campamento no Museo Centro Gaiás serán as primeiras actividades coas que achegar a mostra a todos os públicos.

Este programa lúdico vén completar as visitas guiadas que teñen lugar todos os días en dúas quendas -11:30 e 17:30 horas- e o Campamento Tepuy, a zona didáctica instalada no andar -1 do Museo Centro Gaiás especialmente pensada para que os máis pequenos se divirtan ao tempo que aprenden sobre outras culturas.

Clima. Cultura. Cambio

O programa de actividades vinculado a Orinoco. Viaxe a un mundo perdido arranca o vindeiro martes, 11 de xuño, co ciclo de cine documental Clima. Cultura. Cambio, centrado na dimensión social do cambio climático.

Clima. Cultura. Cambio artéllase en catro sesións -11 e 25 de xuño e 9 e 23 de xullo- nas que se proxectarán unha película e unha curtametraxe nas que mostrar desde as causas ás solucións do cambio climático. O vindeiro martes será a quenda da curta animada The will como to Town, que ilustra os dramáticos efectos do cambio climático para as nosas cidades, e da película Über das Wasser, documental que amosa en tres episodios moi intensos a persoas que se enfrentan a diferentes fenómenos relacionados coa auga: seca, inundacións e a contaminación da auga potable.

Cada sesión dará comezo ás 20:00 horas no Museo Centro Gaiás e o acceso á sala de proxección realizarase coa entrada do mesmo día á exposición Orinoco. Viaxe a un mundo perdido.

Visitas familiares

Para os que queiran vivir a mostra dunha forma diferente, cada sábado a partir do vindeiro 15 de xuño, pequenos e maiores poderán converterse en exploradores e adentrarse no corazón da selva amazónica para descubrir os costumes das doce etnias que habitan o Alto Orinoco, a súa artesanía e o seu saber ancestral nun percorrido especialmente pensado para gozar en familia. Tras a visita guiado, os pequenos da casa terán a oportunidade de converterse en auténticos indíxenas ao introducirse no Campamento Tepuy, unha zona con actividades didácticas nas que poder dar renda solta á súa imaxinación.

Trátase doutra forma de coñecer Orinoco. Viaxe a un mundo perdido e de pasar un sábado diferente en familia para a que a Cidade da Cultura ofrece dúas quendas: 11:30 e 17:30 horas. O custo da entrada é o mesmo da exposición aínda que é preciso reservar previamente en www.cidadedacultura.org e abonar o prezo ao comezo da visita.

Unha noite no Orinoco

Durante xullo e agosto, o Gaiás ofrécelle aos nenos de entre seis e once anos pasar de ser espectadores a exploradores vivindo unha inesquecible aventura nocturna nun auténtico poboado indíxena. Cargados cos seus sacos de durmir e, tras visitar a exposición, os pequenos expedicionarios serán chamados polo xamán da tribo a escoitar, co ruído da selva e do río Orinoco de fondo, os ritos das distintas etnias e as súas lendas ancestrais e a participar nunha danza tribal antes de durmir baixo as estrelas do Museo Centro Gaiás.

Unha noite no Orinoco terá lugar o 5 de xullo, 19 de xullo, 2 de agosto e 16 de agosto. Os participantes deberán chegar ao Museo Centro Gaiás ás 19:00 horas para divertirse co completo programa da actividade, cear e pasar a noite no Campamento Tepuy instalado no andar -1 do edificio ata a hora de recollida: as 11:00 horas do día seguinte.

O prezo desta actividade é de 8 euros e xa pode adquirirse no Punto On da Cidade da Cultura ou en www.servinova.com (as entradas no portal online terán gastos de xestión a maiores). Os nenos que participen deberán levar saco de durmir, esterilla, utensilios de aseo e chándal ou roupa cómoda.

Obradoiro de arquitectura indíxena

Para os que prefiran os traballos manuais, o Museo Centro Gaiás acollerá o 7 de setembro o Obradoiro de arquitectura indíxena, no que poderán coñecer as vivendas que atoparon os grandes exploradores cando chegaron ao Orinoco, porque se construían estas vivendas e con que materiais, exemplos de arquitectura sostible e arquitecturas próximas que nos recordan ás do Orinoco.

Unha aproximación aos costumes e formas de vida das etnias da Amazonia venezolana que se complementarán coa construción das dúasvivendas máis aprezadas e que máis perduraron ata a actualidade: as churuatas (vivenda do bosque) e os palafitos (vivenda da auga), dúas iconas da cultura venezolana e do seu afán por vivir en harmonía coa natureza.

O obradoiro está pensado para nenos de entre 6 e 11 anos e terá lugar o sábado 7 de setembro en dúas quendas de hora e media: 12:00 e 17:00 horas. O custo da entrada é de 3 euros e xa pode adquirirse no Punto On da Cidade da Cultura ou en www.servinova.com.