A Axencia Tributaria pon a disposición da cidadanía o manual práctico da renda 2009 en lingua galega

Este recurso ten como obxectivo facilitarlles aos contribuíntes o cumprimento das súas obrigas tributarias

Mér, 26/05/2010 - 14:53

A Axencia Tributaria vén de poñer a disposición da cidadanía, en colaboración coa Xunta de Galicia, a versión en galego do Manual práctico do imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF) do exercicio 2009, un recurso que ten como obxectivo facilitarlles aos contribuíntes o cumprimento das súas obrigas tributarias.

O manual –dispoñible en formato pdf na web da Axencia Tributaria– recolle numerosos exemplos prácticos que buscan facer máis accesibles os textos fiscais e clarificar aquelas cuestións de maior complexidade.

Ademais, unha das principais novidades do manual da presente campaña é a introdución dunha referencia aos artigos da lei e do regulamento nos que se regulan as cuestións tratadas, para facilitarlles aos contribuíntes a súa localización no apéndice normativo.

Novos recursos en lingua galega

O manual práctico da renda constitúe un recurso de utilidade para os contribuíntes que, ao mesmo tempo, favorece a posibilidade de vivir en galego nos diferentes ámbitos da sociedade. Neste sentido, incide no obxectivo xeral do Plan xeral de normalización da lingua galega de dotar esta lingua “dos recursos lingüísticos e técnicos necesarios que o capaciten para vehicular a vida moderna”.