Cultura e Educación recorda que a contratación de profesores Celga é axustada á Lei e que tampouco en época de bonanza estes docentes eran funcionarios
Por impartir cursos de 70 horas cada un destas persoas ten unha retribución de 2.590 euros
A Consellería salienta que, como medida de sensibilidade diante da crise, estableceuse a pasada lexislatura como requisito para a contratación destes profesores colaboradores que fosen persoas desempregadas
Estes docentes desempeñan un servizo puntual, polo que carece de sentido que constitúan un corpo docente estable, categoría da que nunca gozaron
Diante das demandas expresadas hoxe polo colectivo de profesores que imparte cursos de certificación de lingua galega (CELGA), a Consellería, Educación e Ordenación Universitaria recorda que a contratación destes docentes é axustada á lei e que tampouco en época de bonanza estes docentes eran funcionarios. Neste sentido, cómpre sinalar que estas persoas desempeñan un servizo puntual, polo que carece de sentido que constitúan un corpo docente estable, categoría da que nunca gozaron. Por este servizo – cursos de 70 horas e corrección e avaliación dos exames-, cada un destas persoas ten unha retribución de 2.590 euros
É necesario, ademais, salientar a sensibilidade da actual Consellería diante da crise económica ao decidir no ano 2011 establecer como requisito para seren contratadas que estas persoas fosen demandantes de emprego en situación laboral de desempregado. Unha vez cumpren todos os requisitos, e seguindo a orde da listaxe, estes profesores colaboradores son contratos dentro do máis escrupuloso respecto á lei, a través dun contrato de servizos.
A Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, mantivo en 2013 a mesma oferta de cursos preparatorios das probas Celga ca en 2012, un total de 94 cursos impartidos polo seu profesorado colaborador. Deles, catro non se chegaron a realizar por careceren do número mínimo de persoas inscritas. A maiores desta oferta, as Escolas Oficiais de Idiomas e os Concellos pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística ofertan tamén cursos de galego; e cada ano increméntase o número de cursos CELGA en liña. Deste xeito, a Consellería mantén o seu compromiso coa promoción e impulso da lingua propia de Galicia, quedando desmentida calquera acusación de desaparición desta oferta formativa.