A Consellería de Cultura e Educación realiza o primeiro estudo en España sobre a inserción laboral dos egresados de másteres universitarios
A través deste estudo pioneiro, elaborado pola ACSUG, Galicia converterase de novo nunha referencia estatal, da mesma maneira que o foi na inserción laboral dos licenciados universitarios
O estudo, financiado pola Consellería, detectará o valor engadido dos posgraos na empregabilidade dos titulados universitarios
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, volve a ser un referente estatal en materia de investigación sobre a inserción laboral dos egresados universitarios, neste ocasión liderando e financiando o primeiro estudo do Estado español sobre a inserción laboral de quen cursaron másteres oficiais, que comezaron a impartirse no curso 2007/2008. A Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) – dependente da Consellería- está xa a traballar neste proxecto, cuxas conclusións está previsto presentar este mesmo ano.
Entre os obxectivos do estudo están detectar o valor engadido dos posgraos na empregabilidade dos titulados universitarios, servindo de base ás universidades para elaborar estratexias de mellora na planificación das súas titulacións na procura de aumentar a empregabilidade dos seus titulados; e á Xunta de Galicia, para fixar políticas educativas de formación e emprego. A información recollida no estudo permitirá ademais completar os datos sobre a incorporación ao mercado laboral da totalidade de egresados de grao e posgrao do Sistema Universitario de Galicia.
O estudo é froito da mutua colaboración establecida arredor da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), un consorcio entre á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e as tres universidades galegas, financiado integramente pola Xunta de Galicia. A ACSUG, que é desde o ano 2001 a única axencia das 11 existentes en España que ofrece os resultados da incorporación ao mundo laboral dos licenciados e graduados; volver ser referente cun estudo que será pioneiro na inserción laboral dos egresados dos másteres impartidos polas universidades españolas e mais concretamente polas tres universidades galegas.
Enquisas a case 3.000 titulados
As importantes achegas do estudo proveñen da gran cantidade de información que conteñen, pero, moi especialmente, a dos egresados sobre a titulación que cursaron e a imaxe deses estudos pola parte dos empregadores cos que contactaron. En concreto a ACSUG está a entrevistar a case 3.000 titulados que xa remataron os seus estudos nos 156 másteres que se impartiron nos cursos 2007-2008, 2008-2009 e 2009-2010. Tres anos despois do remate desta etapa de formación, este é un momento óptimo para recoller información sobre o valor engadido que os másteres supuxeron na incorporación ou mellora laboral e cál é a satisfacción dos titulados coa formación recibida.
Para levar a cabo este estudo, a Axencia asinou un convenio de tratamento de datos con cada unha das tres universidades para respectar a normativa en materia de informacións de carácter persoal. A ACSUG elaborou un cuestionario para a realización dunha enquisa que se fai individual e telefonicamente con cada un dos egresados. Tras a correspondente entrevista telefónica a máis do 95% dos titulados, un equipo de traballo, constituído por profesores universitarios especializados neste tipo de estudos, está a elaborar o correspondente estudo de conclusións, que será remitido ás tres universidades e á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para o seu coñecemento.