Cultura e Educación celebra o Día do Libro cun programa extraordinario de actividades nas bibliotecas nodais e na rede de museos dependentes da Consellería

Lun, 22/04/2013 - 20:30
Cultura e Educación celebra o Día do Libro cun programa extraordinario de activi
Cultura e Educación celebra o Día do Libro cun programa extraordinario de actividades nas bibliotecas nodais e na rede de museos dependentes da Consellería

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria celebra mañá o Día Internacional do Libro cun programa extraordinario de actividades nas bibliotecas nodais e na rede de museos dependentes da Consellería. Ademais, e co obxectivo de difundir a obra de Rosalía de Castro, distribuirase un marcapáxinas que conmemora o 150.º aniversario da obra Cantares Gallegos. A iniciativa, promovida pola Secretaría Xeral de Cultura coa colaboración da Federación de Librarías de Galicia, ten como obxectivo difundir entre a cidadanía a figura e a obra de Rosalía a través das librerías e tamén das bibliotecas nodais, coincidindo coa data do 23 de abril.

Con motivo desta efeméride, as bibliotecas nodais, situadas nas principais cidades galegas, tamén ofrecen unha diversa programación de actividades para todos os públicos. Na Coruña, os textos de Rosalía de Castro serán os protagonistas do espectáculo multidisciplinar que terá lugar no salón de actos da Biblioteca Pública González Garcés ás 20:30 horas, a cargo do Grupo Ouriol. Nel, a poeta Eva Veiga recitará versos de Rosalía acompañada pola música en directo de Fito Ares e Bernardo Martínez, xunto coas imaxes creadas para a actuación polo artista Alfonso Costa.

Propostas musicais, poéticas e audiovisuais

A produción audiovisual galega tamén contribuirá a celebrar o Día do Libro co ciclo de cinema ‘Martes de cine’, no marco do cal a biblioteca da Coruña proxectará o filme ‘Continental’. Outra das iniciativas coas que a González Garcés convida a festexar esta data é a actividade de bookcrossing, na que se propón unha liberación de libros dirixida a todos os públicos. Para os máis pequenos da casa e tamén para o público adulto, a biblioteca nodal de Lugo propón o 23 de abril un obradoiro a cargo de Cucarandainas baixo o título ‘Hoxe todos somos escritores, ilustradores e editores’, no que os participantes terán ocasión de realizar un libro para a biblioteca.

Visitas guiadas e sorteos de lotes de libros

Na capital de Galicia, a Biblioteca Pública Ánxel Casal organizará mañá visitas guiadas extraordinarias, ás 12:00 e ás 18:00 horas, para que as persoas interesadas poidan coñecer todos os espazos e servizos que ofrece o centro. Con este mesmo obxectivo, a biblioteca tamén estará presente os días 22, 23 e 24 de abril no Centro Comercial As Cancelas, onde ofrecerán unha mostra representativa dos seus fondos. Entre todos aqueles que leven un libro en préstamo o día 23 de abril, a Ánxel Casal sorteará un lote de libros e, ademais, repartirá 20 bolsas sorpresas para levar en préstamo, con títulos vinculados con diferentes temáticas.  

Actividades tamén nos museos

Os museos tamén contribuirán a celebrar o Día Internacional do Libro. Concretamente, as bibliotecas do Museo das Peregrinacións e de Santiago, o Centro Galego de Arte Contemporánea, o Museo Etnolóxico de Ribadavia (Ourense) e o Museo de Belas Artes da Coruña, dependentes da Consellería, celebrarán esta efeméride a través dunha iniciativa de bookcrossing, promovida por quinto ano consecutivo polo centro museo ARTIUM de Vitoria-Gasteiz.

Actuacións prioritarias no sector editorial e libreiro

No marco desta liña de planificación da actividade arredor do libro e da lectura, a Secretaría Xeral de Cultura vai levar a cabo, de acordo con todas as partes implicadas do sector, a elaboración do Plan Director do Libro, un documento que actualice as prioridades no tocante ao afianzamento do sector editorial e libreiro, e a súa proxección internacional.