Cultura e Educación e mais a Universidade de Vigo colaborarán un ano máis na promoción da lingua galega no ámbito da educación superior

O conselleiro Xesús Vázquez e mais o reitor Salustiano Mato asinaron hoxe un convenio que incidirá na formación, no asesoramento e na elaboración de materiais que incidan nun incremento da docencia e da investigación en galego

Ven, 19/04/2013 - 13:28
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Ab
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asinou un convenio de colaboración coa Universidade de Vigo

Xesús Vázquez Abad, conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e mais Salustiano Mato de la Iglesia, reitor da Universidade de Vigo, asinaron hoxe un convenio de colaboración entre as dúas entidades que representan co fin de darlles continuidade as accións a prol do galego que se veñen desenvolvendo nos últimos anos na institución viguesa. Estas accións están orientadas a posibilitar un incremento da docencia e da investigación en galego mediante a formación, o asesoramento lingüístico, a elaboración de materiais didácticos ou a dinamización do galego.

No acto, que tivo lugar nas dependencias administrativas da Xunta de Galicia en San Caetano, tamén estivo presente o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez. E mais o vicerreitor de Economía e Planificación da UVigo, José Manuel García.

Actuacións conxuntas

Ao abeiro do convenio de colaboración asinado hoxe, a Universidade de Vigo recibirá o apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Educación para levar adiante diversas accións formativas dirixidas a toda a comunidade educativa: profesorado, alumnado e persoal de administración e servizos. Estas accións inclúen cursos de redacción de traballos de investigación, de elaboración de unidades didácticas, de reciclaxe en lingua galega ou de lexislación lingüística, entre outros.

O convenio inclúe tamén a elaboración de material científico-didáctico para as aulas en galego, o asesoramento e as axudas para a redacción en galego dos traballos de investigación, a convocatoria de premios literarios, a edición de materiais promocionais ou o mantemento da Cátedra Ramiro Illa Couto, que realiza actividades de promoción do galego no exterior.

Dinamizar o galego desde as universidades

A Consellería de Cultura e Educación mantén tamén convenios de colaboración coas outras dúas universidades galegas, co fin de incrementar o uso da nosa lingua no espazo da educación superior e nas actividades que lle son propias, coma a docencia e a investigación. Deste xeito, segue as directrices do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega que o Parlamento de Galicia (PXNLG) aprobou por unanimidade en 2004.

Ademais destes convenios anuais, a Xunta de Galicia participa canda as tres universidades da Comunidade Autónoma -por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Secretaría Xeral de Universidades- na Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística, creada no ano 2009 co fin de darlle cumprimento puntual á proposta do devandito PXNLG para o ámbito do ensino de creación dunha “comisión estable” que asumise a planificación e a coordinación da política universitaria en Galicia previndo a participación nela das tres universidades e mais da Administración autonómica.