A fotografía e os xogos tradicionais póñenlle o peche de ouro ao V Seminario de Dinamización Lingüística no Ensino

A última sesión desta iniciativa que organiza Política Lingüística presenta en Santiago de Compostela dous proxectos pioneiros no fomento do uso do galego desde o ámbito educativo

Mar, 18/05/2010 - 16:02
Exposición fotográfica no V Seminario de Dinamización Lingüística no Ensino

O Seminario de Dinamización Lingüística no Ensino, que organiza a Secretaría Xeral de Política Lingüística, remata hoxe pola tarde a programación da súa quinta edición na cidade de Santiago de Compostela, onde se presentarán dúas experiencias pioneiras no fomento do uso do galego desde o ámbito educativo. Trátase do proxecto A aldea global: Galicia é máis Galicia cando é todos os mundos, unha iniciativa do IES Menéndez Pidal que se centra nunha exposición fotográfica, e mais de Brinquedos, un proxecto do CEIP Mosteiro de Caaveiro que se basea nos xogos tradicionais.

Tomando como fío condutor unha exposición fotográfica, o equipo de normalización e dinamización lingüística do IES Menéndez Pidal da Coruña vertebra arredor de 23 imaxes un conxunto de actividades, para o que aproveita os recursos do centro e mais da contorna e emprega unha metodoloxía innovadora.

A exposición do artista galego Raúl Vázquez, conformada por fotografías en formato 120 x 80, recrea tópicos creados desde o respecto e o sarcasmo e desde a propia noción do individual ao colectivo. A exposición está acompañada dun panel no que aparecen preguntas sobre o tema que se trata en cada unha das imaxes.

A promoción do galego a través dos xogos tradicionais: o proxecto Brinquedos

Desde a súa formación, en 1979, o CEIP Mosteiro de Caaveiro, do concello da Capela, na Coruña, foi incorporando progresivamente a presenza do xogo tradicional á vida do centro e facendo del, e mais da lingua galega, un dos eixes fundamentais da súa actividade.

Dentro deste marco de aposta polo xogo tradicional, o centro educativo artellou, en 2003, Brinquedos, un proxecto a través do que desenvolven numerosas iniciativas, entre elas o Museo do Xoguete Brinco ou o Centro de Interpretación de Xogos Tradicionais Brinquedos. Este último vén sendo un parque de xogos tradicionais, distribuído nos espazos exteriores da escola, no que se poden practicar máis de vinte xogos diferentes. Cada xogo ten a súa zona delimitada e pintada no chan e nas paredes dispóñense un paneis de información nos que se indica como se xoga no centro a cada un destes xogos.

O CEIP Mosteiro de Caaveiro comparte a súa oferta lúdica con outros centros educativos, xa que un dos obxectivos fundamentais do Centro de Interpretación de Xogos Tradicionais é precisamente a de potenciar a convivencia con outros centros escolares. Por iso, a principio de curso envíanlles un correo no que os convidan a xogar no seu centro, acompañado dunha unidade didáctica para traballar antes, durante e despois da visita.

Novas tecnoloxías e proxectos pioneiros

Este ano, o V Seminario de Dinamización Lingüística no Ensino –que pretende contribuír á do profesorado, en xeral, e aos membros e coordinadores dos equipos de dinamización e normalización lingüística, en particular– centrou a súa programación nas vantaxes das TIC para fomentar o uso do galego nos centros educativos. Outro dos obxectivos deste seminario foi a divulgación de experiencias pioneiras en dinamización lingüística que se están a desenvolver nos centros de ensino galegos.

Desde o pasado 20 de abril, esta iniciativa que organiza a Secretaría Xeral de Política Lingüística levou a súa programación ás cidades de Santiago de Compostela, A Coruña, Vigo, Ferrol, Pontevedra, Ourense e Lugo.

Menús News node R