Cultura e Educación e a Fundación Eduardo Pondal colaborarán na dinamización da lingua galega e no estudo e preservación da obra pondaliana

O obxectivo deste acordo é achegar unha oferta cultural de calidade e para todos os públicos programada arredor da vida e obra do poeta

As dez actividades marco levaranse a cabo de acordo co indicado nas normas do idioma galego e serán difundidas a través dos medios propios da consellería

Lun, 25/03/2013 - 14:29
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria asinou un conveni
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria asinou un convenio de colaboración coa Fundación Eduardo Pondal

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e o presidente da Fundación Eduardo Pondal, José Luís Fondo Aguiar, asinaron hoxe un acordo de colaboración polo que a consellería –a través das secretarias xerais de Cultura e Política Lingüística–e a propia fundación promoverán a realización de actividades de dinamización da lingua e a cultura galega, así como o estudo e preservación da obra do gran poeta pontecesán. Ao acto de sinatura asistiron, ademais, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; e María José Imia, padroeira da fundación.

Dinamización cultural local

No marco deste acordo levaranse a cabo –sempre en lingua galega–numerosas actividades culturais que dinamizarán as comarcas de Bergantiños e da Costa da Morte. Como é o caso das ‘Covas Célticas’, uns faladoiros-café nos que se abordarán diversos temas de interese. Tamén organizarase a actividade ‘Non des a esquecemento’, na que se realizarán mesas redondas e gravacións de interese etnográfico; o ‘II Certame de Pintura Álvarez de Sotomayor’; ou as conmemoracións do nacemento e falecemento de Pondal.

Doutra banda, este acordo tamén inclúe unha oferta eminentemente educativa e formativa como o ‘Festiletras’, un amplo programa de actividades arredor do Día das Letras Galegas; a Aula pondaliana de declamación; ou a Escola de verán, un proxecto que procura o achegamento ao idioma mediante actividades como a música, a danza ou encontros con escritores. Ademais, realizarase un Simposio Pondaliano, que consiste nunha acción formativa centrada nos temas pondalianos ofertada ao profesorado da Costa da Morte; a Formación de monitores en lingua galega; ou a propia Universidade Pondaliana Sénior.

Todas as actividades que se realicen ao abeiro deste acordo se deberán levar a cabo de acordo co indicado nas vixentes normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego, aprobadas pola Real Academia Galega no ano 2003. Así mesmo, coidarase especialmente do respecto rigoroso da toponimia oficial.

É importante recordar que a Fundación Eduardo Pondal foi merecente, entre outros, do Premio Cultura Galega ás Iniciativas en prol do Patrimonio Cultural, pola súa programación participativa arredor das letras galegas, desenvolvida coa implicación de entidades, axentes culturais e veciños da terra natal do vate de Ponteceso.