Cultura e Educación continúa en Arteixo a xira do Quebranoces do Centro Coreográfico Galego cunha función na que participan alumnas de danza da localidade

Un total de 16 nenas da escola Cinderella foron seleccionadas para a representación que terá lugar mañá no Auditorio Municipal, onde actuarán xunto aos bailaríns profesionais da compañía pública e outros 26 estudantes da Coruña e Vilagarcía

Mercedes Suárez dirixe e coordina a produción desta versión do coñecido ballet de Tchaikovski e Petipa, coa colaboración de centros de danza de toda Galicia

A montaxe exhibe elementos icónicos do imaxinario popular galego na súa escenografía e vestiario, ao tempo que mantén o respecto polos canons interpretativos orixinais

Xov, 17/01/2013 - 11:07
Cultura e Educación continúa en Arteixo a xira do Quebranoces do Centro Coreográ
Cultura e Educación continúa en Arteixo a xira do Quebranoces do Centro Coreográfico Galego cunha función na que participan alumnas de danza da localidade

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria presenta mañá venres ás 20.30 horas no Auditorio Municipal de Arteixo o espectáculo Quebranoces, versión do famoso ballet de Tchaikovski e Petipa que o Centro Coreográfico Galego (CCG) está a poñer en escena en colaboración con centros de danza e orquestras de toda Galicia.

En concreto, para a función de mañá foron seleccionadas 16 nenas de entre 6 e 11 anos de idade da Escola de Ballet Cinderella de Arteixo, que acuarán xunto ao elenco profesional da compañía pública e outros 26 alumnos do Conservatorio Profesional de Danza da Deputación da Coruña e da escola Perla de Arousa de Vilagarcía.

A responsable do CCG, Mercedes Suárez, dirixe esta primeira produción de ballet clásico da unidade de danza da Xunta de Galicia a partir da composición orixinal de Tchaikovski e a coreografía de Petipa. O elenco interpretativo está encabezado por cinco bailaríns profesionais –Ástrid Molinero, Ariel A. Caramés, Miguel A. Ponte, Ailen Ramos e María Amparo Alemany–,que dan vida os case que 20 personaxes deste conto de fadas e que recrean as pezas máis recoñecibles deste ballet, desde a Danza rusa ata o Vals das flores ou a Danza da Fada de Azucre. Pola súa banda, os alumnos das escolas participantes interpretan os anxos, os ratos, os soldados e os nenos do Petit Galop, entre outros personaxes.

120 aniversario

Coincidindo coa celebración do 120 aniversario da estrea en San Petersburgo deste ballet, no que Tchaikovski puxo música á adaptación asinada por Alexandre Dumas a partir do conto O Quebranoces e o rei dos ratos de Hoffmann, o CCG ofrece unha versión deste ballet, un clásico de Nadal nos escenarios de todo o mundo, que respecta rigorosamente os canons interpretativos da composición e coreografía orixinais.

Porén, na posta en escena deste Quebranoces o espectador recoñecerá símbolos e trazos do imaxinario popular galego. Así, entre outros elementos, destaca unha escenografía que recrea as galerías brancas da Mariña coruñesa, o vestiario inspirado nas míticas figuras de Sargadelos e a indumentaria do exército de soldados que recorda algúns dos máis famosos personaxes do Entroido ourensán.

Coa representación do Quebranoces, que foi estreado o pasado 22 de decembro en Vilagarcía e do que inicialmente se ofrecerán un total de 14 funcións en oito escenarios, o Centro Coreográfico Galego culmina un longo proceso aberto e participativo que deu comezo hai un ano coas audicións aos alumnos dos 18 conservatorios e escolas de danza que colaboran no proxecto. Xunto co equipo artístico e técnico do CCG, máis de 500 persoas están implicadas nesta produción, para a que se realizaron diferentes grupos e quendas cos estudantes seleccionados cara á súa intervención nas funcións que se celebren nas localidades máis próximas ás súas de orixe.

Trala función de Arteixo, o Coreográfico continuará a xira desta produción –aberta a futuras incorporacións artísticas– en Vigo (Auditorio Mar de Vigo, día 26), A Coruña (Pazo da Ópera, do 6 ao 9 de febreiro) e Cangas (Auditorio Municipal, 16 de febreiro).

Dezaoito escolas colaboradoras

Xunto cos devanditos centros de Arteixo, A Coruña e Vilagacía, no proxecto participan alumnos doutros 15 centros en diferentes localidades: A Coruña (Escola de Danza Carmen), Ames (Escola de Danza Náyade),Cangas (Escola de Danza Maite Quiñones), Ferrol (escolas Jesús Quiroga-Asociación Mundo Danza e Matilde Pedreira), Lugo (Conservatorio Profesional de Danza), Oleiros (Escola de Danza A Fábrica), Pontevedra (escolas de danza Deborah e Vaganova), Sada (Escola de Danza Pilar Rey), Santiago de Compostela (Ballet Estudio e Escola de Danza San Clemente) e Vigo (escolas de danza Esperanza Arrondo, Hannelore e Susana Castro).

Cóntase, asemade, coa colaboración da Orquestra Sinfónica de Galicia e da Orquestra Sinfónica Cidade de Pontevedra e o Coro Infantil do Conservatorio de Música pontevedrés para a execución da música en directo nas funcións que terán lugar na Coruña e na que se celebrou xa en Pontevedra, respectivamente.

No equipo artístico destacan tamén as achegas profesionais de nomes como María Villas, responsable dos deseños de escenografía e vestiario; Martín Camiña, autor dos efectos de maxia; e Roberto Collantes e Isi Seoane na construción dos bonecos, entre outros.