Xaime Subiela gaña a XII edición do Premio Ramón Piñeiro de ensaio, promovido por Cultura e Educación, pola obra “Para que nos serve galiza?”

O politólogo, consultor e investigador Xaime Subiela é experto en planificación da lingua e na aplicación de políticas lingüísticas no ámbito local

O galardón promóveno anualmente o departamento dirixido polo conselleiro Xesús Vázquez Abad e a Editorial Galaxia, coa colaboración de Gas Natural Fenosa

Ven, 21/12/2012 - 14:03
Valentín García deu a coñecer o nome da peza gañadora do Premio Ramón Piñeiro de
Valentín García deu a coñecer o nome da peza gañadora do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2012

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada no secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, deu a coñecer este mediodía a obra gañadora do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2012, que nesta duodécima edición recaeu na obra Para que nos serve Galiza?, da autoría do chantadino Xaime Subiela Pérez.

Na rolda de prensa que tivo lugar tras a xuntanza do xurado, o secretario xeral estivo acompañado polo director da Editorial Galaxia, Víctor Freixanes; pola representante de Gas Natural Fenosa, Amalia Baltar Estévez; e mais por Carlos Lema, como representante do xurado. García Gómez destacou a importancia dos premios Ramón Piñeiro de ensaio e congratulouse  “por seguir dándolle continuidade a un proxecto que iniciou hai xa máis de medio século o excelso galeguista que lle dá nome ao Premio, ao incluír a daquela vilipendiada lingua galega no discurso universal do pensamento humano máis elaborado e transformador.”

O premio, convocado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística –a través do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades– e mais pola Editorial Galaxia, coa colaboración de Gas Natural Fenosa, está dotado con 3.000 € e mais a publicación da obra.

Unha visión optimista de futuro

O xurado do XII Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2012 valorou de xeito especial a modernidade da análise da situación actual de Galiza e o novidoso da formulación dos retos da sociedade galega de hoxe.

Para que nos serve Galiza? constrúese en torno á idea de buscar alternativas colectivas conciliadoras arredor do concepto integrador de nación; cunha visión optimista de futuro.

O xurado, formado por Luís Alonso Girgado, Miguel Barros Puente, Encarna Otero Cepeda, Carme Vidal Lage e Carlos Lema, concedeu o premio por maioría e salientou a calidade dos sete orixinais presentados, así como a variedade de temas abordados neles.

Investigador experto na planificación lingüística no eido local

O investigador social e analista político Xaime Subiela é unha persoa de traxectoria destacada no ámbito da política lingüística e da planificación da lingua galega, nomeadamente na súa aplicación no ámbito local. Foi director técnico dos plans de normalización dos concellos de Ferrol e Santiago de Compostela (2001-2003) e director da investigación do Informe de Política Lingüística e Normalización en Galicia do Consello da Cultura Galega (2000-2002).

Impartiu materias e seminarios en diversos mestrados relacionados coa planificación pública -entre eles no Mestrado Interuniversitario en Política Lingüística e Planificación da Lingua Galega organizado conxuntamente polas tres universidades galegas no ano 2008– e coa participación cidadá.

É tamén relator en diversos congresos do ámbito lingüístico e cultural, campos nos que conta con numerosas publicacións de referencia, e colaborador habitual da Radio Galega e da revista Tempos Novos, na que coordinou o Informe Galicia 2010. Neste informe podemos atopar un dos seus artigos máis coñecidos, “O idioma galego; alarmas e esperanzas”.

Unha homenaxe ao galeguista Ramón Piñeiro

O Premio Ramón Piñeiro de Ensaio naceu no ano 2000 en memoria do escritor, filósofo e galeguista Ramón Piñeiro e acóllese ao espírito que inspirou a súa traxectoria intelectual, coa intención de impulsar as formas de creación e expresión do pensamento libre e democrático, a precisión e o estilo da lingua galega e mais o debate e a reflexión arredor dos temas varios do noso tempo.

Menús News node R